Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 13 de maio de 1998 Páx. 5.204

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 1997, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 338 que afecta ó monte de Reboredo, do lugar de Reboredo, parroquia de Arcos, concello de Mazaricos, desta provincia.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 5 de decembro de 1997, adoptóu o seguinte acordo:

«Reunido o 12 de decembro de 1997 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia do vicepresidente Ángel Barrallo Sánchez, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais Andrés López-Suevos Fernández, xefe do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común, e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-los

Expdte.: 338.

Monte: de Reboredo.

Lugar: Reboredo.

Parroquia: Arcos.

Concello: Mazaricos.

Antecedentes de feito:

1º Diversos veciños de Reboredo, parroquia de Arcos, concello de Mazaricos, solicitaron con data do 24-4-1996 deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 15,50 ha.

Estemas:

Procede do monte Pedregal e Ruña, nº 103-H do CUP.

Norte: desde o piquete F-3 situado na esquina do muro do enclavado F, coñecido como Prado de Amadeo, segue o muro ata o piquete F-2, e deste ata un punto coñecido como Petón de Fonte Carballa, na liña entre os piquetes 235 e 236 do deslindamento, estremando co enclavado F e máis monte Pedregal e Ruña. Leste: desde o punto coñecido como Petón de Fonte Carballa ata o piquete nº 236, e deste seguindo a orde de piquetes ata o 241, estremando con propiedades particulares de veciños de Lugariño e Reboredo. Sur: remata en punta. Oeste: desde o piquete nº 241 seguindo a orde de piquetes ata o nº F-3 situado no muro do enclavado F, estremando co termo do concello de Carnota.

2º Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 1-7-1996, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose como instructor a Juan Ramón Beneyto Bellas, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, expedíndose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos a tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Mazaricos, ó xefe do Servicio de Montes e IF e publicándose edictos no Diario Oficial de Galicia nº 78 do 24-4-1997 e taboleiro de anuncios do concello.

3º Os veciños de Reboredo fundamentan as súas respectivas peticións perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común na orixe foral do dito monte, así como no seu aproveitamento desde tempos inmemoriais de forma consuetudinaria en réxime de comunidade e sen asignación de cotas, segundo os usos e costumes. Presentan copia de documentos antigos nos que hai referencias á existencia de tal monte veciñal.

Esta petición é informada favorablemente polo acordo do Pleno do Concello de Mazaricos do 23-2-1996.

4º Na tramitación das presentes actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Fundamentos de dereito:

1º O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º De conformidade co contido do Art. 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños de Reboredo, parroquia de Arcos, concello de Mazaricos, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

5º Das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do que se expresa no punto anterior, se deduce que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á comunidade veciñal do lugar de Reboredo, parroquia de Arcos, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nesta data,

Acorda cualificar como monte veciñal en man común da comunidade veciñal do lugar de Reboredo da parroquia de Arcos, concello de Mazaricos, o

denominado monte de Reboredo, coas estremas, superficie e características que figuran no primeiro antecedente, excluíndo de tal cualificación o predio sobre o que formulou alegación Antonio Lago. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivera inscrito, incluíndolo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña».

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 12 de decembro de 1997.

Manuel Puente Araújo

Secretario do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

4343