Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 12 de maio de 1998 Páx. 5.143

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 1997, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 341 que afecta a parte do monte Sieiras, do lugar de Lestón de Baixo, parroquia de Abelleira, concello de Muros, desta provincia.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o xurado provincial de montes veciñais en man común da Coruña, en sesión celebrada o 12 de decembro de 1997, adoptóu o seguinte acordo:

Reunido o 12 de decembro de 1997 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coru

ña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia do vicepresidente Ángel Barrallo Sánchez, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais, Andrés López-Suevos Fernández, xefe do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común, e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo.

Nº expediente: 341.

Monte: parte do monte Sieiras.

Lugar: Lestón de Baixo.

Parroquia: Abelleira.

Concello: Muros.

Antecedentes de feito:

1º Diversos veciños de Lestón de Baixo, parroquia de Abelleira, concello de Muros, solicitaron con data do 26-9-1996 deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 13,5 ha.

Extremas: procede do monte Sieiras, nº 136 do CUP. Norte: desde o piquete nº 3 do deslindamento, no denominado Outeiro da Fisga, seguindo devasa ata o piquete nº 4, co monte Calvos e outros. Leste: desde o piquete nº 4 ó 32 seguindo a orde de piquetes, con propiedades de veciños de Lestón. Sur: desde o piquete nº 32 seguindo unha liña recta ata o 1 no denominado Outeiro da Charca, con máis monte Sieiras. Oeste: desde o piquete nº 1 ata o 3, seguindo a orde de piquetes, co monte Sestaio e outros.

2º Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión de 9-12-1996, acordou inicia-lo oportuno expediente nomeándo como instructor deste a Juán Ramón Beneyto Bellas, quen aceptóu expresamente dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, expedindo mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, oíndo a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Muros, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG nº 79 do 25-4-1997 e taboleiro de anuncios do concello.

3º Os veciños de Lestón de Baixo fundamentan a súa petición perante o xurado provincial de montes veciñais en man común no aproveitamento desde tempos inmemoriais de forma consuetudinaria, en réxime de comunidade e sen asignación de cotas, segundo os usos e costumes, do monte correspondente ó dito lugar. Presentan acta de manifestacións ante notario na que declaran tal condición.

Esta petición é informada favorablemente polo acordo do Pleno do Concello de Muros do 29-8-1996.

4º Na tramitación das presentes actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Fundamentos de dereito:

1º O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989 do 10 de outubro de montes veciñais en man común.

2º En conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños de Lestón de Baixo, parroquia de Abelleira, concello de Muros, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento de 4 de setembro de 1992).

4º Das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do que se expresa no punto anterior, se deduce que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á comunidade veciñal do lugar de Lestón de Baixo, parroquia de Abelleira, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nesta data.

Acorda cualificar como monte veciñal en man común da comunidade veciñal do lugar de Lestón de Baixo, parroquia de Abelleira, concello de Muros, o denominado Parte do monte Sieiras, coas extremas, superficie e características que figuran no primeiro antecedente. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do Inventario de Bens do Concello e do Catálogo dos de Utilidade Pública, se neles estivera inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 12 de decembro de 1997.

Manuel Ponte Araújo

Secretario de Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e Prace

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

3368