Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 11 de maio de 1998 Páx. 5.008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 21 de abril de 1998 sobre delegación de atribucións en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Co fin de conseguir unha maior axilización no trámite e resolución dos asuntos atribuídos ó titular da consellería que beneficia tanto a Administración como os administrados, sen esquece-lo debido respecto ós principios informadores do procedemento administrativo e sen menoscabo das garantías xurídicas establecidas, os órganos da Administración utilizan a fórmula da delegación competencial.

Publicado o Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, procede adecuar á nova estructura as normas de delegación existentes.

Por razóns de técnica normativa reúnense nunha única norma tódalas delegacións, tanto nos órganos centrais coma nos periféricos, e introdúcense novas delegacións e aqueles cambios que se consideran aconsellables.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38 a 43 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o artigo 72.4º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia; e tendo en conta o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse no secretario xeral da consellería, sen prexuízo do sinalado nos artigos 2º, 3º e 4º, as seguintes facultades:

a) A inspección de tódolos servicios da consellería e dispoñer canto concirne ó réxime interno dela cando non sexa competencia doutro centro directivo.

b) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos ó titular da consellería.

c) A resolución en vía administrativa dos recursos interpostos contra as resolucións das autoridades da consellería, excepto as dictadas en expedientes sancionadores non disciplinarios.

d) Autorizar e dispoñe-los gastos xerais dos servicios da consellería, ata o límite dos créditos autorizados, así como a facultade de solicitar do conselleiro de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos correspondentes.

e) As funcións que como órgano de contratación lle estean atribuídas ó titular da consellería.

f) O exercicio da xefatura do persoal do departamento e a súa inspección.

g) A incoación de expedientes disciplinarios a todo o persoal da consellería e do Sergas.

h) O exercicio das potestades disciplinarias, excepto a separación do servicio, conforme as disposicións vixentes.

i) A autorización para a asistencia a cursos, xornadas e, en xeral, actos de capacitación ou perfeccionamento, por proposta da correspondente dirección xeral ou delegación provincial.

j) En relación co persoal de servicios centrais e por proposta da correspondente dirección xeral, a concesión de permisos ou licencias que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos.

k) A concesión de permisos ou licencias que teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos.

l) En relación ós delegados provinciais da consellería, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización que deban levarse a cabo fóra da Comunidade Autónoma, así como a concesión de permisos ou licencias.

m) En relación co persoal da secretaría xeral, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización.

n) A autorización das vacacións anuais de todo o persoal de servicios centrais e delegacións provinciais da consellería, por proposta da correspondente dirección xeral ou delegación provincial.

ñ) As facultades que lle corresponden ó conselleiro en materia de persoal, nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e demais disposicións vixentes, coa excepción das establecidas no punto 8 do mesmo artigo en relación co persoal ó que se fai referencia

no artigo 7.2º d) da Lei 8/1991, do 23 de xullo, de reforma da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde.

o) As funcións inherentes ó exercicio do protectorado que lle corresponden á consellería en relación coas fundacións de interese galego.

Artigo 2º

Deléganse no director xeral de Servicios Sociais, nas materias dese centro directivo, as seguintes facultades:

a) Autorizar e dipoñe-los gastos xerais dos servicios da dirección xeral, ata o límite dos créditos autorizados, así como a facultade de solicitar do conselleiro de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos correspondentes.

b) As funcións que como órgano de contratación lle estean atribuídas ó titular da consellería.

c) En relación ó persoal de servicios centrais, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización.

Artigo 3º

Delégase no director xeral de Saúde Pública, respecto do persoal do seu centro directivo, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización.

Artigo 4º

1. Deléganse nos delegados provinciais da consellería, no seu respectivo ámbito territorial, as atribucións en materia de servicios sociais que como órgano de contratación lle corresponden ó conselleiro nas seguintes materias:

a) A contratación de servicios de consultoría e asistencia, de servicios e para a realización de traballos específicos e concretos non habituais, relativos a gastos correntes con cargo ó capítulo II, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

b) A contratación das subministracións de bens funxibles, con cargo ó capítulo II, necesarios para o funcionamento diario dos centros e servicios xestionados polos órganos periféricos.

c) A sinatura dos contratos de xestión de servicios públicos, prestados nos centros dependentes da consellería, que non xeren obrigas de contido económico para a Administración autonómica, así como as xestións ulteriores á sinatura daquelas que si as xeren.

d) A realización de tódolos trámites previos e a sinatura dos contratos individuais para o ingreso, en casos excepcionais, de minusválidos en centros alleos e o seu pagamento, así como toda a xestión ulterior das obrigas xurdidas.

e) A xestión das obrigas adquiridas na sinatura dos convenios de cooperación ou colaboración.

f) A competencia para efectua-las contratacións de persoal laboral temporal, logo de autorización expresa do gasto polos órganos centrais da conse

llería, cando se trate de postos de traballo vacantes incluídos nas correspondentes relacións de postos de traballo, así como a competencia para efectua-las contratacións de persoal laboral temporal para desempeñar postos de traballo non vacantes cando o seu titular non se encontre no desenvolvemento efectivo das funcións propias del, como nos supostos de incapacidade temporal, licencias e outros similares, todo iso dentro dos créditos asignados para tal efecto.

2. Así mesmo, delégase nos delegados provinciais da consellería, en relación co persoal da delegación provincial, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización, así como a concesión de permisos ou licencias que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos.

Artigo 5º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións de atribucións efectuadas pola presente orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que a conferiu.

Artigo 6º

Quedan excluídos, en todo caso, das delegacións contidas nesta orde, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Disposición transitoria

Sen prexuízo do disposto no artigo 1º desta orde, as facultades a que se refiren os seus apartados d),e), k) e ñ) serán exercidas, nos seus respectivos ámbitos, polas Divisións de Recursos Económicos e Recursos Humanos do Sergas, mentres non se estableza outra cousa no decreto de estructura orgánica da consellería.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogada a Orde do 22 de maio de 1996 sobre delegación de atribucións en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Segunda.-Derróganse igualmente cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido nesta orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 1998.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

3872