Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Xoves, 02 de xullo de 1998 Páx. 7.496

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 22 de xuño de 1998 pola que se dictan normas para a concesión de subvencións a proxectos de accións de investigación-acción que teñan relación co esforzo global anti VIH/SIDA.

A infección polo VIH (virus de inmunodeficiencia humana) e a SIDA (síndrome de inmunodeficiencia adquirida) continúa sendo un dos principais problemas de saúde pública que padece a nosa sociedade, polo que cómpre o incremento e mellora das actividades encamiñadas a enfrontalo.

Dentro do marco das actividades anti VIH/SIDA en Galicia débeselle prioridade a atende-la demanda e financiamento de proxectos ou actividades de investigación/acción co obxectivo dobre de que ó mesmo tempo que se contribúe directamente á acción global anti-VIH tamén, mediante a avaliación e valoración desas experiencias, se poidan estender aquelas que acheguen resultados positivos e útiles no proceso de lograr unha maior esixencia das nosas accións, aconsellado polas estratexias e directrices marcadas no entorno da infección por VIH/SIDA.

Seguindo esta liña marcada anteriormente e cos obxectivos de potenciar e avaliar estas actividades, convócanse estas axudas.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro

DISPOÑO:

Artigo 1º

O obxecto da presente orde é a convocatoria de axudas económicas para proxectos ou accións de investigación/acción, actividades de interese comunitario no campo da vixilancia epidemiolóxica, información, prevención e atención do VIH/SIDA.

Estas axudas irán dirixidas a aquelas persoas ou institucións que desenvolvan as anteditas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial consideración das solicitudes presentadas por institucións públicas ou benéfico-privadas sen ánimo de lucro.

Artigo 2º

As actividades que se van desenvolver que poden ser obxecto das subvencións reguladas na presente orde estarán encadradas dentro das actividades anti VIH/SIDA no campo da saúde pública.

Así, terán consideración preferente aquelas actividades que aborden os seguintes contidos:

a) Realización de accións preventivas sobre colectivos de especial interese para evita-la transmisión do VIH/SIDA e avaliación dos seus resultados. Defínense como colectivos de especial interese os de prostitución, homosexualidade, usuarios de drogas por vía

parenteral (UDVP), mozos e internos en institucións penitenciarias.

b) Estudios de nivel de información, actitudes e comportamentos de poboación galega ou colectivos desta en relación con esta infección.

c) Recollida, realización e difusión continuada de información relacionada co VIH.

d) Investigación social para evita-la discriminación.

e) Atención e soporte psíquico do afectado e o seu contorno.

f) Actividades de grupos de autoapoio de portadores de VIH/SIDA.

g) Actividades de formación de persoal que realice a súa actividade no campo do VIH/SIDA.

h) Todas aquelas actividades que se encadren nas pautas establecidas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais en relación co VIH/SIDA.

Artigo 3º

As axudas concedidas irán destinadas a cubri-la totalidade ou parte dos gastos de financiamento do proxecto ou acción realizada no presente ano, de acordo cos seguintes conceptos:

a) Materiais e recursos necesarios para levalos a cabo.

b) Desprazamentos e actividades de organización relacionadas co seu desenvolvemento.

c) Actividades formativas dos propios membros do grupo de intervención.

d) Deseño e dirección.

Artigo 4º

O importe total das axudas reguladas pola presente orde ascenden a 30.000.000 de ptas., que se farán efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 1102.313.A.785.1 na que existe crédito orzamentario suficiente.

Artigo 5º

As solicitudes formularanse de acordo co modelo que figura no anexo I desta convocatoria e acompañaranse dunha memoria explicativa do proxecto ou acción que se está ou pretende realizar, memoria que se elaborará seguindo o modelo que figura no anexo II cunha extensión máxima de 15 páxinas.

Artigo 6º

As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Saúde Pública, e maila documentación complementaria deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou polos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º

Para a selección das solicitudes formuladas valoraranse as seguintes características:

a) Adecuación de contidos ós recollidos no artigo 2º.

b) Actividades preventivas que recollan os enfoques relacionados a continuación:

1. Prostitución.

1.1. Educación para a saúde dos e das profesionais do sexo.

-Accións preventivas.

-Proxectos realizados con participación dos/as interesados/as.

-Fomento do uso do preservativo.

-Facilitación do preservativo.

1.2. Protección dos clientes da prostitución.

-Información e educación sanitaria.

2. Prevención da transmisión do VIH entre homes con prácticas homosexuais ou bisexuais.

-Programas de información e educación para a saúde coa participación e colaboración de asociacións/organizacións de homosexuais.

-Medidas para aumenta-la accesibilidade ós preservativos.

-Programas específicos para mozos homo/bisexuais.

-Programas tipo outreach que faciliten o acceso a información sobre as medidas de prevención e os medios necesarios para levalas a cabo.

3. Reducción de riscos en usuarios de drogas por vía parenteral.

3.1. Programa de intercambio de xiringas.

-Posta en marcha de novos puntos ou ampliación do número ou da oferta de servicios dos existentes, de acordo cos criterios establecidos no funcionamento deste subprograma.

-Programa piloto que inclúa máquinas intercambiadoras de xiringas.

3.2. Prevención da transmisión sexual do VIH desde os centros de atención a drogodependentes, tanto libres de drogas como de reducción de danos.

-Formación de profesionais, obradoiros de sexo seguro e distribución de preservativos.

3.3. Programas de rúa ou de achegamento con participación de usuarios ou ex-usuarios.

4. Mozos.

4.1. Promoción de hábitos sexuais saudables.

-Educación para a prevención do VIH no contexto de programas de educación afectivo-sexual.

-Campañas de información/sensibilización dirixidas especificamente a mozos.

4.2. Programas dirixidos a mozos non escolarizados (adolescentes en situación de risco e fóra do ambiente familiar).

-Programas de prevención do VIH en centros tutelares de menores.

-Obradoiros e actividades en centros de encontro de mozos.

-Obradoiros extraescolares.

c) Proxectos coordinados entre distintos servicios e/ou institucións dunha mesma zona que teñan incidencia positiva no esforzo global anti VIH/SIDA entre a súa poboación.

d) Acción que continúa as actividades subvencionadas en anos anteriores.

e) Previsión dunha acción continuada en anos posteriores.

f) Solidez e coherencia na concepción dos proxectos ou accións, expresadas polo rigor e concreción dos obxectivos, poboación diana, consistencia metodolóxica, tipo e temporalización das actividades, recursos que se mobilizarán e sistema de avaliación deseñados.

g) Axuste entre o custo e o orzamento presentados.

h) A distribución de subvencións poderá ser total ou parcial. No caso de ser parcial garantizarase a realización do proxecto axustando o seu deseño á subvención concedida.

Artigo 8º

Para a selección e aprobación definitiva das axudas constituirase unha comisión integrada por:

-A directora xeral de Saúde Pública ou persoa en que delegue, que actuará como presidente.

-O/A subdirector/a xeral de Programas de Saúde Pública ou persoa en quen delegue.

-O xefe de Servicio de Prevención e Control da Infección por VIH/SIDA e doutras enfermidades transmisibles.

-Un técnico do dito servicio.

-Un funcionario da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que actuará como secretario.

Artigo 9º

A resolución da presente convocatoria será publicada no DOG, facéndose consta-la contía da axuda concedida.

Se as solicitudes non se resolvesen no prazo de tres meses desde que tivesen entrada no rexistro do órgano administrativo competente para resolver, entenderanse desestimadas.

Artigo 10º

O pagamento das axudas ós proxectos ou accións seleccionadas, cando non exceda de 5.000.000 de ptas., poderanse realizar mediante pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique os gastos realizados, sen que estes pagamentos poidan supera-lo 80% da subvención concedida.

O resto do importe librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cum

primento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida.

Cando o importe das subvencións supere a cifra de 5.000.000 de ptas., poderanse efectuar pagamentos parciais a conta da liquidación sempre que concorran os requisitos e as circunstancias previstas na Lei 1/1998, do 7 de abril (DOG nº 68, do 9 de abril), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998.

En todo caso, de acordo co establecido no artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, o beneficiario da subvención acreditará, antes de proceder ó seu cobramento, que se atopa ó corrente das súas obrigas tributarias e sociais e que non ten pendente o pagamento de ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública na Comunidade Autónoma. Non estarán suxeitos a esta obriga os beneficiarios das subvencións cando a súa contía sexa inferior a 250.000 ptas., de acordo co sinalado na Lei 1/1998, do 7 de abril (DOG nº 68, do 9 de abril), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998.

Artigo 11º

Unha vez realizado o proxecto ou acción, que en ningún caso poderá supera-lo 31 de decembro de 1998, deberá remitirse á Dirección Xeral de Saúde

Pública no prazo de 30 días a memoria xustificativa da aplicación definitiva dos fondos recibidos e que conterá as distintas fases de realización así como os resultados e conclusións.

Se o proxecto ou acción non fose realizada na súa totalidade no prazo establecido, ou concorrese algunha das causas establecidas no artigo 78.5º da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia procederase á revogación da axuda concedida e á devolución do diñeiro percibido cos correspondentes intereses de demora.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Dirección Xeral de Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación e difusión dos proxectos ou accións seleccionadas.

Segunda.-Autorízase a Dirección Xeral de Saúde Pública para dicta-las instruccións necesarias que permitan a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, encargado do despacho por ausencia do seu titular (Decreto 173/1998, do 18 de xuño, DOG do día 19)

5233