Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 11 de maio de 1998 Páx. 5.005

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 21 de abril de 1998 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servicio Galego de Saúde.

A fórmula da delegación competencial é utilizada polas administracións públicas, entre elas os organismos autónomos, co fin de conseguir unha maior axilización no trámite e resolución dos asuntos administrativos, en beneficio tanto do funcionamento da Administración como dos administrados.

Publicado o Decreto 49/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a nova estructura orgánica dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde, procede adecuar á nova estructura do organismo alí establecida as normas de delegación existentes.

Por razóns de técnica normativa reúnense nunha única norma tódalas delegacións, tanto nos órganos centrais como periféricos, introducíndose novas delegacións e aqueles cambios que se consideran aconsellables, todo isto sen esquece-lo debido respecto ós principios informadores do procedemento administrativo e sen menoscabo das garantías xurídicas establecidas.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 do outubro, o artigo 3.2º do Decreto 49/1998, do 5 de febreiro, polo que establece a estructura órganica dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde, e o artigo 72.4º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e tendo en conta o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse no secretario xeral do Servicio Galego de Saúde as seguintes facultades:

a) A execución dos acordos de carácter xeral do Consello de Administración.

b) O despacho e resolución de cantos expedientes lle estean atribuídos ó presidente por precepto legal ou regulamentario, sempre e cando non estean expresamente delegados pola presente orde noutra autoridade ou órgano administrativo.

c) A resolución de tódolos expedientes e asuntos de índole patrimonial e a formalización dos correspondentes negocios xurídicos, así como o exercicio de todas aqueloutras competencias en materia patrimonial atribuídas ó presidente do organismo.

d) A resolución en vía administrativa dos recursos interpostos contra as resolucións das autoridades do organismo, excepto as dictadas en expedientes sancionadores non disciplinarios, sobre materias ou asuntos dos que a súa resolución non estea atribuída

competencialmente ou por delegación expresa a outros órganos do Sergas.

e) A resolución das reclamacións previas á vía xudicial civil, así como das reclamacións previas á vía xudicial social en materia de expedientes disciplinarios, de todo o persoal do organismo autónomo.

f) En relación a todo o persoal de servicios centrais e por proposta da correspondente división, a concesión de permisos ou licencias que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos.

g) En relación ó persoal da secretaría xeral, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización.

h) En relación ós directores provinciais e persoal directivo de institucións sanitarias, tanto no ámbito da atención primaria como da especializada, a autorización das comisións de servicios con dereito a indemnización que deban levarse a cabo fóra da Comunidade Autónoma, así como a concesión de permisos ou licencias que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos.

i) En relación ó persoal das divisións e direccións provinciais, a autorización para a asistencia a cursos, xornadas e, en xeral, actos de capacitación ou perfeccionamento, por proposta da correspondente división ou dirección provincial.

j) En relación ó persoal directivo de institucións sanitarias, tanto no ámbito da atención primaria como da especializada, a autorización para a asistencia a cursos, xornadas e, en xeral, actos de capacitación ou perfeccionamento.

En todo caso, unha vez concedida ó persoal directivo das institucións sanitarias a autorización para a asistencia a cursos, xornadas e, en xeral, actos de capacitación ou perfeccionamento, estes daranlles conta ós directores provinciais da dita asistencia.

Para os efectos do disposto nos apartados anteriores, entenderase por persoal directivo os directores xerentes e demais directores e subdirectores de institucións sanitarias, tanto no ámbito da atención primaria como da especializada.

k) A autorización das vacacións anuais de todo o persoal de servicios centrais e direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde, por proposta da correspondente división ou dirección provincial.

Artigo 2º

Deléganse na División de Asistencia Sanitaria as seguintes facultades:

a) A resolución dos expedientes de reintegro de gastos ós beneficiarios de asistencia sanitaria da Seguridade Social de contía superior a 5.000.000 de pesetas, unha vez informados polas respectivas direccións provinciais.

b) En relación co persoal do seu centro directivo, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización.

Artigo 3º

Deléganse na División de Recursos Económicos, ademais do previsto no artigo 15.2º do Decreto 49/1998, do 5 de febreiro, as seguintes facultades:

a) Actuar como órgano de contratación do Sergas para os concertos de asistencia sanitaria así como para os concertos sociosanitarios.

b) A autorización do uso temporal de centros e servicios aínda non concertados.

c) En relación co personal do seu centro directivo, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización.

Artigo 4º

Deléganse na División de Recursos Humanos, ademais do previsto no artigo 19.2º do Decreto 49/1998, do 5 de febreiro, as seguintes facultades:

a) A resolución en vía administrativa dos recursos interpostos contra as resolucións das autoridades e órganos do organismo dictadas en materia de recursos humanos, así como a resolución das reclamacións previas á vía xudicial laboral.

b) A convocatoria e resolución dos procesos selectivos para a cobertura de postos de traballo de persoal laboral, sen prexuízo do sinalado no artigo 6º.

c) A convocatoria de probas selectivas para o ingreso nos corpos ou escalas de carácter sanitario, o nomeamento de funcionarios pertencentes ós ditos corpos e escalas e a expedición dos correspondentes títulos, así como dicta-las resolucións sobre xubilacións.

d) A convocatoria e resolución de concursos de traslados para a provisión de prazas das áreas de saúde, institucións e servicios sanitarios.

e) A aprobación das bases xerais para as convocatorias de acceso a prazas de área de saúde, institucións e servicios sanitarios.

f) A concesión de comisións de servicio ó persoal estatutario entre institucións dependentes de diferentes direccións provinciais do organismo, así como a adscrición do dito persoal ós servicios centrais del e a autorización para que este persoal poida pasar a prestar servicios noutras entidades ou organismos das administracións públicas.

g) A concesión das comisións de servicio reguladas no artigo 15.7º da Lei 4/1988, do 26 de maio, de función pública de Galicia.

h) A concesión das prestacións estatutarias referidas á acción social.

i) En relación ó persoal do seu centro directivo, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización.

j) En relación ó persoal de servicios centrais ou direccións provinciais, a concesión de permisos ou licencias que teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos.

k) A autorización, para o persoal estatutario, dos permisos sen soldo regulamentarios, ou as súas prórrogas, cando sexan superiores a un mes en cada ano natural.

i) A resolución dos expedientes de modificación do cadro de persoal do Servicio Galego de Saúde, que correspondan a este organismo de conformidade co establecido na normativa vixente.

m) En relación co persoal estatutario e co persoal funcionario e laboral dependente do organismo, non incluído nas relacións de postos de traballo, a resolución en materias de réxime retributivo que correspondan ó organismo de conformidade co previsto na normativa vixente.

n) Todos aqueles actos da administración e xestión ordinaria do persoal do organismo que non fosen delegados expresamente por esta orde noutros órganos.

Artigo 5º

Deléganse na División de Farmacia e Productos Sanitarios as seguintes facultades:

En relación co persoal do seu centro directivo, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización.

Artigo 6º

Deléganse nos directores provinciais do Servicio Galego de Saúde as seguintes facultades:

a) A declaración das situacións administrativas do persoal estatutario.

b) A convocatoria e resolución dos procesos selectivos que se desenvolvan de forma descentralizada, conforme a normativa vixente, logo de autorización da División de Recursos Humanos, e conforme o que estableza na convocatoria xeral.

c) A selección, conforme os procedementos establecidos, para o desempeño de postos de traballo, dentro das dotacións existentes nos cadros de persoal das institucións e de servicios sanitarios do seu ámbito territorial, con excepción dos definidos como de libre designación e dos que resulten directamente en función de resolución de probas selectivas.

d) A concesión de comisións de servicio entre institucións sanitarias do seu ámbito territorial, logo de autorización da División de Recursos Humanos.

e) O recoñecemento da antigüidade para efectos retributivos do persoal estatutario.

f) As declaracións correspondentes ás situacións de xubilación forzosa e voluntaria do persoal estatutario.

g) A tramitación e xestión de nóminas do persoal das súas unidades administrativas.

Os acordos que se adopten no ámbito sinalado nos apartados anteriores deberanlles ser notificados á División de Recursos Humanos e ás respectivas institucións sanitarias.

h) A autorización dos gastos e a proposta dos pagamentos con cargo ós orzamentos dos seus respectivos centros integrados no orzamento do organismo autónomo, así como a actuación como órgano de contratación nos contratos de obras, subministracións, consultoría e asistencia, de servicios e para a realización de traballos específicos e concretos non habituais, imputables a créditos orzados ou habilitados ó seu centro de gasto, ata un importe de 200.000.000 de ptas., aínda que, cando a contía exceda de 50.000.000 de ptas., se requirirá autorización expresa da División de Recursos Económicos.

i) A celebración de contratos imputables a créditos orzados ou habilitados ós diferentes centros de gasto da dirección provincial, para os casos de contratación que afecte conxuntamente a varios destes nun único expediente, ata o importe máximo de 200.000.000 de ptas., aínda que cando a contía exceda de 50.000.000 de ptas., se requirirá autorización expresa da División de Recursos Económicos.

j) A tramitación e resolución dos expedientes de reintegro de gastos ós beneficiarios da asistencia sanitaria da Seguridade Social, de contía inferior a 5.000.000 de ptas.

k) En relación ó persoal da dirección provincial, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización, así como a concesión de permisos ou licencias que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos.

l) O control do horario e da asistencia e presencia física do persoal das súas unidades administrativas.

Artigo 7º

Deléganse nos directores xerentes de institucións sanitarias ou nos seus equivalentes, tanto no ámbito da atención primaria como da especializada, e no xerente xeral do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela, e en relación cos seus respectivos centros de gasto, as seguintes facultades:

a) En relación co persoal non directivo dependente do centro, a autorización de comisións de servicio con dereito a indemnización e a autorización para a asistencia a cursos, xornadas e, en xeral, actos de capacitación ou perfeccionamento.

b) En relación co persoal funcionario e laboral dependente do centro, que ocupe postos de traballo incluídos nas relacións de postos de traballo, a concesión de permisos e licencias que non teñan repercusión na súa nómina.

c) En relación co persoal estatutario e co persoal funcionario e laboral dependente do centro, non incluído nas relacións de postos de traballo, a concesión de permisos e licencias que non excedan dun mes de duración e as súas prórrogas.

d) A autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización que se realicen dentro da Comunidade Autónoma por eles mesmos ou polo persoal directivo do centro.

e) A autorización, para o persoal estatutario, dos permisos sen soldo regulamentarios, ou as súas

prórrogas, cando sexan iguais ou inferiores a un mes en cada ano natural.

f) A expedición das dilixencias de posesión, incorporación ou cesamento que, se é o caso, se produzan.

Tales dilixencias deberanlle ser notificadas á respectiva dirección provincial.

g) O nomeamento ou a contratación de persoal temporal das institucións ou servicios deles dependentes, logo da autorización da correspondente dirección provincial, así como a selección e nomeamento de persoal temporal na categoría de facultativo especialista.

Os acordos que se adopten no ámbito sinalado neste apartado deberanlles ser notificados á División de Recursos Humanos e á respectiva dirección provincial.

h) O control do horario e da asistencia e presencia física do persoal do seu centro.

i) A autorización dos gastos e a proposta de pagamentos con cargo ós orzamentos dos seus respectivos centros integrados no orzamento do organismo autónomo, así como a actuación como órgano de contratación nos contratos de obras, subministracións, consultoría e asistencia, de servicios e para a realización de traballos específicos e concretos non habituais, imputables a créditos orzados ou habilitados ó seu centro de gasto, ata un importe de 200.000.000 de ptas., aínda que, cando a contía exceda de 50.000.000 de ptas., se requirirá autorización expresa da División de Recursos Económicos.

j) A celebración de contratos administrativos especiais logo de autorización expresa da División de Recursos Económicos.

Artigo 8º

Facúltanse os secretarios provinciais, xefes dos servicios de Xestión Económica e Investimentos e directores de Xestión ou os seus equivalentes nos respectivos centros de gasto, para formula-las correspondentes propostas nos expedientes tramitados con cargo ós orzamentos dos seus respectivos centros, integrados no orzamento do organismo autónomo.

Artigo 9º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións efectuadas pola presente orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que a conferiu.

Artigo 10º

Quedan excluídos, en todo caso, das delegacións contidas nesta orde, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Disposición transitoria

De conformidade co disposto na disposición transitoria primeira do Decreto 49/1998, do 5 de febrei

ro, e mentres non se leve a cabo o nomeamento do secretario xeral do organismo, as delegacións que se efectúan a favor del na presente orde entenderanse referidas ó secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogada a Orde do 22 de maio de 1996 sobre delegación de atribucións en órganos centrais e periféricos do Sergas.

Segunda.-Derróganse igualmente cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido nesta orde, coa excepción da orde desta consellería do 9 de febreiro de 1996.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 1998.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e presidente do Servicio Galego de Saúde

4119