Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 11 de xuño de 1998 Páx. 6.472

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 25 de maio de 1998 pola que se convocan bolsas para a coordinación e tratamento documental do inventario e catalogación de fondos de museos e coleccións relevantes de interese galego.

O Decreto 314/1986, do 16 de outubro, polo que se regula o sistema público de museos da Comunidade Autónoma de Galicia, establece a obriga de tódolos museos de Galicia de confecciona-lo inventario e o catálogo das pezas que posúan, como medio para documentar estas científicamente e así poder exerce-las funcións que a todo centro destas características lle corresponden.

Por outra banda, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ten atribuída, en aplicación das súas competencias en materia de museos e patrimonio moble, a facultade de velar pola conservación, coidado e adecuado coñecemento dos museos e do patrimonio moble de Galicia, así como a de fomenta-la formación do persoal técnico dos museos, colaborando, na medida das súas posibilidades orzamentarias, para o mellor cumprimento dos fins e obrigas que lle son propios.

En cumprimento destas funcións convócanse bolsas de formación para a realización do inventario de fondos de museos e coleccións relevantes de interese galego. Estas bolsas precisan de coordinación técnica para controla-lo traballo desenvolvido polos bolseiros e resolve-las dúbidas que se susciten no seu quefacer diario. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Convócanse 3 bolsas para coordinación e tratamento do inventario e catalogación dos fondos de museos e coleccións relevantes de interese galego, con cargo á aplicación orzamentaria 10.03.357A-481.00, dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1998. O importe total das axudas en ningún caso excederá da cantidade de 2.777.775 ptas.

2. Os bolseiros realizarán o seu traballo nos servicios centrais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos centros museísticos de Galicia que coordinen.

3. Os traballos terán unha duración de 6 meses a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

4. Os bolseiros seleccionados quedarán obrigados a:

-Ter dispoñibilidade horaria. O horario será o establecido polos servicios técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cutural de acordo coas necesidades do seu traballo. En todo caso o horario non superará as 25 horas semanais.

-A segui-las indicacións técnicas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-Dispoñibilidade para desprazarse polos centros que haxa que coordinar.

-A entregarlles ós servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, ó finaliza-la bolsa, a memoria explicativa resultado do seu traballo.

Artigo 2º

1. Requisitos dos solicitantes:

-Licenciados universitarios con formación académica nalgunha das seguintes materias: arqueoloxía, etnografía, historia, historia da arte, física, química ou ciencias naturais, e coñecementos de museoloxía.

-Ter desfrutado, con anterioridade, de 1 ou máis bolsas completas das convocadas por esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para inventario e catalogación de fondos de museos.

2. Os solicitantes deberán optar só por un dos 3 campos que se vaian coordinar, dos sinalados no artigo 3º.

3. Presentación das solicitudes:

As solicitudes presentaranse conforme o modelo oficial, que figura como anexo i desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nas súas delegacións provinciais. O prazo de presentación será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán así mesmo presentarse de calquera das formas previstas no artigo 38.4º de Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Documentación que hai que presentar:

-Fotocopia do DNI.

-Declaración responsable de non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, situacións que producen incompatibilidade co desfrute da bolsa que nesta orde se convoca.

-Fotocopia compulsada do expediente académico.

-Anexo I debidamente cuberto e fotocopia dos méritos alegados. Só contabilizarán aqueles méritos dos que se presente proba documental.

Artigo 3º

As bolsas serán adxudicadas prioritariamente para:

-Coordinación e tratamento do inventario no campo da historia da arte e da etnografía (1 bolsa).

-Coordinación e tratamento do inventario no campo da arqueoloxía (1 bolsa).

-Coordinación e tratamento do inventario no campo da ciencia e técnica (1 bolsa).

Artigo 4º

O importe da bolsa non excederá da cantidade de 925.925 ptas. cada unha.

Artigo 5º

1. Os correspondentes servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderán reclamarlles, se fose necesario, ós solicitantes que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación esixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, outorgándose un prazo de 10 días desde o recibo do escrito de requirimento.

2. A avaliación dos méritos alegados, que corresponde á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, farase segundo o seguinte baremo:

-Especialidade en historia da arte: 3 puntos.

-Especialidade en historia ou etnografía: 3 puntos.

-Especialidade en arqueoloxía: 3 puntos.

-Especialidade en museoloxía: 3 puntos.

-Especialidade en ciencias naturais: 3 puntos

-Especialidade en física/química: 3 puntos

-Experiencia de traballo remunerado en catálogos e inventario de fondos de museos. Por cada mes: 0,25 puntos. Ata un máximo de 4 puntos.

-Experiencia de traballo non remunerado en museos. Por cada mes: 0,10 puntos. Ata un máximo de 1,20 puntos.

-Cursos de museoloxía e monográficos de historia da arte, arqueoloxía, antropoloxía, etnografía, ciencias naturais, física ou química:

a) Por cursos de menos de 40 horas: 0,10 puntos. Ata un máximo de 1 punto.

b) Por cursos con acreditación expresa de 40 ou máis horas: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

c) Por cursos con acreditación expresa de 100 ou máis horas: 0,60 puntos. Ata un máximo de 2,40 puntos.

d) Por cursos con acreditación expresa de 250 ou máis horas: 1,25 punto. Ata un máximo de 2,50 puntos.

-Asistencia a congresos: 0,10 puntos. Ata un máximo de 1 punto.

-Presentación de comunicacións en congresos: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

-Presentación de relatorios en congresos: 0,50 puntos. Ata un máximo de 4 puntos.

-Publicacións relacionadas con museoloxía, historia da arte, arqueoloxía, antropoloxía, etnografía,

ciencias naturais, física ou química, impresas antes do remate do prazo de presentacións de solicitudes:

a) Por cada libro publicado: 1 punto. Ata un máximo de 3 puntos.

b) Pola publicación de inventarios ou catálogos: 0,5 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

c) Por cada artigo en revista especializada: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

O mesmo mérito só se valorará unha vez: como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

-Doutoramento:

a) Pola realización total dos cursos de doutoramento ou tese de licenciatura: 1,5 puntos.

b) Pola realización da tese de doutoramento: 3 puntos.

-Cursos de galego:

a) Iniciación: 0,5 puntos.

b) Iniciación e perfeccionamento: 1 punto.

-Cursos de informática:

a) Informática en xeral: 0,10 puntos por curso ata un máximo de 1 punto.

b) Informática aplicada ós museos: 0,25 puntos por curso ata un máximo de 1,50 puntos.

Elaborarase un listado de solicitantes por cada un dos campos ou especialidades que se vaian coordinar tendo en conta que dos méritos específicos alegados só se valorarán os relacionados co campo ó que se opte.

3. Os listados provisionais de bolseiros faranse públicos nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos das súas delegacións provinciais. O prazo de exposición dos listados será de 10 días naturais contados a partir do día seguinte á súa publicación, durante os cales se poderán face-las alegacións pertinentes.

4. Serán convocadas a unha entrevista as 3 primeiras persoas de cada lista. A dita entrevista será de contido técnico e terá carácter selectivo, valorándose especialmente a dispoñibilidade para desprazarse ós centros que se vaian coordinar. Terá unha puntuación máxima de 4 puntos.

5. A resolución da convocatoria correspóndelle ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo por proposta do director xeral de Patrimonio Cultural. O acordo farase público, para efectos de notificación os interesados nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos das súas delegacións provinciais.

6. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tri

bunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir da data de notificación efectiva ós interesados.

7. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicita-la devolución da documentación presentada. Transcorrido o prazo dun ano, procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 6º

O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación.

Ós adxudicatarios das bolsas poderáselles requiri-la documentación necesaria para proceder ó pagamento da dita bolsa.

Artigo 7º

1. No caso de que os beneficiarios das bolsas incumprisen algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo instruirá expediente sancionador conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e poderá, mesmo, anula-los beneficios concedidos e solicita-la devolución das cantidades percibidas, se as houbese, nos prazos que establece o Regulamento xeral da recadación.

2. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo expedirá, logo do informe favorable dos servicios técnicos, ó remata-los traballos, certificación acreditativa da prestación dos servicios.

3. As bolsas non implican relación funcionarial nin laboral coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, nin compromiso que se extenda máis alá do seu ámbito de duración.

Artigo 8º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá facer pública unha nova convocatoria en iguais ou diferentes termos, no caso de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito asignado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Patrimonio Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

5412