Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 15 de xuño de 1998 Páx. 6.605

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 29 de maio de 1998 pola que se regula a concesión de axudas para o fomento do asociacionismo cooperativo xuvenil agrario.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 30.3º recoñece a competencia, de acordo coa planificación xeral da economía, en materia de agricultura e gandería a favor da Xunta de Galicia e no seu artigo 28.7º, recolle a competencia específica na materia de cooperativismo.

Para o seu desenvolvemento, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria promoverá e apoiará o fomento do asociacionismo de carácter cooperativo entre os mozos do sector agrario, mediante a concesión das axudas que se regulan na presente orde.

Artigo 2º

As axudas a que se refire a disposición anterior terán carácter de subvención.

Artigo 3º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, para fomenta-lo asociacionismo xuvenil, poderá concederlles subvencións ós mozos do sector agrario que se integren como socios dalgunha entidade asociativa das seguintes:

a) Cooperativa agraria.

b) Sociedad agraria de transformación, (en diante SAT).

Artigo 4º

Para ser beneficiario das subvencións ás que se refire o artigo anterior, requírese:

1. Ser maior de idade ou menor emancipado, e non ter cumpridos corenta anos de idade na data de admisión como socio na entidade asociativa na que se integre durante o periodo hábil para ter dereito a solicitar esta axuda.

2. Estar vinculado ó sector agrario, alomenos por algunha das seguintes condicións:

a) Ser empresario directo e persoal do sector agrario.

b) Ser socio dunha cooperativa agraria de explotación comunitaria, dunha cooperativa de traballo asociado de carácter agrario ou dunha SAT.

c) Ser asalariado do sector agrario ou traballador dunha cooperativa agraria ou dunha SAT.

d) Ter dependencia familiar do sector agrario, ou tela ata a maioría de idade ou ata a emancipación da persoa incursa nalgunha das situacións deste apartado.

3. Acreditar suficiente capacitación profesional na actividade que lle corresponda desenvolver na entidade na que se integra, ou comprometerse a adquirila no prazo de dous anos, no caso de non posuíla.

4. Realiza-la integración na entidade asociativa no período comprendido entre os doce meses previos inmediatos á presentación da solicitude de subvención e os tres meses seguintes á data de concesión desta.

5. Permanecer alomenos durante cinco anos como socio da cooperativa ou SAT.

Artigo 5º

As subvencións destinaranse a sufragar parcialmente as contribucións económicas que os mozos beneficiarios estean obrigados a satisfacerlle á entidade para a súa integración como socios, e que sexan reintegrables unicamente no caso da disolución daquela ou da perda da condición de socio por causa obrigatoria e xustificada allea a el.

Artigo 6º

1. A contía máxima das subvencións non superará o 50% das contribucións ás que se refire a disposición anterior.

2. Establécense os seguintes límites absolutos:

a) Ata 600.000 ptas. por beneficiario, cando a súa incorporación se produza no marco dunha actuación da entidade que leve consigo un programa de investimentos específico ou relacionado coa incorporación dos novos socios. A suma das subvencións concedidas ós mozos beneficiarios non poderá ser superior ó conxunto de gastos do programa de investimentos.

b) Ata 300.000 ptas. por beneficiario, cando a súa incorporación á asociación non se produza na situación á que se refire o parágrafo anterior.

3. A suma das subvencións correspondentes ós beneficiarios que se integren nunha mesma entidade asociativa non poderá ser superior a 15.000.000 de pesetas.

Artigo 7º

As contribucións económicas dos mozos beneficiarios a que se refire o artigo 5º, poderán efectuarse baixo calquera das modalidades seguintes:

a) Entregas en efectivo.

b) Entregas en capital mobiliario ou inmobiliario, valoradas por técnico competente, de acordo cos prezos de referencia na comarca.

Artigo 8º

No caso da creación de novas asociacións, ou da integración de novos socios que leve consigo un programa de investimentos específico, considérase de especial relevancia a realización con carácter previo de estudios de viabilidade. Para o dito fin, poderáselle conceder á asociación unha subvención de ata o 50% do custo do estudio, cun límite máximo de 500.000 ptas. Para tales efectos, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria apreciará a rigorosidade e profesionalidade dos citados estudios.

Artigo 9º

As solicitudes de subvención serán formuladas individualmente por cada mozo, e presentaranse en expediente único para o conxunto dos que se integren nunha mesma asociación. Os expedientes conterán os seguintes documentos:

-Instancia individual debidamente cuberta e subscrita por cada mozo, segundo modelo do anexo, na que constarán os compromisos que contrae e a declaración sobre a veracidade da documentación presentada.

-Relación de peticionarios incluídos en cada expediente.

-Fotocopia do documento nacional de identidade de cada peticionario.

-Certificación do secretario da entidade, na que faga constar que os mozos solicitaron a admisión como socios e, cando corresponda, o plan de investimentos previsto.

-Breve informe técnico sobre a asociación ou, se é o caso, estudio de viabilidade técnico-económica e financeira da entidade, realizado por técnico competente, cando a integración do mozo leve consigo un programa de investimentos específico ou cando se trate dunha entidade de nova creación.

-Documentación que acredite a vinculación dos mozos ó sector agrario, e a súa capacitación profesional suficiente ou, en caso de non tela, o compromiso de adquirila no prazo de dous anos con posterioridade ó ingreso.

-Compromiso, por escrito, de permanencia na cooperativa ou SAT durante polo menos cinco anos. Se nese período se dá de baixa, voluntariamente ou por causa imputable ó socio, a cooperativa ou SAT debe comunicarllo á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación no prazo de tres meses.

-Copia compulsada da parte dos estatutos da asociación onde se establece a contribución obrigatoria necesaria para a adquisición da condición de socio, ou no caso da súa modificación, certificación ou copia compulsada da acta onde se recolle o acordo da asemblea no que se fixa a cota actual.

-Certificación bancaria de cada un dos mozos solicitantes, na que conste o código tanto da entidade

bancaria coma da sucursal, o díxito de control e o número de conta.

-Certificación expedida pola Consellería de Economía e Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia, acreditativa de que o mozo solicitante non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública desta Comunidade Autónoma.

-Certificación expedida polo órgano competente, acreditativa de que os mozos se encontran ó día no pagamento das obrigas fiscais e da Seguridade Social.

Artigo 10º

1. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e presentaranse no rexistro xeral desta consellería, nas súas delegacións provinciais, nas axencias de Extensión Agraria, ou nos lugares e forma indicados no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes terá lugar durante os 30 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º

1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, unha vez rematado o prazo de presentación das solicitudes, comunicaralle a cada beneficiario, no prazo máximo de tres meses, a concesión da axuda e o importe previsto, en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente para esta liña de axudas. De todas formas, o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.

2. Na concesión destas subvencións terán preferencia os mozos que se integren en cooperativas, e aqueles en que a súa integración estea debidamente xustificada no informe ou estudio de viabilidade correspondente.

Artigo 12º

Como requisito previo para o pagamento da subvención aprobada, os beneficiarios quedarán obrigados a xustificar que efectuaron a contribución establecida, mediante certificación expedida polo secretario da cooperativa ou SAT na que se integren, co visto e prace do seu presidente. Ademais, figurarán os seguintes datos:

-O importe da contribución e a data na que se realizou.

-O destino da devandita contribución.

-A data de integración do mozo na entidade asociativa.

-Nos casos en que a integración dos mozos levase consigo un programa de investimentos específico, a entidade asociativa deberá xustificar debidamente a realización dos investimentos previstos.

-Nos casos en que a integración dos mozos tivese lugar nunha asociación de nova creación, presentarase copia compulsada dos seus estatutos.

Artigo 13º

O incumprimento dos fins e requisitos establecidos nesta orde levará consigo a obriga por parte dos beneficiarios, de reintegrarlle ó Tesouro da Comunidade Autónoma as subvencións recibidas, incrementado o seu importe no xuro legal que proceda. A Xunta de Galicia poderá interpoñe-las accións legais correspondentes para esixi-las responsabilidades a que houber lugar en dereito.

Artigo 14º

As subvencións incluídas na presente orde son incompatibles con calquera outra que para a mesma acción concedan outros organismos da Administración do Estado ou desta Comunidade Autónoma.

Artigo 15º

Os expedientes económicos destas axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 09.04.612A.770 Fomento asociacionismo agrario, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, por un importe de vintecinco millóns de pesetas (25.000.000 de ptas.).

Ademais, poderanse conceder subvencións ata o límite do crédito que para esta finalidade se xere no citado concepto, en virtude das transferencias procedentes dos orzamentos xerais do Estado que o MAPA lle atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia como subvencións non integrantes do custo efectivo.

Disposicións derradeiras

Pimeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las disposicións complementarias precisas para o correcto desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

3857