Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Mércores, 08 de xullo de 1998 Páx. 7.694

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 202/1998, do 25 de xuño, polo que se crean os Premios Galicia de Investigación.

Os Premios Galicia de Investigación teñen os seus antecedentes no Decreto 175/1985, do 4 de xullo (DOG do 4 de setembro) no que se instituía o Premio Xunta de Galicia á Investigación e á Creación Cultural, por proposta da Consellería de Educación e Cultura. A entidade específica dos premios de investigación e de creación cultural determinou a convocatoria separada dos ditos premios, de acordo cos decretos 183/1990, do 1 de marzo (DOG do 8 de marzo), e 317/1990, do 31 de maio (DOG do 19 de xuño) que establecían as estructuras orgánicas das consellerías de Cultura e Xuventude, e de Educación e Ordenación Universitaria, respectivamente.

Os decretos 350/1997 e 351/1997, do 10 de decembro (DOG do 11 de decembro), nos que se crea, entre outros, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento como centro directivo dependente da Presidencia da Xunta e se establece a estructura orgánica dos departamentos da Xunta, así como o Decreto 12/1998, do 8 de xaneiro (DOG do 20 de xaneiro), que establece a estructura orgánica da mencionada secretaría xeral definen un novo marco ó que se ten que adapta-la convocatoria dos premios de investigación.

Os premios de investigación teñen entre as súas misións recompensa-lo traballo de investigadores prestixiosos, realizado a prol de Galicia, estimula-los investigadores mozos e favorece-lo recoñecemento social do seu labor e o do papel da investigación como promotora do desenvolvemento a través da innovación empresarial.

Tendo en conta esta perspectiva e a experiencia de anos anteriores, parece conveniente revisa-las características dos premios de investigación para unha maior racionalización deles e para incrementa-la súa relevancia social, incorporando ademais un estímulo á innovación como expresión da rendibilidade socioeconómica dos procesos de investigación de desenvolvemento.

Por iso, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Institúense os Premios Galicia de Investigación, patrocinados pola Xunta de Galicia, como recompensa, expresión do recoñecemento social e estímulo ó labor investigador nas súas distintas proxeccións.

Artigo 2º

Os Premios Galicia de Investigación outorgaranse en catro grandes áreas, coas seguintes denominacións:

Premio Eugenio Montero Ríos de Investigación Social.

Premio Antonio Casares e Rodrigo de Investigación Científico-Técnica.

Premio Antonio López Ferreiro de Investigación Humanística.

Premio José Varela de Montes de Investigación Sanitaria.

Artigo 3º

Cada un dos premios establecidos no artigo anterior levará anexa unha dotación económica igual, coa contía que se fixará na orde de convocatoria, dará dereito ademais a un diploma acreditativo e a un medallón esculpido en bronce, coa efixie e o nome do personaxe do premio no anverso e coa inscrición Premio Galicia de Investigación...(área),... (ano)..., Xunta de Galicia e o nome do premiado no reverso.

Artigo 4º

Os premios establecidos no artigo 2º terán unha periodicidade de catro anos e convocaranse cada ano, na orde indicada, empezando polo de Investigación Social.

Artigo 5º

Poderán optar ós Premios Galicia de Investigación:

a) Os investigadores adscritos a centros públicos ou privados de investigación situados en Galicia, que veñan realizando investigación neles desde, polo menos, quince anos antes, nalgunha das áreas dos premios convocados.

b) Os investigadores galegos que, sen estaren vinculados a centros situados en Galicia, veñan realizando investigación nalgunha das áreas dos premios desde, polo menos, quince anos antes.

c) Os investigadores que, non estando incluídos en ningunha das alíneas anteriores, veñan realizando investigación nalgunha das áreas dos premios desde, polo menos, quince anos antes e nas súas investigacións abordasen temas directamente relacionados con Galicia.

Artigo 6º

Os Premios de Investigación referidos no artigo 2º serán adxudicados mediante proposta de xurados específicos, tendo en conta a relevancia das achegas realizadas na área polos candidatos presentados. A composición de cada xurado será establecida na orde de convocatoria e entre os seus membros figurarán personalidades de prestixio na área. As universidades e reais academais galegas poderán facer propostas de membros para os xurados.

Artigo 7º

Cada un dos premios anteriores irá acompañado dun Premio Galicia de Investigación (...área...) para Investigadores Mozos, que dará dereito a un diploma acreditativo e a unha dotación económica que se fixará na orde de convocatoria. Poderán concorrer a eles os investigadores que cumpran algunha das condicións establecidas no artigo 5º deste decreto, sempre que non transcorresen máis de seis anos desde a presentación da súa tese de doutoramento. Cada premio, que terá unha periodicidade de catro anos, será outorgado por proposta do correspondente xurado, en atención ó esforzo e á creatividade dos candidatos presentados.

Artigo 8º

Créase o Premio Galicia á Innovación Empresarial, consistente nun diploma acreditativo e unha placa conmemorativa. O premio está destinado a recoñecer e estimula-lo esforzo innovador por parte das pequenas e medianas empresas (PEMEs) galegas. Ó premio, que terá periodicidade anual, poderán concorrer as PEMEs galegas que non o recibisen nos últimos catro anos e será outorgado por proposta dun xurado designado na orde de convocatoria e do que poderán formar parte representantes da Confederación de Empresarios de Galicia.

Artigo 9º

Os Premios Galicia serán convocados por orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, por proposta da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. A orde de convocatoria, ademais da contía económica dos premios e a composición dos xurados, establecerá os demais aspectos do procedemento para a súa adxudicación.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións anteriores de igual ou inferior categoría en relación cos Premios de Investigación Xunta de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

6316