Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 11 de maio de 1998 Páx. 4.996

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 23 de abril de 1998 pola que se anuncian subvencións a empresas privadas para a mellora da oferta balneoterápica de Galicia.

O establecemento balneario foi un dos primeiros elementos xeradores de actividade turística na nosa Comunidade Autónoma sendo claro exemplo disto o gran número deste tipo de establecementos existentes en Galicia, pero é a mediados deste século cando este tipo de turismo lle cede terreo claramente ó turismo denominado de sol e praia producíndose nalgúns casos o peche de establecementos ou nos casos máis favorables unha existencia de simple supervivencia.

Pero desde no hai moitos anos estase a producir un rexurdimento desta modalidade de turismo e Galicia non é allea a este fenómeno; de feito, a nosa oferta turística balnearia está producindo uns máis que esperanzadores resultados aínda que os niveis de calidade deben ser mellorados para ser acordes coas demandas dos usuarios.

Por outro lado estase a producir, no eido da demanda turística, unha serie de necesidades terapéuticas distintas ás ofertadas polos balnearios tradicionais e que están vencelladas a outros usos curativos tales, como entre outros, a utilización da auga do mar. Tendo en conta que esta demanda vai incidir, tal como xa o fai o balneario tradicional, no noso turismo e considerando que un dos principais obxectivos da política turística da Xunta de Galicia é o de potencia-la oferta balneoterápica en tódalas súas expresións é polo que, con cargo ós créditos orzamentarios

da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo en Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ó establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Turismo, poderá conceder subvencións con cargo á aplicación 10.05.751A.770.0 dos seus créditos orzamentarios para 1998, ás persoas físicas e xurídicas titulares (en calquera das formas de posesión que determina o Código civil):

1. De establecementos de aloxamento e restauración con instalacións balnearias en funcionamento.

2. De establecementos de aloxamento e restauración con instalacións balnearias pechadas pola deterioración das súas instalacións sempre e cando, no proxecto que se sinala no artigo 5º.1.c).1º desta orde, se considere a recuperación de todo o conxunto.

3. De instalacións balnearias que carezan de establecementos de aloxamento e restauración sempre e cando, no proxecto que se sinala no artigo 5º.1.c).1º desta orde se considere a creación, formando un conxunto co balneario, de establecementos de aloxamento e restauración.

4. Tamén poderán ser destinatarios das subvencións obxecto desta orde aqueles promotores de establecementos balnearios non tradicionais que inclúan no establecemento, oferta de aloxamento e restauración.

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin e, así mesmo, cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, observarase o que dispón o artigo 36.dous.B).2.e) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, para os efectos do pagamento correspondente á anualidade do exercicio de 1998 e, se é o caso, a de 1999.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, as accións encamiñadas á creación, modernización e posta en valor turística dos balnearios. Abrangue o obxecto da subvención a creación, remodelación e recuperación de establecementos turísticos dirixidos á utilización terapéutica das augas, incluídas as do mar, así como

a substitución dos seus equipamentos obsoletos.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

1. Os proxectos que se presenten na procura de subvención serán globais, é dicir, estarán contidos nunha única solicitude.

2. O investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a cincuenta millóns (50.000.000) de pesetas e non se considerará investimento subvencionable os gastos xerais nin o beneficio industrial; tampouco forma parte del a adquisición de terreos nin os honorarios de técnicos así como tampouco ningún tipo de taxa ou imposto.

3. Os establecementos para os que se solicita subvención deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia, agás os que se atopen nalgún dos casos determinados nos apartados 2, 3 e 4 do artigo 1º desta orde.

4. Os proxectos que se subvencionen terán que:

a) Comezarse durante o ano 1998 e estar rematados con tempo abondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde.

b) Publicita-la colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo-Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido serán indicados polos correspondentes servicios provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

c) Cumpri-lo disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos:

a) Solicita-la autorización de apertura diante da Administración turística ou, se é o caso, reemprende-la actividade, nun prazo máximo de tres meses contados a partir da data da xustificación final do investimento.

b) Crea-los postos de traballo a que se compromete na declaración xurada incorporada á solicitude, nun prazo de 3 anos contados desde a data de autorización de apertura pola Administración turística ou, se é o caso, desde cando se reemprenda a actividade. Tamén se compromete a manter estes postos de traballo durante 3 anos, contados desde a súa creación.

c) Mante-la súa actividade durante un período mínimo de quince anos, contados desde a data de xustificación total do investimento subvencionado.

No caso de non cumprirse, en tempo e forma, estes compromisos e, consonte o sinalado no artigo 78.5º

c) da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, os beneficiarios quedan obrigados a devolve-lo importe da subvención recibida cos correspondentes xuros de demora ó tipo que sinale a Lei de orzamentos xerais do Estado do exercicio correspondente.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha axuda económica de ata o 35% sobre o investimento subvencionable máis 500.000 ptas. por posto de traballo que se vai crear co investimento proxectado. En todo caso, a porcentaxe máxima de axuda non poderá supera-lo 50% do investimento subvencionable.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, dirixidas ó director xeral de Turismo e a documentación que de seguido se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, na Consellería de Industria e Comercio, de acordo co sinalado no Decreto 400/1996, do 31 de outubro, polo que se crea o portelo único para establecementos balnearios e explotacións de augas minerais, termais e de manancial (DOG nº 226 do 19-11-1996), en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común no prazo dun mes, contado desde o día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

c) 1º Proxecto básico, asinado por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á realización de obras.

2º Memoria explicativa, asinada por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á adquisición de equipamento, á execución dun proxecto de decoración, a intervencións de remoción e pequenas reparacións.

En todo caso deberase achegar, tanto sexa coa memoria como co proxecto básico, orzamento pormenorizado por conceptos do investimento proxectado e planos a escala 1:50 cando o investimento afectase á distribución ou uso das instalacións existentes.

d) Licencia urbanística, se fose o caso, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de realiza-la solicitude de subvención será abonda a presentación dun informe urbanístico, emitido polo concello, no que se indique que o proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio ou, se é o caso, certificación do concello comprensiva de que o investimento proxectado non precisa licencia urbanística.

e) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas achegarase escritura de constitución ou modificación, se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil.

f) Declaración xurada doutras axudas solicitadas ou recibidas para o proxecto para o que se solicita subvención.

g) Documento acreditativo de inscrición do establecemento para o que se solicita a subvención no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia, se fose o caso.

h) Declaración xurada, se é o caso, dos postos de traballo que se van crear coa execución do investimento proxectado.

i) Certificado de autorización de aproveitamento de augas outorgada pola Consellería de Industria e Comercio ou, se é o caso, de ter presentada a súa solicitude, e certificado de inscrición no Rexistro de centros, servicios ou establecementos sanitarios da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou, se é o caso, de ter presentada a súa solicitude.

2. Os interesados emendarán os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite, daqueles que non se cubrisen en tempo e forma.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112, do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 30 de xuño de 1992, pola que se regulamenta a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, por cada expediente, no que se deberá indica-la valoración desde un punto de vista turístico do proxecto presentado, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de Turismo e os xefes de Servicio de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo.

Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de servicio de fomento e promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

-Os valores de localización, contorno, historia, etc...

-As características do proxecto en canto á oferta que se propón (incorporación de tecnoloxía avanzada, mellora medioambiental, valor engadido que xere o proxecto así como o seu carácter dinamizador,...).

-A creación de postos de traballo.

-A oferta de servicios.

-Carácter innovador do proxecto.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias elevará, unha vez emitidos informes pola comisión creada ó abeiro do decreto da Xunta de Galicia 401/1996, do 31 de outubro, ó director xeral de Turismo proposta de concesión ou denegación de subvención. Dos acordos adoptados pola sinalada comisión redactarase a correspondente acta.

3. O director xeral de Turismo, vista a proposta elevada pola comisión técnica, dictará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, 1999 e 2000, en función das disposicións orzamentarias e das dificultades de índole técnica de execución do investimento subvencionado.

4. De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde o remate de presentación do prazo de solicitude.

Artigo 7º.-Aceptación-renuncia das subvencións e condicións xerais para as conedidas.

1. Da aceptación-renuncia das subvencións.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de quince días naturais, comunicaranlle á Dirección Xeral de Turismo a aceptación (utiliza-lo modelo do anexo II da orde) ou renuncia a elas. Se transcorridos os sinalados quince días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

2. Das condicións xerais para as subvencións concedidas.

No prazo de dous meses desde a presentación da aceptación da subvención, os beneficiarios presen

tarán na Dirección Xeral de Turismo a seguinte documentación:

a) Proxecto definitivo da acción subvencionada visado polo correspondente colexio oficial, no que se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión.

O dito proxecto e programa, que teñen que ser conformes co determinado na resolución de concesión da subvención, para os efectos da súa validez para incorporar ó expediente, deberá ser informado favorablemente polo xefe do Servicio de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

b) Licencia urbanística de obras, expedida polo concello e con referencia explícita ó proxecto subvencionado. Excepcionalmente poderase apraza-la presentación deste documento.

c) Documento acreditativo de alta no imposto de actividades económicas nun epígrafe que posibilite a explotación económica do proxecto subvencionado consonte as determinacións e obrigas que se sinalan nesta orde.

d) Certificación bancaria onde se debe aboa-la subvención.

Se transcorridos os ditos dous meses non se cumprise algunha das condicións anteriores, procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

3. Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde vista a proposta que lle formule a Comisión Técnica, o director xeral de Turismo poderá conceder subvencións ós expedientes que non a recibisen e teñan cualificación dabondo, segundo os acordos da sinalada comisión.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o importe desta se atribuíu en dúas ou máis anualidades terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 1998: 15 de novembro de 1998.

Fase de 1999: 30 de xuño de 1999, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a tres, 15 de outubro de 1999.

Fase de 2000: 30 de xuño de 2000.

Se a subvención soamente se imputou ó exercicio de 1998, a data límite de presentación será o 15 de novembro de 1998.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustifica-lo antes posible e nunca con posterioridade

ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitiranlle á Dirección Xeral de Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo III.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra e visada polo correspondente colexio oficial, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra, visado polo colexio oficial no caso de que o investimento subvencionable se referise á realización das obras e/ou instalacións recollidas no artigo 5º.1.c)1º da presente orde.

Cando o investimento subvencionable se referise ás accións recollidas no artigo 5º.1.c).2º da presente orde deberase remitir, ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada destas, relativas ó investimento executado.

En calquera dos casos, nas facturas o interesado deberá especificar a qué concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Licencia urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado, no caso de que se precisase e non se achegase anteriormente por causas excepcionalmente autorizadas.

3.4. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas Facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social así como de estar ó corrente no pagamento do imposto sobre actividades económicas.

3.5. Certificados de autorización de aproveitamento de augas outorgada pola Consellería de Industria e Comercio e de inscrición no Rexistro de centros, servicios ou establecementos sanitarios da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

3.6. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos ós que se fan referencia no artigo 3º.5 da presente orde.

Os documentos sinalados nos apartados 3.5 e 3.6 do presente artigo será obrigatorio presentalos coa última solicitude de pagamento.

Por outra banda, no caso de ser beneficiario dunha subvención plurianual e cando se solicite o paga

mento da anualidade de 1998 ou, se é o caso, de 1999, ademais da documentación indicada no apartado 3 do presente artigo, tamén se deberá remiti-la documentación á que se fai referencia no artigo 36.dous.B).2 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

4. Para o non previsto anteriormente haberá que aterse ó disposto nesta materia nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-As modalidades de contratos aceptados na presente orde para os efectos de creación de emprego son:

-Autoemprego.

-Indefinidos, a xornada completa ou a tempo parcial.

-De duración determinada, de carácter formativo.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea ou polo de traballadores autónomos

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas traballadas, pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Segunda.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º.2 desta orde así como os prazos establecidos no artigo 8º.1 terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos non poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño de 2000. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado no artigo 7º.3 desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde poderán solicitarlle ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Turismo para dicta-las resolucións e instruccións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

y Turismo

3940