Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 13 de maio de 1998 Páx. 5.177

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 12 de maio de 1998 pola que se regula a ordenación dos dispositivos de atención psiquiátrica e saúde mental da provincia de Pontevedra.

O Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia, estableceu no ámbito desta comunidade autónoma as directrices xerais da actuación na saúde mental e na asistencia psiquiátrica e acometeu a regulación dos dispositivos dirixidos á promoción e protección da saúde mental, á prevención das enfermidades psíquicas e a asistencia, rehabilitación e integración dos enfermos mentais.

Establecidas as bases e estructuras de referencia, a disposición adicional segunda do devandito decreto dispuxo que a ordenación e os dispositivos de saúde mental que nela se prevén se establecerán gradualmente en función da definición e xerarquización de obxectivos e dos programas de actuación que fixe o Servicio Galego de Saúde, de acordo coas dotacións que anualmente se consignen nas respectivas leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo isto, e en virtude das facultades que se confiren no artigo 4 da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde, reformada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, e nos artigos 34 e 38 da

Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Intégranse no Hospital Provincial de Pontevedra os seguintes dispositivos de atención psiquíatrica e saúde mental.

-Unidade de atención psiquiátrica e saúde mental da Casa do Mar en Mollabao, actualmente dependente do Hospital Montecelo.

-Unidades de Saúde Mental de Adultos, Saúde Mental Infantil Xuvenil e Alcoholismo, actualmente dependentes do Hospital Montecelo.

Artigo 2º

Adscríbense funcionalmente ó Hospital Provincial de Pontevedra os facultativos especialistas en psiquiatría e neuropsiquiatría dependentes do Hospital Montecelo.

Para estes efectos, os devantidos facultativos dependerán funcionalmente da dirección do Hospital Provincial de Pontevedra, sen prexuízo da súa dependencia orgánica do Hospital Montecelo.

Artigo 3º

Intégranse no Hospital do Meixoeiro os seguintes dispositivos de atención psiquiátrica e saúde mental.

-Unidade de Saúde Mental do Centro de Saúde de Lavadores, dependente actualmente do Complexo Hospitalario Xeral Cíes.

Artigo 4º

Adscríbense funcionalmente a cada hospital dos sinalados nos anteriores artigos os facultativos e persoal non facultativo que presta servicios nos dispositivos de atención psiquiátrica e saúde mental que neles se integran.

Para estes efectos o citado persoal dependerá funcionalmente da dirección do hospital no que se integren os dispositivos correspondentes, sen prexuízo da súa dependencia orgánica da institución sanitaria que corresponda.

Artigo 5º

As integracións e adscricións establecidas na presente orde non afectarán á categoría, réxime retributivo e demais condicións xurídico-laborais básicas dos postos de traballo afectados.

Disposición transitoria

O persoal dependente das unidades que figuran nos artigos 1º e 3º da presente orde que desempeñe prazas das incluídas nas relacións de postos de traballo do persoal ó servicio da Xunta de Galicia pasará a depender funcionalmente do novo centro de destino na data de entrada en vigor da presente orde.

A dependencia orgánica do novo centro de destino persoal ó que se refire o parágrafo anterior demorarase ata a publicación no Diario Oficial de Galicia da modificación correspondente nas relacións de postos de traballo do persoal ó servicio da Xunta de Galicia, que poderá ser tramitada para estes efectos.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou de inferior rango que se opoñan ó disposto na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde adoptará as medidas necesarias para as integracións de postos de traballo que procedan como consecuencia do establecido na presente orde, de conformidade co previsto na disposición adicional segunda da Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante o anterior, o cambio de centro na tramitación e imputación contable dos gastos de per

soal e outros bens correntes e servicios levarase a cabo a partir do momento en que fosen aprobadas as correspondentes modificacións de crédito.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 1998.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

3392