Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 29 de maio de 1998 Páx. 5.915

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE VIGO

ANUNCIO de información pública do proxecto de bases de actuación e estatutos da U.A. 14 Pedreira. (Expediente 4066/401/1998).

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo en sesión celebrada o día 20 de febreiro de 1998 acordou aprobar inicialmente o proxecto de bases de actuación e estatutos para a constitución da Xunta de Compensación da U.A. 14 Pedreira, someténdoo a información pública polo prazo de 20 días mediante a inserción do presente anuncio no DOG e con citación persoal dos interesados, conforme establece o artigo 133.4º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia en relación co 102 da dita lei.

O proxecto de bases de actuación e estatutos aprobado inicialmente é o seguinte:

ESTATUTOS

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Denominación.

1. Para a execución da unidade de execución Pedreira delimitada na emenda de deficiencias da adaptación do PXOU de 1988 á Lei 11/1985, do 22 de agosto, de adaptación do solo de Galicia, constitúese a que se denomina Xunta de Compensación como entidade urbanística colaboradora de natureza administrativa, personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, integrada polos propietarios de parcelas incluídas dentro do seu ámbito.

2. Poderán integrarse na Xunta de Compensación entidades públicas titulares de bens demaniais ou patrimoniais e, que se é o caso, polas empresas urbanizadoras que se incorporen conforme o establecido nos presentes estatutos e nas bases de actuación. Por instancia da Xunta de Compensación instruiranse os expedientes necesarios para a expropiación dos predios exteriores ó ámbito, afectados polos sistemas xerais.

3. A Xunta de Compensación rexerase polo disposto nos presentes estatutos e, con carácter imperativo, polo disposto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, sobre o solo de Galicia, o Real decreto lexislativo 1/1992, do 26 de xuño, polo que se aprobou o texto refundido da Lei 8/1990, do 25 de xullo, sobre reforma do réxime urbanístico e valoracións do solo; Real

decreto 3288/1978, do 25 de agosto, polo que se aprobou o Regulamento de xestión urbanística; así como polas demais normas complementarias e concordantes coas citadas, supletoriamente pola Lei de sociedades anónimas.

Artigo 2º.-Ámbito.

Constitue o ámbito da Xunta de Compensación a unidade de execución Pedreira do vixente Plan Xeral de Ordenación Urbana de Vigo aprobada polo seu concello o 23 de decembro de 1995.

Artigo 3º.-Domicilio.

A Xunta de Compensación terá o seu domicilio na r/ Pi y Margall nº 103 - 3º de Vigo, tanto en canto o consello rector non designe outro domicilio.

Artigo 4º.-Obxecto.

A entidade terá por obxecto a promoción e execución para a completa urbanización da unidade de execución Pedreira mediante o sistema de compensación, a través do reparto equitativo entre os propietarios afectados dos beneficios, custos e cargas da urbanización e da actuación compensatoria sobre os terreos comprendidos no seu ámbito.

Artigo 5º.-Fins.

a) Agrupa-los propietarios de predios incluídos dentro do ámbito da unidade de execución, coa finalidade de realizar en réxime de compensación, baixo o principio de reparto equitativo de beneficios e cargas, a urbanización e reparcelación da dita unidade.

b) Incoar expediente expropiatorio respecto ó solo exterior ocupado por sistemas xerais con fixación de xusto prezo.

c) Celebrar ou ratificar toda clase de contratos tendentes a xestionar, elaborar ou encargarlles ós técnicos competentes a redacción dos proxectos de compensación e urbanización ata a súa aprobación definitiva e plena validez xurídica, de execución da obra urbanizadora.

d) Repartir equitativamente os beneficios e cargas da unidade.

e) Executa-los proxectos de urbanización ata a recepción das obras e terreos de cesión obrigatoria e gratuíta polo concello.

f) Aproba-las indemnizacións e prezos xustos.

g) Transmitir á Administración actuante, en pleno dominio, de modo gratuíto e libre de cargas, tódolos terreos de cesión obligatoria e gratuíta.

h) Cederlle á Administración actuante o aproveitamente edificable que lle corresponda na actuación.

i) Solicitar da Administración actuante, a título de beneficiaria, o exercicio da potestade expropiatoria respecto ás parcelas das que os propietarios non se incorporen no tempo establecido pola Xunta de Compensación ou incumpran as súas obrigas como membros integrantes dela ou en relación a predios exteriores afectados por accesos ou outros sistemas

xerais ou ben, e respecto tan só ós propietarios non incorporados e sempre por elección da Xunta de Compensación, ocupa-los ditos predios en favor dela co fin de posibilita-la execución das obras de urbanización previstas, reconocéndolles ós seus titulares o dereito á adxudicación de terreos edificables en proporción á superficie achegada coa reducción adaptada para compensa-los gastos de urbanización correspondentes de acordo co artigo 134 da L.S. de Galicia.

j) Solicitar da Administración actuante o exercicio da vía de constrinximento para o cobro das cantidades debidas polos membros morosos da xunta.

k) Recibi-los terreos achegados polos membros da xunta, sen que iso supoña a transmisión da propiedade senón a cesión, con caracter fiduciario, das facultades de disposición e administración para obte-lo obxecto proposto, quedando afectos os terreos ó cumprimento das obrigas urbanísticas, circunstancias que se farán constar no Rexistro da Propiedade por instancia da Xunta de Compensación.

l) Formalizar operacións de crédito ou emitir títulos para a urbanización coa garantía dos terreos obtidos por expropiación, que formen parte do patrimonio da Xunta de Compensación obtidos exclusivamente por expropiación.

ll) Desempeña-la representación xudicial e extraxudicial necesaria para a xestión e defensa dos intereses comúns dos membros integrantes da Xunta de Compensación.

m) Exerce-lo dereito a esixirlles ás empresas que prestasen os servicios, salvo na parte en que, segundo a súa regulamentación, deben contribuí-los usuarios, ó reembolso dos gastos de instalación das redes de augas, enerxía eléctrica, telefónica ou doutras subministracións.

n) Adxudicar parcelas que resulten do proxecto de compensación entre os compoñentes da Xunta de Compensación e a ou as que correspondan á Administración actuante en virtude do aproveitamento que legalmente lle corresponda.

ñ) Proceder, se é o caso, á edificación de todo ou parte dos terreos da unidade de execución, logo do acordo unánime da asemblea xeral, así como outorgar declaración de obra nova e división horizontal dos inmobles edificados.

o) Solicitar da Administración actuante a inscrición da Xunta de Compensación no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras da Consellería de Ordenación do Territorio e Urbanismo, así como no Rexistro Mercantil se emitisen obrigas ou se se considerara conveniente.

p) Acollerse ós beneficios previstos nas disposicións legais, tanto fiscais como urbanísticos así como ás que resultasen de novas disposicións que puidesen dictarse.

q) Solicitar dos órganos urbanísticos correspondentes a aprobación dos proxectos de urbanización e compensación e a recepción das obras de urbanización.

r) En xeral o exercicio de cantos dereitos, obrigas, accións lle corresponda de acordo coa lexislación vixente, para a mellor realización do seu obxecto.

A entidade adquirirá personalidade xurídica plena unha vez inscrita no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras, logo da aprobación definitiva destes estatutos e bases de actuación.

Artigo 6º.-Duración.

A Xunta de Compensación constitúese por tempo indefinido, ata dar cumprimento íntegro ó seu obxecto e fins, salvo que antes fose acordada a súa disolución de acordo co previsto no artigo 47 destes estatutos.

TÍTULO II

Asociados da Xunta de Compensación

Artigo 7º.-Membros da xunta.

a) A xunta componse dos propietarios de solo incluídos na unidade de execución que subscriben estes estatutos, segundo relación anexa e todos aqueles que se unan ou adhiran a ela antes da súa constitución ou no prazo que marque a xunta.

b) Un representante da Administración actuante designado para o efecto por esta.

c) Os propietarios de terreos exteriores ocupados para sistemas xerais que deban facer efectivo o seu dereito na unidade de execución e se incorporen da forma legalmente prevista.

d) Tamén poderán formar parte da Xunta de Compensación as empresas urbanizadoras que acheguen total ou parcialmente fondos necesarios para urbaniza-la unidade de execución, coas condicións que se sinalan nestes estatutos e nas bases de actuación.

Artigo 8º.-Incorporación á xunta.

1. Os propietarios non promotores da actuación poderán incorporarse a ela, durante o período de información pública, unha vez outorgada a aprobación inicial dos estatutos e bases de actuación ou de conformidade có artigo 134 da Lei do solo de Galicia no prazo dun mes a partir da notificación persoal da súa aprobación definitiva. Transcorrido o dito prazo, a incorporación só será posible se non se entorpece o desenvolvemento do proceso e o aproba a Xunta de Compensación.

2. A incorporación á xunta en calquera dos momentos sinalados no apartado anterior, a solicitará o propietario mediante escrito que deberá presentar no rexistro xeral da Administración actuante, facendo constar expresamente a súa adhesión ós estatutos e ás bases de actuación, os seus datos persoais e, de se-lo caso, do seu representante, domicilio para efectos de notificacións, superficie e lindeiros do predio ou predios da súa propiedade, situacións xurí

dicas, cargas e gravames que afecten a súa propiedade, sinalando neste suposto a natureza, nome e enderezo dos titulares de dereitos reais ou de arrendamento, escrito ó que se lle xuntará o título xustificativo da súa propiedade. A falsidade nestas declaracións sinaladas dará lugar á responsabilidade por danos e perdas que se causen.

3. Para que a incorporación produza os seus plenos efectos, ó interesado, no prazo que se sinale para o efecto, deberá facer efectivas á Xunta de Compensación, as cantidades correspondentes a gastos xa realizados e os previstos para futuras etapas, en función das cotas respectivas.

4. Unha vez transcorrido o prazo de incorporación á Xunta de Compensación, ou ben, aqueles propietarios xa incorporados que non satisfagan as cantidades antes sinaladas e no prazo previsto para o efecto, os seus predios serán expropiados en beneficio da mencionada Xunta de Compensación, de conformidade cos presentes estatutos e bases e a lexislación urbanística aplicable.

Artigo 9º.-Constitución da Xunta de Compensación.

a) Para a constitución da Xunta de Compensación, os promotores convocarán, mediante carta certificada, con oito días hábiles de antelación contados a partir da data de imposición da certificación do envío, na que figurará o día, a hora, o lugar de reunión e o asunto que se vaia tratar, ós propietarios privados ou públicos incluídos na unidade de execución, así como as empresas urbanizadoras incorporadas a ela que aceptasen o sistema de actuación.

b) A constitución formalizarase en escritura pública, e farase consta-lo seguinte contido:

1. Relación de propietarios ou os seus representantes e, de selo caso, empresas urbanizadoras.

2. Relación de predios dos que sexan titulares.

3. Persoas físicas que fosen designadas para ocupa-los cargos do órgano rector.

4. Acordo de constitución.

5. Prazo de adhesión dos non incorporados así como outras declaracións de interese para o obxecto da Xunta de Compensación.

c) Os propietarios que, manifestan da súa intención de incorporarse, non asistan ó acto de constitución da xunta, poderán consenti-la súa incorporación en escritura de adhesión dentro do prazo que para o efecto se sinale. A non adhesión no prazo fixado levará consigo a non incorporación á xunta.

Non obstante, as empresas urbanizadoras poderán incorporarse, aínda despois de constituída a Xunta de Compensación, nas condicións que acorde a asemblea xeral, co voto favorable do 60% das cotas, asumindo as garantías e compromisos que se esixan nela.

d) Copia autorizada da escritura e das adhesións, se é o caso, trasladarase ó órgano urbanístico actuante, que adoptará, se procede, acordo aprobatorio no prazo de trinta días. Aprobada a constitución, o órgano actuante elevará o acordo xunto con copia autorizada das escrituras á Administración competente para a súa inscrición no Rexistro das Entidades Urbanísticas Colaboradoras.

Artigo 10º.-Incorporación da Administración actuante.

A Administración actuante incorporarase, na proporción que lle corresponda, como un propietario máis asumindo os dereitos e obrigas que corresponden a aqueles e sen prexuízo do representante que lle outorga a lei como órgano de vixilancia e control.

Artigo 11º.-Cotitularidade.

No suposto de cotitularidade sobre un predio ou dereito, os cotitulares designarán, en documento fidedigno, a unha soa persoa para o exercicio das súas facultades como membro da xunta, respondendo solidariamente fronte a ela de cantas obrigas dimanen da súa condición. Se non designan representante, será nomeado un propietario entre os cotitulares polo propio consello rector. O nomeado neste suposto cumprirá a súa representación ata que os cotitulares designen outro no seu lugar.

Artigo 12º.-Dereito limitativo de dominio.

No caso de que algun predio pertenza en núa propiedade a unha persoa determinada e outra calquera teña un dereito limitativo de dominio, a cualidade de asociado corresponderá ó primeiro, sen prexuízo dos dereitos e obrigas que posúan os segundos ou dos beneficios que puidesen obter da xestión da Xunta de Compensación durante a vixencia do seu dereito.

Artigo 13º.-Facultades fiduciarias da xunta.

A incorporación dos propietarios non presupón a transmisión á Xunta de Compensación da propiedade dos seus respectivos predios, pero a Xunta de Compensación actuará como fiduciaria con pleno poder de xestión, administración para logra-lo obxecto da actuación e de disposición para predios obtidos por expropiación.

Artigo 14º.-Procedemento expropiatorio.

Nos casos en que sexa necesario proceder á expropiación de predios ou dereitos, o procedemento expropiatorio será o establecido na vixente lexislación urbanística e, en canto a valoración, aplicarase o sinalado nas bases de actuación. Unha vez aprobado o proxecto de compensación e coa finalidade de non paraliza-las obras de urbanización en terreos de destino público, estes poderán ser ocupados e as edificacións e construccións demolidas pola xunta, unha vez depositado o importe indemnizatorio taxado pola xunta, todo isto, aínda cando a fase contradictoria do prezo xusto se encontre en trámite.

En tódolos casos de expropiación de bens e dereitos, tanto pola non incorporación en prazo dos propietarios como por incumprimento das obrigas que se establecen nas bases de actuación, será beneficiaria dela a Xunta de Compensación.

Artigo 15º.-Facultade de disposicións da xunta.

A Xunta de Compensación ten facultade para ofrecer en garantía, gravar, hipotecar e allea-los terreos obtidos por expropiación polos asociados para facer fronte ós gastos de urbanización, para todo o cal precisará autorización expresa outorgada en asamblea xeral.

Artigo 16º.-Alleamento de terreo ou cotas.

Os asociados da xunta poderán allea-los terreos ou a súa participación nela, da seguinte maneira:

1. O transmitente notificaralle en forma fidedigna ó presidente da xunta o nome, domicilio e demais circunstancias do adquirente, así como as condicións da transmisión, para efectos da súa necesaria constancia.

2. O adquirente, por calquera clase de título, quedará subrogado en tódolos dereitos e cargas e en tódalas obrigas pendentes por razón da participación alleada, facendo expresa mención no título de transmisión.

TÍTULO III

Dereitos e obrigas dos membros da Xunta de Compensación

Artigo 17º.-Dereitos.

Son dereitos dos membros da Xunta de Compensación:

a) Participar con voz e voto, por sí ou por medio de representante nas sesións da asamblea xeral, nos asuntos de que se coñeza, proporcionalmente ó dereito que posúa, podendo presentar proposicións e suxestións, salvo suspensión deste dereito por non pagamento de cotas de urbanización.

b) Elexi-lós membros dos órganos de goberno e ser elixido para o desempeño dos cargos.

c) Allear, gravar ou realizar calquera acto de disposición sobre os terreos ou cotas en propiedade, nos termos e condicións sinalados nestes estatutos.

d) Recibir individualmente ou en copropiedade predios resultantes que lles sexan adxudicados en proporción ás cotas de participación.

e) Participar, se é o caso, nos beneficios resultantes da xestión común ó tempo da súa liquidación que puidese corresponderlle e en proporción as súas cotas.

f) Obter información da actuación da xunta e os seus órganos rectores.

g) Recorrer contra os acordos e resolucións dos órganos de goberno da xunta que estimen lesivos ou non conformes a dereito, nos prazos e cos requisitos establecidos nos presentes estatutos e normas legais de aplicación.

h) Os demais dereitos que se lles atribúa de acordo co disposto nos estatutos e bases de actuación e a normativa legal aplicable.

Artigo 18º.-Obrigas.

Son obrigas dos membros da Xunta de Compensación, ademais das derivadas da normativa e planeamento urbanístico aplicable como dos acordos validamente adoptados polos órganos de goberno da xunta, as seguintes:

a) Entregar á Xunta de Compensación, no momento da súa incorporación a ela, os documentos acreditativos da súa titularidade, que sexan válidos fronte a terceiros, xustificando fidedignamente os excesos da superficie computable se difire da escriturada. Así mesmo, no momento da incorporación deberase indica-los nomes e domicilios dos titulares de dereitos reais ou persoais, con expresión da natureza e contía das cargas e gravames.

b) Rexistrar na secretaría da xunta o seu domicilio para efecto de notificacións no momento da súa incorporación, considerándose ben practicada calquera notificación que ó citado domicilio se dirixa. Se non existise domicilio fixado, consideraranse ben efectuadas as notificacións dirixidas a calquera dos que conste nos documentos e datos que figuran na xunta.

c) Contribuír coas cantidades que lle corresponda nos gastos que ocasione o funcionamento da xunta, nos gastos de urbanización, de conformidade co Art. 132 da Lei 1/1997, do solo de Galicia, Art. 155 da Lei do solo e Art. 59 e concordantes do Regulamento de xestión, e en xeral tódolos que ocasione o cumprimento dos seus fins, mediante o aboamento das cotas ordinarias e extraordinarias nos prazos sinalados para o efecto.

d) Outorga-los documentos necesarios para fomaliza-las cesións obrigatorias e gratuítas derivadas da lexislación e do planeamento urbanístico, así como regulariza-la titularidade dominical e a situación rexistral dos terreos aportados, dentro dos prazos sinalados pola xunta.

e) Permiti-la ocupación dos seus predios na parte que sexan obxecto de cesión con destino a uso público ou servicios da unidade de execución segundo o planeamento, así como o seu voo e subsolo, para a execución das obras de urbanización, depósito de materiais e instalacións complementarias, unha vez que fose aprobado o proxecto de compensación.

f) Comunicarlle á xunta cun mes de antelación, a decisión de proceder ó alleamento parcial ou total dos terreos da súa propiedade ou da cota que se lle asignara, notificando a dita transmisión na forma prevista no Art. 16 destes estatutos.

g) Realiza-la edificación conxuntamente no caso de que unha mesma parcela resultante da actuación se adxudique en proindiviso a varios cotitulares.

TÍTULO IV

Órganos de goberno

Artigo 19º.-Enumeración.

1. Constitúen os órganos de goberno da Xunta de Compensación: a asemblea xeral, o consello rector, o presidente, o secretario e o tesoureiro, formando parte, ademais, un representante designado pola Administración actuante.

2. Poderá designarse un xerente se se estima conveniente, co quórum que establece o artigo 27.2º e coas facultades que se determinen.

Capítulo I

Asemblea xeral

Artigo 20º.-Composición.

A asemblea xeral, constituída de conformidade con estes estatutos, é o órgano supremo da Xunta de Compensación, tanto no seu carácter deliberatorio como decisorio no ámbito da súa competencia, e formarán parte dela tódolos membros da Xunta de Compensación, incluído o representante da Administración actuante, sendo o seu presidente e secretario o mesmo có do consello rector.

Artigo 21º.-Reunións.

a) A asemblea xeral reunirase con carácter ordinario, alomenos, unha vez no ano, coa finalidade de deliberar e adoptar acordos sobre a aprobación do orzamento, a memoria anual, o balance e contas, así como, de se-lo caso, das xestións realizadas polo consello rector ou as acordadas pola asemblea.

Con carácter extraordinario reunirase cantas veces o estime necesario o seu presidente, o consello rector por maioría dos seus membros ou o solicite un número de membros da xunta que represente unha cuarta parte do total das cotas de participación.

b) Estando reunidos tódolos membros da xunta, poderá celebrarse a asamblea, se se acorda por unanimidade, sen necesidade de previa convocatoria.

Artigo 22º.-Eficacia.

Tódolos membros da xunta, mesmo os disidentes e os non asistentes á asemblea xeral, quedan sometidos ós acordos validamente adoptados.

Artigo 23º.-Facultades.

A asemblea xeral coñecerá de todos cantos asuntos afecten ó obxecto e fins da Xunta de Compensación, sinalándose para o efecto con caracter enunciativo, as seguintes facultades:

a) Aprobación dos orzamentos de gastos e investimentos.

b) Aprobación de memoria e balance anual.

c) Modificación dos estatutos e bases de actuación, sen prexuízo da súa aprobación posterior pola Administración actuante.

d) Designación e cesamento dos membros do goberno e administración da xunta, e se é o caso, de auditores ou censores de contas.

e) Fixación de medios económicos e contribucións ordinarias e extraordinarias.

f) Aprobación de indemnizacións e prezos xustos.

g) Autoriza-la formalización de actos sobre bens e dereitos pertencentes á xunta tales como adquisicións, alleamentos, concesións, segregacións, dereitos de superficie, divisións, agrupacións, permutas, obras, plantacións, declaracións de obra nova e división horizontal, constitución de gravames e dereitos reais, así como cancelación destes e demais actos de administración relativos a bens e dereitos da Xunta de Compensación.

h) Aproba-lo proxecto de compensación de conformidade ás bases de actuación, determinando as adxudicacións dos predios resultantes e aprobación do proxecto de urbanización.

i) Contratación das obras de urbanización de conformidade co Art. 176 do Regulamento de xestión urbanística.

j) Determina-la prioridade na execución das obras de urbanización e edificación, se é o caso, por proposta do consello rector, dentro das previsións do plan de etapas.

k) Acorda-la constitución de garantías que poidan esixi-los órganos urbanísticos para asegura-las obrigas contraídas pola xunta.

l) Acorda-la formalización de créditos para realiza-las obras de urbanización.

ll) Aprobación de incorporación de empresas urbanizadoras así como acorda-la constitución de sociedades con fins de urbanización, edificación, explotación de servicios ou complementarias destas.

m) Aproba-la disolución da Xunta de Compensación.

n) En xeral, calquera outro asunto e cantas facultades sexan precisas para o normal desenvolvemento dos fins da xunta.

Artigo 24º.-Convocatoria.

1. O secretario, por orde do presidente, será quen convoque a asemblea xeral ordinaria, mediante carta certificada enviada ó domicilio dos membros asociados da Xunta de Compensación, cunha antelación mínima de oito días hábiles contados a partir da data da imposición do certificado, indicando de conformidade cos estatutos, a data en que se celebren e coa mesma antelación con anuncio no domicilio social. Nos dous casos, a convocatoria da reunión indicará o lugar, a data e hora da primeira e segunda convocatoria da reunión e a orde do día expresiva dos asuntos que se someterán ó coñecemento e resolución da asemblea.

2. Os asociados terán á súa disposición, no domicilio social, ata un día anterior a celebración das asembleas xerais ordinarias, a memoria, o orzamento anual e as contas correspondentes; todo o que se indicará na mesma convocatoria da asemblea.

3. As reunións de asembleas xerais extraordinarias serán convocadas polo presidente e notificadas polo secretario, por carta certificada enviada ó domicilio dos membros da xunta, coa antelación de tres días hábiles contados a partir da data de imposición do certificado.

Artigo 25º.-Quórum de constitución.

1. A asemblea queda validamente constituída en primeira convocatoria, cando concorran a ela, por si ou por representación, asociados da xunta que representen alomenos o 50% das cotas de participación. En segunda convocatoria, despois de media hora da primeira, será válida a súa constitución con calquera número de asistentes, sendo preceptiva a presencia do presidente e secretario.

2. Os membros da xunta poderán, por escrito e para cada reunión, designar a unha persona que os represente nas asambleas. No suposto de terlle asignada a representación, por medio de poder notarial, a dúas ou máis persoas, tan só poderá votar un dos representantes.

Artigo 26º.-Sesións.

O presidente do consello rector ou quen establece os estatutos en caso de substitución, presidirá a asemblea xeral e dirixirá e moderará os debates, abrirá quenda para proceder á votación dos puntos da orde do día da convocatoria. O cargo de secretario na asemblea será exercido polo secretario do consello rector ou quen o substitúa.

Artigo 27º.-Adopción de acordos.

1. Quórum ordinario: os acordos alcanzaranse pola maioría simple das cotas de participación presentes ou representadas, coas excepcións que sinala o apartado seguinte.

2. Quórum especial: é necesario o 60% das cotas de participación dos propietarios integrantes da xunta para adoptar acordos coa finalidade de modifica-los estatutos e bases; sinalamento e rectificación de cotas; imposición de contribucións extraordinarias; alleamento de terreos obtidos por expropiación; incorporación de empresas urbanizadoras e garantías e compromisos esixibles; aprobación de proxecto edificación, remoción de cargos e nomeamentos de xerente, así como o 80% das cotas de participación na proposta de disolución da xunta e concertación de créditos.

3. A aprobación do proxecto de compensación require o acordo adoptado pola maioría dos membros que representen a maioría absoluta das cotas de participación.

Artigo 28º.-Executividade dos acordos.

Os acordos da asemblea serán inmediatamente executivos, con independencia dos recursos que se exerza, salvo que neles se acordase a suspensión.

Artigo 29º.-Cómputo de votos.

1. O voto será ponderado en función da achega de cada socio. A cada un se lle asignará un número de unidades valor segundo aproveitamento que lle

corresponda na unidade de actuación, expresivo dos dereitos ou intereses económicos, correspondendo unha unidade de valor por cada metro cadrado de edificabilidade. Cada unidade de valor dará dereito a un voto.

2. As cotas de participación adxudicadas ás parcelas adquiridas pola entidade como consecuencia do seu carácter de beneficiaria da expropiación, atribuiranse á Xunta de Compensación.

3. Ó incorporarse a Administración actuante, co aproveitamento edificable e parcela/s que lle correspondan ou se chegasen a facelo empresas urbanizadoras, no momento da súa integración reaxustaranse as participacións porcentuais dos asociados, asignando a cota correspondente a elas.

4. Os asociados serán suspendidos do exercicio dos seus dereitos na asemblea nos supostos de incorrente dos pagamentos que lle correspondan, así como nos supostos de incumprimento das súas obrigas para coa xunta e durante todo o tempo que permanezan na dita situación.

Artigo 30º.-Actas.

1. Dos acordos adoptados en cada reunión da asemblea xeral levantarase unha acta que será aprobada na mesma reunión. Na dita acta, que posteriormente será transcrita ó correspondente libro de actas, farase constar o lugar, data e hora da celebración en que tivo lugar; a convocatoria en que se constituíu, identificación dos asistentes con nome e apelidos e, se é o caso, dos representantes, orde do día que será a que figure na convocatoria previa, relación completa pero breve dos acordos adoptados, así como o resultado das votacións.

Os asistentes e o secretario asinarán, na parte inferior da acta ou nas follas anexas que se incorporen, a súa asistencia á asemblea e, todo isto co visto e prace do presidente.

2. As actas figurarán no libro correspondente debidamente dilixenciado e foliado, coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.

3. Por petición dos asociados ou de órganos urbanísticos, o secretario expedirá certificacións dos acordos consignados no libro de actas, co visto e prace do presidente.

4. É de aplicación, no non previsto, a lexislación do réxime local.

Capítulo II

Do consello rector

Artigo 31º.-Composición.

O consello rector é a representación permanente da asemblea e órgano normal de goberno da xunta e intégrase por un presidente, un vicepresidente, un tesoureiro, un secretario e se fose preciso, o vocal ou vocais que determine a asemblea, ademais dun representante da Administración, dos cales serán elixidos na primeira asemblea xeral. Os cargos serán

exercidos por persoas físicas, entre os membros da xunta ou dos seus representantes, coa excepción do cargo de secretario, que ademais poderá ser exercido por persoa que, sen ser membro da Xunta de Compensación, sexa licenciado en dereito.

Artigo 32º.-Competencia do consello rector.

Son as súas funcións as seguintes:

a) Administra-la Xunta de Compensación de conformidade coa lei e estes estatutos e bases de actuación.

b) Propoñe-los acordos que adoptará a asemblea xeral.

c) Executa-los acordos da asemblea xeral.

d) Representar xuridicamente a Xunta de Compensación con plena personalidade ante o Estado, provincia, municipio, órganos urbanísticos, entes estatais e paraestatais, incluído o Xurado Provincial de Expropiación, empresas particulares e persoas individuais coa finalidade de executa-los acordos da xunta.

e) Autoriza-la celebración de toda clase de actos e contratos, públicos e privados, civís, mercantís e administrativos necesarios para o desenvolvemento da actividade da Xunta de Compensación, precisando da ratificación da asemblea xeral para a súa validez.

f) Facer e esixir toda clase de pagamentos, cobros, liquidacións sexa cal sexa a súa causa xurídica e persoa ou entidade obrigada ó pagamento, segundo o acordado pola asemblea xeral.

g) Abrir, manexar e cancelar toda clase de contas en entidades bancarias ou de aforro así como dispor de fondos nelas, mediante sinatura das persoas autorizadas para tal fin.

h) Librar, aceptar, endosar, descontar e protestar letras de cambio, talóns ou obrigas de pagamento.

i) Realizar toda clase de operacións con calquera das facendas públicas, estatais, autónomas e municipais así como con todo tipo de entidades de aforro, bancos incluído o Banco de España, sociedades, seguros, empresas e particulares.

j) Contratar e separar a todo o persoal e servicios que resultasen necesarios para levar a boa fin a xestión administrativa e técnica da Xunta de Compensación.

k) Realizar actos de xestión.

l) Propoñerlle á asamblea xeral o sistema de cálculo e a determinación das porcentaxes das cotas de participación dos membros da Xunta de Compensación, así como os reaxustes ou modificacións como resultantes de novas achegas ou como consecuencia das operacións de compensación.

ll) Sinala-las cantidades que sexan necesarias para contribuír ós gastos comúns ordinarios e extraordinarios, sinalando a forma e prazos para o seu pagamento.

m) Exerce-las reclamacións e accións que sexan precisas contra os asociados morosos para facer efec

tivo o pagamento de cantidades debidas que lle correspondan así como esixir da Administración actuante o uso da vía de constrinximento contra os ditos asociados morosos.

n) Solicita-las exencións e beneficios fiscais que a lei lles atribúe ás xuntas de compensación.

ñ) Fixar e modifica-lo domicilio social da xunta.

o) Propoñer unha xerencia técnica, establecendo as súas funcións e contido.

p) Tamén lle corresponderán ó consello rector tódalas restantes facultades que non sexan competencia da asemblea xeral, así como as que esta última delegue nela.

Artigo 33º.-Duración de cargos.

Os cargos dos membros do consello rector terán unha duración de dous anos, coa posibilidade de ser reelixidos por outros períodos. Non obstante o anterior, poderán ser cesados durante a vixencia de calquera dos seus mandatos, se así se acorda na asemblea xeral cun voto que represente un 60% das cotas de participación.

Para o suposto de vacantes por falecemento ou renuncia dalgún membro deberá notificarse fidedignamente á Xunta de Compensación. Para os ditos casos así como para o suposto de cesamento dalgún membro, o consello nomeará por maioría e con carácter provisional, entre os asociados un substituto; o seu cargo durará ata a primeira reunión que se convoque da asemblea xeral. O elixido desempeñará o cargo durante o prazo que faltase por transcorrer ó substituído.

Artigo 34º.-Sesións.

O consello rector reunirase, por propia iniciativa ou por petición dun tercio dos seus membros, as veces que sexa necesario para o desenvolvemento e boa xestión da Xunta de Compensación.

A convocatoria será realizada polo secretario, mediante carta certificada con xustificación de recepción, con oito días hábiles de antelación contados a partir da imposición do certificado ou calquera medio que deixe constancia da súa recepción, a cada membro, indicándose o día, hora, lugar e orde do día que se vaia tratar. As reunións do consello consideraranse validamente constituídas cando, sen mediar convocatoria, estean presentes tódolos membros, presentes ou representados, sendo posible a delegación, por escrito e para cada sesión, duns membros ós outros.

As decisións do consello rector tomaranse por maioría dos votos dos asistentes, dirimindo os empates, o voto de calidade do presidente e as ditas decisións serán inmediatamente executivas sen prexuízo dos recursos oportunos.

Os acordos adoptados polo consello rector serán notificados ós asociados por correo certificado con

xustificación de recepción, nos quince días posteriores á data de celebración, ó domicilio que conste na secretaría.

Artigo 35º.-Actas e certificacións.

1. Os acordos adoptados e o resultado das votacións do consello rector recolleranse na acta da sesión, polo secretario, que deberá ser debidamente dilixenciada e asinada co visto e prace do presidente, e poderá ser aprobada na mesma sesión ou na seguinte que se celebre.

2. Os asociados, os órganos urbanísticos ou persoas interesadas poderán solicitar certificación dos acordos, que consignados no libro de actas, sexan adoptados no consello rector, debéndose extender esta co visto e prace do presidente.

Capítulo III

Do presidente, vicepresidente

e secretario

Artigo 36º.-Nomeamento e duración.

O presidente, vicepresidente e secretario serán elixidos pola asemblea xeral e o seu cargo durará de conformidade co Art. 33º destes estatutos. No caso de vacante do posto de secretario será elixido polo presidente entre os membros do consello rector.

Artigo 37º.-Funcións do presidente.

a) Convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións dos órganos colexiados da xunta, dirixi-las súas deliberacións e executar e facer cumpri-los acordos.

b) Representar xudicialmente e extraxudicialmente a Xunta de Compensación e os seus órganos de goberno, ante toda clase de xulgado, tribunal, autoridades e órganos de calquera Administración, así como ante calquera persoa xurídico-pública ou xurídico-privada, podendo outorgar poder a favor de procuradores e letrados coas máis amplas facultades de postulación.

c) Formular, outorgar, e autorizar requirimentos incluso notariais; pedir protocolizacións notariais de actas e de calquera clase de documento; pedir e obter copias auténticas dos protocolos notariais, certificacións dos rexistros da propiedade así como inscricións e anotacións; outorgar ante notario e inscribir ou anotar nos ditos rexistros, documentos emendatorios ou aclaratorios de toda índole e pedir certificacións e informes de expedientes administrativos.

d) Asinar documentos de disposición, de conformidade cos acordos adoptados pola asemblea xeral.

e) Dirimi-los empates co seu voto de calidade.

f) Exercer calquera actividade bancaria que esixa o funcionamento da xunta, da forma e cos requisitos que se sinalen no consello rector.

g) Tódalas funcións que sexan inherentes ó seu cargo ou que lle sexan delegadas pola asemblea ó consello rector.

Artigo 38º.-Funcións do vicepresidente.

a) Substituí-lo presidente, nas súas facultades nos supostos de vacante, ausencia, imposibilidade ou enfermidade.

b) Substitución do presidente nos casos de delegación deste.

c) Asinar conxuntamente co presidente os documentos de disposición de fondos a que se fai referencia no Art. 37º dos estatutos.

Artigo 39º.-Función do secretario.

a) Asistir obrigatoriamente a tódalas reunións da asemblea xeral e do consello rector.

b) Levantar acta das sesións, transcribíndoas posteriormente ó libro de actas e expedir certificacións do contido do libro de actas, co visto e prace do presidente.

c) Levar un libro-rexistro no que se relacionarán os asociados membros da Xunta de Compensación, indicando as súas circunstancias persoais, domicilio, data de incorporación, cota de participación, número de votos e cantos datos complementarios se estimen procedentes.

d) Realiza-las notificacións dos acordos da asemblea xeral e do consello rector ós membros asociados da xunta e ós órganos urbanísticos.

e) Custodia-la documentación da Xunta de Compensación.

TÍTULO V

Contribucións e medios económicos

Artigo 40º.-Tipos de contribucións.

As contribucións dos membros da xunta calcularanse en relación coa superficie dos seus terreos incluídos dentro da unidade de actuación e estarán constituídas por:

a) Con carácter fiduciario, salvo que se acorde outra cousa, pola totalidade dos terreos e dereitos que resulten afectos á actuación.

b) Polas cotas ordinarias e extraordinarias satisfeitas polos membros e polas cesións do solo e de dereitos edificables cedidos por estes á xunta.

c) Por subvencións, créditos, doazóns e outros medios económicos que se obteñan.

d) Polas rendas e productos do seu patrimonio.

e) Polas contribucións das empresas urbanizadoras, no caso de incorporación á Xunta de Compensación.

f) Os ingresos obtidos por vendas de bens e servicios.

Artigo 41º.-Aportación de terreos.

a) A distribución de participación nos dereitos e obrigas comúns e a conseguinte adxudicación de parcelas resultantes da urbanización, vén determinada pola cota de participación que corresponda ós

predios aportados por cada un dos propietarios, calculada de acordo co disposto nestes estatutos e nas bases de actuación.

b) Nos terreos gravados con cargas reais os seus propietarios deberán compartir co titular do dereito a cota atribuída.

A non declaración dalgún tipo de carga polo propietario do terreo suporá que serán a seu cargo os danos e prexuízos ocasionados a xunta.

C) Os bens e dereitos que como consecuencia do planeamento teñan que demolerse ou desaparecer pola execución material da urbanización e que afecten ó voo, solo ou subsolo de superficies que sexan obxecto de cesión obrigatoria e gratuíta, determinarase a súa compensación para efectos de indemnización, de acordo coas bases de actuacións, pero non influirá na participación dos asociados.

Artigo 42º.-Cotas.

Existirán dúas clases de cotas, as ordinarias e as extraordinarias. As ordinarias son as destinadas ó pagamento dos gastos da xunta que recollan os orzamentos anuais destinados ó funcionamento da xunta, custos de urbanización, e en xeral, tódolos que ocasione o cumprimento dos seus fins. As extraordinarias son aquelas que así determine con este carácter a asemblea xeral.

Artigo 43º.-Contía e aboamento de cotas.

O consello rector establecerá a forma e condicións de pagamento das cantidades que deban satisface-los asociados e procederá á súa recadación.

O importe das cotas será proporcional á participación de cada membro da xunta, incluída a Administración actuante polo aproveitamento que legalmente lle corresponda, se este se materializa en superficie edificable.

Aboaranse as cotas, no prazo dun mes desde a data do seu requirimento polo consello rector. Transcorrido o dito prazo, dará lugar á imposición dunha recarga dos xuros legais do diñeiro, podendo así mesmo instar á Administración actuante a utilización da vía de constrinximento ou á autoridade xudicial ordinaria para reclama-lo pagamento da debeda sinalada.

O non aboamento de máis de dúas cotas, en período voluntario, dará dereito á Xunta de Compensación a instar á Administración para que utilice a expropiación forzosa, dos terreos do socio moroso na unidade de actuación, en beneficio da mencionada xunta, polo cal o secretario do consello rector expedirá, co visto e prace do presidente, a correspondente certificación de descuberto.

Todo asociado terá suspendidos os seus dereitos na Xunta de Compensación desde o momento que deixe de aboar unha soa cota en período voluntario ata o momento en que aquela se faga efectiva.

Artigo 44º.-Alleamento e gravame de predios da xunta.

A Xunta de Compensación poderá allear terreos da súa propiedade obtidos pola expropiación, logo

de acordo da asemblea xeral, na cal se debaterá a oportunidade e prezo da dita venda. Da mesma forma poderá procederse en relación á constitución de gravames reais sobre os ditos predios.

TÍTULO VI

Recursos

Artigo 45º.-Executividade.

Os acordos dos órganos sociais da Xunta de Compensación serán executivos sen prexuízo dos recursos que contra eles poidan proceder. Os que deben ser ratificados ou aprobados pola Administración ou inscritos no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras, non terán efectividade ata a súa ratificación ou inscrición.

Os mencionados acordos non se suspenderán pola súa sola impugnación, salvo que así o acorde o órgano ó que lle corresponda resolve-lo recurso e o solicitase o recorrente. A suspensión levará consigo o afianzamento en contía suficiente, sinalada polo órgano ante quen se recorra, para garanti-los posibles danos e perdas que cause a suspensión. Se a suspensión versa sobre cotas, a fianza equivalerá á contía das cotas que se debe máis un 25%, para responder ós xuros de demora e danos e perdas causados. Será plenamente válida a constitución dun aval bancario polo importe total sinalado.

Artigo 46º

Os acordos do consello rector e da asemblea xeral serán recorribles, os primeiros ante a asemblea xeral e os segundos, ante o Concello de Vigo, no prazo de quince días hábiles desde a súa adopción ou, no caso de ausencia, desde a notificación do acordo.

A dita acción poderá exercela calquera membro que non votase a favor do acordo impugnado.

TÍTULO VII

Disolución e liquidación

Artigo 47º.-Disolución.

1. A Xunta de Compensación disolverase por cumprimento do seu obxecto e fins.

2. Tamén se disolverá por acordo do 80% das cotas de participación dos membros da Xunta de Compensación en asemblea xeral extraordinaria, debendo subrogarse individualmente cada asociado, en proporción á súa participación, nos compromisos de todo tipo contraídos pola Xunta de Compensación, nas condicións e garantías que determine o órgano tutelar.

3. E por disolución, por mandado xudicial ou prescrición legal.

Nos dous primeiros supostos será necesaria para a súa efectiva disolución a aprobación da Administración actuante.

A Xunta de Compensación, unha vez finalizada a urbanización e recibida esta pola Administración actuante, poderá transformarse en asociación administrativa de conservación, sendo necesaria a súa aprobación pola Administración.

Artigo 48º.-Liquidación.

Acordada validamente a disolución da Xunta de Compensación pola asemblea xeral, o consello rector procederá á liquidación, mediante o cobro de créditos e pagamento de débedas, distribuíndo o remanente entre os asociados en proporción as súas respectivas cotas de participación e procedendo á cancelación da súa inscrición no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras.

Disposición adicional

No non previsto nestes estatutos observarase o disposto na Lei 1/1997, do 26 de marzo, do solo de Galicia, Real decreto lexislativo 1/1992, do 26 de xuño, sobre o réxime do solo e ordenación urbana, Regulamento de xestión urbanística e disposicións concordantes e, supletoriamente, o sinalado na Lei de sociedades anónimas.

Bases de actuación

Base primeira.-Ámbito.

A urbanización da unidade de execución denominada Pedreira está delimitada no estudio de detalle aprobado polo Concello de Vigo no pleno do día 23 de decembro de 1995, o cal se executará mediante o sistema de compensación regulado no capítulo II do título IV da Lei do solo de Galicia, no capítulo II do título IV da Lei do solo estatal e no capítulo II do título V do Regulamento de xestión urbanística que a desenvolve.

Base segunda.-Obxecto.

As presentes bases terán como obxecto regulamenta-las normas para conseguir, a través dun sistema de compensación, a xusta distribución de beneficios e cargas entre os propietarios de terreos, como título de adxudicación das parcelas resultantes no futuro proxecto de compensación así como a completa urbanización da unidade de execución.

Base terceira.-Actuacións que comprende.

A actuación por compensación comprenderá:

a) Transmitir gratuitamente e libre de cargas os terreos de cesión obrigatoria e a edificabilidade asignada por lei ó concello.

b) Realiza-las obras de urbanización consignadas no E.D. e no proxecto de urbanización.

c) Expropia-los predios de propietarios non incorporados á Xunta de Compensación nos prazos legalmente establecidos, así como daqueles membros que incumpran gravemente as súas obrigas coa xunta, sendo beneficiaria desta a Xunta de Compensación.

d) A xusta distribución de beneficios e cargas entre tódolos propietarios.

Base cuarta.-Valoración dos predios aportados.

1. Os criterios para valora-los dereitos dos propietarios determinaranse en proporción ás aportacións do solo susceptibles de aproveitamento privado, polo que a cada propietario se lle asignará

unha porcentaxe en relación coa superficie total, da que a súa porcentaxe constituirá o coeficiente para a adxudicación das parcelas resultantes.

2. A superficie computable acreditarase en primeiro lugar por certificación do Rexistro da Propiedade, no seu defecto por testemuña notarial de título de propiedade.

3. Á falta de título de propiedade o propietario deberá presenta-la declaración xurada na que faga consta-los lindes, a superficie, os propietarios estremeiros e título de adquisición e á que se lle unirá un plano do terreo e cantos documentos acrediten a condición de propietario (recibo de contribución urbana ou rústica, certificado de encontrarse catastrado ou censado o predio, etc). Neste suposto estará obrigado o propietario a tramita-lo correspondente expediente en dominio se así o esixise o Rexistro da Propiedade.

4. En todo caso a Xunta de Compensación realizará a correspondente comprobación mediante medición da superficie exacta dos predios.

5. Para o suposto de discrepancia entre propietarios pola titularidade parcial ou total dun predio ou para o sinalamento de lindeiros, a superficie discutida considerarase pertencente ó que posúa proba documental, indicios ou testemuños a xuízo da Xunta de Compensación, sen prexuízo da correspondente reclamación xudicial ou de soluciona-las ditas diferencias de mutuo acordo entre ámbalas partes.

6. Mentres non se resolva xudicialmente ou por mutuo acordo o problema de titularidade dun predio, adxudicaráselles a ámbolos propietarios, tendo a consideración de predio litixioso.

Base quinta.-Criterios de valoración de dereitos reais e dereitos persoais existentes sobre os predios.

1. Os dereitos e cargas sobre as parcelas aportadas, que sexan compatibles co planeamento urbanístico que se vai realizar, pasarán a grava-lo novo predio resultante en virtude de subrogación real, sin que isto implique altera-la valoración do predio aportado nin a adxudicación que lle corresponda.

2. Os dereitos e cargas incompatibles co planeamento serán declarados así polo proxecto de compensación e fixando este a indemnización, de conformidade coa lexislación da Lei de expropiación forzosa, pero por conta de cada propietario, sen prexuízo do que resolva a xurisdicción competente. A aprobación do proxecto de compensación suporá a extinción dos ditos dereitos e cargas.

3. O réxime da reparcelación que establece a Lei do solo de Galicia; estatal e o seu Regulamento de xestión determinará a compatibilidade ou non da carga e o procedemento que hai que seguir.

4. En caso de existencia de dereitos de inquilinato nos que non se exerza o dereito ó retorno, será o arrendador quen aboe os gastos de aloxamento provisional, traslado e eventuais indemnizacións.

5. A extinción do dereito de servidume non dará dereito a indemnización no suposto de que o seu servicio sexa substituído por outro previsto na nova ordenación.

6. Se existisen obras de urbanización compatibles co novo ordenamento e que sexan útiles para a execución do novo plan, serán consideradas como obras de urbanización con cargo ó proxecto, e aboaráselle ó titular do terreo o seu importe.

7. A valoración de dereitos reais ou servidumes prediais e persoais sobre inmobles para efectos de determina-lo prezo xusto realizarase de conformidade coa Lei de expropiación forzosa, e subsidiariamente polas normas específicas do dereito que se trate.

8. A valoración de arrendamentos urbanos ou rústicos que deban extinguirse por materializarse en edificios obxecto de derruba realizarase tendo en conta o seguinte:

a) Contratos de arrendamentos e as súas circunstancias.

b) Alta no imposto de actividades económicas, así como autorizacións administrativas de uso e actividade.

c) Gastos de traslado.

d) Melloras realizadas.

e) Diferencia de renda entre o actual arrendamento e o futurible.

f) E no caso de arrendamentos rústicos, a actividade xa desenvolvida e rendemento obtido na explotación.

Base sexta.-Criterios de valoración de edificacións, obras e instalacións que deban derrubarse.

1. As edificacións, obras, plantacións, instalacións e outros elementos existentes nos predios que deban derrubarse ou desaparecer, valoraranse de conformidade coa Lei de expropiación forzosa, aparecendo a súa valoración no proxecto de compensación e figurando como cargo ós gastos de urbanización.

2. Enténdese como elementos non conservables aqueles dos que sexa necesaria a súa eliminación física para realiza-las obras de urbanización.

3. Aqueles elementos que existindo sobre o predio, a súa demolición non fose precisa, poderán conservalos os seus titulares, sen prexuízo da obriga de regulariza-los lindes de parcelas e das segregacións precisas de superficie, subsolo ou voo, obxecto de cesión para a urbanización da actuación.

4. As edificacións e instalacións taxaranse tendo en conta os materiais empregados e o seu valor arquitectónico, con deducción dunha porcentaxe por antigüidade e estado de conservación, sen que sexan valorables as exceptivas urbanísticas da presente actuación.

5. As taxacións serán realizadas por un perito da Xunta de Compensación. No caso de desconformidade polo propietario, poderá este presentar unha nova valoración realizada por perito competente; de non realizala ou de non haber acordo coa Xunta de Compensación seguiranse os trámites da lexislación da Lei de expropiación forzosa.

6. O prezo xusto determinado pola Xunta de Compensación dará dereito ó desaloxo, logo da consignación do importe determinado polo perito da xunta, sen prexuízo de continua-lo expediente contradictorio para determinar definitivamente o prezo xusto.

7. Nas plantacións taxarase o arborado e outras plantacións e cultivos, atendendo ó seu valor agrícola de acordo cun criterio de reposición.

8. Nos traslados de industrias, tan só son indemnizables os gastos de traslado.

Base sétima.-Predios que hai que expropiar.

1. Os predios que, de conformidade coa lei e estes estatutos e bases, sexan obxecto de expropiación pola Administración actuante, ben por non estaren incorporados no prazo ou por incumprimento grave das obrigas e cargas dos membros da xunta, serán adxudicadas á Xunta de Compensación como beneficiaria da dita expropiación, sendo de aplicación para os efectos de valoración e procedementos o disposto na lexislación urbanística, nos estatutos e nestas bases e supletoriamente á Lei de expropiación forzosa.

2. Os predios expropiados taxaranse polo seu valor inicial, o cal se determinará aplicando os criterios contidos nas disposicións que regulan as valoracións catastrais do solo de natureza rústica, a menos de que se trate de solo urbano, que se aplicarán os criterios de valoración desta clase de solo.

3. Tódolos elementos ou dereitos indemnizables que figuren construídos, plantados ou constituídos sobre predios obxecto de expropiación indemnizaranse conforme se determina nas presentes bases.

4. Por parte da Xunta de Compensación poderá procederse á demolición de edificios, construccións, industrias, plantacións ou calquera obra, e o desaloxo dos seus ocupantes, aínda cando se estea tramitando o expediente de expropiación, unha vez aprobado o proxecto de compensación e consignada a valoración realizada polo perito da dita xunta e de igual forma poderá proceder á ocupación do solo, subsolo e voos que sexan precisos para o seu destino público ou servicios da actuación.

En todo caso, se os propietarios afectados pola ocupación demostrasen que os seus terreos constitúen a única ou predominante fonte de ingresos con que contan, terán dereito a percibir unha indemnización equivalente á rendibilidade demostrada, durante o período que medie entre a ocupación efectiva e a adxudicación que lles corresponda ou a expropiación do seu dereito.

5. Os terreos que sexan adquiridos pola Xunta de Compensación, en virtude do procedemento expropiatorio, estarán exentos do aboamento do imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, así como o imposto municipal de incremento do valor dos terreos.

6. Considéranse causas de expropiación por incumprimento de obrigas, seguíndose o procedemento sinalado nestas bases para a súa expropiación, as seguintes:

a) O non pagamento das cotas ordinarias e extraordinarias nos prazos establecidos nos estatutos, sempre e cando fose necesario á Xunta de Compensación acudir con anterioridade á vía de constrinximento para o cobro de cotas.

b) O imcumprimento reiterado das obrigas sinaladas no Art. 28, dos estatutos, sempre que sexa acordado pola asemblea xeral e pola Administración actuante.

Base oitava.-Criterios de valoración de contribucións de empresas urbanizadoras.

1. De incorporáresen á Xunta de Compesación empresas urbanizadoras, a asemblea xeral determinará a cota de solo urbanizable que lle corresponda en función do valor das obras que executen.

2. A asamblea determinará a procedencia, condicións e garantías de incorporación, determinando as contrapartidas á contribución da empresa urbanizadora.

3. Se algún membro estivese desconforme coa incorporación da empresa urbanizadora, farao constar en acta, e reflectirase así mesmo a súa obriga de sufraga-los seus gastos de urbanización, para efecto de pagamento de cotas e de adxudicacións.

4. Se entre os membros da xunta existise empresa contructora que puidese e quixese facerse cargo da urbanización das súas parcelas, sempre que as referidas parcelas constitúan unha etapa do proceso urbanizador, así o fará constar en acta, obrigándose a urbaniza-la/s súa/s parcela/s unha vez aprobado o proxecto de urbanización.

Base novena.-Contratación das obras de urbanización.

1. A execución das obras de urbanización e, se é o caso, de edificación levarase a cabo pola empresa urbanizadora ou contratista idóneo, por adxudicación directa pola asemblea xeral, que seleccionará alomenos entre tres empresas, salvo no suposto de empresa ou empresas urbanizadoras incorporadas, as cales serán as adxudicatarias.

2. O contrato de execución de obras recollerá, ademais das claúsulas de contido típico, as seguintes circunstancias:

a) O compromiso da empresa contructora de realiza-las obras de total conformidade cos proxectos de urbanización debidamente aprobados.

b) A obriga da empresa de facilita-la acción inspectora da Administración.

c) Os supostos de incumprimento que poidan dar lugar á resolución do contrato, así como as indemnizacións que correspondan por inobservancia das características técnicas das obras ou dos prazos de execución.

d) A retención que, de cada pagamento parcial a conta, teña que efectua-la xunta, en garantía da correcta execución das obras. Estas retencións non serán devoltas ata que non se reciba definitivamente a obra.

e) Modos e prazos para aboamento pola Xunta de Compensación de cantidades a conta en función da obra realizada.

Base décima.-Custos da urbanización.

1. Os gastos de urbanización deben ser sufragados polos propietarios asociados en proporción ás súas respectivas cotas.

2. Considéranse gastos de urbanización os comprendidos no artigo 132 da Lei do solo de Galicia, artigo 155 da Lei do solo estatal e concordantes do regulamento de xestión e xeralmente calquera gasto que ocasione a urbanización da unidade, así como os xuros e amortización de créditos solicitados pola xunta das ditas obras.

3. A fixación concreta da cota que deberá satisfacer por cada socio como custo de urbanización realizarase no proxecto de compensación.

Base undécima.-Pagamento de cotas.

1. As cotas ordinarias e extraordinarias serán aboadas polos membros da Xunta de Compensación no prazo dun mes desde que fosen requiridos polo consello rector, de conformidade co establecido nos estatutos.

2. O seu pagamento realizarase en metálico, podendo a asemblea xeral acordar substituí-lo pagamento en métalico pola entrega de parte de terreos ou superficie edificable que lle corresponda pola súa contribución á xunta, quedándose como partícipe polo terreo o dereito que reteña.

3. O imcumprimento do pagamento nos prazos establecidos dará lugar a inicia-lo procedemento que establece o artigo 43º dos estatutos.

Base duodécima.-Valoración e adxudicación de predios resultantes.

1. A adxudicación de predios resultantes, incluídos os obtidos por expropiación, realizarase entre os membros da Xunta de Compensación de conformidade co proxecto de compensación aprobado pola Administración actuante.

2. O aproveitamento urbanístico da zona de actuación será o criterio para efectua-la valoración e adxudicación de predios resultantes, no caso de aproveitamento homoxéneo, e determinarase en función das cotas de participación.

Non obstante o anterior, poderase adoptar outro criterio distinto de valoración por acordo unánime dos propietarios.

3. As diferencias en adxudicacións tanto no defecto como en exceso compensaranse en metálico, en función do prezo medio dos terreos adxudicados referido ó aproveitamento concreto que non se percibiu ou se percibiu en exceso, sendo reflectido o dito sistema compensatorio no proxecto de compensación.

4. O proxecto de compensación adxudicará os predios resultantes, así como as cargas e beneficios, en proporción ás participacións de cada membro, de conformidade co establecido nos estatutos e bases.

5. A superficie susceptible de aproveitamento privado que non resulte afecta ó dotacional público será obxecto de adxudicación.

6. Non poderán adxudicarse parcelas independentes inferiores á determinada como mínima edificable ou que non reúnan as características adecuadas para a edificación de conformidade co planeamento.

7. Procurarase que as adxudicacións de predios resultantes se realicen dentro das parcelas iniciais ou nun lugar próximo ás antigas propiedades dos mesmos titulares, respectando sempre que sexa posible, as edificacións preexistentes nas que non sexa necesaria a súa demolición por obras de urbanización, viais ou superficie de cesión a uso público.

8. Non serán obxecto de nova adxudicación, conservándose as propiedades primitivas, sen prexuízo, cando fose necesario, da regularización de lindeiros e das compensacións económicas que procedan:

a) Os terreos edificados conforme o planeamento.

b) Os terreos con edificación non axustada ó planeamento, cando a diferencia, en máis ou en menos, entre o aproveitamenteo que lle corresponda conforme o plan e o que lle correspondería ó propietario en proporción ó seu dereito na reparcelación sexa inferior o 15% deste último, sempre que non estivesen destinados a usos incompatibles coa ordenación urbanística.

c) Os terreos con edificación destinada a usos non incompatibles co planeamento, cando o custo da súa eliminación resulte desproporcionado á economía da actuación.

d) Os inmobles que iniciasen expediente de declaración de ben de interese cultural ou estean incluídos nos catálogos a que se refire o artigo 32 da Lei do solo de Galicia.

9. Se, como consecuencia do proxecto de compensación é inferior o número de parcelas resultantes ó de titulares de parcelas iniciais ou pola escasa contía dos dereitos de algún ou algúns dos membros da xunta non puidesen alcanzar o mínimo necesario para obter unha parcela edificable resultante ou cando así o acorden os propietarios afectados, adxudicaranse en pro indiviso os predios resultantes,

expresando no título a cota correspondente a cada copropietario, salvo que proceda a adxudicación en metálico, de acordo con estas bases, sen que por iso proceda a indemnización por conta da Xunta de Compensación. No dito suposto os adxudicatarios estarán obrigados a edificar conxuntamente.

10. Aprobado definitivamente o proxecto de compensación e outorgada pola xunta a escritura pública ou a expedición de documento administrativo coas solemnidades e requisitos dispostos para as actas dos seus acordos co contido establecido no artigo 113.1º do Regulamento de xestión, procederase a protocoliza-la dita escritura ou documento e inscribirase no Rexistro da Propiedade. As adxudicacións gozarán da exención fiscal que establece a lexislación estatal ou autonomía, o Art. 159.4º da Lei do Solo e artigo 134.4º da Lei do solo de Galicia, en especial as previstas no artigo 159.4º do Real decreto lexislativo 1/1992, do 26 de xuño.

Base décimo terceira.-Edificación.

1. Aprobado definitivamente o proxecto de compensación, poderán os titulares das parcelas independentes solicitar licencia municipal de edificación, sempre que adquirise a condición de soar ou ben se garantiza a simultaneidade da urbanización e a edificación, segundo dispón o Regulamento de xestión urbanística.

2. Para a concesión de licencia de primeira ocupación considerarase suficiente a conclusión da urbanización da etapa onde se sitúe a parcela obxecto de licencia.

Base décimo cuarta.-Conservación da urbanización e transmisión á á Administración actuante dos terreos e da urbanización.

1. Mentres non se proceda á recepción polo concello das obras de urbanización da unidade de execución, estas serán por conta da Xunta de Compensación.

2. A cesión do dereito ó aproveitamento que corresponda a Administración e a cesión dos terreos obxecto de cesión obrigatoria e gratuíta para os usos previstos polo planeamento realizaranse coa aprobación definitiva do proxecto de compensación, formalizándose as parcelas e cesión de terreos mediante o dito proxecto.

3. A recepción das obras de urbanización por parte do concello producirase en tres meses desde a recepción definitiva á Xunta de Compensación, podendo realizarse en fraccións que constitúan unidades funcionais directamente executables.

A dita recepción será reflectida nunha acta que asinarán a Administración e a Xunta de Compensación.

O que se fai público para xeral coñecemento, significando que o prazo de información pública se entenderá aberto desde o día seguinte o da publicación do presente anuncio ata transcorridos 20 días

hábiles. O expediente encóntrase á disposición do público na oficina de información da Xerencia Municipal de Urbanismo (pranta baixa da Casa Consistorial).

O presente anuncio servirá, tamén, de notificación nos termos establecidos no artigo 42.6º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, para aqueles propietarios directamente afectados que resulten descoñecidos, se ignore o lugar de notificación ou, intentada esta, non se puidese practicar.

Vigo, 17 de marzo de 1998.

Manuel Pérez Álvarez

Alcalde, presidente da Xerencia Municipal de Urbanismo

4111