Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 29 de xuño de 1998 Páx. 7.297

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 189/1998, do 11 de xuño, polo que se acepta a doazón do fondo documental feita por José Ramón Fernández-Manzano González a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

José Ramón Fernández-Manzano González ofreceulle en doazón á Xunta de Galicia a documentación xerada no seu día polos establecementos comerciais coruñeses Acigar, El Dique/Bahía, Dakar e El Fénix, que foron propiedade do seu pai Faustino Fernández Manzano, para o seu depósito no Arquivo do Reino de Galicia.

A Comisión Superior de Valoracións de Bens Culturais de Interese para Galicia informou favorablemente a aceptación da antedita doazón.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da conselleira de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; máis non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por iniciativa do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos establecidos por José Ramón Fernández-Manzano González e logo de deliberación do

Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de xuño de mil novecentos noventa e oito

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acepta-la doazón do fondo documental feita por José Ramón Fernández-Manzano González para o seu depósito no Arquivo do Reino de Galicia.

O dito ben moble incorporarase ó Inventario Xeral de Bens e Dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia e quedará adscrito á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 2º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, once de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

5930