Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 11 de maio de 1998 Páx. 5.004

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 135/1998, do 23 de abril, polo que se integra o Hospital Psiquiátrico Provincial O Rebullón no Complexo Hospitalario Xeral-Cíes de Vigo.

O Decreto 58/1996, do 8 de febreiro (Diario Oficial de Galicia nº 83, do 22 de febreiro) aprobou o acordo do 7 de febreiro de 1996 polo que se traspasa o Complexo Hospitalario Provincial-Rebullón, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra, á Comunidade Autónoma de Galicia, e os correspondentes recursos persoais, materiais e orzamentarios precisos, así como os demais bens previstos no aludido acordo.

En consecuencia, quedaron traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia e asumidos por esta os servicios e institucións que se relacionan no acordo, que se inclúe como anexo do dito decreto, nos termos e condicións resultantes del, e os medios persoais, bens, dereitos e obrigas sinalados no texto do acordo e relacións adxuntas, así como os créditos orzamentarios determinados segundo o procedemento establecido no propio acordo.

Os servicios e medios asumidos quedaron adscritos, en virtude do dito decreto, ó organismo autónomo Servicio Galego de Saúde, e a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde exercerán as funcións emanadas das súas respectivas competencias, en relación ós servicios traspasados.

É competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, recoñecida no artigo 27.1º do Estatuto de autonomía, a organización das súas institucións de autogoberno; derivarse da dita facultade a correspondente capacidade de crear órganos e determina-las súas estructuras co fin de facer viva e viable aquela.

A Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, crea o Servicio Galego de Saúde, como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á Consellería de Sanidade e ten como finalidade a xestión dos servicios sanitarios de carácter público dependentes da Comunidade Autónoma; asígnanselle entre as súas funcións (artigo 3 d) reformado pola Lei 8/1991 a xestión dos centros, servicios e establecementos sanitarios do Servicio Galego de Saúde e os adscritos funcionalmente a el.

O Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia, vén plasmar normativamente a vontade de que a saúde mental e a asistencia psiquiátrica, tanto extra como intrahospitalaria, se integre no conxunto de plans e accións de saúde xeral, establecendo concretamente que as unidades de hospitalización psiquiátrica estarán integradas nos hospitais xerais como un servicio destes, adaptando a súa estructura orgánica ás características da súa especialización.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro,

reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, logo do informe do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de abril de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.- O Hospital Psiquiátrico Provincial O Rebullón, ata agora integrado no Complexo Hospitalario Provincial-Rebullón de Pontevedra e ata agora transferido á Comunidade Autónoma de Galicia polo Decreto 58/1996, do 8 de febreiro, pasa a integrarse no Complexo Hospitalario Xeral-Cíes de Vigo.

En consecuencia, a institución sanitaria actualmente denominada Complexo Hospitalario Provincial Rebullón pasa a denominarse Hospital Provincial de Pontevedra.

Disposicións adicionais

Primeira.-Adscríbense ó Complexo Hospitalario Xeral-Cíes de Vigo os medios persoais, bens, dereitos e obrigas do Hospital Psiquiátrico Provincial O Rebullón traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Decreto 58/1996, do 8 de febreiro, así como todos aqueles asignados a ese centro sanitario con posterioridade á devandita transferencia.

Segunda.-A integración establecida no presente decreto non afectará o réxime xurídico do persoal dependente do Hospital Psiquiátrico Provincial O Rebullón.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposición derradeira

Autorízase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias en orde para o desenvolvemento e execución do disposto neste decreto, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante o anterior, o cambio de centro na tramitación e imputación contable dos gastos de persoal e outros bens correntes e servicios levarase a cabo a partir do momento en que fosen aprobadas as correspondentes modificacións de crédito.

Santiago de Compostela, vintetrés de abril de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

4118