Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 29 de xuño de 1998 Páx. 7.301

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 22 de xuño de 1998 pola que se establecen normas de admisión de alumnos nos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, para o curso académico 1998-1999.

En virtude das atribucións conferidas polo Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura e pesca, é competencia desta consellería a fixación de normas de admisión de alumnos nos seus centros docentes.

O Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira, no seu artigo 26, establece os criterios obxectivos para a admisión dos alumnos nos centros de ensino propios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Primeiro.-Requisitos de idade e académicos.

Artigo 1º

A convocatoria de postos escolares para os centros docentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura comprende os estudios que para cada especialidade e niveis educativos teñen recoñecidos os devanditos centros. O número de prazas, así como a súa distribución por cursos e especialidades, estará en función das vacantes que para cada curso se determinen.

Artigo 2º

Será condición imprescindible para a admisión nun centro docente reuni-los requisitos de idade e académicos esixidos pola normativa vixente para o nivel educativo e o curso ó que se pretende acceder.

Para os estudios náutico-pesqueiros na modalidade de formación permanente de adultos, só poderán facelo os alumnos que teñan cumpridos 17 anos antes do 31 de decembro do ano no que soliciten a admisión e estean en posesión das titulacións suficientes para cada nivel educativo.

Segundo.-Iniciación do procedemento.

Artigo 3º

Os directores dos centros da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura abrirán un período de admisión de solicitudes para a educación secundaria obrigatoria, formación profesional marítimo-pesqueira e ciclos formativos, de acordo coas datas fixadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Para os alumnos de formación náutico-pesqueira o prazo de admisión de solicitudes rematará o día 1 de setembro.

Artigo 4º

As solicitudes dos aspirantes formalizaranse no modelo oficial que se publica como anexo II desta orde, que para tal fin facilitarán os centros de ensino náutico-pesqueiro de Ferrol, Vigo, A Illa de Arousa e Ribeira e as delegacións territoriais e comarcais desta consellería.

Xunto coa solicitude entregarase:

-Fotocopia do DNI do solicitante.

-Fotocopia de documento polo que se acredite reuni-los requisitos académicos necesarios: certificado de estudios, título, libro de escolaridade ou, se é o caso, certificado da actividade profesional.

-Fotocopia da primeira folla da libreta de inscrición marítima ( para os alumnos na modalidade de formación permanente de adultos).

-Certificado médico oficial ou fotocopia da folla de recoñecemento médico previo ó embarque.

-Calquera outro xustificante que se teña en conta nos criterios prioritarios e complementarios, para a súa posterior valoración pola comisión cualificadora.

Artigo 5º

As solicitudes de admisión presentaranse nos rexistros dos centros docentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura onde se vai formaliza-la matrícula, ou por calquera das formas establecidas na Lei 30/1992, de réxime xurídico da administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro do prazo establecido no artigo 3º desta orde.

Terceiro.-Criterios de admisión.

Artigo 6º

Cando o número de solicitudes supere a dispoñibilidade de postos escolares, os alumnos serán admitidos por rigorosa orde de puntuación para cada especialidade formativa: para os alumnos de ensinanzas regradas seguiranse os criterios publicados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e para os alumnos de formación permanente de adultos aplicarase o baremo fixado nos criterios prioritarios e complementarios que se especifican no anexo I da presente orde.

Para os ciclos formativos de acuicultura, considérase zona de influencia do centro toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

As persoas que estean en posesión dunha titulación universitaria ou equivalente, independentemente da puntuación que obteñan segundo o mencionado bare

mo, ocuparán as últimas prazas nas listas de admisión con respecto dos demais solicitantes con outras titulacións.

Criterios prioritarios:

a) Rendemento académico.

b) Días de embarque (para formación permanente de adultos).

c) Irmáns do solicitante matriculados no centro.

d) Proximidade do domicilio ó centro docente.

Criterios complementarios:

a) Condición de emigrante retornado do alumno, os seus pais ou titores, nos tres últimos anos.

b) Situación de familia numerosa.

c) Idade (para alumnos de formación permanente de adultos).

d) Renda da unidade familiar.

Cuarto.-Adxudicación de prazas.

Artigo 7º

A valoración das solicitudes efectuaraa unha comisión cualificadora que estará formada por:

-O director do centro, que actuará como presidente.

-O xefe de estudios do centro.

-Un pai de alumno membro do consello escolar.

-Dous profesores do centro, membros do consello escolar.

-Un representante da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

-O secretario do centro docente, que actuará como secretario da comisión, con voz e voto.

En caso de empate dirimirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 8º

As listas de admitidos na educación secundaria obrigatoria, formación profesional de 2º grao, e formación profesional específica farase pública no taboleiro de anuncios dos centros segundo os prazos e criterios establecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta lista abrirase un prazo de reclamacións de 3 días naturais contados desde a súa publicación. As reclamacións serán resoltas nun prazo de 5 días naturais pola comisión e contra esta resolución poderase interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no prazo dun mes.

Artigo 9º

A concesión ou denegación de praza seralles notificada ós interesados de acordo co disposto no artigo 89 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime

xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º

Queda totalmente prohibida a incorporación de alumnos sen reserva mentres non se esgote a relación de alumnos suplentes nas distintas especialidades.

Quinto.-Prazos de matrícula.

Artigo 11º

Os alumnos que renoven matrícula no centro para o curso superior e teñan aprobadas tódalas asignaturas na convocatoria de xuño, así como os admitidos por primeira vez no centro para cursa-las ensinanzas de formación profesional marítimo-pesqueira, educación secundaria obrigatoria e ciclos formativos de grao medio e superior en acuicultura realizarán a súa matrícula nas datas fixadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Os alumnos que accedan ós ciclos formativos a través da proba de acceso someteranse ós prazos e normativa que para tal fin estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o curso 1998-1999.

O prazo de matrícula correspondente ós alumnos de formación náutico-pesqueira na modalidade de formación permanente de adultos, será do 2 ó 18 de setembro, ámbolos dous inclusive.

Artigo 12º

Excepcionalmente, e por motivos xustificados, a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación poderá prorroga-lo prazo de matrícula na modalidade de formación permanente de adultos.

Sexto.-Incorporación.

Artigo 13º

1. Os alumnos incorporaranse á praza obtida unicamente para cursa-los estudios que se solicitaron.

2. Os alumnos incorporados quedarán suxeitos ás normas de réxime interno do centro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dictar tódalas normas que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación do Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 1998.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

Baremo

Criterios prioritarios.

-Nota media de sobresaliente: 4 puntos.

-Nota media de notable: 3 puntos.

-Nota media de ben: 2 puntos.

-Nota media de suficiente: 1 punto.

-Embarque (para alumnos de formación permanente de adultos):

-Máis de 700 días: 5 puntos.

-De 500 a 700: 4 puntos.

-De 300 a 499: 3 puntos.

-De 100 a 299: 2 puntos.

-De 50 a 99: 1 punto.

-Existencia de irmáns no centro:

-Ós aspirantes que teñan irmáns matriculados no centro engadiránselles 2 puntos por cada un deles.

-Proximidade do domicilio:

-Alumnos con domicilio na zona de influencia do centro: 4 puntos.

-Alumnos con domicilio nas zonas limítrofes do centro: 3 puntos.

ANEXO I

Baremo

Criterios complementarios.

-Condición de emigrante retornado do alumno, dos seu pais ou titores nos tres últimos anos: 2 puntos.

-Situación de familia numerosa: 2 puntos.

-Idade (para alumnos de formación permanente de adultos).

-Maiores de 25 anos: 3 puntos.

-Entre 20 e 25 anos: 2 puntos.

-Menores de 20 anos: 1 punto.

-Renda familiar.

Xuntarase fotocopia da folla de liquidación do imposto sobre a renda das persoas físicas da unidade familiar, correspondente ó último exercicio. Cando os contribuíntes opten pola modalidade de declaración separada, presentarase fotocopia de ámbalas dúas follas da declaración.

Cando non se presentase a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, por non te-la obriga de facela pola contía dos ingresos, cubrirá a declaración segundo o modelo que se xunta no anexo III, o cabeza de familia ou solicitante ( se alegase a súa independencia familiar e económica).

-Rendas iguais ou inferiores ó salario mínimo interprofesional: 2 puntos.

-Rendas superiores ó salario mínimo interprofesional que non supere o dobre deste: 1 punto.

En ningún caso se computarán as circunstancias alegadas e non xustificadas debidamente.

5152