Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 11 de xuño de 1998 Páx. 6.463

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 4 de maio de 1998 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas para mellora-la eficiencia e a infraestructura enerxética de Galicia.

Un dos obxectivos da Consellería de Industria e Comercio no campo da política enerxética é lograr uns índices de calidade da subministración eléctrica adecuados e unha utilización máis racional da enerxía, non só reducindo o consumo, senon tamén mellorando a eficiencia enerxética.

A Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico prevé que as distintas administracións no ámbito das súas respectivas competencias territoriais, poderán instrumentar programas de actuación e adoptar medidas que incentiven a mellora do servicio ós usuarios, así como a eficiencia e o aforro enerxético.

Numerosas entidades locais están afectadas polas carencias existentes na actual infraestructura eléctrica e necesitan realizar fortes investimentos, en relación cos seus orzamentos, para dotar de subministración eléctrica adecuada os servicios públicos existentes nos núcleos de poboación que, ó non seren de gran relevancia, tanto polo número de habitantes como polo seu desenvolvemento industrial, carecen dunha infraestructura eléctrica axeitada. Noutras ocasións, como consecuencia do desenvolvemento das cidades e, por motivos de interese social, é preciso realizar modificacións na infraestructura eléctrica que implican elevados investimentos.

Un primeiro paso para consegui-lo aforro e a diversificación é un estudio que analice a estructura do

consumo enerxético, a súa distribución e as posibilidades de reducción, en función de melloras en equipos e procesos, así como a introducción de innovacións nas instalacións que aumenten o rendemento enerxético.

As instalacións eléctricas municipais son en moitos casos susceptibles de modificacións para unha mellora na eficiencia enerxética, que de acordo co estado actual da técnica, permitan un sensible aforro no consumo de enerxía.

A mellora da calidade da electrificación no medio rural de Galicia é un obxectivo primordial, xa que tanto a calidade de vida das persoas como o desenvolvemento de industrias e das explotacións agropecuarias, dependen en boa medida dun bo servicio eléctrico, que hoxe en moitos lugares é deficiente.

A Comunidade Económica Europea está dando un gran impulso ás enerxías renovables e ós programas de eficiencia enerxética, a través dos programas SAVE, ALTENER, JOULE, THERMIE e, por outra banda, o Plan Enerxético Nacional 1991-2000 ten un programa específico dedicado ó aforro enerxético e enerxías renovables, o Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética (PAEE), que ten as súas bases reguladoras establecidas na Orde do 6 de febreiro de 1997. En liña co establecido polas ditas administracións debe prestarse apoio ós proxectos innovadores no uso racional da enerxía.

Como medio e instrumento para favorece-las actuacións indicadas, a Consellería de Industria e Comercio considera necesario establecer un sistema de axudas económicas para promove-la realización de investimentos, encamiñados a consegui-los fins expostos.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Capitulo I

Auditorías enerxéticas

Artigo 1º

A Consellería de Industria e Comercio, con cargo ó programa 631-B Iluminación pública e aforro enerxético aplicación orzamentaria 08.02.631-B.760.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998, establece axudas ós concellos para a realización de auditorías enerxéticas das súas instalacións.

As auditorías enerxéticas consistirán, ademais das revisións e actualización dos datos existentes, no estudio exhaustivo das posibilidades de mellora-la eficacia enerxética das instalacións, de acordo co seguinte plan:

a) Recompilación da información básica xeral, na que se recollerán as características de tódalas instalacións, das que é titular o concello.

b) Informe técnico-económico no que se detallarán tanto os consumos instantáneos, perdas e rendementos enerxéticos, coma as medidas que se deben adoptar para mellora-las deficiencias enerxéticas, establecéndose un plan de aforro ordenado en función do período de amortización.

Artigo 2º

A axuda poderá acadar un máximo do 50% do custo da auditoría, modulando a porcentaxe en función dos recursos económicos do concello.

Artigo 3º

As auditorías serán realizadas por empresas que, a criterio da Consellería de Industria e Comercio, ofrezan garantías e experiencia suficientes neste campo específico en Galicia e deberán ser asinadas por técnico titulado competente.

Artigo 4º

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo, cos requisitos sinalados no capítulo VIII desta orde, especificando a empresa que realizará a auditoría enerxética para a súa aceptación pola Consellería de Industria e Comercio.

Artigo 5º

O pagamento das axudas efectuarase unha vez entregada, por triplicado exemplar, a auditoría coas facturas emitidas pola empresa auditora, aprobadas polo órgano competente do concello, ou ben coa xustificación do pagamento, na correspondente delegación provincial desta consellería e logo do informe favorable dos servicios técnicos competentes.

Capítulo II

Instalacións eléctricas municipais

e aforro enerxético

Artigo 6º

A Consellería de Industria e Comercio, con cargo ó programa 631-B Iluminación pública e aforro enerxético, aplicación orzamentaria 08.02.631-B.760.0, do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, establece axudas ós concellos que precisen realizar ou modificar infraestructuras eléctricas de servicios públicos ou realizar investimentos co obxecto de reduci-la incidencia do factor enerxético na súa estructura de custos.

Non se subvencionará en ningún caso a electrificación de urbanizacións e vivendas illadas dedicadas á segunda residencia.

Artigo 7º

A axuda poderá acadar ata o 50% do investimento total, modulando a porcentaxe en función do seu interese social, das dispoñibilidades orzamentarias da entidade local e da propia dispoñibilidade orzamentaria da consellería.

Artigo 8º

A solicitude, que deberá ir xunto cos documentos citados no capítulo VIII da presente orde, deberá

axustarse ó modelo que se xunta como anexo desta orde e nela farase constar:

-Memoria do investimento, con indicación do núcleo, lugar, parroquia e municipio.

-Se é o caso, convenio subscrito coa empresa distribuidora da enerxía eléctrica.

-Para instalacións de aforro e mellora da eficiencia enerxética, auditoría enerxética realizada por unha empresa consultora establecida en Galicia con recoñecida experiencia na materia.

Artigo 9º

Os criterios que servirán de base para dar prioridade ás peticións formuladas serán os seguintes:

-Núcleos de poboación de menos de dous mil habitantes, segundo o censo municipal.

-Interese social do servicio público, de acordo co descrito na memoria.

-Eficiencia enerxética da instalación, de acordo co recollido na auditoría ou proxecto correspondente.

-Recursos económicos da entidade local.

-O grao de cumprimento da entidade local solicitante nas axudas outorgadas pola Consellería de Industria e Comercio en exercicios anteriores.

-No caso das instalacións eléctricas, ter subscrito un convenio ou acordo coa empresa distribuídora de enerxía eléctrica, de forma tal que posibilite a utilización conxunta e indistinta dos postes, tanto para a iluminación rural municipal (iluminación pública) coma para o paso das liñas de distribución de subministración eléctrica.

-No caso de instalacións de iluminación pública, adecuación ó proxecto tipo de iluminación pública recollida no convenio suscrito entre empresas eléctricas e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

Capítulo III

Extensión de redes eléctricas

a polígonos industriais

Artigo 10º

A Consellería de Industria e Comercio, con cargo ó programa 631-B Programas de electrificación e enerxías alternativas, aplicación orzamentaria 08.02.631-B-770.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, concederá axudas para a extensión de redes eléctricas a polígonos industriais con especiais dificultades de conexión, que foran promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e que as súas obras se iniciaran con anterioridade ó 1 de xaneiro de 1997.

Artigo 11º

Poderán acollerse a estas axudas as entidades ou empesas promotoras dos correspondentes polígonos industriais.

Artigo 12º

A contía da axuda poderá chegar ó 50% do importe do custo das obras.

Artigo 13º

As solicitudes presentaranse xunto co proxecto técnico correspondente e informe favorable do técnico facultativo do Instituto Galego da Vivenda e Solo, director das obras do polígono correspondente.

Artigo 14º

Para o pagamento da axuda será requisito imprescindible que o beneficiario da axuda presente os documentos acreditativos de que a obra foi realizada coa conformidade do director de obra do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Capítulo IV

Adecuación de instalacións eléctricas

Artigo 15º

A Consellería de Industria e Comercio, con cargo ó programa 631-B Programas de electrificación e enerxías alternativas, aplicación orzamentaria 08.02.631-B.770.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, concederá axudas ás empresas titulares de instalacións de distribución de enerxía eléctrica cun contorno que sufrise modificacións significativas, sexa necesaria a súa adecuación e o concello correspondente asuma a execución da obra civil necesaria (canalización subterránea e apoios de liña de paso aéreo a subterráneo cos elementos inherentes a eles), así como a xestión e consecución dos permisos de paso necesarios.

As empresas interesadas nestas axudas tramitarán as solicitudes a través dos respectivos concellos, que incluirán o expediente escrito relativo ó compromiso de execución ó seu cargo da obra civil con indicación de prazos e procederán á súa tramitación de acordo co previsto no capítulo VIII.

Artigo 16º

A contía da axuda poderá chegar ó 50% dos gastos soportados pola empresa na execución da obra, con exclusión dos correspondentes a obra civil indicados no artigo anterior.

Artigo 17º

Para o pagamento da axuda será requisito imprescindible que o seu beneficiario presente os documentos acreditativos de que o proxecto se realizou.

Capítulo V

Axudas para a mellora da calidade

da subministración eléctrica

no medio rural

Artigo 18º

A Consellería de Industria e Comercio, con cargo ó programa 631-B Programas de electrificación e enerxías alternativas, aplicación orzamentaria 08.02.631-B.770.0, dos orzamentos xerais da Comu

nidade Autónoma de Galicia para o ano 1998, concederá axudas para a mellora e adecuación de instalacións de transporte, transformación e distribución de enerxía eléctrica no medio rural.

Artigo 19º

Poderán acollerse a estas axudas as empresas distribuidoras de enerxía eléctrica, non incluídas no convenio para o desenvolvemento da electrificación rural de Galicia subscrito co Ministerio de Industria e Enerxía o 10 de abril de 1996.

A contía da axuda poderá chegar ó 50% do investimento total.

Artigo 20º

Unha vez finalizado o período de solicitude, tendo en conta as necesidades existentes e a proposta efectuada polas empresas distribuidoras, a delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio, logo de informe, resolverá o que proceda e elaborará unha lista básica de obras por importe do orzamento dispoñible.

Artigo 21º

Para a elaboración destas listas darase prioridade ás obras que inclúan os seguintes aspectos:

1. Que se atopen incluídas no plan xeral de actuacións presentado ante a Dirección Xeral de Industria.

2. Que dispoñan das correspondentes servidumes de paso co obxecto de axiliza-la execución das obras.

3. Zonas de desenvolvemento industrial ou con instalacións agrarias.

4. Que sexa complementaria doutras instalacións enerxéticas de prioridade municipal.

5. Que cubran o maior número de abonados, en relación co investimento.

Artigo 22º

Os investimentos obxecto de axuda, que se realizarán durante 1998, serán comunicados pola Consellería de Industria e Comercio ás empresas eléctricas solicitantes, indicando a contía das axudas aprobadas, así como as condicións técnicas e administrativas para a realización das obras.

Artigo 23º

A realización das obras xustificarase mediante certificación de gastos expedida por persoa con poder suficiente, acompañada dunha auditoría elaborada por unha firma de auditores independentes (inscrita no Rexistro Oficial de Auditores Contables) ou censor xurado de contas. Esta documentación, presentarase na correspondente delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio, para a súa análise, comprobación e pagamento da axuda, se procede, trala certificación dos servicios técnicos da delegación provincial correspondente.

Capítulo VI

Formación en materia de gas

Artigo 24º

Con cargo ó programa 631-B Programa de electrificación e enerxías alternativas, aplicación orzamentaria 08.02.631-B.760.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998, establécense axudas para a formación tecnolóxica en materia de gas.

Artigo 25º

Estas axudas van dirixidas a empresas e asociacións empresariais que realicen ou contraten actividades de formación tecnolóxica en materia de gas.

Artigo 26º

Serán subvencionables os investimentos e actuacións dirixidas a difundi-las técnicas e tecnoloxías en materia de gas canalizado, podendo incluírse investimentos en equipamento ou organización de cursos de formación ou actividades de fomento e difusión en relación co gas canalizado.

Artigo 27º

A contía da axuda poderá acada-lo 45% do investimento.

Artigo 28º

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo, cos requisitos sinalados no capítulo VIII desta orde e deberán ir xunto cos seguintes documentos:

1. Memoria explicativa da acción que se vai desenvolver.

2. Orzamento desagregado do investimento que se vai realizar.

Artigo 29º

Poderán realizarse pagamentos parciais da axuda de acordo co establecido na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

A periodicidade dos pagamentos, a coordinación das actividades que se van desenvolver ou calquera outra cuestión relativa a este programa de formación poderase regular, ben na resolución de outorgamento da axuda ou en convenios específicos que suscribirán entre a Consellería de Industria e Comercio e os beneficiarios.

Capítulo VII

Eficiencia enerxética

Artigo 30º

Con cargo ó programa 631-B Programas de electrificación e enerxías alternativas, aplicación orzamentaria 08.02.631-B.773.0, establécense axudas á execución de proxectos que promovan o uso racional da enerxía na industria, edificios, servicios e transporte ou relativos á utilización ou producción de recursos enerxéticos renovables, así como a aplicación de novas tecnoloxías para a xestión enerxética.

Artigo 31º

Esta liña de axudas poderá aplicarse ós proxectos de electrificación rural, en sistemas illados da rede de distribución, que utilicen sistemas eólicos, solares ou mixtos, aínda con apoio dos grupos electróxenos.

Así mesmo, poderán ser obxecto de axuda os proxectos que, sendo beneficiarios de subvencións concedidas ó abeiro da orde reguladora do marco do Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética (PAEE) non obtivesen a subvención máxima.

Artigo 32º

Poderán acollerse a estas axudas, empresas, entidades públicas ou privadas e persoas físicas.

Artigo 33º

A contía máxima das axudas será do 50% do investimento total subvencionable.

Artigo 34º

Para o pagamento da axuda, será requisito necesario que o seu beneficiario presente facturas acreditativas de que se realizou o proxecto obxecto de subvención.

Así mesmo, nos proxectos de electrificación rural, o beneficiario deberá acreditar que dispón dun contrato de mantemento por un período mínimo de tres anos cunha entidade con capacidade técnica suficiente, a xuízo da delegación provincial de industria correspondente. A presentación do contrato será requisito necesario para a certificación definitiva do proxecto e percepción da axuda outorgada.

Capítulo VIII

Tramitación das solicitudes

Artigo 35º

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O prazo para a solicitude de axudas complementarias do Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética (PAEE) a que se fai referencia no artigo 31º, parágrafo 2, virá determinado pola normativa reguladora deste.

Artigo 36º

As solicitudes axustaranse ó modelo que se xunta como anexo e deberán presentarse por triplicado exemplar, xunto cos documentos seguintes:

a) Acreditación da condición requirida.

b) Copia cotexada do DNI, CIF ou NIF segundo o caso.

c) Declaración de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou Administración pública.

d) Memoria descritiva da actuación que se vai desenvolver, finalidade e prazo de execución.

e) Orzamento de gastos.

f) Certificado expedido polo delegado provincial da Consellería de Industria e Comercio de inscrición no Rexistro Industrial e a súa actualización. Desta condición quedan excluídos os concellos e demais entidades que, de acordo coa legislación vixente, non están obrigadas á dita inscrición.

g) Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Artigo 37º

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos que sinala o artigo anterior e os esixidos para cada caso concreto por esta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

Examinada a documentación, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictará a resolución que proceda.

Unha vez concedida a axuda, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

Artigo 38º

A non notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta e quedará expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 39º

Nun prazo de 40 días hábiles a partir da notificación da axuda, o beneficiario deberá remitir á delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio unha copia do proxecto de execución, cando éste sexa necesario, asinado por técnico competente e visado polo colexio profesional correspondente e certificación da iniciación da obra; se esta fose realizada por terceiros, a documentación que acredite que a obra foi adxudicada e a acreditación do adxudicatario para realizala.

A non presentación desta documentación suporá a anulación da axuda concedida, logo da audiencia do interesado.

Artigo 40º

Para o pagamento das axudas indicadas será indispensable a presentación, antes do 15 de novembro de 1998, ante a delegación provincial correspondente de tres exemplares da memoria da actividade realizada, xunto con xustificantes debidamente acreditados do investimento realizado.

Para o libramento e posterior aboamento da axuda, uniráselle á documentación que se sinala no apartado anterior, certificación da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia entidade bancaria, así como os certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Así mesmo, presentarase declaración de axudas concedidas ou solicitadas noutros organismos desde a data da solicitude das axudas establecidas nesta orde.

A percepción da axuda terá lugar despois de que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen que se levou a cabo a realización do investimento de acordo co proxecto presentado.

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio poderán solicita-las aclaracións ou informes que consideren convenientes e, no caso de non seren remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se lle sinale, considerarase que renuncia á axuda.

Artigo 41º

No caso de que o investimento ou a actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda que se conceda verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida nesta orde, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puidesen derivarse.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde e as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, despois de audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 42º

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo anterior.

Artigo 43º

Con independencia do establecido nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición final

Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 1998.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

5231