Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 13 de maio de 1998 Páx. 5.201

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 1997, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolven os expedientes 331 e 333 acumulados que afectan ó monte de Colúns, da parroquia de Colúns, concello de Mazaricos, desta provincia.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 5 de decembro de 1997, adoptóu o seguinte acordo:

«Reunido o 5 de decembro de 1997 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia do vicepresidente Ángel Barrallo Sánchez, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais Andrés López-Suevos Fernández, xefe do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común, e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-los

Expedientes.: 331 e 333 acumulados.

Monte: de Colúns.

Lugares: parroquia de Colúns.

Concello: Mazaricos.

Antecedentes de feito:

1º Diversos veciños dos lugares de Cives de Arriba, Cives de Abaixo, Sande e Mundín, parroquia de S. Salvador de Colúns, concello de Mazaricos, solicitaron con data 7-6-1995 deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, de parte do monte Ruña. Con data 18-7-1995, diversos veciños do lugar de Vilarcobo solicitaron igualmente a cualificación de parte do citado monte. A totalidade do monte do que se pretende a cualificación ten as seguintes características:

Superficie: 679 Ha.

Estremas:

Procede do monte Ruña, nº 103-K do CUP.

Parcela I. Cunha superficie de 64 ha.

Norte: desde o piquete nº 839 do deslindamento, no denominado Rego de Ganso, en liña recta ata o punto denominado Fonte das Carballosas, e deste en liña recta ata o piquete nº 700 do deslindamento, no denominado Lombo de Xenlle, co resto do monte Ruña. Leste: do piquete nº 700 ó 776 seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares dos

lugares de Cives de Arriba e Cives de Abaixo. Sur: do piquete nº 776 ó 787 seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares dos lugares de Cives de Arriba e Cives de Abaixo. Oeste: do piquete nº 787 ó 839 seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares dos lugares de Monteagudo e Cives.

Parcela II. Superficie de 615 ha.

Norte: do piquete nº D-18 situado no muro do enclavado D, coñecido como Prado de Félix, segue restos de muro pasando polo Petón de Campelo e Prado do Anselmo ata o punto denominado Cruz da Basteira, segue a pista ata o punto coñecido como Pedras Petonco, e restos de muro ata o piquete nº 885, no lugar coñecido como Prado da Torre, lindando co resto do monte Ruña. Do piquete nº 885 ó 890 segue a orde de piquetes, lindando con propiedades particulares do lugar de Monteagudo. Leste: desde o piquete nº 890 ó 1.525 seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares dos lugares de Monteagudo, Cives, Sande, Mundín e A Pontenova. Sur: desde o piquete nº 1.525 ó 1.529 seguindo a orde de piquetes, co monte Pedregal e Ruña, da parroquia de Arcos. Oeste: desde o piquete nº 1.529 ó 1.539, deste ó 1 e deste último ó 3, seguindo a orde de piquetes, co monte Pedregal e Ruña da parroquia de Arcos. Do piquete nº 3 ó nº 135 seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares de veciños de

Vilarcobo. Do piquete nº 135 en liña recta ata o D-10, no muro do enclavado D coñecido como Prado de Félix, con máis monte Ruña.

2º Á vista de tales solicitudes, o xurado, na súa reunión de 26-2-1996, acordóu inicia-los oportunos expedientes, nomeando como instructores destes a Federico Sánchez Rodríguez, substituído por Andrés López-Suevos Fernández, e Ramón Olano Calleja, substituído por Alfonso Vázquez-Castro Garma. Ambos aceptaron expresamente dito cargo. Procedeuse á tramitación de ámbolos expedientes, expedindo mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, oíndo a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Mazaricos, ó xefe do Servicio de Montes e IF, e publicándose edictos no Diario Oficial de Galicia. (nº 197 de 8-10-1996).

3º Os veciños de Cives de Arriba, Cives de Abaixo, Sande, Mundín e Vilarcobo fundamentan as súas respectivas peticións perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento desde tempos inmemoriais de forma consuetudinaria en réxime de comunidade e sen asignación de cotas, segundo os usos e costumes, do monte correspondiente ó dito lugar.

Presentan acta de manifestacións ante notario na que os maiores do lugar declaran tal condición, así como escrituras antigas nas que xa aparecen referencias á existencia de tal monte veciñal.

A petición dos veciños de Cives é informada favorablemente polo acordo do Pleno do Concello de Mazaricos de data 16-8-1994.

4º Ante os citados expedientes preséntanse alegacións por parte de José Gesto Lado e outros veciños de diversos lugares da parroquia de Colúns, nas que reclaman que parte dos montes dos que se solicita a cualificación son parroquiais, tendo dereito ó seu aproveitamento non só os peticionarios, senón os veciños de tódolos lugares da parroquia. Presentan certificación de inscrición do monte Ruña no Rexistro da Propiedade.

5º Por parte de Antonio Lago preséntase unha alegación, solicitando que se exclúa da cualificación un predio, que ten inscrito no Rexistro da Propiedade. Presenta copia de escritura de compravenda, constando a inscrición no dito rexistro.

6º Por motivo das alegacións dos veciños de Colúns, o Concello de Mazaricos solicita do xurado sucesivas prórrogas na resolución do expediente, para tratar de que os veciños interesados nel cheguen a un acordo para a cualificación do monte. No trámite de audiencia da reunión do 27-6-1997, a petición dos veciños de Colúns á que se suman tódalas partes, o xurado acorda conceder un novo prazo improrrogable de tres meses para que os interesados nos citados expedientes puideran chegar a un acordo. Transcorrido o dito prazo, non se recibiu ningunha comunicación ó respecto.

7º Na tramitación das presentes actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Fundamentos de dereito:

1º O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños de Cives de Arriba, Cives de Abaixo, Sande, Mundín e Vilarcobo, da parroquia de Colúns, concello de Mazaricos, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º Á vista dos dereitos alegados por Antonio Lago, o xurado estima que o formulado é cuestión relativa ó dominio do citado predio, da competencia dos tribunais da xurisdicción ordinaria, que se substanciará polos trámites do xuízo declarativo ordinario que corresponda, polo que non procede outra decisión que a exclusión do citado predio, do cal se verifica a inscrición rexistral.

4º Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) pertenza a agrupacións de veciños na

súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitóu o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

5º Das actuacións que constan en ámbolos expedientes, e en especial da comprobación do que se expresa no punto anterior, considérase acreditada a natureza veciñal en man común de dito monte.

En relación á súa pertenza, o xurado, á vista da documentación achegada a ámbolos expedientes, onde ningunha das partes acredita os aproveitamentos en exclusividade, e unha vez transcorrido o prazo descrito no antecedente 6º sen que se chegara a un acordo, decide a súa acumulación, así como a agrupación dos montes solicitados conforme a descrición feita no antecedente 1º, atribuíndo a súa pertenza á parroquia de Colúns, ó ser un monte de titularidade pública, inscrito no Rexistro da Propiedade a favor do Concello de Mazaricos, e de pertenza dos veciños da dita parroquia. Inscrición que ten o seu antecedente no correspondente expediente de deslindamento do monte público.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nesta data,

Acorda cualificar como monte veciñal en man común da comunidade veciñal da parroquia de Colúns, concello de Mazaricos, o denominado monte de Colúns, coas estremas, superficie e características que figuran no primeiro antecedente, excluíndo de tal cualificación o predio sobre o que formulou alegación Antonio Lago. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivera inscrito, incluíndolo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña».

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 5 de decembro de 1997.

manuel Puente Araújo

Secretario do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

3372