Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 13 de maio de 1998 Páx. 5.175

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 27 de abril de 1998 pola que se abre novo prazo para solicitude de subscrición de convenios de colaboración con asociacións privadas sen ánimo de lucro que desenvolvan programas de prevención e incorporación social de drogodependencias.

A través da Orde do 25 de abril de 1994 (DOG nº 93, do 16 de maio, páxinas 2.855-2.869), a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais estableceu as bases reguladoras dun réxime de convenios de colaboración con asociacións privadas sen ánimo de lucro que, no ámbito da Comunidade Autónoma, desenvolven programas de prevención e incorporación social de drogodependentes, co obxecto de facilitar, garantir e darlle continuidade á prestación destes programas que as asociacións privadas sen ánimo de lucro veñen desenvolvendo.

A disposición adicional da Orde do 25 de abril de 1994 recolle a posibilidade de establecer, periodicamente, novos prazos de presentacón de solicitudes para que asociacións privadas sen ánimo de lucro poidan acollerse a este réxime de convenios e apoia-lo desenvolvemento de programas de prevención e incorporación social no marco do Plan de Galicia sobre Drogas.

En consecuencia, no uso das facultades que me confiren os artigos 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1983, do 20 de outubro, e no artigo 3 do Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, pola que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e de conformidade co establecido no acordo da Xunta de Galicia do 27 de marzo de 1991.

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. En execución do establecido pola disposición adicional da Orde do 25 de abril de 1994 (DOG nº 93, do 16 de maio), ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes para subscribir convenios de colaboración con asociacións privadas sen ánimo de lucro no desenvolvemento de programas de prevención e incorporación social de drogodependentes.

2. No marco das dispoñibilidades orzamentarias de 1998, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá asumir obrigas económicas derivadas dos convenios que se subscriban. De conformidade co disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da CC.AA. que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vai materializa-la contraprestación.

Artigo 2º

1. No relativo ós requisitos, contidos dos convenios, a instrucción do expediente, lugar de presentación das solicitudes, criterios e prioridades na subscrición, formación dos convenios e orde de prelación, vixencia e prórroga deles referida a 1998 e duplicidade das achegas, haberá que observa-lo previsto pola Orde do 25 de abril de 1994.

2. As solicitudes presentaranse de acordo co modelo que figura nos anexos I e II da presente orde.

Artigo 3º

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria

As obrigas económicas para o ano 1998 derivadas dos conveios subscritos con asociacións privadas sen ánimo de lucro ó abeiro desta orde e da do 25 de abril de 1994 serán aboadas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais con cargo á aplicación 11.01.313A.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998, así como doutros créditos que no futuro se consignen para tal fin.

Disposición derradeira

Facúltase o secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 1998.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

4164