Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 03 de xullo de 1998 Páx. 7.538

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 24 de xuño de 1998 pola que se aproba o Regulamento da denominación específica Pataca de Galicia e do seu consello regulador.

Por Orde do 19 de setembro de 1996, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia recoñeceu a denominación específica Pataca de Galicia para as patacas de consumo producidas e envasadas nas zonas de Bergantiños, Vilalba e A Limia, na maneira e condicións que determine o seu regulamento particular.

Na dita orde nomeouse un consello regulador provisional ó que, entre as funcións que lle foron asignadas figuraba a redacción do Regulamento da denominación específica, que lle elevaría á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para a súa aprobación.

En consecuencia, de acordo coas consideracións expostas e co disposto no artigo 30.1º.3 e 4 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das com

petencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente.

DISPOÑO:

Artigo único.-Recoñécese con carácter definitivo a denominación específica Pataca de Galicia, e apróbase o seu regulamento co texto articulado que figura como anexo á presente orde.

Disposición transitoria

O consello regulador provisional da denominación específica Pataca de Galicia asumirá a totalidade das funcións que lle correspondan segundo o capítulo VII do seu regulamento continuando os seus compoñentes nos cargos respectivos ata que o dito consello regulador quede constituído de acordo co establecido no artigo 35 do mencionado regulamento.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan á presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

ANEXO

REGULAMENTO DA DENOMINACIÓN ESPECÍFICA

PATACA DE GALICIA

E DO SEU CONSELLO REGULADOR

Capítulo I

Xeneralidades

Artigo 1º

De acordo co disposto na Lei 25/1970, do 2 de decembro, do Estatuto da viña, do viño e dos alcois, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo; no Real decreto 728/1988, do 8 de xullo, que establece a normativa á que deben axustarse as denominacións de orixe, específicas e xenéricas dos productos agroalimentarios non vínicos; no Regulamento (CEE) 2081/1992, do Consello, do 14 de xullo, relativo á protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos productos agrícolas e alimenticios; e na orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 25 de xaneiro de 1994, pola que se precisa a correspondencia entre a lexis

lación española e o Regulamento (CEE) 2081/1992, en materia de denominacións de orixe e indicacións xeográficas dos productos agroalimentarios; quedan protexidas coa denominación especifica Pataca de Galicia as patacas de consumo que reunindo as características definidas neste regulamento, teñan cumprisen na súa producción, transporte, almacenamento e envasado tódolos requisitos esixidos nel e na lexislación vixente.

Para a aplicación da normativa anterior terase en conta o establecido no Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, de transferencia de servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de denominacións de orixe, viticultura e enoloxía.

Artigo 2º

1. A protección outorgada esténdese ó nome da denominación específica Pataca de Galicia, tanto en galego coma en castelán, aplicados á pataca de consumo.

2. A dita protección tamén se estende ós nomes dos termos parroquiais, municipais e comarcais que compoñen a zona de producción e almacenaxe, de acordo co disposto nos artigos 81 e seguintes da Lei 25/1970, do 2 de decembro, e demais lexislación concordante.

3. Queda prohibida a utilización noutras patacas de consumo de nomes, marcas, termos, expresións ou signos que pola súa similitude fonética, gráfica ou semántica cos protexidos poidan inducir a confusión cos que son obxecto deste regulamento, aínda nos casos nos que vaian precedidos polas expresións «tipo», «estilo», «gusto», «sabor», «producido en», «envasado en», «orixe» e outras análogas.

Artigo 3º

A defensa da denominación específica Pataca de Galicia, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do cumprimento deste, así como o fomento e o control da calidade das patacas de consumo amparadas, quedan encomendados ó consello regulador da denominación específica Pataca de Galicia, á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, e ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no ámbito das súas respectivas competencias.

Capítulo II

A producción

Artigo 4º

1. A zona de producción da pataca de consumo protexida pola denominación específica Pataca de Galicia está constituída polos terreos que o consello regulador considere aptos para a producción de patacas de calidade, e que se encontren nos termos muni

cipais e parroquias que compoñen as subzonas seguintes:

a) Subzona de Bergantiños: abarca os concellos de Carballo, Coristanco, Laracha, Malpica de Bergantiños e Ponteceso.

b) Subzona de Vilalba: constituída polos concellos de Cospeito, Vilalba e Xermade; así como polas parroquias de Aldixe, Candia, Castromaior e Moncelos no concello de Abadín.

c) Subzona da Limia: constituída polos concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Santos e Xinzo de Limia; e as parroquias de Coedo, Paradiña e Torneiros, do concello de Allariz; as de Atas, Cualedro, Vilela, Lucenza e Xironda, no concello de Cualedro; as de Vilar de Barrio, Bóveda, San Miguel e Seiro, pertencentes ó concello de Vilar de Barrio; e as de Sobradelo, Bobadela, Abeleda e A Graña, do concello de Xunqueira de Ambía.

2. A cualificación dos terreos, para efectos da súa inclusión na zona de producción, realizaraa o consello regulador, debendo quedar delimitados na correspondente documentación cartográfica.

Artigo 5º

1. Unicamente se poderán amparar, baixo a denominación específica Pataca de Galicia, patacas de consumo da variedade Kennebec.

O consello regulador poderalle propoñer á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria a inclusión de novas variedades, se se consideran de interese e reúnen as características de calidade requiridas, unha vez realizados os estudios pertinentes.

2. As ditas patacas, con reserva das tolerancias admitidas, deben ter e cumpri-las seguintes características de calidade mínimas:

* Aspecto normal e característico da variedade considerada, conforme as diferentes subzonas de producción.

* Enteiras, é dicir, exentas de calquera ablación ou golpe que altere a súa integridade.

* Sas. Exclúense os tubérculos afectados por podredume ou por outras alteracións que os convirta en impropios para o consumo humano.

* Practicamente limpas.

* Coa pel ben formada, e recubríndoas por enteiro.

* Firmes.

* Prácticamente sen xerminar, e en todo caso os brotes non deben supera-los 3 mm de lonxitude.

* Exentas de defectos externos ou internos que supoñan prexuízo para o aspecto xeral do producto,

a súa calidade, a súa conservación ou a súa presentación no embolsado, tales como:

- Manchas pardas debidas á calor.

- Feridas (incluíndo as feridas de crecemento), fendeduras, cortaduras, mordeduras, mazaduras ou rugosidades da pel que superen os 5 mm de profundidade.

- Coloración verde. Non constitúe defecto unha coloración verde pálida que non recubra máis da oitava parte da superficie e que poida desaparecer pelando normalmente a pataca.

- Deformacións graves.

- Manchas subepidérmicas grises, azuis ou negras que superen os 5 mm de profundidade.

- Manchas de mofo, corazón oco, ennegrecemento e outros defectos internos.

- Sarna común profunda e sarna pulverulenta con 2 mm ou máis de profundidade.

- Sarna común superficial. En todo caso, as manchas de sarna común non deben cubrir en total máis da cuarta parte da superficie do tubérculo.

- Danos causados pola xeada.

* Exentas de humidade exterior anormal. En caso de que se laven deben secarse axeitadamente.

* Exentas de cheiros ou de sabores estraños.

3. O desenvolvemento e o estado das patacas deben ser tales que lles permitan:

* Soporta-lo transporte e a manipulación.

* Chegar en condicións satisfactorias ó punto de destino.

4. Cada bolsa ou lote deben estar exentos de residuos; é dicir, de terra adherida ou non adherida, de brotes non adheridos e de corpos estraños.

Artigo 6º

1. A producción dos tubérculos realizarase seguindo as prácticas de cultivo tradicionais, debendo de se-lo máis esmerada posible para acadar unha calidade óptima.

2. Respectaranse as seguientes normas:

a) Non se poderán cultivar patacas de consumo dous anos consecutivos na mesma parcela.

b) Non se permitirá o uso de pataca de semente de reemprego, procedente doutras zonas ou doutras explotacións.

c) O consello regulador recomendará prácticas de fertilización e tipo de fertilizante que se teñen que empregar, de xeito que se respecte o uso dos fertilizantes orgánicos como fertilización de fondo e

que a relación C/N sexa equilibrada. Tamén poderá establecer recomendacións sobre tratamentos fitosanitarios.

d) O labor de aporcado será obrigatorio.

e) Só se poderá regar, como máximo, ata un mes antes de comeza-la recolección. Excepcionalmente, o consello regulador poderá modificar este prazo, sempre que as condicións climatolóxicas e de cultivo así o aconsellen.

3. O consello regulador poderá descualifica-los tubérculos procedentes de parcelas nas que non se cumpran os requisitos anteriores, ou que as plantas non presenten un desenvolvemento vexetativo correcto e acorde coas súas características varietais.

4. O consello regulador dictará normas concretas para cada campaña e fomentará a adopción de técnicas encamiñadas a mellora-la productividade e a calidade das patacas amparadas, logo de autorización da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e sen contravi-la lexislación vixente.

Artígo 7º

1. As datas de recolleita serán establecidas polo consello regulador para cada campaña, en cada unha das subzonas de producción.

2. A recolleita realizarase co maior esmero, danando o menos posible os tubérculos e escolmando, para seren comercializados, baixo o amparo da denominación aqueles que cumpran as condicións e requisitos establecidos neste regulamento.

3. Na recolleita dos tubérculos evitarase en todo momento mesturar pataca procedente de parcelas inscritas nos rexistros do consello regulador, con outras que procedan de predios non inscritos, aínda que a variedade colleitada e/ou o dono sexan os mesmos.

Artigo 8º

1. Os rendementos máximos admitidos son:

a) En secaño:

-Vintedous mil kg/ha, de pataca para comercializar.

b) En regadío:

-Trinta e cinco mil kg/ha, de pataca para comercializar.

2. Estes límites poderán ser modificados en determinadas campañas polo consello regulador, por iniciativa propia ou por petición en tempo e forma dos productores interesados, despois das oportunas comprobacións. En caso de que tal modificación se producise, non poderá superar en máis do 25% os límites establecidos.

3. As patacas procedentes de parcelas nas que os rendementos sexan superiores ó límite establecido non poderán ser amparadas pola denominación, debendo adopta-lo consello regulador as medidas de control necesarias para asegura-lo cumprimento deste precepto.

Capítulo III

A almacenaxe o envasado

Artigo 9º

A almacenaxe e envasado das patacas de consumo amparadas pola denominación específica Pataca de Galicia deberá efectuarse en instalacións axeitadas, situadas dentro da zona de producción delimitada no artigo 4º deste regulamento, e inscritas nos correspondentes rexistros do consello regulador.

Artigo 10º

1. O transporte dos tubérculos susceptibles de seren protexidos pola denominación, desde o productor ata o almacenista ou envasador, debe ser realizado en vehículos acondicionados para o efecto e dotados cun sistema de carga e descarga que minimice os danos, todo isto baixo a supervisión do consello regulador.

2. En ningún caso será admitido o transporte conxunto e no mesmo vehículo de patacas aptas para seren amparadas pola denominación con outras que xa de partida non reúnan condicións para iso.

Artigo 11º

1. A almacenaxe das patacas realizarase nun local debidamente acondicionado, ben ventilado, fresco, sen humidade e en condicións de semiescuridade.

2. O amoreamento poderá efectuarse directamente sobre a soleira do almacén, ata unha altura máxima de 3 metros se só existe ventilación convencional, ou de 3,5 metros no caso de ventilación forzada.

3. O consello regulador poderá dictar normas complementarias relacionadas coa almacenaxe, encamiñadas a favorece-la conservación dos tubérculos.

4. No mesmo local admitirase a almacenaxe de patacas aptas para seren amparadas pola denominación con outras que non reúnan tal condición, sempre que se realice independentemente, en diferentes zonas do almacén, delimitadas e identificadas previamente, co obxectivo de garantir e permitir en todo momento o seu estricto control por parte dos vedores do consello regulador.

Artigo 12º

1. O acondicionamento, manipulación e envasado das patacas de consumo amparadas pola denominación, nos locais para o efecto, en nigún caso poderá ser simultáneo co doutras patacas non protexidas.

2. Previo ó envasado é necesario realiza-la escolma, de xeito que se cumpran as tolerancias especificadas no artigo 15º, para o que se disporá dos medios técnicos e humanos para o efecto, todo isto baixo a supervisión do consello regulador.

Artigo 13º

En xeral, durante a producción, transporte, almacenaxe, manipulación, envasado e comercialización das patacas, respectarase a lexislación vixente e en particular as normas de almacenamento e de manipulación, ademais de todo o especificado no presente regulamento e nos acordos do consello regulador, co obxectivo de lograr e garanti-la máxima calidade.

Artigo 14º

1. A pataca de consumo protexida pola denominación específica Pataca de Galicia, deberá ser comercializada en envases novos, limpos e de material axeitado para favorecer unha correcta ventilación, conservación e transporte do producto, polo que previamente deberán ser aprobados polo consello regulador.

2. Os envases autorizados polo consello serán os que permitan un contido neto de 15, 10, 5, 4, 3 e 2,5 kg de tubérculos.

Excepcionalmente, logo de solicitude ó respecto, o consello regulador autorizará o uso do envase de 25 kg, para o seu emprego con destino á restauración e hostelería.

3. O contido de cada envase debe ser homoxéneo en canto ás características e calibre, formando lotes en canto á súa procedencia e envasado.

4. As patacas susceptibles de seren amparadas deberán ter un calibre mínimo de 35 mm, e un calibre máximo de 80 mm.

O calibre virá dado pola lonxitude en mm do lado da retícula dunha malla cadrada pola que, de xeito natural e máis axustada, poidan pasa-los tubérculos.

Artigo 15º

Para os tubérculos que non cumpran as características mínimas especificadas nos artigos 5º e 14º deste regulamento, admitiranse tolerancias de calidade e de calibre.

a) Tolerancia de calidade.

* 6% en peso de patacas de consumo non acordes coas características mínimas establecidas.

En todo caso, dentro do límite desta tolerancia non se admite máis dun 1% en peso de patacas atacadas por podredume seca ou húmida.

* 2% en peso de residuos, e dentro disto como máximo un 1% de terra adherente.

b) Tolerancia de calibre.

* 5% en peso de tubérculos non acordes cos límites mínimo e máximo establecidos para o calibre.

c) Tolerancia doutras variedades.

* 2% en peso de tubérculos doutras variedades con cor de pel similar ó da variedade amparada.

* 0% en peso de patacas doutras variedades con cor de pel distinta ó da variedade amparada.

Capítulo IV

Características da pataca

Artigo 16º

As características particulares das patacas de consumo variedade Kennebec amparadas pola denominación específica Pataca de Galicia, son as seguintes:

- Forma dos tubérculos: redonda a oval.

- Presencia de ollos moi superficiais.

- Pel de apariencia lisa e fina.

- Cor da pel: amarela clara.

- Cor da carne: branca.

- Textura: firme e cremosa ó ser cocida, consistente en boca.

- Calidade para consumo: excelente, destacando polo seu contido en materia seca e por mante-las súas cualidades de cor, aroma e sabor despois de ser cociñada.

- Características analíticas:

* Contido en materia seca superior ó 18%.

* Contido en azucres reductores inferior ó 0,4%.

Artigo 17º.

1. Tódalas patacas de consumo envasadas polos almacenistas inscritos no consello regulador, para poder facer uso da denominación específica Pataca de Galicia, deberán supera-lo proceso de cualificación.

2. O proceso de cualificación realizarase aleatoriamente por cada partida ou lote homoxéneo, e deberá ser realizado polo consello regulador, de acordo co disposto nos artigos 41º e 42º deste regulamento.

Comprobarase que se cumpren as condicións e as tolerancias establecidas nos artigos 5º e 15º do presente regulamento. Ademais, realizaranse exames analíticos e organolépticos.

Como resultado destas comprobacións e exames, a partida ou lote controlado poderá ser cualificado, emprazado ou descualificado.

3. As patacas cualificadas deberán cumprir en todo momento as características especificadas.

En caso de que se constate calquera tipo de alteración que prexudique a súa calidade, ou que na súa producción, almacenaxe ou envasado non se cumpriron os preceptos deste regulamento e demais lexislación vixente, as patacas serán descualificadas polo consello regulador, logo dos os informes técnicos correspondentes, o que implica a perda do dereito ó uso da denominación.

4. A descualificación das patacas poderá ser realizada polo consello regulador en calquera das súas fases de producción e almacenaxe, no interior da zona recoñecida.

5. A partir da iniciación do expediente de descualificación, as patacas deberán permanecer inmobilizadas e perfectamente identificadas, baixo o control do dito consello.

Para realiza-lo seu movemento será necesario comunicarllo ó consello regulador con antelación suficiente, para que este poida adopta-las medidas de control que estime oportunas.

6. O consello dictará normas, que serán presentadas para a súa aprobación á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, que lle permitan levar un seguimento e control das patacas cualificadas ata a súa fase de comercialización.

7. Tódolos productores e envasadores inscritos terán, por parte do consello regulador, como mínimo un control semestral do seu producto, que será sometido ás comprobacións e exames citados neste artigo.

Capítulo V

Rexistros

Artigo 18º

1. O consello regulador da denominación específica Pataca de Galicia levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de plantacións.

b) Rexistro de almacéns e plantas envasadoras.

2. O consello poderá establecer subcensos dentro dos rexistros citados anteriormente, se así o considera oportuno para un mellor control dos inscritos.

Artigo 19º

1. As peticións de inscrición nos rexistros correspondentes dirixiranse ó consello regulador, nos impresos por el establecidos, xuntando os datos, documentos e comprobantes que en cada caso sexan requiridos, segundo as disposicións e normas vixentes.

Formulada a petición, as explotacións e almacéns serán inspeccionados por persoal técnico do consello

regulador, co obxecto de comprobar se reúnen as condicións esixidas no presente regulamento.

2. O consello regulador denegará, de xeito motivado, as inscricións que non se axusten ós preceptos deste regulamento, ou ós acordos adoptados polo propio consello sobre as condicións complementarias de carácter técnico que deberán reuni-las parcelas dos productores e os locais e instalacións dos almacenistas e envasadores.

3. As empresas, que ademais de envasar se dediquen á producción, deberán estar inscritas nos rexistros correspondentes.

4. A inscrición nestes rexistros non exime os interesados da obriga de se inscribiren naqueloutros que, con carácter xeral, estean establecidos legalmente, debendo acreditalo no momento de solicitaren a súa inscrición nos rexistros da denominación específica.

5. A inscrición nos rexistros é voluntaria, ó igual que a correspondente baixa. Unha vez producida esta, deberá transcorrer un período de dous anos para proceder a unha nova inscrición, agás cambio de titularidade, de conformidade co establecido no artigo 20.2º, en relación co 11.2º, do Real decreto 728/1988, do 8 de xullo.

6. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros, será indispensable cumprir en todo momento cos requisitos que impón o presente regulamento, debendo comunicarlle ó consello regulador no prazo de quince días calquera variación que afecte os datos subministrados na inscrición, cando a dita variación se produza. En consecuencia, o consello regulador poderá suspender cautelar ou definitivamente as inscricións cando os titulares delas non se ativeran a tales prescricións, logo de instrucción do oportuno expediente, que se substanciará polas normas do procedemento administrativo común.

A suspensión cautelar acordarase de xeito motivado, xunto coa providencia da apertura do procedemento, por un prazo non superior a tres meses.

7. O consello regulador efectuará inspecións periódicas para comproba-la efectividade de canto se dispón neste artigo.

8. Tódalas inscricións nos diferentes rexistros serán renovadas no prazo e forma que determine o consello. No caso particular do rexistro de plantacións, os seus datos deberán ser actualizados tódolos anos na data que aquel determine.

Artigo 20º

1. No rexistro de plantacións unicamente poderán inscribirse aquelas que estean situadas na zona de producción e que, reunindo as condicións establecidas neste regulamento, poida destinarse toda ou parte da súa colleita de pataca de consumo para

ser envasada e comercializada baixo o amparo da denominación específica Pataca de Galicia.

2. Na inscrición figurará:

- Nome do propietario e, se é o caso, do colono, parceiro, arrendatario ou calquera outro titular de dereito real ou persoal que o faculte para xestiona-la explotación.

- Nome da explotación e de cada unha das parcelas, co lugar, parroquia e concello no que estean situadas.

- Superficie de cada unha das parcelas no que estea previsto cultivar patacas de consumo, e en particular da variedade Kennebec.

- Declaración anual media da producción que se prevexa entregar para comercializar baixo a denominación.

- Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das parcelas inscritas.

3. O consello regulador débelle entregar ó titular da plantación un certificado acreditativo da inscrición, indicando as actividades para as que está inscrito.

4. A inscrición no rexistro de plantacións é voluntaria, ó igual que a súa baixa, sendo necesario cumpri-las obrigas pendentes co consello.

Artigo 21º

1. No rexistro de almacéns e plantas envasadoras inscribiranse todas aquelas instalacións de almacenaxe e envasado situadas dentro da zona de producción que así o soliciten, e sempre que o consello regulador as considere aptas para almacenaren e envasaren as patacas de consumo que poidan optar a ser protexidas pola denominación específica Pataca de Galicia.

2. Na inscrición figurará:

-Denominación ou razón social da empresa.

-Domicilio legal dela.

-Localidade e municipio onde estean situadas as súas instalacións.

-Sistema e capacidade de almacenaxe.

-Sistema, maquinaria e capacidade de envasado.

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación dos almacéns inscritos.

3. No caso de sociedades esixirase inscrición rexistral, información fiscal e nome do xerente ou responsable.

Se a empresa non é propietaria dos locais e instalacións farase constar na solicitude de inscrición,

acreditando documentalmente esta circunstancia e o título de uso, así como a identidade do propietario.

4. Coa solicitude de inscrición xuntaranse planos ou esbozos acotados de situación, planta e alzados, a escala conveniente, onde se reflictan tódolos detalles significativos de construccións e instalacións, cunha breve descrición delas.

5. Tamén se achegará copia de:

-Inscrición no Rexistro de Industrias Agrarias.

-Inscrición no Rexistro Sanitario.

-Calquera outro establecido pola lexislación vixente.

6. O consello regulador entregaralle ó titular un certificado acreditativo da inscrición, indicando as actividades para as que está inscrito.

7. A inscrición no rexistro de almacéns e plantas envasadoras é voluntaria, o igual que a súa baixa, sendo necesario cumpri-las obrigas pendentes co consello.

Artigo 22º

1. Para inscribir unha cooperativa no rexistro de almacéns e plantas envasadoras, será condición necesaria que as parcelas de tódolos seus socios, onde se cultive pataca susceptible de ser protexida pola denominación, estean inscritas no rexistro de plantacións.

2. Os almacenistas inscritos que envasen patacas non protexibles pola denominación, farano constar expresamente no momento da súa inscrición, e ademais someteranse ás normas que estableza o consello regulador para efectua-lo seu control, cumprindo en todo momento as condicións de almacenaxe, separación do producto e procesado, que se especifican nos artigos 11º e 12º deste regulamento.

3. Nos almacéns inscritos, toda pataca existente que sexa apta para ser protexida pola denominación, debe ser sometida ó proceso de cualificación establecido na normativa, previamente ó seu envasado e comercialización.

4. As patacas que foran descualificadas polo consello regulador poderán ser comercializadas para industria ou para consumo directo, pero sempre que se utilicen outras marcas e distintivos, sen o amparo da denominación e baixo o control do consello.

Capítulo VI

Dereitos e obrigas

Artigo 23º

1. Só as persoas físicas ou xurídicas con parcelas inscritas no rexistro de plantacións poderán producir pataca de consumo que poida optar a ser envasada

e protexida pola denominación específica Pataca de Galicia.

2. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan as instalacións de almacenaxe e envasado inscritas no correspondente rexistro poderán almacenar e envasa-la pataca de consumo apta para ser amparada por esta denominación, e expedila ó mercado debidamente identificada para a súa comercialización.

3. As firmas inscritas só poderán almacena-la pataca nos locais para o efecto declarados na inscrición, ata o seu envasado e comercialización, e de xeito que se diferencie claramente a pataca protexible da restante.

Artigo 24º

1. Só poderá aplicarse a denominación específica Pataca de Galicia á pataca procedente das instalacións inscritas no rexistro de almacéns e plantas envasadoras, que fose producida, transportada, almacenada e envasada conforme ás normas establecidas neste regulamento, e que sexa cualificada como apta pola comisión de cualificación nomeada polo consello regulador, de acordo coas base ás tolerancias e condicións analíticas e organolépticas que deban caracterizala.

2. O dereito ó uso da denominación específica Pataca de Galicia e dos seus símbolos, anagramas ou logotipos, en propaganda, publicidade, documentación, precintas e etiquetas, é exclusivo das firmas inscritas nos diferentes rexistros do consello regulador, e baixo a aprobación deste.

3. Polo simple feito da inscrición nos rexistros da denominación, as persoas físicas ou xurídicas inscritas quedan obrigadas ó cumprimento das disposicións do presente regulamento e dos acordos que, dentro das súas competencias, dicten a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o consello regulador, así como a satisface-las exaccións que lles correspondan.

4. Para o exercicio de calquera dereito outorgado por este regulamento ou para poder beneficiarse dos servicios prestados polo consello regulador, as persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritas as súas parcelas e instalacións deberán ter actualizadas as inscricións nos correspondentes rexistros e estar ó corrente no pagamento das súas obrigas co consello.

Artigo 25º

As marcas autorizadas, símbolos, emblemas, lendas publicitarias ou calquera outro tipo de propaganda que se empregue, aplicados ás patacas protexidas pola denominación específica Pataca de Galicia, non poderán ser empregados baixo ningún concepto, nin sequera polos propios titulares, na

comercialización doutras patacas non amparadas por esta denominación.

Artigo 26º

1. As etiquetas deben ser autorizadas polo consello regulador previamente á súa utilización, para os efectos que se relacionan neste regulamento. Será denegada a aprobación daquelas etiquetas incorrectas ou que por calquera causa poidan confundi-lo consumidor. Tamén poderá ser revogada a autorización dunha xa concedida anteriormente, cando teñan variado as circunstancias da firma propietaria dela, logo de audiencia ó interesado.

En todo caso, respectaranse as competencias que les correspondan a outras institucións en materia de supervisión do cumprimento das normas xerais de etiquetado.

2. Nas etiquetas correspondentes ás marcas propias de cada envasador, empregadas nas patacas amparadas, debe figurar obrigatoriamente e de xeito destacado a mención denominación específica Pataca de Galicia, ademais dos datos que con carácter xeral se determinan na lexislación vixente.

Ademais, poderá figura-lo nome da subzona: Bergantiños, Vilalba ou A Limia, sempre e cando a producción e envasado se realice en cada unha delas.

Artigo 27º

1. O consello regulador adoptará e rexistrará un emblema ou logotipo como símbolo da denominación específica Pataca de Galicia, logo de aprobación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia.

2. As patacas amparadas por esta denominación levarán un precinto de garantía, contraetiqueta ou calquera outro distintivo que estableza o seu consello regulador, numerado e expedido por este, que deberán ser colocados nas propias instalacións de envasado ó termo deste proceso e sempre antes da súa expedición ó mercado, de acordo coas normas que estableza para estes efectos o consello e de forma que non sexa posible a reutilización de tales distintivos.

3. O consello regulador poderá facer obrigatorio que no exterior dos locais de almacenaxe e envasado inscritos, nun lugar destacado, figure unha placa onde se reproduza o logotipo da denominación.

Artigo 28º

1. Toda expedición de patacas amparadas que se realice entre firmas inscritas, aínda pertencentes á mesma razón social, deberá ir acompañada por un volante de circulación expedido polo consello regulador, ademais da documentación fixada pola lexislación vixente en cada momento.

2. O establecido no punto anterior tamén será esixible no caso de expedicións que teñan lugar dunha firma inscrita a outra que non o estea.

Artigo 29º

1. O envasado e etiquetado de pataca protexida deberá ser realizado exclusivamente nas instalacións situadas dentro da área de producción e que se atopen inscritas no correspondente rexistro do consello, perdendo a pataca en caso contrario o dereito ó uso da denominación.

2. A pataca amparada unicamente poderá circular e ser expedida polos almacenistas e envasadores inscritos, en envases autorizados polo consello regulador e que non prexudiquen a súa calidade e prestixio.

O consello aprobará os modelos de envases previamente á súa utilización comercial, de acordo coa lexislación vixente e procurando que a súa presentación favoreza a imaxe da denominación. En canto á súa capacidade, respectarase o establecido no artigo 14º deste regulamento.

Os envases aprobados polo consello regulador para a comercialización de pataca de consumo con denominación non poderán ser empregados para ningún outro fin.

Artigo 30º

1. Para favorece-la comercialización, o consello regulador poderá establecer convenios de colaboración con almacéns, grandes superficies e outras canles de distribución, acordando con elas as condicións de colaboración, para que baixo a supervisión do propio consello se garanta a procedencia e a calidade da pataca comercializada coa contraetiqueta da denominación.

2. Toda expedición de pataca con indicativo de calidade, destinada á exportación, deberá ir acompañada polo correspondente certificado da denominación específica Pataca de Galicia, expedido polo consello regulador, ademais de cumprir coas normas establecidas na lexislación vixente ó respecto.

Artigo 31º

1. O consello regulador controlará en cada campaña as cantidades de pataca amparada pola denominación que foran expedidas ó mercado por cada firma inscrita no rexistro de almacéns e plantas envasadoras, para verificar que é correcta a súa relación coas cantidades de pataca adquiridas ós agricultores censados no rexistro de plantacións e a outras firmas inscritas.

2. O consello establecerá os acordos oportunos cos productores e envasadores pertencentes á denominación para lograr que o programa de actuación dos seus servicios de inspección sexa totalmente operativo.

3. O incumprimento das normas establecidas neste regulamento dará lugar á descualificación por parte do consello regulador das patacas, que a partir dese momento serán debidamente controladas ata a resolución do expediente en cuestión, non podendo ser transferidas a outro productor nin envasador inscrito nos rexistros do consello, nin tampouco ser comercializadas baixo o amparo da denominación.

Artigo 32º

1. Co obxecto de poder controla-los procesos de producción, almacenaxe, envasado e expedición, así como os volumes de existencias e canto sexa necesario para poder acredita-la orixe e a calidade das patacas amparadas pola denominación específica, as persoas físicas ou xurídicas titulares de plantacións e as titulares de instalacións de almacenaxe e envasado, estarán obrigadas a cumprir coas seguintes formalidades:

a) Tódolos titulares de plantacións de pataca susceptible de ser amparada pola denominación presentaranlle ó consello regulador, ó comezo de cada campaña, declaración da semente realizada, especificando:

-Respecto do total:

* Variedades sementadas e a súa proporción.

-Respecto da variedade Kennebec:

* Superficie e quilogramos de pataca sementada.

* Número, nome e lugar das parcelas empregadas con tal fin.

b) Tódalas firmas que teñan instalacións inscritas para almacenaxe e envasado levarán un libro de control, segundo modelo adoptado polo consello regulador, no que figurarán diariamente e durante a campaña os datos seguintes:

-Cantidade e procedencia das patacas mercadas.

-Número de envases, segundo a súa capacidade, e quilogramos totais de pataca embolsada con dereito á denominación específica.

-Calquera outro dato que no seu momento o consello poida considerar necesario.

Así mesmo, nos quince primeiros días de cada mes, presentaranlle ó consello regulador unha declaración onde se reflictan tódolos datos do mes anterior, sendo suficiente coa fotocopia compulsada dos asentos que figuren no dito libro.

2. Tódalas declaracións especificadas no presente artigo teñen efectos simplemente estatísticos e están sometidas ás normas legais vixentes ó respecto.

Calquera infracción a esta norma do persoal afecto ó consello regulador será considerada como falta moi grave.

Capítulo VII

Do Consello Regulador

Artigo 33º

1. O consello regulador da denominación específica Pataca de Galicia é un organismo dependente da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, con carácter de órgano desconcentrado, e con atribucións decisorias en cantas funcións se lle encomendan neste regulamento, de acordo co que determina o artigo 87 da Lei 25/1970, do 2 de decembro, e disposicións vixentes nesta materia.

2. O seu ámbito de competencia estará determinado:

a) No territorial, pola respectiva zona de producción e envasado.

b) En razón das patacas, protexidas pola denominación específica, en calquera das súas fases de producción, almacenaxe, envasado e comercialización.

c) En razón das persoas, tanto físicas coma xurídicas, polas inscritas nos diferentes rexistros do consello.

Artigo 34º

É misión principal do consello regulador aplica-los preceptos deste regulamento e velar polo seu cumprimento, para o que exercerá as funcións que se lle encomendan nel e no ordenamento xurídico vixente.

Artigo 35º

1. O consello regulador estará constituído por:

a) Un presidente.

b) Un vicepresidente.

c) Seis vocais en representación do sector productor, elixidos democraticamente por e entre os titulares de parcelas de cultivo inscritas no rexistro de plantacións.

Tódalas subzonas deben estar representadas proporcionalmente ás hectáreas de cultivo inscritas en cada unha delas, sen que ningunha subzona teña máis do 50% dos vocais.

d) Seis vocais en representación do sector industrial, elixidos democraticamente por e entre os titulares de instalacións de almacenaxe e envasado inscritas no rexistro de almacéns e plantas envasadoras.

Tódalas subzonas deben estar representadas proporcionalmente ós quilogramos envasados, baixo o amparo da denominación en cada unha delas, sen que ningunha subzona teña máis do 50% dos vocais.

e) Dous vocais técnicos en representación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, designados por esta.

2. O presidente será nomeado, por proposta dos vocais elixidos, polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

O vicepresidente será designado polo conselleiro de Industria e Comercio.

3. Por cada un dos vocais do consello regulador designarase un suplente, elixido da mesma forma que o titular.

4. Os cargos de vocais do consello regulador serán renovados cada catro anos, podendo ser reelixidos.

5. En caso de cesamento dun vocal por calquera causa legal, a súa vacante será cuberta polo seu substituto, se ben o mandato do novo vocal só durará ata que se celebre a seguinte renovación do consello.

6. O prazo para a toma de posesión dos vocais será como máximo dun mes, contados desde a data da súa proclamación.

7. Causará baixa o vocal que durante o período de vixencia do seu cargo sexa sancionado por infracción grave nas materias que regula este regulamento, ben persoalmente ou ben a firma á que represente. Igualmente causará baixa por ausencia inxustificada a dúas sesións consecutivas ou a tres alternas no período dun ano, por causar baixa nos rexistros do consello regulador, ou por perde-la súa vinculación co sector que o elixiu ou coa razón social á que pertenza.

Artigo 36º

1. Os vocais elixidos na forma en que se determina anteriormente deberán estar vinculados ós sectores que representan, ben directamente ou ben por seren representantes das sociedades que se dedican ás actividades aquí reguladas. Non obstante, unha mesma persoa natural ou xurídica inscrita nos dous rexistros do consello regulador non poderán ter neste dobre representación, unha no sector productor e outra no sector envasador, nin directamente nin a través de firmas filiais ou socios dela.

2. Os vocais elixidos por pertenceren en calidade de directivos ou representantes dunha firma inscrita cesarán no seu cargo ó cesaren como tales na dita firma, aínda que sigan vinculados ó sector por teren pasado a outra empresa. No dito caso procederase a designa-lo seu substituto.

Artigo 37º

1. Correspóndelle ó presidente:

a) Representa-lo consello regulador. Nos casos en que sexa necesario, esta representación poderá ser delegada de xeito expreso no vicepresidente, ou na súa ausencia, en calquera outro membro do consello.

b) Cumprir e facer cumpri-las disposicións legais e regulamentarias.

c) Administra-los ingresos e fondos do consello regulador e ordena-los pagamentos, de acordo coas decisións tomadas polo pleno.

d) Convocar e presidi-las sesións do consello regulador, sinala-la orde do día, someter á súa decisión os asuntos da súa competencia e executa-los acordos adoptados.

e) Organiza-lo réxime interior do consello regulador.

f) Propoñerlle ó consello a contratación, suspensión ou renovación do seu persoal.

g) Organizar e dirixi-los servicios da denominación.

h) Informa-la Administración pública correspondente das incidencias que ocorran na producción, almacenaxe, envasado e comercialización.

i) Remitirlle á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, e a outros organismos interesados, aqueles acordos que para cumprimento xeral adopte o consello en virtude das atribucións que lle confire este regulamento, e aqueloutros que pola súa importancia estime que deban ser coñecidos por eles.

j) Aqueloutras funcións que o consello acorde, ou que lle encomende a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en consonancia cos fins encomendados.

2. A duración do mandato do presidente será de catro anos, podendo ser reelixido.

3. O presidente cesará:

a) Ó expira-lo termo do seu mandato.

b) Por petición propia, unha vez aceptada a súa demisión.

c) Por decisión da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, logo de incoación e resolución do expediente para o efecto, por incorrer nalgunha das causas xerais de incapacidade establecidas na lexislación vixente, ou por perda da confianza do pleno, manifestada en votación secreta por maioría de dous tercios dos seus membros.

d) Polas demais causas recoñecidas no ordenamento xurídico.

4. En caso do seu cesamento ou falecemento, o consello regulador no prazo dun mes proporá un candidato para a designación de novo presidente, comunicándollo á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para o seu nomeamento.

5. As sesións de constitución do consello regulador, e as que teñen por obxecto a elección do pre

sidente, serán presididas por unha mesa de idade, composta polo vocal de maior idade e os dous máis novos.

Artigo 38º

Correspóndelle ó vicepresidente do consello regulador substituí-lo presidente nos casos de ausencia, enfermidade e nos demais previstos neste regulamento.

No exercicio das súas funcións en defecto do presidente, o vicepresidente terá as mesmas competencias e obrigas daquel.

Artigo 39º

1. O consello reunirase cando o convoque o presidente, ben por iniciativa propia ou ben por petición da metade dos vocais, sendo obrigatorio celebrar sesión polo menos unha vez cada trimestre.

2. As sesións do consello regulador convocaranse polo menos con oito días de antelación, debendo xuntarlle á citación a orde do día para a reunión, na que non se poderán tratar máis asuntos cós previamente sinalados.

Para a inclusión na orde do día dun asunto determinado, non incorporado polo presidente, será necesario que o soliciten polo menos tres vocais, con catro días de antelación como mínimo.

En caso de necesidade, cando así o requira a urxencia do asunto a xuízo do presidente, citaranse os vocais polos medios axeitados, con corenta e oito horas de antelación como mínimo.

A falta de convocatoria e con carácter excepcional, o consello regulador quedará validamente constituído cando estean presentes a totalidade dos seus membros e así o acorden por unanimidade.

3. Cando un titular non poida asistir a unha sesión notificarllo ó consello regulador, expresando a causa da súa ausencia, co fin de que poida ser substituído polo seu suplente.

4. Os acordos do consello regulador da denominación específica Pataca de Galicia adoptaranse por maioría dos membros presentes, e para que sexan válidos será necesario que estean máis da metade dos seus membros. O presidente terá voto de calidade.

5. Para resolver cuestións de trámite ou naqueles casos en que se estime necesario poderá constituírse unha comisión permanente, que estará formada polo presidente do consello regulador e polo menos por dous vocais titulares designados polo pleno, un en representación de cada sector.

Na sesión en que se acorde a constitución da dita comisión permanente aprobaranse tamén as misións específicas que lle competan e as funcións que exercerá.

6. O pleno do consello regulador nomeará, sen contravi-la lexislación vixente, unha comisión de cualificación, coa misión específica de acorda-la cualificación, descualificación ou inhabilitación das partidas ou lotes de patacas sometidos ó control do consello, de acordo cos informes técnicos correspondentes.

7. Así mesmo, o pleno poderá establecer outras comisións para tratar ou resolver asuntos concretos.

8. Tódalas resolucións que tome a comisión permanente, a comisión de cualificación ou outras comisións, seranlle comunicadas ó pleno do consello na primeira reunión que este celebre.

Artigo 40º

1. Para o cumprimento dos seus fins, o consello regulador contará co persoal necesario, de acordo co cadro de persoal aprobado polo pleno e que figure dotado no seu orzamento.

2. O consello regulador terá un secretario designado polo propio consello por proposta do presidente, do que dependerá directamente, e que terá como cometidos específicos os seguintes:

a) Prepara-los traballos do consello e tramita-la execución dos seus acordos.

b) Asistir ás sesións con voz pero sen voto, cursa-las convocatorias, levanta-las actas e custodia-los libros e documentos do consello.

c) Os asuntos relativos ó réxime interno do consello, tanto de persoal como administrativos, exercendo a xefatura inmediata sobre o persoal.

d) Actuar como instructor nos expedientes sancionadores incoados polo consello regulador.

e) As demais funcións que lle encomende o presidente, relacionadas coa preparación e instrumentación dos asuntos da competencia do consello.

3. Para as funcións técnicas que ten encomendadas, o consello regulador contará cos servicios técnicos necesarios, recaendo a súa dirección nun técnico competente designado polo consello por proposta do seu presidente.

4. Para os servicios de control e vixilancia contará con vedores propios, encadrados dentro dos servicios técnicos. Estes vedores serán designados polo consello regulador e habilitados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, logo de solicitude do consello.

Terán as seguintes funcións inspectoras:

a) Sobre as parcelas de cultivo situadas na zona de producción e inscritas no rexistro de plantacións.

b) Sobre as instalacións de almacenaxe e envasado situadas na zona de producción e inscritas no rexistro de almacéns e plantas envasadoras.

c) Sobre o producto protexido na zona de producción, almacenaxe e envasado.

5. O consello regulador poderá contrata-lo persoal necesario para efectuar traballos urxentes, sempre que teñan aprobado no seu orzamento dotación para este concepto.

6. A todo o persoal do consello, tanto de carácter fixo coma eventual, aplicaráselle a lexislación laboral vixente.

7. O consello regulador poderá contar coa axuda dun equipo de asesoramento formado por profesionais do sector, de recoñecido prestixio no seu ámbito de traballo, e elixidos polo propio consello. Os informes dictados por este equipo non serán en ningún caso vinculantes.

Artigo 41º

1. O consello regulador poderá establecer un comité de cualificación da pataca, formado por cinco expertos como mínimo, e un delegado do presidente do consello. Este comité terá como misión emitir informe de calidade das patacas que opten a ser amparadas pola denominación específica Pataca de Galicia, de acordo co establecido por este regulamento e en particular no seu artigo 17º. O dito comité poderá contar cos asesoramentos técnicos que estime necesarios.

Artigo 42º

1. A comisión de cualificación nomeada polo pleno do consello regulador, á vista dos informes técnicos preceptivos do comité de cualificación, resolverá o que proceda sobre a cualificación, localización ou descualificación da partida de patacas controladas e catadas, comunicándollo seguidamente ó interesado.

2. A resolución denegatoria poderá ser obxecto de reclamación ante o pleno do consello regulador durante os dez días seguintes á súa comunicación. Sen prexuízo do disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, o consello resolverá no prazo de tempo máis breve posible, unha vez efectuados os controis e exames analítico ou organoléptico solicitados, sendo este novo exame organoléptico realizado polo comité de apelación que se constituirá para efecto.

Artigo 43º

1. O consello regulador para a realización dos seus controis terá en conta as declaracións obrigatorias establecidas neste regulamento, así como os documentos de transacción entre productores e envasadores.

2. O consello regulador establecerá un programa de control de calidade externo, que contratará con empresas especializadas de recoñecida solvencia, logo de aprobación da Consellería de Agricultura,

Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia.

Artigo 44º

1. Os acordos do consello regulador que non teñan carácter particular e afecten unha pluralidade de suxeitos relacionados coa producción, almacenaxe e envasado da pataca amparada, poderán notificarse mediante o envío de circulares ós seus inscritos e expoñéndoas nas oficinas do consello. Tamén se lles remitirán ás organizacións do sector legalmente constituídas e ás casas dos concellos incluídos na área xeográfica desta denominación específica. A exposición das ditas circulares publicarase polo menos nun dos medios seguintes: Diario Oficial de Galicia ou xornal de maior tirada na dita Comunidade Autónoma.

2. Contra os acordos e resolucións que adopte o consello regulador poderase interpoñer recurso, en todo caso, ante a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, dentro do prazo dun mes contado desde a comunicación daqueles, tal como prevén os artigos 114 e concordantes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 45º

1. O financiamento das obrigas do consello regulador efectuarase cos seguintes recursos:

1.1. Co producto das exaccións parafiscais que se fixan no artigo 90 da Lei 25/1970, do 2 de decembro, ás que se aplicarán os seguintes tipos:

a) Ata o 1%, á exacción sobre o valor das patacas producidas nos predios inscritos, entregadas ós almacenistas e que sexan aptas para seren envasadas baixo o amparo da denominación.

b) Ata o 1,5%, á exacción sobre o valor das patacas cualificadas aptas para seren envasadas e comercializadas baixo a protección da denominación.

c) Pola expedición de certificados ou visados de facturas haberá que se ater ó establecido en cada caso pola normativa vixente.

d) O dobre do prezo de custo sobre as precintas ou contraetiquetas.

Os suxeitos pasivos de cada unha destas exaccións son:

- Do a), os titulares das parcelas de cultivo inscritas no rexistro de plantacións.

- Do b), os titulares das instalacións de almacenaxe e envasado inscritas no rexistro de almacéns e plantas envasadoras, que expidan o mercado patacas amparadas pola denominación específica Pataca de Galicia.

- Do c), os titulares das empresas inscritas que soliciten certificados e/ou visados de facturas.

- Do d), os titulares das instalacións de almacenaxe e envasado inscritas que soliciten contraetiquetas ou precintas.

1.2. As subvencións, legados, donativos e demais transmisións de bens e dereitos a título gratuíto, das que sexa beneficiario o consello regulador.

1.3. As cantidades que puidesen percibirse en concepto de indemnización por danos e prexuízos ocasionados ó consello regulador ou ós intereses que representa.

1.4. Os bens que constitúen o seu patrimonio, e os productos e vendas del.

2. Os tipos impositivos fixados neste artigo poderán ser variados, por proposta do consello regulador, pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, dentro dos límites sinalados no artigo 90 da Lei 25/1970, do 2 de decembro, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo, cando as necesidades orzamentarias do consello así o recomenden.

3. A xestión dos ingresos e gastos que figuren no orzamento correspóndenlle ó consello regulador.

4. A aprobación do orzamento do consello regulador e da súa contabilidade será efectuada pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, de acordo coas normas establecidas por este organismo, e coas atribucións e funcións que lle asigne a lexislación vixente na dita materia.

Capítulo VIII

Infraccións, sancións e procedemento

Artigo 46º

Tódalas actuacións que sexa necesario desenvolver en materia de expedientes sancionadores axustaranse ás normas deste regulamento; ás da Lei 25/1970, do 2 de decembro, do Estatuto da viña, do viño e dos alcois, e ó seu regulamento aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo; ó Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da producción agroalimentaria, en canto lles sexa de aplicación; á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ó Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto; e a cantas disposicións xerais estean vixentes no seu momento sobre a materia.

Artigo 47º

1. As infraccións ó disposto no presente regulamento e ós acordos deste consello regulador serán

sancionadas con apercibimento, multa, comiso da mercadoría, suspensión temporal no uso da denominación específica ou baixa no correspondente rexistro ou rexistros desta, conforme se expresa nos artigos seguintes, sen prexuízo das sancións que por contravi-la lexislación xeral sobre a materia poidan ser impostas.

2. As bases para a imposición de multas determinaranse de acordo co artigo 120 do Decreto 835/1972, do 23 de marzo.

Artigo 48º

1. As infraccións cometidas polas persoas inscritas nos rexistros da denominación específica ó presente regulamento e ós acordos do consello regulador, clasifícanse en:

a) Faltas administrativas.

b) Infraccións ó establecido neste regulamento sobre producción, almacenaxe, envasado e características das patacas protexidas.

c) Infraccións por uso indebido da denominación ou por actos que poidan causarlle prexuízo ou desprestixio.

d) Infraccións por obstrucción ás tarefas inspectoras ou de control do consello regulador ou dos seus axentes autorizados, conforme o establecido no artigo 5.2º do Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño.

Artigo 49º

1. Son faltas administrativas, en xeral, as inexactitudes e omisións nas declaracións, documentos comerciais autorizados, asentos, libros de rexistro, fichas de control e demais documentos e, especialmente, as seguintes:

a) Inexactitudes e omisións de datos e comprobantes, nos casos en que sexan necesarios para a inscrición nos distintos rexistros, sempre que non sexan determinantes para a inscrición.

b) Non comunicarlle antes dun mes ó consello regulador, desde o momento en que se produza, calquera variación que afecte os datos subministrados no momento da inscrición nos rexistros.

c) O incumprimento por inexactitude ou omisión do establecido neste regulamento e nos acordos do consello regulador sobre declaracións de producción e de envasado de patacas con indicativo de calidade.

d) O incumprimento da normativa vixente na expedición de productos, en referencia ó citado no artigo 28º deste regulamento.

e) A falta de libros de rexistro, fichas de control, ou cantos outros documentos sexan obrigatorios conforme o presente regulamento.

f) As restantes infraccións ó regulamento ou ós acordos do consello regulador na materia á que se refire este artigo.

2. As faltas administrativas sancionaranse co apercibimento, ou con multa do 1 ó 10% do valor dos productos afectados.

Artigo 50º

1. Son infraccións ás normas establecidas neste regulamento sobre producción, almacenaxe, envasado e características das patacas amparadas, as seguintes:

a) Incumpri-las normas de producción, recolleita e transporte da pataca.

b) Utilizar no proceso de producción algún tipo de producto que poida dar lugar a residuos tóxicos ou a sabores estraños na pataca de consumo.

c) Incumpri-las normas de almacenaxe e envasado recollidas neste regulamento.

d) Empregar envases aprobados polo consello regulador para outro tipo de patacas non amparadas.

e) Envasar pataca baixo o amparo da denominación, cando non cumpra as condicións e normas de calidade establecidas neste regulamento e demais normativa afín.

f) Envasar pataca baixo o amparo da denominación cando proceda de productores ou de parcelas non inscritas.

g) Envasar pataca previamente descualificada ou inmobilizada, sen autorización do consello.

h) Incumpri-las normas de etiquetado para a pataca con denominación.

i) Subministrar información ou documentación falsa.

j) As restantes infraccións que se produzan contra o disposto no regulamento ou contra os acordos do consello regulador na materia á que se refire este artigo.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa do 2 ó 20% do valor dos productos afectados. Ademais, neste caso, poderá ser aplicado o comiso.

Artigo 51º

1. Son infraccións por uso indebido da denominación específica, ou por actos que poidan causarlle prexuízo ou desprestixio, as seguintes:

a) A utilización de nomes comerciais, marcas, símbolos ou emblemas que fagan referencia á denominación específica Pataca de Galicia ou ós nomes protexidos por ela, na comercialización doutras patacas non protexidas ou doutros productos similares e derivados, así como as infraccións ós artigos 26º e 27º do presente regulamento.

b) O uso da denominación específica en patacas que non fosen producidas, almacenadas, envasadas e comercializadas conforme as normas establecidas por este regulamento e pola lexislación vixente, ou que non cumpran as tolerancias e as condicións analíticas e organolépticas que deban caracterizalas.

c) O uso de nomes comerciais, marcas ou etiquetas non aprobados polo consello regulador.

d) As infraccións ó disposto no artigo 22º deste regulamento.

e) A indebida tenza, negociación ou utilización dos documentos, precintas, etiquetas, contraetiquetas, selos, etc., propios da denominación ou do consello regulador.

f) A existencia de pataca nas instalacións de almacenaxe e envasado inscritas, sen a preceptiva documentación que ampare a súa procedencia e calidade para ser protexida pola denominación. A cantidade de pataca nas ditas instalacións debe coincidir coas existencias declaradas documentalmente, se ben o consello regulador non entenderá como infracción diferencias inferiores ó 5%, tanto por exceso como por defecto.

g) A expedición de patacas de consumo ó mercado, cando non se correspondan as súas características de calidade coas mencionadas nos seus medios de comercialización.

h) A expedición, circulación e comercialización de patacas amparadas en tipos de envases non aprobados polo consello regulador.

i) A expedición, circulación ou comercialización de patacas protexidas pola denominación, desprovistas das precintas e contraetiquetas establecidas polo consello regulador.

j) Efectua-lo envasado, etiquetado e contraetiquetado da pataca amparada en instalacións que non sexan as inscritas e autorizadas polo consello regulador, e non axustarse ós acordos do consello nesta materia.

k) O incumprimento do establecido neste regulamento e nos acordos do consello regulador, no referente ó envasado, presentación e etiquetado de pataca con denominación destinada á exportación.

l) Falsear ou omitir, nas declaracións para a inscrición nos diferentes rexistros, os datos e/ou comprobantes que en cada caso sexan necesarios, sempre que sexan determinantes para a inscrición.

ll) A manipulación, traslado e disposición en calquera forma, de productos intervidos cautelarmente polo consello.

m) Non estar ó corrente de pagamento das exaccións parafiscais previstas no artígo 45º, por parte

dos suxeitos pasivos de cada unha das devanditas exaccións.

n) En xeral, calquera acto que contraveña o disposto no presente regulamento e nos acordos do consello regulador, e que prexudique e desprestixie a denominación específica Pataca de Galicia ou supoña un uso indebido dela.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa que irá desde vinte mil pesetas ata o dobre do valor da mercadoría ou productos afectados, sempre e cando este valor supere a dita cantidade, levando aparellado o comiso do producto en cuestión.

Artigo 52º

1. Son infraccións por obstrucción ás tarefas inspectoras ou de control do consello regulador, as seguintes:

a) A negativa ou resistencia a subministra-los datos, facilita-la información ou permitilo acceso á documentación requirida polo consello regulador ou ós seus axentes autorizados, para o cumprimento das funcións de información, vixilancia, investigación, inspección, tramitación e execución, nas materias ás que se refire o presente regulamento, ou ás demoras inxustificadas para facilita-los ditos datos, información ou documentación.

b) A negativa á entrada ou permanencia dos vedores do consello nas parcelas de cultivo e nas instalacións de almacenaxe e envasado inscritas, e os seus anexos.

c) A resistencia, coacción, ameaza, represalia ou calquera outra forma de presión ós vedores ou representantes do consello regulador, así como á tentativa de exercer tales actos.

2. Estas infraccións sancionaranse de acordo co establecido no Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño.

Artigo 53º

1. As infraccións cometidas por persoas non inscritas nos rexistros do consello regulador son:

a) Usar indebidamente a denominación específica Pataca de Galicia.

b) Utilizar nomes comerciais, marcas, expresións, signos ou emblemas que pola súa identidade ou similitude gráfica, fonética ou semántica cos nomes protexidos pola denominación específica Pataca de Galicia, ou con signos e emblemas característicos dela, poidan inducir a confusión sobre a natureza e a orixe dos productos, sen prexuízo dos dereitos adquiridos que sexan debidamente recoñecidos polos organismos competentes.

c) Emprega-los nomes xeográficos protexidos por esta denominación específica en etiquetas e propaganda de patacas e outros derivados que non teñan

dereito ó seu uso, aínda que vaian precedidos polo termo tipo ou outros análogos.

d) Calquera acción que cause prexuízo ou desprestixio á denominación específica Pataca de Galicia e tenda a producir confusión no consumidor con respecto a ela.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa que irá desde vinte mil pesetas ata o dobre do valor da mercadoría ou productos afectados cando este valor supere a dita cantidade, e ademais co seu comiso.

Artigo 54º

Para a aplicación das sancións previstas nos artigos anteriores teranse en conta as seguintes normas:

1. Aplicaranse no seu grao mínimo cando:

a) Se trate de simples irregularidades na observancia das regulamentacións, sen trascendencia directa para os consumidores ou que non supoñan especial beneficio para o infractor.

b) Se emenden os defectos no prazo establecido para isto polo consello regulador.

c) Se probe que non existiu mala fe.

2. Aplicaranse no seu grao medio cando:

a) A infracción teña transcendencia directa sobre os consumidores ou supoña un beneficio especial para o infractor.

b) Non se emenden os defectos no prazo sinalado polo consello.

c) A infracción se produza por unha actuación neglixente, con inobservancia das normas de actuación expresamente acordadas polo consello regulador.

d) En tódolos demais casos nos que non proceda a aplicación dos graos mínimo ou máximo.

3. Aplicaranse no seu grao máximo cando:

a) Se produza reiteración na negativa a facilitar información, prestar colaboración ou permitir o acceso á documentación esixida neste regulamento ou nos acordos do consello regulador.

b) Se probe manifiesta mala fe.

c) Se deriven da infracción graves prexuízos para a denominación, ós seus inscritos e/ou ós consumidores.

d) Se teña producido obstrucción ós vedores do consello na investigación da infracción.

4. Poderase aplica-la suspensión temporal do uso da denominación ou a baixa nos rexistros dela, sempre que se respecte o establecido no artigo 129 da

Lei 30/1992, e no título V da Lei 25/1970 e do Decreto 835/1972.

A suspensión do dereito ó uso da denominación específica levará consigo a suspensión do dereito a obter e utilizar certificados de orixe, precintas, contraetiquetas e demais documentos do consello regulador, así como a utilización de todos aqueles símbolos, emblemas, etc., que supoñan unha vinculación coa denominación.

A baixa suporá a exclusión do infractor dos rexistros do consello e, como consecuencia, a perda dos dereitos inherentes á denominación específica.

Artigo 55º

Considérase que hai reincidencia cando o infractor fose sancionado, mediante resolución firme, por unha infracción das comprendidas no presente regulamento, durante os cinco anos anteriores.

No caso de reincidencia, as multas serán superiores nun 50% ás máximas establecidas neste regulamento. Se o reincidente cometese nova infracción, as multas poderán ser elevadas ata o triple dos ditos máximos.

Artigo 56º

1. Poderá ser aplicado o comiso dos productos como sanción única ou como accesoria doutra principal, se e o caso, ou o pagamento do importe do seu valor cando o comiso non sexa factible.

2. No caso de desaparición, troco ou calquera manipulación efectuada sobre a mercadoría retida, intervida ou comisada, habera que se ater ó disposto no Código penal.

Artigo 57º

1. O procedemento sancionador poderá iniciarse en virtude das actas levantadas polos vedores do consello regulador, por comunicación dalgunha autoridade ou órgano administrativo, ou por denuncia formulada polos particulares sobre algún feito ou conducta que poida ser constitutivo de infracción.

2. As actas de inspección levantaranse por triplicado e serán asinadas polo vedor e polo dono ou representante das parcelas de cultivo e das instalacións de envasado, ou polo encargado da custodia da mercadoría, e no seu poder quedará unha copia da acta.

Ámbolos dous asinantes poderán facer constar na acta cantos datos ou manifestacións consideren convenientes para a estimación dos feitos que se consignan nela, así como cantas incidencias ocorran no transcurso do acto de inspección ou levantamento da acta.

As circunstancias que o vedor consigne na acta consideraranse feitos probados, salvo que pola outra parte se demostre o contrario.

Se o interesado na inspección se negase a asina-la acta farao constar así o vedor, procurando a sinatura dalgún axente da autoridade ou testemuña.

3. No caso de que o vedor ou o dono da mercadoría, ou o representante dela, o consideren conveniente, tomaranse mostras do producto obxecto da inspección. Cada mostra tomarase polo menos por triplicado e en cantidade suficiente para o seu exame e análise. Precintarase e etiquetarase, quedando unha como testemuño en poder do interesado.

4. Cando o vedor que levante a acta o estime necesario poderá dispoñer que a mercadoría, etiquetas, contraetiquetas e outros artigos queden retidos ata que o instructor do expediente dispoña o pertinente, dentro do prazo máis breve posible, cun máximo de quince días hábiles a partir da data de levantamento da acta de inspección.

Os productos retidos consideraranse como productos en depósito, non podendo por tanto ser trasladados, manipulados, ofrecidos en venda ou vendidos. No caso de que se estime procedente poderán ser precintados.

Artigo 58º

1. A incoación e instrucción de expedientes sancionadores corresponderalle ó consello regulador cando o infractor estea inscrito nalgún dos seus rexistros.

Nos casos de infraccións cometidas contra o disposto neste regulamento por firmas situadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e non inscritas nos rexistros do consello regulador, será a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria a encargada de incoar e instruí-lo expediente.

A instrucción do expediente por infraccións contra o disposto no presente regulamento realizadas por empresas situadas fóra da Comunidade Autónoma de Galicia é competencia do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

2. Con anterioridade á iniciación do procedemento sancionador o consello regulador poderá realizar actuacións previas, solicitando os informes necesarios das persoas que considere convenientes, co fin de determinar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación.

3. A resolución dos expedientes incoados polo consello regulador correspóndelle ó propio consello cando a sanción non exceda de cincuenta mil pesetas. Se excedese desta cantidade elevará proposta sobre a súa resolución á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Para o efecto de determina-la competencia á que se refire o punto anterior, adicionarase o valor do comiso ó importe da multa.

4. Nos expedientes de carácter sancionador incoados polo consello regulador deberá actuar como instructor o secretario do consello, e como secretario exercerá o seu letrado, ou no caso de non facelo unha persoa ó seu servicio, asegurando sempre a axeitada separación entre as fases de instrucción e resolución, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. A decisión sobre o comiso definitivo dos productos ou o destino destes corresponderalle a quen teña atribuída a facultade de resolve-lo expediente.

Artigo 59º

Das infraccións en productos envasados será responsable a firma ou razón social o nome do cal figure na etiqueta. Sobre as que se producisen en productos a granel, o posuídor deles. As que se deriven do transporte da mercadoría, recaerá a responsabilidade nas persoas que determine a lexislación vixente.

Artigo 60º

1. Nos casos nos que a infracción se refira ó uso indebido da denominación, o consello regulador, sen prexuízo das actuacións e sancións administrativas pertinentes, poderá acudir ós tribunais de xustiza, exercendo as accións civís e penais oportunas debidamente recoñecidas pola lexislación vixente.

2. En tódolos casos en que a resolución sexa con multa, o infractor deberá aboa-los gastos orixinados pola toma de análises de mostras ou polo recoñecemento que se realizará e demais gastos que ocasione a tramitación e resolución do expediente.

5536