Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 29 de xuño de 1998 Páx. 7.306

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Faro de Vigo, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Faro de Vigo, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 20-5-1998, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, con data do 11-5-1998. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 26 de maio de 1998.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Texto do convenio colectivo de Faro de Vigo, S.A.

e os seus traballadores para 1998

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O ámbito de aplicación do presente convenio é o da empresa e por iso afecta unicamente ós centros de traballo de Faro de Vigo, S.A.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio afecta á totalidade do persoal fixo que preste servicios na empresa, tanto se realiza unha función técnica ou administrativa como se só presta un esforzo físico ou de atención. O persoal de calquera categoría que no sucesivo entre a prestar servicios na empresa quedará sometido a este convenio.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

As normas deste convenio terán vixencia desde a data da súa publicación ata o 31 de decembro

de 1998. Non obstante, os efectos económicos comezarán desde o 1 de xaneiro último e ata o 31 de decembro de 1998.

Artigo 4º.-Denuncia do convenio.

Extinguido o período de vixencia, o convenio entenderase prorrogado de ano en ano, perdendo vixencia soamente as súas cláusulas obrigacionais, manténdose en vigor o seu contido normativo, agás se algunha das partes que o subscribiran o denunciase cunha antelación de tres meses á expiración da súa vixencia ou de calquera das prórrogas.

Artigo 5º.-Vixilancia e cumprimento do convenio.

De conformidade co establecido no artigo 85 d) do Estatuto dos traballadores, constituirase unha comisión paritaria para a vixilancia e o cumprimento deste convenio, que estará integrada por tres representantes designados pola empresa e tres traballadores designados polo comité.

Artigo 6º.-Réxime de traballo.

É facultade exclusiva da empresa canto se refire á organización práctica do traballo nesta. Por conseguinte, á empresa correspóndelle a distribución do persoal, conforme a súa categoría profesional e o cambio dos seus labores, cando, por causas xustificadas así o aconselle o interese da propia empresa.

Igualmente será facultade da empresa modifica-los horarios de todos e cada un dos traballadores por conveniencia do servicio, logo do informe ó comité de empresa. De existir disparidade de criterios someteríase á aprobación da delegación provincial da Consellería de Traballo.

A xornada de traballo na empresa é a sinalada no artigo 71 da Ordenanza laboral de traballo en prensa, co criterio semanal do Estatuto dos traballadores.

Artigo 7º.-Clasificación do persoal.

Segundo a permanencia ó servicio da empresa e función desempeñada, será clasificado o persoal que preste a súa actividade nela. Clasificarase en fixo e a tempo parcial ou celebrando contratos de duración determinada.

Persoal fixo: é aquel que precisa de modo permanente para realizar traballos de tal carácter.

Persoal contratado a tempo parcial ou con contratos de duración determinada: son os definidos e a que se refiren os artigos 12 e 15 do Estatuto dos traballadores, en relación coas disposicións vixentes de concordancia.

Artigo 8º.-Organización da producción.

As partes que interveñen neste convenio, empresa e traballadores, determinan de común acordo que a productividade tanto da man de obra como a dos demais factores que interveñen na empresa, cons

titúe un dos medios principais para a elevación do nivel de vida.

Artigo 9º.-Retribución do persoal.

As cantidades percibidas polos traballadores en 31 de decembro de 1997, que corresponden a conceptos retributivos que veñen sendo mellorados polo convenio colectivo do dito ano e anteriores, aumentarase nun 2,50% (dous con cincuenta por cento), desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 1998, sen modifica-las táboas do salario base.

Artigo 10º.-Plus de nocturnidade.

Os traballadores que dun modo continuo ou periódico presten os seus servicios entre as 22 e 6 horas, percibirán en concepto de plus de nocturnidade o 20% do salario ordinario. Este plus, nas diversas modalidades e contías establecidas, regularase polo disposto no artigo 60 da Ordenanza laboral de traballo en prensa, aprobada por Orde do 9 de decembro de 1976, rectificada, e a nova redacción dada ó dito texto legal pola Orde do 23 de maio de 1977.

Non obstante, percibirase o plus de nocturnidade na vacación anual regulamentaria que regula o artigo 63 da citada ordenanza, pola mesma cantidade cá acreditada no anterior mes de actividade normal a aquel no que se desfrute a dita vacación regulamentaria de 30 días naturais ininterrompidos.

Artigo 11º.-Permisos.

As ausencias ó traballo con dereito a remuneración que, logo do aviso e xustificación, o artigo 37.3º b), da Lei 8/1980, do 10 de marzo, lle concede ó traballador en caso de enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade establécese por un período de tres días, ampliable a cinco días se necesita facer un desprazamento para o efecto. Así mesmo, a ausencia prevista por causa de traslado de domicilio do artigo 37 tres c) do Estatuto dos traballadores, con dereito a remuneración, establécese en dous días.

Artigo 12º.-Vacacións.

Todo o persoal suxeito a este convenio desfrutará dunha vacación anual retribuída de 30 días naturais ininterrompidos, de acordo co artigo 63 da vixente Ordenanza laboral de traballo en prensa e, precisamente, entre os meses de maio a outubro, ambos incluídos. A empresa incrementará este período de vacacións en tantos días laborables (para desfrutar separadamente dos 30 regulamentarios) como festas aboables e non recuperables traballase o traballador, de acordo co parágrafo segundo do artigo 64 da Ordenanza laboral de traballo en presa e a lexislación vixente.

Así mesmo, concédese unha gratificación a todo o persoal, na data de comezo das súas vacacións regulamentarias, que será de 90.000 ptas. (noventa mil) brutas, para o persoal que realiza unha xornada de 6 horas; e de 33.000 (trinta e tres mil) pesetas brutas para o que realiza unha xornada de 2 horas.

Artigo 13º.-Pagas extraordinarias.

Haberá que aterse ó disposto no artigo 62 da vixente Ordenanza laboral de traballo en prensa.

Artigo 14º.-Participación en beneficios.

Aboaranse segundo o establecido no artigo 65 da Ordenanza laboral de traballo en prensa.

Artigo 15º.-Complemento por enfermidade ou accidente.

En caso de baixa por enfermidade ou accidente de traballo, o persoal percibirá unha cantidade complementaria (consistente na diferencia entre as remuneracións líquidas que percibe en activo e as percepcións que lle corresponden da Seguridade Social), nas datas que a xuízo do servicio médico da empresa non se encontre en condicións de asistir ó traballo a causa de enfermidade ou accidente.

Artigo 16º.-Axudas por falecemento.

Por causa de falecemento do traballador, cónxuxe ou fillos que convivan ás súas expensas, a empresa satisfará ós seus herdeiros legais a cantidade equivalente a tres mensualidades netas. Servirá de base para o cálculo desta axuda a última mensualidade pagada.

Cando faleza o cónxuxe, ou fillos e pais que convivan a expensas do traballador, condonarase o total da nota necrolóxica publicada e da de gracias, no tamaño habitual de tres columnas. Estas dúas notas necrolóxicas serán tamén condonadas ós xubilados e ós seus cónxuxes.

Nos mesmos casos, a nota necrolóxica do primeiro aniversario será gratuíta. No caso de familiares de segundo grao, bonificarase co 50%.

Artigo 17º.-Pensión complementaria por xubilación.

1. Recoñecemento: o persoal que ingresara na empresa con anterioridade á sinatura do convenio colectivo para 1995, terá dereito ó recoñecemento dunha pensión complementaria e con cargo á empresa, se no momento de obte-la pensión de xubilación do réxime da Seguridade Social ten 64 anos de idade e 20 anos, como mínimo, de servicio na empresa.

2. Requirimento de xubilación: o persoal con 64 anos e 34 anos de servicio poderá ser requirido pola dirección da empresa para que solicite a xubilación. Se o traballador se negase a acepta-lo requirimento de xubilación que a dirección da empresa lle formule, perderá os beneficios deste complemento.

A empresa queda facultada para xubilar coa pensión máxima complementaria de xubilación o persoal con 64 anos de idade, sen que reúna ningún outro requisito. Neste último caso, o acordo da dirección da empresa será comunicado ó comité de empresa en pleno e este poderá solicita-la súa revisión da dirección.

3. Contía: a contía da pensión complementaria de xubilación de cada traballador que acredite este

dereito, será igual ó importe da diferencia entre o resultado de aplica-la porcentaxe de pensión que lle corresponda, segundo anos de servicio á empresa, ó total dos percibos líquidos por tódolos conceptos (excepto as horas extraordinarias e o complemento funcional dominical) e as prestacións que por este concepto lle sexan recoñecidas na Seguridade Social, por aplicación da Lei de pensións, do 31 de xullo de 1985 e Real decreto 1799/1985, do 2 de outubro, que a desenvolve.

As porcentaxes de pensión, segundo os anos de servicio, son as seguintes:

Anos de servicioPorcentaxe

2080%
2181,42%
2282,84%
2384,26%
2485,68%
2587,10%
2688,52%
2789,94%
2891,36%
2992,78%
3094,20%
3195,62%
3297,04%
3398,46%
34100%

Non son aplicables, por tanto, os beneficios aquí establecidos para o persoal que ingrese na empresa con posterioridade á sinatura do convenio colectivo para 1995.

Artigo 18º.-Transporte.

O plus de transporte será incrementado de sorte que as actuais 444 (catrocentas corenta e catro) pesetas que percibe por día cada traballador afectado, pasarán a ser 455 (catrocentas cincuenta e cinco) pesetas por día que acuda ó traballo e con efectos retroactivos ó 1 de xaneiro de 1998.

Tamén con efecto retroactivo ó 1 de xaneiro de 1998 e por cada día que acudan ó traballo, os traballadores que viñan desfrutando do plus de transporte en contía de 218 (duascentas dezaoito) ptas. pasarán a percibir 223 (duascentas vintetrés) ptas. polo dito concepto.

As repartidoras percibirán a cantidade de 97 (noventa e sete) pesetas por cada día que acudan ó traballo e en concepto de complemento de desprazamento con efecto do 1 de xaneiro de 1998.

Artigo 19º.-Condicións máis beneficiosas.

Serán respectadas tódalas condicións establecidas que sexan máis beneficiosas para o traballador.

Artigo 20º.-Compensación, absorción e vinculación á totalidade.

As melloras económicas que establece este convenio serán absorbidas e compensadas en cómputo anual

pola empresa, de conformidade coa lexislación vixente, con calquera mellora de calquera clase e xénero que fora incluída, toda clase de primas, incentivos, pluses, gratificacións, horas extraordinarias e percepcións análogas establecidas ou que voluntariamente se pactasen neste convenio colectivo, contrato individual de traballo ou costume.

Queda expresado, acordado e convido que as melloras de toda índole que no futuro sexan concedidas por disposición legal, serán soamente aplicables no caso de que sexan superiores ás contidas neste convenio e só no que exceda; ou sexa, serán absorbidas e compensadas en cómputo anual ata o exceso.

Ambas partes conveñen en que as normas deste convenio constitúen un todo orgánico e indivisible.

Artigo 21º.-O salario base.

O salario base das categorías profesionais establecidas no artigo 53 da Ordenanza laboral de traballo en prensa, vixente, aprobado por Orde do 9 de decembro de 1976 (rectificada), relaciónanse na seguinte táboa, resultante do convenio aprobado para 1997 e sen variación no presente convenio para 1998.

CategoríasPtas. mensuais

-Técnicos
Técnico titulado de grao superior177.433
Técnico titulado de grao medio107.322
Técnico non titulado94.226
Debuxante proxectista88.061
Radiotelegrafista95.252
Radiotelefonista78.186

-Redacción
Subdirector177.433
Redactor xefe156.682
Redactor xefe de sección139.958
Redactor118.367
Axudante de primeira105.525
Axudante preferente93.198
Axudante81.897

-Administración
Xefe de sección118.367
Xefe de negociado105.525
Oficial de primeira93.198
Oficial de segunda81.897
Auxiliar76.119
Aspirante (16-18 anos)76.119
Xefe de equipo e informática118.367
Xefe de máquinas105.525

-Servicios auxiliares
Telefonista76.119
Encargado de almacén93.198
Almaceneiro76.119
Cobrador-pagador76.119
Axente de vendas (Ax. informativas)76.119

-Persoal subalterno
Conserxe76.119
Porteiro76.119

CategoríasPtas. mensuais

Ordenanza76.119
Ciclistas e motoristas76.119
Gardas, serenos e vixilantes xurados76.119
Pesador basculeiro76.119
Mozo76.119
Persoal de limpeza76.119

CategoríasPtas. diarias

-Operarios
-Oficios propios
Xefe de taller (rexente)3.984
Xefe de sección3.598
Xefe de equipo3.137
Corrector3.024
Atendedor2.597

-Composición, reproducción e impresión

Oficial primeira2.881
Oficial segunda2.597
Oficial terceira2.534

-Reparación e montaxe
Oficial primeira2.881
Oficial segunda2.597
Oficial terceira2.534

-Manipulado
Oficial primeira2.597
Oficial segunda2.597
Oficial terceira2.534
Embuchadores maiores de 18 anos2.534
Especialistas2.534

-Oficios auxiliares
Oficial primeira2.597
Oficial segunda2.534
Oficial terceira2.534

-Aprendizaxe
Aprendiz de terceiro ano (con 18 anos)2.534
Aprendiz de segundo ano (con 18 anos)2.534
Aprendiz de primeiro ano (con 18 anos)2.534
Peóns2.534

-Distribución
Xefe de vendas2.597
Axudante2.534
Atador2.534
Distribuidor2.534
Vendedor a xornal2.534

-Reparto
Repartidor (dúas horas)845

Os linotipistas, teclistas, perforistas preferentes e correctores percibirán 30 pesetas máis diarias sobre as súas respectivas retribucións da táboa de salarios.

Os xornalistas percibirán, ademais, unha asignación mensual de 7.650 ptas. denominada gratificación artigo 48.

O soldo base dos subdirectores, redactores xefes, xefes de sección e redactores que presten servicios

en réxime de libre disposición, incrementarase nun 35%, como mínimo, do sinalado na táboa.

Artigo 22º.-Horas extraordinarias.

De conformidade coa Orde do 1 de marzo de 1983, sobre cotización adicional á Seguridade Social por horas extraordinarias e, para os efectos do disposto no artigo 7 do Real decreto 92/1983, do 19 de xaneiro e Real decreto lei 1/1986, do 14 de marzo, a empresa e os seus traballadores, representados polo comité que intervén na negociación deste convenio, pactan:

a) Entenderase por horas extraordinarias estructurais as necesarias por pedidos imprevistos, períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade de prensa, isto é:

-As necesarias nas distintas seccións do xornal para lograr tódolos días de publicación a composición, confección, reproducción, impresión, peche e distribución dos exemplares que compoñen a tirada, tanto na ordinaria como nas distintas edicións especiais, números extraordinarios e suplementos.

-As necesarias por ausencias imprevistas de enfermidade ou accidente de traballo.

-As necesarias por cambios de quenda, implantación tecnolóxica, adestramento, perfeccionamento dos traballadores e adaptación ás novas técnicas de traballo en prensa.

-As necesarias para traballos extraordinarios de reparación, montaxe e limpeza de maquinaria de nova adquisición.

-E calquera outra de natureza análoga, sempre que non poidan ser substituídas pola utilización das distintas modalidades de contratación previstas legalmente.

b) As representacións empresariais e do comité aceptan o contido e comprométense á observación da Orde do 1 de marzo de 1983, aludida anteriormente.

Artigo 23º.-Desfrute do exemplar gratuíto.

Os traballadores seguirán desfrutando do exemplar gratuíto despois da súa xubilación e, no caso de falecemento do traballador, desfrutarao o cónxuxe sobrevivente.

Artigo 24º.-Seguro colectivo de vida.

Os traballadores de Faro de Vigo, S.A., mentres permanezan no cadro de persoal da empresa, en situación activa, quedarán acollidos a un seguro de vida que cubrirá o risco de morte por causas naturais ou de accidente por importe dun millón cincocentas mil pesetas.

Artigo 25º.-Complemento funcional dominical.

As cantidades que perciben determinados traballadores da empresa por este concepto terán carácter de incentivo polo traslado do descanso semanal regu

lamentario; incrementaráselle este complemento en 400 (catrocentas) pesetas ó persoal de xornada completa, e en 150 (cento cincuenta) pesetas ó persoal de reparto. Ambos aumentos desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 1998.

Artigo 26º.-Unidades de negociación.

A representación das partes que negociaron aprobaron e subscribiron o texto deste convenio está constituída da seguinte forma:

-Pola parte económica:

Carlos Fernández Pato e José Antonio Carvajal Baños.

-Pola parte social:

Mª del Carmen Castro Mosquera.

Mª Luz Alonso González.

Mª Beatriz Iglesias Fernández.

Carlos Rúa Fernández.

José Manuel Pérez Rodríguez.

Eduardo Rolland Etchevers.

Guillermo Cameselle Domínguez.

Artigo 27º.-Cláusula derradeira.

Para todo o non previsto neste convenio haberá que aterse ó disposto na vixente Ordenanza laboral de traballo en prensa e nas disposicións laborais de carácter xeral.

Vigo, 11 de maio de 1998.

-Pola empresa:

José Antonio Carvajal Baños. Director financeiro.

Carlos Fernández Pato. Administrador.

-Polo Comité:

José Manuel Pérez Rodríguez.

Mª Carmen Castro Mosquera.

Mª Beatriz Iglesias Fernández.

Eduardo Rolland Etchevers.

Mª Luz Alonso González.

Carlos Rúa Fernández.

Guillermo Cameselle Domínguez.

5153