Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Mércores, 08 de xullo de 1998 Páx. 7.698

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 23 de xuño de 1998 pola que se clasifica como de interese cultural a fundación Fundaçom Artabria.

Visto o expediente de clasificación da fundación Fundaçom Artabria, con domicilio en Ferrol.

Supostos de feito.

1. Mauricio Castro López, na súa calidade de presidente do padroado da fundación, en escrito do 21 de maio de 1998, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Narón o día 6 de maio de 1998, ante o notario Luis C. Landeiro Aller, co número mil once do seu protocolo, por Mauricio Castro López, Gonçalo Grandal Crespo, J. Francisco Paz López, Mónica Padín Díaz, Alexandre Pérez Fernández, Carmen Fernández García, María del Pilar Patiño Peña, Guadalupe María Lourdes Ces Rioboo, María del Pilar Ces Rioboo, J. Enrique Núñez Barreiro, Federico Armenteros Ávila, Jesús Roberto Fernández Albela e Paula Fojo Lamas, que interveñen no seu propio nome.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos o obxecto da fundación é entre outros, a promoción e defensa da lingua galega, para súa plena normalización comezando polas relacións dentro da propia fundación e en tódalas actividades por ela desenvolvidas.

4. O padroado da fundación estará constituído por Mauricio Castro López como presidente, Gonçalo Grandal Crespo como vicepresidente, Mónica Padín Díaz como secretaria, J. Francisco Paz López como tesoureiro e Alexandre Pérez Fernández, Carmen Fernández García, María del Pilar Patiño Peña, Guadalupe María Lourdes Ces Rioboo, J. Enrique Núñez Barreiro, Federico Armenteros Ávila, Jesús Roberto Fernández Albela, Paula Fojo Lamas e Pilar Ces Rioboo como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da fundación Fundaçom Artabria, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa ads

crición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 22 de xuño de 1998.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril), a Lei 7/1983, do 22 de xuño e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación. Na súa virtude

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a fundación Fundaçom Artabria e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

6459