Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 03 de xullo de 1998 Páx. 7.562

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 24 de xuño de 1998 de delegación de competencias.

Coa finalidade de alcanzar unha maior eficacia e axilidade no goberno desta universidade e tendo en conta as numerosas competencias que ós rectores das unidades lles outorga a Lei 11/1983, do 25 de agosto, e os estatutos da Universidade de Vigo (DOG 22-10-1993), todo isto xunto coas funcións de coordinación e representación que lles corresponde a eles, fai que sexa necesario acorda-la correspondente delegación de competencias noutros órganos unipersoais de goberno.

De acordo co artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e as funcións que me outorga o artigo 18 da Lei 11/1983 e os estatutos desta universidade, este rectorado decide dicta-la seguinte resolución:

I. Con independencia das competencias que lle recoñecen ó artigo 19 da LRU e os artigos 102 e 103 dos estatutos desta universidade:

1º Deléganse na secretaría xeral as seguintes competencias:

a) Dependencia funcional da Asesoría Xurídica, sendo este o camiño a seguir para o pedimento de consultas e informes, que deba de render aquela, ós órganos colexiados e unipersoais, así como ós restantes membros da comunidade universitaria.

b) A sinatura de certificacións supletorias dos títulos.

c) A expedición de certificados de actos presuntos.

d) A sinatura nas resolucións que autoricen ou denegen as rectificacións das actas académicas.

e) A materia de protocolo e medios de comunicación, que quedará adscrita á da secretaría xeral.

f) As relacións exteriores da universidade e as de coordinación do equipo rectoral. Queda adscrita a ela a ORI.

g) Coordinación de matrícula.

h) Proposta de calendario escolar.

2º Deléganse no vicerrector de Profesorado as seguintes competencias:

a) Aprobación dos PODs e cadro de persoal docente.

b) A convocatoria dos concursos de profesorado contratado.

c) A aprobación das listas provisionais e definitivas de admitidos nos concursos de persoal docente funcionario e contratado.

d) Tódolos actos relativos á situación administrativa do persoal docente, incluídos os procedementos de xubilación.

e) A Presidencia da Comisión de Reclamacións.

3º Deléganse no vicerrector de Organización Académica as seguintes competencias:

a) As referentes á coordinación na aprobación e desenvolvemento das ensinanzas conducentes a titulacións propias da Universidade de Vigo e cursos de posgrao.

b) As correspondentes ó procedemento de elaboración, aprobación ou modificación de plans de estudios desta universidade.

c) As referentes a organización e desenvolvemento das áreas e departamentos.

d) As de coordinación e control dos centros adscritos.

e) Oferta de prazas (límite de prazas).

f) Oferta educativa anual (materias optativas e de libre elección).

g) Actualizar e/ou modifica-la normativa de xestión académica, se é o caso.

4º Deléganse no vicerrector de Docencia e Alumnado as seguintes competencias:

a) As correspondentes ó acceso dos alumnos á universidade.

b) As referidas á organización, seguimento e avaliación da calidade docente.

c) As correspondentes ó rendamento escolar dos alumnos da Universidade de Vigo.

d) As do terceiro ciclo ata a suficiencia investigadora, con exclusión da sinatura dos títulos de doutor/a honoris causa.

e) As de convocatoria e aprobación dos programas de intercambio.

f) As da presidencia ou representación no xurado de bolsas do MEC, e nos procedementos das bolsas compensatorias da Xunta de Galicia, así como en calquera outra na que se convoquen bolsas para estudiantes.

g) As de convocatoria e resolución de procesos selectivos e concesión de bolsas do SRI.

h) Delegación da sinatura en RR.RR. polas que se resolvan pedimentos de alumnos en relación coa súa actividade académica.

5º Deléganse no vicerrector de Planificación as seguintes competencias:

a) Os estudios e propostas relativas a un planeamento coherente cientificamente das titulacións que se van impartir, modificar ou implantar nesta universidade.

b) A de avaliación das infraestructuras e servicios existentes, a súa mellora, modificación e programación das novas necesidades nos tres campus.

c) As correspondentes ás actuacións urbanísticas que afecten a Universidade de Vigo.

d) As de coordinación, en materias económicas, que esixan programas ou exposicións de recursos e previsións a longo e medio prazo.

e) A presidencia da mesa de contratación.

f) As de dependencia funcional e seguimento do Servicio de Bibliotecas.

g) A de tecnoloxía da información, e os seus servicios.

6º Deléganse no vicerrector de Extensión Universitaria as seguintes competencias:

a) As de proxección da universidade na vida cultural e deportiva do territorio de influencia da Universidade de Vigo.

b) As correspondentes a servicios sociais, aloxamento, transporte, comedores e atención ó estudiante.

c) As de organización, celebración e seguimento dos cursos de verán.

d) As relativas á normalización lingüística.

e) Centro de información, asesoramento e promoción (SIOPE).

7º Deléganse no vicerrector de Investigación as seguintes competencias:

a) A proposta, formalización e contratación de proxectos europeos.

b) O relacionado coas bolsas de estudios tanto propias como as autonómicas, nacionais e internacionais, convocando e resolvendo as primeiras e solicitando e informando as restantes.

c) A promoción e avaliación da investigación.

d) A solicitude de proxectos PETRI.

e) As de equipamento de centros de Investigación e as de xestión e coordinación dos recursos da investigación.

f) As do terceiro ciclo e doutoramento a partir da suficiencia investigadora, con exclusión da sinatura dos títulos de doutor/a honoris causa.

g) As de política científica e difusión da actividade investigadora.

h) A de formalización de pólizas de seguros de accidentes dos bolseiros.

8º Deléganse no vicerrector de Desenvolvemento e Transferencia de Ciencia e Tecnoloxía as seguintes competencias:

a) As de contratos, informes e cursos do artigo 11 da LRU.

b) As correspondentes á oficina I+D e relacións con outros centros de I+D.

c) As de transferencias de tecnoloxía e patentes.

d) As de cursos de especialización.

e) As correspondentes ós institutos universitarios.

f) As relacionadas con empresas en tódalas materias obxecto desta delegación.

9º En canto ó xerente e con independencia das competencias que lle outorga o artigo 20 da LRU e o artigo 115 dos estatutos, deléganse nel as seguintes competencias:

a) As da xefatura de persoal funcionario e laboral de administración e servicios.

b) A de ordenación dos pagamentos.

c) As de negociación colectiva e carreira administrativa.

d) As da contratación administrativa que a Lei 13/1995 e o regulamento de contratación desta universidade lle outorgan ó rector coas excepcións seguintes:

1. Resolución das adxudicacións e formalización dos contratos.

2. As resolucións de modificación, suspensión e revogación dos contratos administrativos.

3. As resolucións de execución forzosa.

II. 1) Os actos dictados como consecuencia da presente delegación non poderán excede-los límites dela, xa que en caso contrario serán nulos de pleno dereito, e en todo caso faríase constar expresamente a presente resolución rectoral e terían a consideración de actos dictados por esta autoridade.

2) En ningún caso poderán delegarse as competencias que se delegan nesta resolución. O rector, en todo momento, poderá avocar para si todas e cada unha das facultades que se lle atribúen a esta resolución.

3) Quedan derrogadas tódalas resolucións que se opoñan ou contradigan a presnete resolución rectoral e de forma específica a Resolución do 25 de xuño de 1994.

4) A presente resolución terá vixencia a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Vigo, 24 de xuño de 1998.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo

6164