Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 03 de xullo de 1998 Páx. 7.558

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 14 de maio de 1998 pola que se convocan prazas de colaboradores-bolseiros para residencias xuvenís dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

O Estatuto de autonomía atribúelle á Comunidade Autónoma galega no seu artigo 27.23º a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais da Comunidade Autónoma de Galicia, recolle a posibilidade de outorgar axudas económicas a persoas físicas, de acordo cos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade esixidos polos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Por outra banda, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude dispón dunha serie de instalacións xuvenís entre as que figuran as residencias xuvenís, que, ademais do aloxamento e manutención, lles ofrecen ós mozos

estudiantes residentes unha serie de servicios e actividades convivenciais e educativos complementarios.

Coa realización da presente convocatoria preténdese favorece-lo acceso ó ensino universitario dos estudiantes con escasos recursos, e ó mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial as residencias xuvenís que se relacionan nesta orde. Por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1º:

Convoca-la presente oferta de prazas de colaboradores-bolseiros nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o curso académico 1998/1999.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias é a seguinte:

ResidenciaPrazasH/M

Eijo Garay (Lugo)5H

Hermanos Pedrosa (Lugo)4M

F.L. Cuevillas (Orense)5H/M

Altamar (Vigo)5H/M

Artigo 2º.-Requisitos dos solicitantes.

Son requisitos para participar na convocatoria os seguintes:

a) Ser español/a.

b) Ter unha idade mínima de 18 anos, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

c) Estar cursando estudios universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo, nunha facultade ou escola universitaria.

d) Non ter perdido con anterioridade a condición de colaborador bolseiro por causa imputable ó solicitante.

e) Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade no centro.

Artigo 3º.-Solicitude.

3.1. A solicitude efectuarase utilizando o impreso que figura no anexo I. O interesado poderá efectuar unha única solicitude, na que poderá optar por un centro.

3.2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

-Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.

-Fotocopia compulsada das páxinas do libro de familia onde figuren os membros da unidade familiar,

ou fotocopia compulsada do título de familia numerosa, se é o caso.

-Orixinal ou fotocopia compulsada do expediente académico.

-Fotocopia compulsada de tódalas follas que constitúen a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas da unidade familiar, correspondente ó ano 1997. Cando os contribuíntes opten pola modalidade de declaración separada achegarase fotocopia compulsada das follas de ambas.

No suposto de que a unidade familiar non estivese suxeita á obriga de declarar, presentarase declaración xurada sobre ese extremo, indicando a renda anual da unidade familiar no ano 1997, así como certificado de non ter presentada a declaración da renda correspondente a ese exercicio económico expedido pola axencia tributaria.

-Certificado médico no que se faga constar que o solicitante non padece enfermidade infecto contaxiosa, nin defecto físico ou psíquico que impidan o normal desenvolvemento da súa actividade no centro.

-Acreditación de todos aqueles méritos alegados conforme os criterios de selección establecidos no artigo 4.1º para a súa consideración e valoración pola comisión cualificadora.

3.3. A solicitude, xunto coa restante documentación, deberán presentala na delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude correspondente á provincia onde radica a residencia, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.4. O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 7 de agosto do presente ano.

Artigo 4º.-Adxudicación de prazas.

4.1. Concluído o prazo outorgado para a presentación de solicitudes, constituirase unha comisión cualificadora en cada unha das provincias onde radican as residencias xuvenís, presidida polo respectivo xefe do Servicio de Xuventude e actuando como vocais o xefe da sección de xuventude, un funcionario designado polo delegado/a provincial que actuará de secretario e o/s director/es das residencias xuvenís situadas nesa provincia. A dita comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando no seu conxunto os seguintes criterios preferentes:

-Situación económica da unidade familiar. A este respecto terase en conta a relación de ingresos/nº de membros da unidade familiar. Para estes efectos, poderanse incluír como membros da unidade familiar os fillos de ata 30 anos de idade, á data do remate do prazo de presentación de solicitudes, nos termos previstos na lexislación tributaria.

-Ter sido colaborador bolseiro nalgunha residencia xuvenil das relacionadas no artigo 1º. A consideración deste dato queda condicionada á inexistencia de informe desfavorable do director da residencia xuvenil en relación ó comportamento ou actividade desenvolvida polo interesado como colaborador bolseiro na residencia respectiva.

-Expediente académico.

-Coñecementos específicos e experiencia en animación sociocultural e actividades deportivas.

-Motivo da solicitude.

-Te-la súa residencia familiar en Galicia, ou ser fillo de emigrantes.

-Entrevista persoal: a comisión cualificadora poderá cita-los solicitantes para a realización dunha entrevista persoal.

4.2. A comisión competente confeccionará unha lista por orde de preferencia das solicitudes recibidas para cada residencia, elevándolle a correspondente proposta de resolución ó delegado/a provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no prazo máximo de vinte días, contados a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes.

4.3. Dictada resolución polo delegado provincial, o Servicio de Xuventude respectivo procederá a lles comunicar ós solicitantes as adxudicacións e denegacións.

4.4. No caso de non dictar resolución expresa nun prazo de 3 meses desde a data de remate do prazo de presentación de solicitudes, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

4.5. Os seleccionados están obrigados a:

-Presentar fotocopia compulsada do xustificante de matrícula correspondente ós estudios que van cursar ou, no caso dos alumnos do 3º ciclo, certificado do xefe do departamento universitario correspondente conforme o interesado está realizando o doutoramento naquel, antes do 31 de outubro de 1998. No caso de que o interesado non poida presenta-la fotocopia compulsada do xustificante de matrícula no referido prazo por causa imputable ó centro no que vaia cursa-los seus estudios, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha fotocopia compulsada da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente, debendo non obstante presenta-la fotocopia compulsada do xustificante de matrícula no momento en que a faga.

-Incorporarse ás residencias xuvenís durante os cinco primeiros días do mes de outubro, salvo causa de forza maior debidamente acreditada.

En caso contrario perderán o dereito á praza adxudicada, procedéndose a cubri-la vacante conforme

o listado confeccionado pola comisión cualificadora. Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se produza algunha vacante nas prazas ofertadas.

Artigo 5º

A concesión da praza como colaborador bolseiro comporta a exención do pagamento dos servicios residencias durante o seu período de funcionamento, incluído o curso académico e o período vacional, o que abrangue desde o 1 de outubro de 1998 ó 30 de setembro de 1999, así como o recoñecemento da súa condición de colaborador bolseiro ante o resto dos residentes.

Artigo 6º

A condición de colaborador bolseiro obriga a este a colaborar en tódalas tarefas e cometidos de orde interna e actividades que lle poida encomenda-la dirección da residencia, relacionadas co desenvolvemento de accións formativas e convivencias. Estas deberanse realizar de tal xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio bolseiro.

Artigo 7º

A condición de colaborador bolseiro extínguese ó remata-lo periodo fixado no artigo 5º desta convocatoria, así como por renuncia expresa do interesado.

O incumprimento por parte do colaborador bolseiro das súas obrigas, das normas de réxime interno da residencia ou a ausencia inxustificada serán causas da perda da condición de colaborador bolseiro para tódolos efectos, por resolución do delegado provincial, logo de informe do director da residencia.

Artigo 8º

A condición de colaborador bolseiro non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra orde entre a Administración e o beneficiario.

Disposición adicional

As axudas reguladas nesta orde poderán ser compatibles coa percepción doutras axudas ou bolsas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

6209