Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 03 de xullo de 1998 Páx. 7.554

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Eulen, S.A. (limpeza do Hospital Provincial de Pontevedra).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Eulen, S.A. (limpeza do Hospital Provincial de Pontevedra), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 3-6-1998, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 15-5-1998. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real

decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 5 de xuño de 1998.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de limpeza do Hospital Provincial de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afectará a todo o persoal do servicio de limpeza do Hospital Provincial de Ponteveda adscrito á empresa contratista do dito servicio Eulen, S.A..

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio terá unha duración desde o 1 de xaneiro do 1998 ata o 31 de decembro de 1998. Os salarios establecidos no presente convenio serán os que correspondan ó persoal subalterno do Sergas, sendo, así mesmo, aplicable calquera aumento que se produza para o dito persoal.

Entenderase o seu articulado prorrogado tacitamente por períodos anuais, sempre que por calquera das partes non sexa denunciado con anterioridade ó seu vencemento.

Artígo 3º.-Equiparación.

Os/as traballadores/as afectados/as por este convenio colectivo están equiparados/as ó persoal subalterno do Sergas, de tal xeito que toda mellora que repercuta no persoal subalterno do Sergas, se aplicara de igual forma ós/ás traballadores/as afectados/as por este convenio.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas de calquera índole contidas no presente convenio teñen o carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas ou situacións

implantadas por adxudicatarios anteriores que impliquen condicións máis beneficiosas para os/as traballadores/as con respecto ó presente convenio subsistirán para aqueles/as que os veñen desfrutando, pero sen que poida interpretarse que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas teña que computarse a mellora económica que supón o presente convenio.

Artigo 5º.-Salario.

As retribucións correspndentes ás distintas categorías do persoal afectado por este convenio fíxanse na táboa salarial (anexo I). Percibirán as mesmas retribucións que correspondan ó persoal subalterno do Sergas, incluído o plus de quendas.

Artigo 6º.-Antigüidade.

Os/as traballadores/as fixos/as comprendidos/as no ámbito de aplicación do presente convenio, desde o momento da equiparación, percibirán o mesmo complemento en concepto de antigüidade que o persoal do Sergas. (Anexo II).

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá as mesmas gratificacións có persoal subalterno do Sergas, segundo os niveis que correspondan con independencia de que o/a traballador/a estivese en situación de ILT durante o período de devengo das ditas gratifidacións.

Artigo 8º.-Plus de nocturnidade.

Percibirase por este concepto o dito plus nas mesmas condicións que o fai o persoal subalterno do Sergas que realiza xornada nocturna (anexo III).

Artigo 9º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será igual cá do persoal do Sergas, computándose dentro da dita xornada o descanso obrigatorio de 30 minutos do chamado tempo do bocadillo que os/as traballadores/as veñen desfrutando.

O horario para 1998 quedará de acordo co anexo IV.

Artigo 10º.-Traballo en domingos e festivos.

As condicións de traballo nos ditos días serán as mesmas en canto á súa forma, condicións económicas e organizativas que ten o persoal subalterno do Sergas (anexo V).

Artigo 11º.-Horas extraordinarias.

Con carácter xeral queda prohibida a práctica ou realización de horas extraordinarias, e no caso de emerxencia e/ou forza maior aboaranse estas de acordo co disposto na Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores.

Artigo 12º.-Licencias.

Logo de solicitude dos/as traballadores/as afectados/as, considérase licencia retribuída polo tempo e os casos seguintes:

a) Matrimonio do/a traballador/a: 17 días naturais.

b) Matrimonio de pais, fillo/a ou parentes que convivan co/a traballador/a: 2 días naturais.

c) Parto da esposa ou compañeira que en situación estable conviva co traballador: 5 días naturais.

d) Morte ou enfermidade grave:

-Do cónxuxe ou compañeiro/a que en situación estable conviva co/a traballador/a: 5 días naturais.

-Do/a pai/nai, sogro ou sogra, fillo/a: 3 días naturais.

-Se entre o/a traballador/a e os parentes que acabamos de referir houbese convivencia, a licencia sería de 5 días naturais. O mesmo ocorrería se o falecemento ou enfermidade grave dos parentes anteriores se producise fóra da localidade.

-Irmáns e parentes ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade: 2 días naturais.

e) Morte dun/ha tío/a, 2 días naturais. Se houbese convivencia entre o/a traballador/a e o/a falecido/a, a licencia sería de 3 días naturais.

f) Traslado de domicilio: 2 días naturais.

g) Tódolos/as traballadores/as afectados/as por este convenio disporán de 9 días laborais para asuntos propios retribuídos pola empresa.

-As traballadoras, por lactación dun/ha fillo/a menor de 9 meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada laboral normal nunha hora coa mesma finalidade.

-Igualmente, o traballador/a, solicitándoo coa debida antelación, terá dereito a dispor de ata cinco días de licencia e unha vez ó ano, non retribuídos pola empresa.

Artigo 13º.-Excedencias.

Todo/a traballador/a fixo cunha antigüidade, cando, menos, de dous anos na empresa terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non inferior a seis meses e non maior de cinco anos.

O/a traballador/a excedente, cando a súa categoría estea entre as pertencentes ós grupos de persoal subalterno e obreiro, terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante o período máximo de dous anos.

A reincorporación á empresa terá que ser solicitada con aviso previo de tres meses.

Excepcionalmente, cando a solicitude de excedencia sexa por un tempo máximo de dous anos, o/a traballador/a terá dereito a reintegrarse na empresa durante o prazo dos seis primeiros meses da dita excedencia, dispondo o empresario dese mesmo prazo dos 6 meses para proceder á súa reincorporación.

En todo caso, o/a traballador/a deberalle comunicar ó empresario a súa intención de volver á empresa cunha antelación mínima dun mes. Pasados os seis primeiros meses do exercicio da excedencia sen que o/a traballador/a fixese uso de seu dereito xa non poderá volver á empresa ata esgota-lo período total da excedencia solicitada.

Artigo 14º.-Cambio de posto de traballo por embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a que se lles cambie o posto de traballo a outro máis acorde co seu estado, non estando obrigadas en caso ningún a desempeña-las súas funcións en lugares radiactivos, infecciosos ou perigosos para o seu embarazo.

Esta situación dará lugar a unha suspensión do contrato de traballo cunha duración de 16 semanas, cos efectos e as condicións previstas segundo a nova redacción da Lei 3/1989, do BOE do 8 de marzo e posteriores.

Artigo 15º.-Control médico obrigatorio.

Todo o persoal comprendido no presente convenio terá dereito a unha revisión médica por conta da empresa cada seis meses, que se realizará na cidade de Pontevedra.

Durante a vixencia do presente convenio, a empresa comprométese a vacinar da Hepatite B a todo o persoal afectado por este.

Artigo 16º.-Asistencia a consultorios médicos.

Tódolos/as traballadores/as terán dereito a tres horas retribuídas pola empresa cada vez que teñan que ir ó médico de familia. Cando o médico de familia que lle corresponde ó/á traballador/a tivese o seu consultorio en localidade distinta a aquela en que presten os seus servicios, este disporá do tempo necesario.

O traballador/a que teña que ir ó consultorio médico estará obrigado/a a avisar con anteriormente á empresa, debendo xustificar que foi atendido polo médico de familia. Para a súa asistencia á consulta do especialista, os/as traballadores/as terán dereito a todo o tempo necesario, logo da presentación do volante do médico de familia.

Así mesmo, terán dereito a tres horas retribuídas para asistir a consultorio médico cos/as fillos/as

menores de doce anos ou fillo/a minusválido/a, calquera que sexa a súa idade, cun máximo de tres veces ó mes, sempre que a súa xornada laboral sexa coincidente co horario de consulta médica e co horario de traballo do seu cónxuxe.

Os procesos de rehabilitación non terán a consideración de consulta médica para efectos do dereito regulado anteriormente.

Artigo 17º.-Roupas de traballo.

Proverase a tódolos/as traballadores/as de roupa de traballo axeitada para traballo en lugares radiactivos e infecciosos. Concederase a todo o persoal roupa de traballo axeitada e regulamentaria, fundas para o persoal masculino e chaquetas e pantalóns (pixamas) para o feminino, cada seis meses, luvas cada dez días, zapatillas cada 3 meses ou ben zocos cada 6 meses.

Ós cristaleiros serán provistos de roupa de auga.

Artigo 18º.-Incapacidade laboral transitoria.

A empresa estará obrigada a pagarlles a tódolos/as traballadores/as afectados/as por este convenio, cando se encontren en situación de ILT, o 100% do salario e tódolos complementos, nas mesmas condicións en que veña percibíndoos o persoal do Sergas, cando estean nas ditas circunstancias.

Artigo 19º.-Xubilación.

Os/as traballadores/as que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos poderán acollerse á modalidade de xubilación determinada no Real decreto lei 14/1981, do 20 de agosto, e Real decreto 1194/1985, no que as empresas se obrigan a contratar simultaneamente no canto do/a xubilado/a a outro/a traballador/a que sexa titular de dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego ou xove demandante de primeiro emprego, tal e como dispoñen as normas citadas.

Establécese un premio por xubilación anticipada coas seguintes escalas:

-Ós 60 anos: 6 mensualidades de salario real.

-Ós 61 anos: 4 mensualidades de salario real.

-Ós 62 anos: 2 mensualidades de salario real.

-De 63 a 65 anos: 1 mensualidade de salario real.

Artigo 20º.-Adscrición de persoal.

Ó remate da concesión da contrata de limpeza os traballadores/as da empresa contratista que prestou servicios no Hospital Provincial de Pontevedra pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, que se subrogará en tódolos dereitos e obrigas da anterior adxudicataria verbo dos traballadores/as, calquera que sexa a situación na que se encontran e a moda

lidade do seu contrato de traballo, coa única excepción daqueles/as traballadores/as que foran incorporados/as dentro dos últimos catro meses, se a dita incorporación non se debe á ampliación da contrata ou a unha esixencia expresa do cliente.

Artigo 21º.-Alta na Seguridade Social.

A empresa estará obrigada a entregarlles ós/ás traballadores/as fotocopias da alta dela na Seguridade Social, para o que disporá dun prazo de dúas semanas desde a súa incorporación ó traballo.

Igualmente a empresa estará obrigada a colocar fotocopias dos boletíns de cotización nunha táboa de anuncios na súa oficina e no centro de traballo.

Artigo 22º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio terá dereito ó desfrute ininterrompido dun mes de vacacións retribuídas que se desfrutarán entre os meses de xuño e setembro. A empresa, de acordo co comité, elaborará as quendas correspondentes seguindo cada ano unha orde rotatoria de preferencia. Os/as traballadores/as que no momento de desfruta-las vacacións estean en situación de ILT por enfermidade ou accidente, terán dereito ó desfrute destas inmediatamente ou ó mes seguinte da súa incorporación ó traballo.

O aboamento das vacacións será de acordo coas retribucións que por este concepto teña o persoal subalterno do Sergas.

Artigo 23º.-Póliza de seguro de accidentes.

Todo persoal afectado por este convenio disporá dunha póliza de seguro de accidentes que cubrirá as seguintes contías:

-Morte ou invalidez total: 1.500.000 ptas.

-Invalidez absoluta ou gran invalidez: 2.000.000 de ptas.

As ditas continxencias deberán derivarse en calquera caso de accidente laboral, incluído o accidente in itinere, e as indemnizacións fixadas serán totalmente independentes de calquera outra que lle poida corresponder pola lexislación vixente ou póliza particular para o efecto a modo individual.

Artigo 24º.-Garantías e cargos sindicais.

a) En todo o relacionado con este tema haberá que aterse ó disposto no artigo 61 e seguintes do Estatuto dos traballadores, determinándose que, cando un/ha representante legal deba saír da empresa para exercer funcións de representación, deberá comunicalo á dita empresa o día anterior, salvo situación excepcionais que xustificará posteriormente. Como xustificante será válido o comprobante dos organismos oficiais ou a central sindical correspondente.

b) As horas sindicais poderanse acumular nun ou en varios dos distintos membros do comité de empresa.

c) O sindicato que teña a maioría dos membros do comité de empresa terá dereito á constitución dunha sección sindical de empresa, e polo tanto á designación dun/na delegado/a de sección sindical, que terá os mesmos dereitos e garantías cós membros do comité de empresa.

Artigo 25º.-Asembleas.

Os/as traballadores/as da empresa terán dereito a reunirse en asemblea unha vez ó mes, e por un tempo máximo de dúas horas, durante a xornada, debendo comunicar á empresa a súa celebración cunha antelación de 48 horas, salvo situacións excepcionais de conflicto ou folga, nas que bastará con avisar con 24 horas de antelación.

Artigo 26º.-Comisión paritaria.

Constituirase unha comisión paritaria interpretativa de todo o contido deste convenio que se reunirá trimestralmente. A resolución desta comisión será vinculante para as partes.

Artigo 27º.-Comisión de vixilancia.

O control sobre os cumprimentos das cláusulas deste convenio, e, en xeral, de cantas cuestións se deriven da aplicación del, serán exercidas polo comité de empresa, asesorado neste labor polos demais asinantes sinalados no artigo seguinte.

Artigo 28º.-Contratación indefinida.

Todo persoal afectado por este convenio, que teña contrato de traballo temporal ou de duración determinada e se transforme en indefinido, coa anuencia do traballor, terá dereito, no suposto de despedimento obxectivo de carácter individual declarado improcedente, a unha indemnización de corenta e cinco días por ano de servicio, cun máximo de corenta e dúas mensualidades contadas desde a data do contrato orixinario que por acordo se converte en indefinido.

Os traballadores e traballadoras afectados por este acordo seguirán adscritos ó mesmo centro de traballo, Hospital Provincial de Pontevedra, mantendo tódolos dereitos de antigüidade, categoría, salario ou calquera outro que tiveran recoñecido con anterioridade.

Artigo 29º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son:

*Pola parte empresarial, os representantes da empresa Eulen, S.A.

-José Félix Valderrey de la Huerga.

-Alonso Rodríguez Galego.

*Pola parte social, os representantes da central sindical CIG.

-Ana Penedo González.

-Mercedes Amoedo Tabares.

-Rosa Fandiño Arcos.

-Eladio Puente.

-Lina López.

*Asesor da parte social:

Manuel Currás Meira, pola CIG.

Disposición adicional

Ambalas dúas partes, recoñecendo a cooficialidade da lingua galega, redactan o presente convenio en galego, solicitando a súa publicación no dito idioma, en cumprimento do disposto na Lei de normalización lingüística.

ANEXO I

Salarios

CategoríaSalario baseCpto. destinoCpto. específicoCpto. Prod. fixaCPRDTotal

Encargada xeral

(NDO3)

80.30347.61017.37706.1292.072.854
Encarg. edificio (ND17)80.30339.486014.0096.4641.922.722
Oficial cristaleiro

(NE06)

73.31031.360022.9775.5731.807.980
Limpador/a (NE10)73.31031.360011.9935.5731.676.172

ANEXO II

Antigüidade

CategoríaGrupoTrienio

Encargado xeralD2.390
Encargado edificioD2.390
Oficial cristaleiroE1.792
Limpador/aE1.792

Plus de quenda

Grupo CategoríaQuenda fixaQuenda/Rot.

simple

DEncarg. xeral3.1705.813
DEncarg. edificio3.1705.813
EOf. Crist.2.6424.756
ELimpador/a2.6424.756

ANEXO III

Nocturnidades

CategoríaGrupoPeriodicidadeImporte

GrupoDSemana 1ª e 2ª10.494
GrupoESemana 3ª e 4ª10.494
Todos8.689
Importe mensual

ANEXO IV

Xornada

QuendaLaborablesVacaciónsL/ Disp.D/libresHoras/ano

Diurna232309941.624
Nocturna143309401.430

ANEXO V

Domingos e festivos:

Domingos e festivos: tódalas categorías, 2.898.

6190