Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 13 de maio de 1998 Páx. 5.171

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 16 de abril de 1998 pola que se convocan cursos de formación bibliotecaria para profesionais de bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo pon en marcha programas de formación permanente, a través de cursos, dos profesionais das bibliotecas do sistema bibliotecario galego.

Nestes últimos anos, a configuración do sistema bibliotecario galego deu un importante paso coa informatización da rede de bibliotecas públicas, con importantes investimentos en equipos e programas, co que se establecen as bases fundamentais para permiti-la instalación dunha rede eficaz que permita a adopción de proxectos comúns de informatización, catalogación centralizada e préstamo interbibliotecario, ó tempo que establece unha moderna infraestructura informática a cabeceira da cal é o Centro Superior Bibliográfico de Galicia.

A maioría das bibliotecas públicas galegas están dotadas de equipamento e de programas informáticos para a xestión dos seus fondos, algún deles, como o Meiga 3, desenvolto pola propia Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Este esforzo, sen embargo, para ser efectivo, ten que ir acompañado dun profundo e amplo programa

de formación, centrado nos actuais responsables das bibliotecas galegas, na preparación e coñecemento dos novos instrumentos de traballo co fin de estaren en condicións de adopta-las novas tecnoloxías e de traballar nos novos programas comúns da rede. Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse cursos de formación de biblioteconomía para profesionais de bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia.

O custo destes cursos farase efectivo con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.353D.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Artigo 2º

No anexo I desta orde enuméranse os cursos convocados, con especificación de nivel, duración, lugar e data de celebración, número de prazas, contido e persoas ás que van dirixidos.

Artigo 3º

3.1. Poderán optar a estes cursos os bibliotecarios, ou persoal que traballe en bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia en calquera categoría profesional.

3.2. Non se poderán solicitar cursos de igual denominación e nivel xa realizados en anos anteriores.

3.3. Non poderán solicitar cursos aquelas persoas que anteriormente fosen seleccionadas para participar nalgún curso e non asistisen sen xustificalo por escrito á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 4º

As persoas que desexen realizar algún dos cursos convocados presentarán unha solicitude por cada un deles segundo modelo do anexo II desta orde no prazo de 15 dias naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, nos rexistros das súas delegacións provinciais ou segundo establece o artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Na solicitude farase conta-lo curso que se solicita e a orde de preferencia dos cursos solicitados.

Documentación:

-Solicitude (anexo II).

-Fotocopia do documento nacional de identidade.

-Certificación do director do centro de traballo, ou da entidade da que dependa a biblioteca, de que o interesado desenvolve traballos directamente relacionados cos contidos do curso e que conta con per

miso para asistir a el (un certificado por curso facendo consta-lo nome do curso solicitado).

-No caso de solicitar cursos de perfeccionamento, é imprescindible ter realizados os cursos de iniciación convocados pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo directamente relacionados con aqueles, e xuntarán copia dos certificados correspondentes.

Artigo 5º

Recibidas as solicitudes de asistencia a cursos e maila súa documentación, estas serán avaliadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Promoción Cultural e o director xeral de Promoción Cultural elevará proposta ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, quen resolverá.

Artigo 6º

A selección dos asistentes ós cursos farase por rigorosa orde de entrada de solicitudes entre todos aqueles que cumpran as condicións esixidas para cada curso. As bibliotecas e centros onde se realicen os cursos disporán de dúas prazas para persoal dos seus servicios bibliotecarios.

Artigo 7º

A inasistencia a un curso sen causa xustificada será motivo de exclusión de novos cursos durante os tres próximos anos. A falta xustificada a máis dun 10% das horas totais do curso levará consigo a non obtención do certificado de asistencia.

Artigo 8º

Os asistentes ós cursos recibirán á súa finalización un certificado de asistencia con especificación de horas impartidas. Naqueles cursos nos que se realice a valoración dos coñecementos adquiridos o certificado será de asistencia e aproveitamento.

Artigo 9º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá encarga-la realización técnica destes cursos a profesionais especialistas nas materias que vaian impartirse.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural, para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

ANEXO I

CURSOS

1. Curso de iniciación para bibliotecarios municipais.

Contido: iniciación á biblioteconomía. Nocións básicas de proceso técnico, catalogación, clasificación, servicios da biblioteca pública e informatización.

Duración: 20 horas.

Data: xuño.

Horario: sesións de mañá de luns a venres.

Lugar: Santiago de Compostela. C.S.B.G.

Nº prazas: 30.

Destinatarios: bibliotecarios municipais que non participasen en ningún curso.

2. Curso de formación en novas tecnoloxías para bibliotecarios municipais.

Contido: informatización de servicios. O Programa MEIGA 3. Catalogación: Introducción ó formato IBERMARC. Os programas da Rede de Bibliotecas de Galicia. Catalogación centralizada ou compartida. Préstamo interbibliotecario. Dixitalización do patrimonio.

Duración: 25 horas.

Data: setembro-outubro-novembro.

Horario: sesións de mañá de luns a sábado.

Lugares: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e Ferrol.

Nº prazas: 15.

Destinatarios: bibliotecarios municipais ou de bibliotecas públicas da Rede de Bibliotecas de Galicia.

3. Curso de iniciación á informática para bibliotecas nodais.

Contido: windows 95. Word para Windows. Coñecementos básicos de hardware: impresoras, multimedia. Coñecementos básicos de MS-Dos. Conceptos básicos e iniciación ó formato Ibermarc. Iniciación ó programa Absys.

Duración: 20 horas.

Data: setembro.

Horario: sesións de tarde de luns a venres.

Lugares: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Nª prazas: 15.

Destinatarios: bibliotecarios e traballadores das bibliotecas nodais de Galicia.

4. Curso de perfeccionamento en informática para bibliotecas nodais.

Contido: iniciación ó Unix para administradores de sistema. Innovacións tecnolóxicas para bibliotecas. Internet. Almacenamento e transmisión de

imaxes. Os programas da rede galega de bibliotecas.

Duración: 20 horas.

Data: novembro.

Horario: sesións de tarde de luns a sábado.

Lugares: Santiago de Compostela. C.S.B.G.

Nº prazas: 20.

Destinatarios: bibliotecarios e traballadores das bibliotecas nodais de Galicia con responsabilidade na administracción de sistemas.

5. Curso sobre programas de xestión de bases de datos no C.S.B.G.

Contido: administración do programa SIRTEX. As bases de datos no C.S.B.G.

Duración: 25 horas.

Data: outubro.

Horario: sesións de tarde de luns a sábado.

Lugar: Santiago de Compostela. C.S.B.G.

Nº de prazas: 15.

Destinatarios: bibliotecarios ou persoal que estea a traballar co citado programa.

6. Curso sobre novas tecnoloxías para tratamento, conservación e consulta do tesouro bibliográfico.

Contido: os problemas de conservación do patrimonio bibliográfico. Exame histórico dos sistemas de conservación de reproduccións; o microfilme e a dixitalización. Dixitalización de textos: Sistemas de almacenamento e transmisión por redes. A conservación, o uso e o futuro do patrimonio bibliográfico galego.

Duración: 20 horas.

Horario: sesións de tarde de luns a venres.

Datas: xullo.

Lugar: Santiago de Compostela. C.S.B.G.

Nº prazas: 25.

Destinatarios: bibliotecarios de centros con fondos de especial interese para Galicia.

7. Curso de formato MARC para materiais especiais.

Contido: formato MARC para publicacións seriadas, material audiovisual, cartografía, material gráfico e outros materiais especiais.

Duración: 20 horas.

Data: setembro.

Horario: sesións de tarde de luns a venres.

Lugar: Santiago de Compostela. C.S.B.G.

Nº prazas: 30.

Destinatarios: bibliotecarios da Rede de Bibliotecas de Galicia.

4327