Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 12 de maio de 1998 Páx. 5.145

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 23 xaneiro de 1998, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 344 que afecta o monte Recebés ou Costa do Sal, da parroquia de Santa María de Ois, concello de Coirós, desta provincia.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 23 de xaneiro de 1998, adoptou o seguinte acordo:

Reunido na data 23 de xaneiro de 1998 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Medio Ambiente, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia do vicepresidente Ángel Barrallo Sánchez, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais, Andrés López-Suevos Fernández, xefe do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juán Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común, e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo

Nº expediente: 344.

Monte: Recebés ou Costa do Sal.

Lugar: parroquia de Santa María de Ois.

Concello: Coirós.

Antecedentes de feito:

1º Diversos veciños da parroquia de Ois, concello de Coirós, solicitaron con data 21-11-1996 deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 125,35 ha.

Lindeiros:

Coincide co monte Recebés ou Costa do Sal, nº 29 do CUP. Norte: do piquete nº 1 ó 58 seguindo a orde de piquetes, coa estrada N-VI Madrid-A Coruña e predios particulares de veciños de Ois. Leste: do piquete nº 58 ó 61 seguindo a orde de piquetes, co termo do concello de Aranga e monte Mariña, Calzada e Agre. Do piquete nº 61 ó 66 co monte Mariña, Calzada e Agre. Sur: do piquete 66 ó 67 co monte Mariña, calzada e Agre, e propiedades particulares de veciños de Ois. Do piquete nº 67 ó 72 seguindo a orde de piquetes, con predios particulares de veciños de Ois. Do piquete nº 72 ó 76 seguindo a orde de piquetes, coa estrada N-VI. Do nº 76 ó 91 seguindo a orde de piquetes, con

propiedades particulares de veciños de Ois. Oeste: do piquete nº 91 ó 104 seguindo a orde de piquetes, e deste ó 1, con propiedades particulares de veciños de Ois.

2º Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 9-12-1996, acordóu inicia-lo oportuno expediente nomeándo como instructor do mesmo a Juán Ramón Beneyto Bellas, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Betanzos, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Coirós, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG 79, do 25-4-1997 e taboleiro de anuncios do concello.

3º Os veciños de Ois fundamentan a súa petición perante o xurado provincial de montes veciñais en que desde tempo inmemorial o dito monte viña sendo posuído polos veciños, sendo o seu aproveitamento en réxime de man común. Presentan copia do Interrogatorio do marqués de la Ensenada correspondente á freguesía de Santa María de Ois, no que se fai referencia á natureza veciñal do dito monte, así como o seu aproveitamento. Igualmente presentan acta de manifestacións ante notario en que declaran tal condición, así como escrituras públicas e privadas de compravenda nas que hai referencias á existencia de tal monte veciñal.

4º Ante o presente expediente formulou alegación o Concello de Coirós, afirmando que o dito monte é da súa propiedade desde tempo inmemorial, incluído no inventario de bens do concello coa cualificación de ben comunal, e que ten o carácter de ben de dominio público aínda que fose aproveitado polos veciños. Está inscrito no Rexistro da Propiedade a nome do Concello de Coirós.

5º Na tramitación das presentes actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Fundamentos de dereito:

1º O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º En conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de Ois, municipio de Coirós, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

4º Que oídas as partes interesadas e despois do exame da documentación achegada e incorporada ó expediente, este xurado entende que non obstante a documentación achegada polos promoventes, non deixa de ser certo que existe unha inscrición rexistral a favor do Concello de Coirós do ano 1982 que non foi impugnada polos veciños e polo tanto tolerada durante 16 anos. O que fai que o xurado, mantendo o criterio de anteriores resolucións, entenda que existe unha cuestión relativa á titularidade de tales montes, da competencia exclusiva dos tribunais da xurisdicción ordinaria, conforme se establece no noso ordenamento xurídico, e desenvolvido en reiteradas sentencias polo Tribunal Supremo.

Por iso, este xurado á vista dos antecedentes de feito e os fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor.

Acorda non cualificar como veciñal en man común o monte Recebés ou Costa do Sal afectado polo presente expediente.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 23 de xaneiro de 1998.

Manuel Puente Araújo

Secretario do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

3370