Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 13 de maio de 1998 Páx. 5.203

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 1997, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 337 que afecta ó monte de Santabaia, do lugar de Santabaia, parroquia de Chacín, concello de Mazaricos, desta provincia.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 5 de decembro de 1997, adoptóu o seguinte acordo:

«Reunido o 5 de decembro de 1997 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia do vicepresidente Ángel Barrallo Sánchez, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais Andrés López-Suevos Fernández, xefe do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común, e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-los

Expediente: 337.

Monte: de Santabaia.

Lugar: Santabaia.

Parroquia: Chacín.

Concello: Mazaricos.

Antecedentes de feito:

1º Diversos veciños do lugar de Santabaia, parroquia de Chacín, concello de Mazaricos, solicitaron con data 22-2-1996 deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 97 ha.

Estremas:

Procede do monte Pedroso, Val, Sixto e outros, nº 103-I del CUP.

Norte: do piquete nº 75 do deslindamento ó 80 seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares do lugar de Vioxo. Do piquete 80 en liña recta ó 10 do enclavado A2, seguindo o perímetro do enclavado ata o Rego de Ámbalas Cordas, e polo regato ata o piquete nº 9 do deslindamento, co resto do monte Pedroso, Val, Sixto e outros. Do piquete nº 9 ó 14 seguindo a orde de piquetes, co monte Outeiro e outros, da parroquia de Eirón. Leste: do piquete nº 14 ó 16 seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares do Concello de Negreira. Do piquete nº 16 en liña recta ó 29, con máis

monte Pedroso, Val, Sixto e outros. Do piquete nº 29 ó 32 seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares de veciños de Vilariño. Sur: do piquete nº 32 ó 39 seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares de veciños de Vilariño e Santabaia. Oeste: do piquete nº 39 ó 75 seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares de veciños de Santabaia.

2º Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 1-7-1996, acordou inicia-lo oportuno expediente nomeando como instructor deste a Federico Sánchez Rodríguez, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, expedindo mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Mazaricos, ó xefe do Servicio de Montes e IF e publicándose edictos no Diario Oficial de Galicia (nº 78 do 24-4-1997) e taboleiro de anuncios do concello.

Debido a producirse un relevo na Xefatura do Servicio de Montes, o xurado, na súa reunión do 13-6-1997, acordou nomear novo instructor a Andrés López-Suevos Fernández, que tamén aceptou o cargo.

3º Os veciños de Santabaia fundamentan a súa petición perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común na orixe foral do dito monte, e en que desde tempo inmemorial veñen aproveitándoo de forma consuetudinaria, en réxime de comunidade e sen asignación de cotas, segundo os usos e costumes. Presentan copia de documentos antigos nos que xa hai referencias á existencia de tal monte veciñal.

4º Na tramitación das presentes actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Fundamentos de dereito:

1º O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º De conformidade co contido do Art. 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños de Santabaia, parroquia de Chacín, concello de Mazaricos, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades

administrativas; 2) que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitóu o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

4º Das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do que se expresa no punto anterior, se deduce que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á comunidade veciñal do lugar de Santabaia, parroquia de Chacín, no que se cumplen os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nesta data,

Acorda cualificar como monte veciñal en man común da comunidade veciñal do lugar de Santabaia, parroquia de Chaián, concello de Mazaricos, o denominado monte de Santabaia, coas estremas, superficie e características que figuran no primeiro antecedente, excluíndo de tal cualificación o predio sobre o que formulou alegación Antonio Lago. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivera inscrito, incluíndolo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña».

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 5 de decembro de 1997.

Manuel Puente Araújo

Secretario do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

3371