Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 11 de xuño de 1998 Páx. 6.468

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 20 de maio de 1998 pola que se regula a concesión de subvencións a corporacións locais para actividades de fomento ó investimento en mercados retallistas, en rúas e zonas peonís-comerciais e noutros equipamentos comerciais de carácter social.

Unha das competencias que ten atribuída a Consellería de Industria e Comercio concrétase no fomento de actividades de utilidade pública ou interese social dirixidas á promoción, adecuación e mellora dos equipamentos comerciais de uso colectivo e de carácter social.

Estas actividades subvencionables teñen como beneficiarios os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia e van dirixidas ó investimento en mercados retallistas, rúas e zonas peonís-comerciais e outros equipamentos comerciais de carácter social.

As subvencións que se establezan serán con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, que inclúen a oportuna consignación na aplicación 08.04.521-A.761.1. «Transferencias de capital. Corporacións locais. Equipamentos comerciais de carácter social».

En virtude do exposto e en exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. Son actividades de fomento susceptibles de subvención:

a) O investimento en mercados retallistas. En concreto, a construcción, reparación, modernización e

remodelación da estructura física e das instalacións de uso comunitario de mercados retallistas de titularidade municipal.

b) O investimento en rúas ou zonas peonís-comerciais. En concreto, os proxectos de creación, modificación e mellora de rúas e zonas peonís-comerciais.

c) O investimento noutros equipamentos comerciais de carácter social. En concreto, as dotacións de equipo e instalacións xerais ou complementarias que se integren en unidades comerciais afíns.

2. Poderán beneficiarse destas actividades de fomento obxecto de subvención sinaladas no parágrafo anterior os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Contía e ámbito.

1. As subvencións que se establezan para os investimentos que se realicen durante o ano 1998 serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.04.521-A.761.1 e estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

2. A contía da subvención que se outorgue non poderá superar en ningún caso o 70% do importe do investimento realizado, sen que supere 90% do devandito investimento, no caso de acumularen outras subvencións para igual fin.

3. Poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual nos termos e límites do artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 3º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ós delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral das respectivas delegacións provinciais ou en calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á solicitude de subvención, segundo o modelo normalizado do anexo, deberá xuntarse por triplicado á documentación que a seguir se relaciona, en orixinal ou copia compulsada:

a) Certificación do acordo de aprobación polo correspondente órgano municipal do proxecto de investimento, da solicitude de subvención coa súa contía exacta e do plan de financiamento do proxecto.

b) Certificado acreditativo da titularidade municipal dos inmobles onde estea o mercado retallista ou das vías nas que estea previsto realiza-lo investimento, segundo os casos.

c) Memoria xustificativa de:

-O interese, oportunidade e necesidade do investimento.

-O programa de execución do investimento, con especificación das data de inicio e terminación previstas.

-O estado actual do equipamento de que se trate e, se é o caso, detalle das súas instalacións, antigüidade, capacidade comercial e adecuación entre necesidades e funcións que cumpren.

d) Escrito que indique expresamente se se solicitou ou non, ou se se ten previsto solicitar, algunha subvención para a mesma finalidade a outros entes públicos ou privados e, en caso afirmativo, indicación do tipo de axuda e contía dela.

3. Así mesmo, deberá presentarse a seguinte documentación específica segundo as actividades que se relacionan.

a) Actividade de fomento en mercados retallistas: proxecto de obra realizado por técnico facultativo, visado polo colexio profesional correspondente, cando proceda.

b) Actividade de fomento en rúas e zonas peonís-comerciais: estudio técnico de viabilidade do proxecto.

c) Actividade de fomento noutros equipamentos comerciais de carácter social: factura pro forma con expresión das características e orzamento do investimento que se vai realizar.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Corrección de defectos da solicitude ou documentación.

1. Se a solicitude ou documentación que se xuntan non reúnen os requisitos establecidos no artigo 3º, requirirase o concello solicitante para que, nun prazo de dez días, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos xa que, noutro caso, se terá por desistido da solicitude con arquivo das actuacións sen mais trámite.

2. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar dos concellos solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 5º.-Criterios de prioridade para a concesión.

1. Darase prioridade para a obtención das subvencións obxecto desta disposición a:

a) Os proxectos destinados á adecuación de edificios, instalacións e equipos no caso de mercados municipais retallistas e de abastos para municipios con poboación de dereito superior a 5.000 habitantes.

b) Os proxectos de obras en instalacións de rúas e zonas de uso peonil-comercial cando se sitúen en núcleos con gran presencia comercial.

2. Así mesmo, as axudas concederánselles preferentemente ós proxectos nos que concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) En relación coas actividades de fomento en mercados retallistas:

-Que se producira unha deteriorización grave nas instalacións, nos accesos e demais particularidades do mercado.

-Que o mercado se deba adaptar ás esixencias das normativas técnico-sanitarias e das normas básicas de seguridade en edificacións.

- Que a natureza das obras proxectadas responda a unha reparación xeral e non a actuacións de mantemento.

b) En relación coas actividades de fomento en rúas e zonas peonís-comerciais:

-Que as características físicas e comerciais da zona aconsellen a súa creación ou modificación e estas sexan factibles no seu marco urbanístico.

-Que o proxecto responda a un plan integral que resolva os aspectos estructurais e funcionais da zona, de acordo con criterios de orde xeral en materia de urbanismo comercial.

-Que se conte cun plan de rehabilitación de vivendas e edificios da zona, que se adecúe a criterios específicos de ordenación dos usos e formas comerciais.

c) En relación coas actividades de fomento noutros equipamentos comerciais de carácter social:

-Que se remodelen as superficies comerciais para procurar unha dimensión máis racional dos puntos de venda e doutros elementos comúns dos mercados retallistas ou de unidades comerciais afíns.

-Que se faga unha ordenación axeitada do conxunto, segundo criterios de accesibilidade, comodidade e información dos consumidores e usuarios.

Artigo 6º.-Informes.

Os órganos competentes das delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio estudiarán para o seu posterior informe a documentación presentada, valorando a memoria global xustificativa do investimento e a importancia social e comercial das actividades de fomento previstas, de acordo cos criterios de prioridade e preferencia previstos no artigo anterior.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Os delegados provinciais, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, á vista dos informes de evaluación, dictarán as resolucións que pro

cedan, que se notificaran ós concellos solicitantes, poñendo fin á vía administrativa.

2. A efectividade da resolución de concesión quedará condicionada ó seguinte:

a) Que o interventor municipal certifique, no prazo máximo dun mes desde a notificación da resolución, a existencia de consignación orzamentaria para a realización do proxecto concreto obxecto da subvención, concretando a partida e dotación orzamentaria destinada para tal fin.

b) Que se estableza o prazo para a terminación do investimento.

3. O prazo máximo para resolver é de dous meses, contados a partir da data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo, en ausencia de resolución expresa, entenderase que é desestimatoria da concesión de subvención nos termos sinalados nos artigos 43 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Modificacións da resolución de concesión.

1. A resolución de concesión da subvención poderá modificarse en caso de resultar probada a concorrencia con outras subvencións sempre que a contía total super o 90% da inversión concreta.

2. Calquera modificación que sexa preciso introducir no proxecto de investimento, posterior á resolución de concesión, deberá ser autorizada polo delegado provincial correspondente, debendo presentarse para tal efecto o proxecto reformado aprobado polo órgano competente do concello.

Artigo 9º.-Publicidade en obras.

O concello adoptará as medidas e disposicións necesarias para garantir unha adecuada publicidade no lugar das obras durante o prazo de execución destas, debendo constar que están subvencionadas pola Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia.

Artigo 10º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez que se presenten por triplicado os documentos que a seguir se relacionan:

a) En caso de obras:

-Proxecto de obras que serviu de base para a adxudicación.

-Certificación acreditativa da adxudicación que indique o nome do contratista, o importe líquido da adxudicación e, se é o caso, a baixa na licitación.

-Certificación da obra realizada, expedida polo técnico facultativo e aprobada polo órgano competente do concello beneficiario.

b) Nos demais casos, certificación acreditativa do investimento ou da adquisición dos equipamentos.

2. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ó orzado que serviu de base para a resolución da súa concesión, sen prexuízo de que o órgano concedente dispoña a súa total revogación, nos termos previstos no artigo 12º desta orde.

3. Os investimentos obxecto de subvención acollidos á presente anualidade deberán estar executados e xustificados antes do 1 de decembro de 1998.

Artigo 11º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención correspondente á presente anualidade farase nun único pagamento, unha vez executado e xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado, de conformidade co disposto pola Orde do 3 de marzo de 1987 (Diario Oficial de Galicia nº 53, do 18 de marzo de 1987).

2. Sen prexuízo do sinalado no parágrafo anterior, poderán efectuarse pagamentos parciais das subvencións concedidas ou autorizar anticipos con suxeición ó establecido na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 12º.-Comprobación e control dos investimentos.

1. As delegacións provinciais en calquera momento poderán inspecciona-los investimentos realizados e, se é o caso, as obras en curso.

2. O incumprimento dalgunha das condicións e obrigas impostas na presente orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución de concesión ó concello beneficiario dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, despois da audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e xuros correspondentes de demora.

Artigo 13º.-Lexislación aplicable.

Para todo o non previsto na presente orde aplicarase o disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 1998.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

5122