Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Xoves, 02 de xullo de 1998 Páx. 7.493

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 195/1998, do 5 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación dun tramo da liña eléctrica aérea a 66 kV trazada entre as subestacións de Cesuras e de Friol, no concello de Curtis, provincia da Coruña. (Expediente 52662).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na r/ Severo Ochoa nº 2 da Coruña, solicitou da Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción dunha liña eléctrica aérea a 66 kV, sobre apoios metálicos e de formigón, con conductor LA-180, en simple circuíto, de 7.350 m de lonxitude, con orixe no apoio 81 da liña de alta tensión Mesón do Bento-Teixeiro e remate no límite da provincia da Coruña, afectando no seu percorrido ó termo municipal de Curtis (A Coruña) (Expte. 52662).

A dita instalación autorizouse, declarouse en concreto de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 3-1-1994, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 17-2-1994, no BOP da Coruña do 10-2-1994, e no BOE do 2-2-1994.

A solicitude de urxente ocupación fíxose e tramitouse de acordo co disposto no de artigo 31 do Decreto 2619/1996, do 20 de outubro, polo que se aproba o regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 4-6-1997, no BOP da Coruña do 18-6-1997, no xor

nal El Ideal Gallego do 13-6-1997, e no taboleiro de anuncios da casa do Concello de Curtis e no da delegación provincial; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Durante o período en que se someteu a trámite de información pública, presentáronse os seguintes escritos:

a) Isolina Vázquez Barral declara non se-la titular do predio nº 11 e comunica os nomes dos propietarios deste, que son José Juan Penas Vázquez e Juan Francisco Vázquez Barral.

b) Isolina Vázquez Barral en nome e representación de Juan Francisco Vázquez Barral, e José Juan Penas Vázquez, titulares do predio nº 11, manifestan a posible existencia dun erro na lonxitude da parte afectada do predio, engadindo que o prezo ofertado non é xusto.

c) Xavier Pita Wonenburger, titular do predio nº 167 solicita plano do trazado da liña co fin de identifica-la afección; posteriormente, envía novo escrito onde fai unha descrición das cotas nas que está dividida a propiedade do dito predio, indicando o nome e enderezo do resto dos propietarios. Así mesmo, indica a posibilidade de varia-lo trazado da liña aproveitando a proximidade dun camiño forestal, engadindo que o predio nº 167 se atopa consorciada con ICONA. Por outra banda, declara non representar ó resto dos propietarios do predio.

d) Mercedes Wonenburger Macía, cotitular do predio nº 167, comunica a relación de propietarios do devandito predio e indica a posibilidade de varia-lo trazado da liña aproveitando a proximidade dun camiño forestal, manifestando que o predio se atopa consorciado con ICONA.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria.

Unha vez practicada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Como resultado da devandita inspección, das alegacións e contestacións da empresa beneficiaria despréndese que:

a) A empresa beneficiaria tomou nota do cambio de titularidade do predio nº 11, comunicando que os sucesivos trámites proseguirían cos novos titulares.

b) Respecto as alegacións formuladas por Isolina Vázquez Barral e José Juan Penas Vázquez, será no momento do levantamento de actas previas á ocupación cando se realicen as comprobacións oportunas da lonxitude afectada e as rectificacións pertinentes; non se considera a alegación referente ó prezo ofertado pola empresa beneficiaria por non ser obxecto desta fase do expediente.

c) A empresa beneficiaria tomou nota do resto dos titulares do predio nº 167, comunicando que os sucesivos trámites proseguirían cos novos titulares. Por outra banda, a entidade beneficiaria remitiu á delegación provincial copia do plano de perfil e planta da liña para o seu traslado a Xavier Pita Wonenburger. Por último, no tocante ó aproveitamento do camiño forestal, non é posible, xa que este ten un trazado oposto ó que se segue a liña; no referente ó consorcio con ICONA, a beneficiaria afirma que se farán as xestións oportunas con este organismo.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña se pretende enlaza-las novas subestacións de Cesuras e Friol, aumentando deste xeito a calidade da subministración na ampla zona afectada por ela, así como a súa regularidade e a seguridade, tanto dela como das persoas e cosas e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible atende-lo servicio demandado coa celeridade debida.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de xuño de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.- Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea a 66 kV que une as subestacións de Cesuras e Friol.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Curtis e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, cinco de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

5935