Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Mércores, 08 de xullo de 1998 Páx. 7.695

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 203/1998, do 25 de xuño, polo que se regulan as declaracións de festas de Galicia de interese turístico.

O espírito festivo ateiga moitos ámbitos da nosa cultura popular. Tanto nos seus aspectos máis tradicionais coma noutros máis recentes que, segundo a calidade dos eventos celebrativos, poden merecer apoio e incentivación.

A festa como fenómeno colectivo vertebrador de vencellos sociais que entrelazan xentes ó redor do celebrativo e do lúdico é unha mostra estimable da sensibilidade e da vitalidade dun pobo. Cando diso se deriva un polo de atracción de afluencia de visitantes que se despraza por mor da singularidade e antigüidade, arraigamento e valor cultural dunha festa, estamos ante un recurso turístico que a Administración competente na materia debe atender e valorar.

Así pois, no artigo 72 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, como factor de acreditación dunha festa e, concretamente, como instrumento de estímulo promocional, recóllese a posibilidade de que a Xunta de Galicia poida instituíla e declarala como de interese turístico. Nembargantes, isto só na medida en que os seus elementos a configuren como evento importante dentro do atractivo turístico de Galicia, de xeito que este regulamento vén a desenvolve-la previsión legal concretando os requisitos legais de antigüidade, singularidade e arraigamento, requisitos que serán valorados ademais, en función doutros criterios como a dotación dos suficientes equipamentos e infraestructura básica, o adecuado coidado das contornas urbanas, monumentais e paisaxísticas, a afluencia de visitantes, e a calidade dos actos que configuran a celebración.

Ademais do anteriormente indicado detállase o procedemento de declaración, as súas consecuencias administrativas, promocionais e de fomento e a posibilidade de revogación daquela como garantía da permanencia da calidade dos eventos beneficiados.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e no uso das atribucións que me confiren a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Cosello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Declaración de festas de Galicia de interese turístico.

A Xunta de Galicia poderá instituír e declarar festas de Galicia de interese turístico aquelas mani

festacións ou acontecementos de carácter festivo que, celebrados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, supoñan unha valoración da cultura e das tradicións populares e teñan unha especial importancia como atractivo turístico.

Artigo 2º.-Requisitos.

A declaración de festas de Galicia de interese turístico efectuarase en función do cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Antigüidade: as manifestacións ou acontecementos de carácter festivo a que se refiran as peticións deberán ter no momento da solicitude unha antigüidade mínima de 10 anos. As súas celebracións efectuaranse periodicamente e en datas facilmente determinables.

A antigüidade mínima poderá ser dispensada cando unha valoración conxunta dos requisitos e criterios recollidos na presente regulamentación así o aconsellen.

b) Singularidade: as festas de que se trate deberán conter aspectos orixinais e de calidade que as singularicen respecto a outras similares que poidan ter lugar noutras localidades.

c) Arraigamento: elementos esenciais da celebración serán o arraigamento popular no ámbito territorial correspondente e o carácter participativo da poboación, excluíndose aquelas festas orixinadas por simples intereses particulares.

d) Valor cultural: as celebracións dos eventos de que se trate xirarán en todo caso, arredor da manifestacións de interese cultural: artísticas, relixiosas, gastronómicas, deportivas ou de calquera outro tipo.

Artigo 3º.-Iniciación do procedemento.

Os procedementos de declaración de festas de Galicia de interese turístico iniciaranse por solicitude da persoa ou entidades interesadas ou de oficio por acordo da consellería competente en materia de turismo.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. Poderán solicita-la declaración de festas de Galicia de interese turístico, os concellos do lugar onde se celebren as festas, as asociacións ou organizacións relacionadas co sector turístico, calquera entidade pública ou privada e os particulares interesados.

2. As solicitudes, dirixidas ó centro directivo correspondente da consellería competente en materia de turismo, poderán presentarse nos rexistros das delegacións provinciais desa consellería ou nos demais órganos e oficinas que corresponda, de conformidade co establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Ás solicitudes de declaración de festa de Galicia de interese turístico deberáselles achega-la seguinte documentación:

a) Memoria explicativa, que xustifique o cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 2, e na que, co contido e amplitude que os solicitantes estimen oportuno, se deberá expresar, en todo caso:

-A data ou época de orixe da festa e a historia resumida de súa institución e desenvolvemento.

-A data da celebración.

-Unha descrición detallada dos actos que compoñen a festa na actualidade.

-A afluencia de visitantes.

-A existencia na localidade na que se celebre ou nas localidades próximas das infraestructuras e equipamentos suficientes para a celebración e a recepción de visitantes.

-A realización polas entidades organizadoras de accións promocionais suficientes para a atracción de correntes turísticas.

b) Fotografías, carteis, programas, folletos, libros, referencias bibliográficas, material audiovisual e, en xeral, canta información gráfica se considere oportuna para apoia-la petición.

c) Acordo do Pleno do Concello no que radique a festa ou acontecemento ou do órgano municipal que teña asignada esta atribución.

d) Cando a solicitude a curse directamente o concello, deberanse describi-las accións deste para o mantemento, dignificación e promoción da festa.

Artigo 5º.-Tramitación do procedemento.

1. Recibidas as solicitudes e a documentación completa, a correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de turismo iniciará o expediente de declaración e elevarallo co seu informe ó correspondente centro directivo.

2. As solicitudes serán examinadas no devandito centro directivo por unha comisión de valoración que procederá á súa valoración en función dos seguintes criterios:

a) Cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 2 deste decreto. En particular, teranse en conta aquelas manifestacións ou acontecementos que fagan revivir costumes e tradicións populares.

b) Dotación dos suficientes equipamentos e infraestructuras básicas e turísticas da localidade ou áreas xeográficas próximas onde teña lugar a celebración.

c) Adecuado coidado das contornas urbanas, monumentais ou paisaxísticas onde se desenvolva, segundo a súa natureza.

d) Afluencia de visitantes.

e) Calidade dos actos que configuren a celebración.

f) Creatividade.

g) Calquera outro aspecto que se derive da presente regulamentación.

3. Para facilita-la súa valoración, e para o caso de que a documentación presentada non xustifique suficientemente o cumprimento dos requisitos e condicións esixidos nesta disposición, a comisión poderalles requirir ós solicitantes que aclaren ou completen nalgún extremo a devandita documentación.

Así mesmo, a comisión poderalles solicitar informes a expertos relacionados co sector turístico e de personalidades de recoñecido prestixio.

4. Instruídos os procedementos e inmediatamente antes de redacta-la proposta de resolución, cumprirase trámite de audiencia a favor dos interesados e, en todo caso, do concello correspondente, conforme o establecido no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. A Comisión de Valoración, no prazo de 3 meses desde a recepción das solicitudes, trasladaralle a proposta de resolución á consellería competente en materia de turismo que lla elevará ó Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 6º.-Composición da comisión de valoración.

A comisión de valoración do centro directivo competente en materia de turismo estará composta polos seguintes membros:

-Presidente: o titular do citado centro directivo.

-Vocais: o correspondente delegado provincial da consellería competente en materia de turismo

Os subdirectores xerais do devandito centro directivo.

Os xefes dos servicios con competencias en materia de ordenación, fomento, formación e cooperación institucional turística.

Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

-Secretario: un funcionario do centro directivo competente en materia de turismo designado polo seu titular.

Artigo 7º.-Resolución.

1. A declaración de festa de Galicia de interese turístico efectuarase mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e notificaráselles ás persoas ou entidades organizadoras da festa e ó concello correspondente.

2. O prazo para resolve-los expedientes de declaración é de seis meses desde a súa incoación. Se a incoación se efectuou por instancia de parte, a falta de resolución expresa dentro dese prazo terá efectos desestimatorios da solicitude de declaración.

Artigo 8º. Revogación das declaracións.

1. As declaracións de festas de Galicia de interese turístico terán carácter indefinido. Non obstante, o Consello da Xunta de Galicia poderá revoga-las devanditas declaracións se deixasen de concorre-las características e circunstancias nas cales se baseou o outorgamento.

2. No procedemento de revogación deberá consta-lo informe do centro directivo competente en materia de turismo e do concello correspondente, debéndoselles dar audiencia ós interesados.

Artigo 9º.-Inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A declaración de festa de Galicia de interese turístico comportará a súa inscrición automática no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comuniade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Axudas e subvencións.

Para recibi-las axudas e subvencións que para este tipo de acontecementos puidese establece-la Xunta de Galicia, valorarase a súa declaración como festa de Galicia de interese turístico.

Artigo 11º.-Promoción turística.

A declaración dunha festa de Galicia como de interese turístico levará consigo a súa inclusión no Plan Galego de Promoción do Turismo a que fai referencia a Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Son festas de Galicia de interese turístico as declaradas pola Administración turística estatal como de interese turístico nacional e local.

Segunda.-As solicitudes que se teñan formulado na data de entrada en vigor deste decreto para a declaración de festas de interese turístico nacional, tramitaranse tamén para o outorgamento da declaración de festas de Galicia de interese turístico.

Disposicións derradeiras

Primeria.-Autorízase o conselleiro competente en materia de turismo para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

6227