Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 12 de maio de 1998 Páx. 5.146

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 1998, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 340 que afecta ó monte Braña de Arriba, do lugar de Vilamarta de Riba, parroquia de Rodís, concello de Cerceda, desta provincia.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o xurado provincial de montes veciñais en man común da Coruña, en sesión celebrada o 23 de xaneiro de 1998, adoptou o seguinte acordo:

Reunido o 23 de xaneiro de 1998 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Medio Ambiente, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia do vicepresidente Ángel Barrallo Sánchez, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais, Andrés López-Suevos Fernández, xefe do Servicio de Montes e I.F. Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juán Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común, e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo:

Nº expediente: 340.

Monte: Braña de Arriba.

Lugar: Vilamarta de Riba.

Parroquia: Rodís.

Concello: Cerceda.

Antecedentes de feito:

1º Diversos veciños de Vilamarta de Riba, parroquia de Rodís, concello de Cerceda, solicitaron con data 4-7-1996 deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 22 As. aproximadamente.

Extremos:

Situado no predio 469, do polígono 41, do catastro do concello de Cerceda.

Norte: predio de Felisa Pallas Pena. Leste: regato que o separa dos predios de Dolores Villasenín Pérez e Jesús Pombo Golán. Sur: predios de herdeiros de José Golán Castro, de Rosa Golán Golán, e de herdeiros de Rafael Pallas Pena. Oeste: predios de herdeiros de Rafael Pallas Pena, Mª Carmen Santos Dubra, herdeiros de Estrella Dubra Pena, e Estrella Pallas Dubra.

2º Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión de 9-12-1996, acordou inicia-lo oportuno expe

diente nomeando como instructor deste Federico Sánchez Rodríguez, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, expedindo mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Ordes, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Cerceda, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG nº 79 do 25-4-1997 e taboleiro de anuncios do concello.

Debido ó relevo na Xefatura do Servicio de Montes, o xurado, na súa reunión de data 13-6-1997, acordou nomear novo instructor a Andrés López-Suevos Fernández, o cal tamén aceptou o cargo.

3º Os veciños de Vilamarta de Riba fundamentan a súa petición perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento consuetudinario e desde tempos inmemoriais, en réxime de comunidade, e sen asinación de cotas, do monte referido. Presentan copia de documentos privados de compravenda nos que hai referencia á existencia de tal braña veciñal.

4º Ante o presente expediente formulou alegación Felisa Pallas Pena, a cal afirma se-la propietaria de parte do predio solicitado como veciñal e pedindo a exclusión de tal cualificación.

Presenta copia dunha sentencia do 29-3-1994, do Xulgado de Primeira Instancia número nove da Coruña, sobre servidume de paso, así como outra do 9-2-1995 da Audiencia Provincial da Coruña, a cal é firme, e que resolve apelación da anterior. En ámbalas dúas sentencias se considera acreditada que o dito predio non é terreo veciñal nin comunal, senon propiedade de Felisa Pallas.

5º Na tramitación das presentes actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Fundamentos de dereito:

1º O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989 do 10 de outubro de, montes veciñais en man común.

2º En conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños do lugar de Vilamarta de Riba, parroquia de Rodís, concello de Cerceda, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º Este xurado decide excluír da cualificación a parte do predio sobre a que formula alegación Felisa

Pallas, ó se-lo mesmo predio obxecto das resolucións xudiciais descritas no antecedente 4º, as cales dan como acreditado que é propiedade privada da reclamante.

4º Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

5º Das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do que se expresa no punto anterior, dedúcese que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á comunidade veciñal do lugar de Vilamarta de Riba, parroquia de Rodís, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nesta data,

Acorda cualificar como monte veciñal en man común da comunidade veciñal do lugar de Vilamarta de Riba, parroquia de Rodís, concello de Cerceda, o denominado monte Braña de Arriba, coas estremas, superficie e características que figuran no primeiro antecedente, excluíndo de tal cualificación a parte do predio sobre a que formula alegación Felisa Pallas. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do Inventario de Bens do Concello e do Catálogo dos de Utilidade Pública, se neles estivera inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dos meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 23 de xaneiro de 1998.

Manuel Puente Araújo

Secretario do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

3365