Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 29 de xuño de 1998 Páx. 7.297

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 188/1998, do 11 de xuño, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun predio situado no termo municipal de Barro (Pontevedra), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a construcción dun centro de ensino secundario.

O Pleno da corporación municipal de Barro, en sesión celebrada o 23 de abril de 1998, acordou a cesión gratuíta á Xunta de Galicia dun predio para a construcción dun centro de ESO.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da dita lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; mais non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o concello de Barro acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de xuño de mil novecentos noventa e oito

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase, nos termos fixados no acordo do Pleno do Concello de Barro, a cesión gratuíta feita polo dito concello a favor da Comunidade Autónoma de Galicia do terreo situado no lugar de Santo Antoniño-Outeiro, parroquia de Perdecanai, termo municipal de Barro (Pontevedra), dunha superficie aproximada de oito mil cincocentos oitenta metros cadrados (8.580 m), que se segregará do predio matriz denominado Devesa de Santo Antoniño ou Outeiro. Estrema ó norte, rúa municipal; ó sur, irmáns Estévez; ó leste, pista municipal e ó oeste, máis terreo municipal.

O predio matriz figura inscrito no Rexistro da Propiedade de Caldas de Reis, no tomo 629, libro 51 de Barro, folio 51, predio número 7224, inscrición 1ª.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dun centro de ensino secundario.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, once de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

6012