Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Xoves, 02 de xullo de 1998 Páx. 7.492

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 194/1998, do 5 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación dun tramo da liña eléctrica, a 15/20 kV e C.T. en Covelos, concello das Pontes de García Rodríguez, provincia da Coruña. (Expediente 95/165-1).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na r/ Severo Ochoa, nº 2, 15008 - A Coruña, solicitou da Consellería de Industria e Comercio, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da L.M.T. aérea a 15/20 kV, de 1.122 m de lonxitude, con conductor LA-56, sobre apoios de formigón, con orixe na liña Ribeira-Freixo e remate no C.T. Covelos e rede de baixa tensión, afectando no seu percorrido o termo municipal das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) (Expte. 95/165-1).

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública en concreto e aprobouse o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de A Coruña do 13-5-1996, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 25-6-1996, no BOP da Coruña do 2-7-1996, e no BOE do 13-6-1996.

A solicitude de urxente ocupación fíxose e tramitouse de acordo co disposto no artigo 31 do Decreto 2619/1996, do 20 de outubro, polo que se aproba o regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 10-2-1997, no BOP da Coruña do 14-2-1997, no xornal La Voz de Galicia do 14-2-1997, e no taboleiro de anuncios da casa do Concello das Pontes de García Rodríguez e no da delegación provincial; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Durante o período en que se someteu a trámite de información pública recibíronse alegacións de Víctor Gregorio Cabarcos, titular do predio nº 3, que se opón a que a expropiación se leve a cabo polo trámite de urxencia por considerar que non se dan os supostos establecidos na Lei de expropiación forzosa de 1954 e o seu regulamento; ademais, solicita a rectificación de certos datos sobre a titularidade do predio.

A alegación foi remitida á empresa beneficiaria para a súa contestación.

Unha vez practicada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar, segundo certificado emitido ó respecto, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan as limitacións previstas no artigo 56 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, que reitera as sinaladas no artigo 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo e que é aplicable a este expediente en virtude do establecido no apartado 2 da disposición transitoria segunda da devandita Lei 54/1997, nin lle son de aplicación as prohibicións e limitacións dos artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, respectivamente.

Á vista da alegación, da resposta da empresa beneficiaria e da inspección sobre o terreo, dedúcese que Unión Eléctrica Fenosa, S.A. tomou nota dos novos datos sobre a titularidade do predio. Por outra banda, non se pode aceptar que o expediente expropiatorio se tramite pola vía ordinaria, posto que se estima suficientemente xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña se pretende mellora-la subministración de enerxía eléctrica nos sectores de influencia, debido ás numerosas reclamacións presentadas por cortes e deficiente subministración, aumentando deste xeito a seguridade para as persoas e bens, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible atende-lo servicio demandado coa celeridade debida. Ademais, segundo o artigo 53 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, a declaración de utilidade pública dunha instalación eléctrica levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación

dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de xuño de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co establecido polo artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, declárase a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola servidume de paso da instalación da liña eléctrica, a 15/20 kV, e C.T. en Covelos e rede de baixa tensión, (expediente 95/165-1) proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. cos efectos e alcance previstos nos artigos 55 e 57 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) e son tódolos que figuran na

relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, cinco de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

5934