Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Xoves, 02 de xullo de 1998 Páx. 7.491

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 193/1998, do 5 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación dun tramo da liña eléctrica, a 15/20 kV desde o apoio 12 da liña Narón-Igrexa e desde o C.T. Narón-Igrexa ata os C.T. da Fraga e dos Vicas, no concello de Narón, provincia da Coruña. (Expediente 95/167-1).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na r/ Severo Ochoa, nº 2, 15008 - A Coruña, solicitou da Consellería de Industria e Comercio, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción das L.M.T. aéreas a 15/20 kV, de 769 m e 436 m de lonxitude respectivamente, con conductor LA-56, sobre apoios de formigón e metálicos, con orixe no apoio nº 12 da liña Narón-Igrexa e do C.T. Narón-Igrexa respectivamente, e rede de baixa tensión, afectando no seu percorrido o termo municipal de Narón (A Coruña) (Expte.: 95/167-1).

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 22-5-1996, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 1-7-1996, no BOP da Coruña do 11-7-1996, e no BOE do 13-6-1996.

A solicitude de urxente ocupación fíxose e tramitouse de acordo co disposto no artigo 31 do Decreto 2619/1996, do 20 de outubro, polo que se aproba o regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 10-2-1997, no BOP da Coruña do 14-2-1997, no xornal La Voz de Galicia do 14-2-1997, e no taboleiro de anuncios da casa do Concello de Narón e no da delegación provincial; ó mesmo tempo, na forma regulamentaria, notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Durante o período en que se someteu a trámite de información pública non se recibiron alegacións.

Unha vez practicada por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar, segundo certificado emitido ó respecto, que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan as limitacións previstas no artigo 56 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, que reitera as sinaladas no artigo 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo e que é aplicable a este expediente en virtude do establecido no apartado 2 da disposición transitoria segunda da devandita Lei 54/1997, nin lle son de aplicación as prohibicións e limitacións dos artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, respectivamente.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña se pretende mellora-la subministración de enerxía eléctrica nos sectores de influencia, debido ás numerosas reclamacións presentadas por cortes e deficiente subministración, aumentando deste xeito a seguridade para as persoas e bens, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible atende-lo servicio demandado coa celeridade debida.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de xuño de mil novecentos noventa e oito

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co establecido polo artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, declárase a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola servidume de paso da instalación das liñas eléctricas, a 15/20 kV, desde o apoio 12 da liña Narón-Igrexa e desde o C.T. Narón-Igrexa ata os C.T. de A Fraga e Os Vicas respectivamente e rede de baixa tensión, (Expte. 95/167-1) proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. cos efectos e alcance previstos nos artigos 55 e 57 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os bens e dereitos que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Narón (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu á información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, cinco de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

5933