Constitúe un obxectivo primordial do programa de reforma e modernización da Administración autonómica galega o achegamento da Administración ós administrados, como garantía de efectividade dos dereitos que o bloque constitucional lles recoñece na súa relación coas diferentes administracións públicas. O dito obxectivo ha comezar polo achegamento físico das oficinas administrativas os cidadáns, o que redundará, sen dúbida, nunha mellora dos servicios que se presta a Administración pública.
A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, establece no seu artigo 38.4º.B) que nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, a calquera Administración das comunidades autónomas, ou a calquera das entidades que integran a Administración local se, neste último caso estivese subscrito o oportuno convenio, poderanse presenta-las solicitudes, escritos e comunicacións que os cidadáns lles dirixan ós órganos das distintas administracións públicas.
Con data do 15 de febreiro 1996 subscribiuse un convenio de colaboración entre a Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), para a implantación e desenvolvemento dos servicios informáticos e de telecomunicacións no que se prevé que nos concellos que se adhiran a el, se exercerán as funcións que se relacionan no artigo 1º da presente orde. No antedito convenio estableceuse, ademais, a formación do persoal que sexa adscrito polo concello ós servicios obxecto deste.
Mediante o antedito convenio intensifícase, pois, a cooperación coa Administración local e ponse ó seu servicio a rede privada de comunicacións da Xunta de Galicia para mellora-los servicios ó cidadán.
Por dispoñeren os concellos de Agolada, Arteixo, Boimorto, Cabanas, Coirós, O Irixo, Irixoa, Laracha, Mazaricos, Monterroso, Muros, Outes, Padrón e Rianxo, da infraestructura persoal e técnica prevista no convenio, é polo que se dispón a inmediata posta en funcionamento respecto deles, sen prexuízo de proceder de igual modo co resto dos municipios adheridos, na medida na que vaian conseguindo a dita infraestructura.
Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo 1º
1. De conformidade co establecido no convenio de colaboración, subscrito o 15 de febreiro de 1996,
entre a Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Federación Galega de Municipios e Provincias, nos concellos de Agolada, Arteixo, Boimorto, Cabanas, Coirós, O Irixo, Irixoa, Laracha, Mazaricos, Monterroso, Muros, Outes, Padrón e Rianxo, exerceranse, ademais das funcións que lles correspondan de acordo coa lexislación de réxime local, as seguintes funcións:
a) Rexistro xeral de escritos, solicitudes ou comunicacións dirixidas a calquera órgano da Administración autonómica de Galicia, cos efectos previstos no artigo 38.4º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Rematado o trámite de rexistro, daráselles traslado dos escritos, solicitudes e comunicacións ós seus destinatarios sen dilación e directamente.
b) Información xeral da Administración autonómica de Galicia.
c) Información particular sobre aqueles expedientes administrativos tramitados por instancia de parte perante a Administración autonómica de Galicia, nos que o solicitante sexa interesado, nos termos establecidos na lei.
d) Acceso ó Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma.
2. As funcións as que se refire o número anterior exerceranse nos concellos a partir do día 1 de xullo de 1998.
Artigo 2º
As oficinas dos concellos das que fai mención o artigo anterior desempeñarán as funcións que no antedito artigo se conteñen, dentro do horario que con carácter xeral rexa para estas en cada caso e nos locais destinados ó rexistro xeral aberto ó publico en cada concello.
Disposicións derradeiras
Primeira.-O establecido na presente orde non supón incremento de gasto.
Segunda.-Facúltase a Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, a Inspección Xeral de Servicios, e a Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento da presente orde.
Terceira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 1998.
Dositeo Rodríguez Rodríguez
Conselleiro da Presidencia e Administración
Pública
6011