Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Xoves, 07 de maio de 1998 Páx. 4.851

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 127/1998, do 23 de abril, polo que se crea o Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

O artigo 51.2º da Constitución española establece que os poderes públicos promoverán a información e maila educación dos consumidores e usuarios, fomentarán as súas organizacións e oirán a estas nas cuestións que poidan afectarlles a aqueles, nos termos que a lei estableza.

Co fin de darlle cumprimento ó devandito mandato constitucional, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 12/1984, do 28 de decembro, do Estatuto galego do consumidor e usuario, que no seu artigo 3 d) establece, entre os dereitos dos consumidores e usuarios, o de que sexan consultadas nas materias que lles afecten.

O dito dereito é desenvolvido no capítulo IV do mesmo estatuto (dereito de representación, consulta e participación), que nos seus artigos 27 e 29 determina que o goberno galego adoptará as medidas precisas para promove-lo movemento asociativo e darlles axeitada e eficaz participación ás asociacións de consumidores e usuarios, e establecerá as canles axeitadas para que as organizacións ou asociacións destes sexan consultadas en cantos temas poidan afectar directamente ó interese dos consumidores e usuarios.

Para lles dar cumprimento ós ditos mandatos resulta necesaria a creación dunha canle de participación das organizacións de consumidores e usuarios que ademais de fomenta-lo movemento asociativo neste campo -que padece aínda de importantes carencias por mor da excesiva dispersión e atomización- e maila colaboración entre as ditas organizacións e a Administración autonómica, teñan atribuídas funcións de asesoramento e consulta respecto dos proxectos de disposicións que deban ser dictados ou propostos pola Xunta de Galicia en materia de consumo.

Por outra banda, resulta necesario suprimi-lo Consello Galego de Consumo, toda vez que ó asumi-lo Consello de Dirección do Instituto Galego de Consumo as funcións de consulta ás que fai referencia o artigo 31 do Estatuto galego do consumidor e usuario (Art. 5.3º do Decreto 329/1995, do 21 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 8/1994, do 30 de decembro, de creación do Instituto Galego de Consumo) e estar representadas nel as organizacións que teñen como obxectivo a defensa dos consumidores e usuarios, as organizacións ou entidades vinculadas a intereses profesionais ou empresariais e mailos órganos da Administración galega competentes en materia de consumo, tal e como determina o dito precepto; non ten sentido ningún o mantemento dun órgano consultivo que trala creación do Instituto Galego de Consumo e do Consello Galego de Consumidores e Usuarios xa non terá operatividade ningunha.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, oídas as asociacións de consumidores e usuarios existentes en Galicia, e o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de abril de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia créase o Consello Galego de Consumidores e Usuarios, adscrito á consellería competente en materia de consumo, como órgano de representación e consulta dos consumidores e usuarios, sen prexuízo do disposto na Lei 8/1994, do 30 de decembro, de creación do Instituto Galego de Consumo e nas súas disposicións de desenvolvemento.

2. O Consello Galego de Consumidores e Usuarios ostentará a representación institucional das organizacións e asociacións de consumidores e usuarios, ante a Administración autonómica ou outras entidades e organismos de carácter autonómico.

Artigo 2º

Serán funcións do Consello Galego de Consumidores e Usuarios as seguintes:

a) Coñecer e emitir informes sobre os proxectos de disposición de carácter xeral que afecten directa ou indirectamente ós consumidores e usuarios, salvo que as asociacións de consumidores e usuarios estean representadas nos órganos colexiados de elaboración deles.

b) Presentar propostas e suxestións ó Instituto Galego de Consumo, en materia de defensa do consumidor e usuario.

c) Promover estudios e traballos de investigación en materia de consumo.

d) Propoñe-los representantes das asociacións ou federacións de consumidores e usuarios integradas no consello, para participaren no Consello de Dirección do Instituto Galego de Consumo e nos demais órganos colexiados de organismos e entidades públicas ou privadas de ámbito autonómico nos que deban estar representados os consumidores e usuarios.

e) Elabora-la memoria anual da súa actividade.

f) Ostenta-la representación institucional das organizacións de consumidores e usuarios.

g) As demais que lle sexan encomendadas por outras disposicións.

Artigo 3º

Integrarán O Consello Galego de Consumidores e Usuarios os seguintes membros:

1. Un representante por cada unha das asociacións, non federadas, inscritas na sección xeral do rexistro regulado polo Decreto 95/1984, do 24 de maio, e que acrediten como mínimo 4.000 socios.

2. Un representante por cada unha das federacións inscritas na sección xeral do referido rexistro que conten no seu seo con asociacións implantadas nas catro provincias galegas e acrediten un mínimo de 4.000 socios.

As federacións que acrediten 10.000 socios terán dereito a un segundo representante e un terceiro e sucesivos por cada 10.000 socios máis.

3. Dous representantes das restantes asociacións non comprendidas nas alíneas anteriores e inscritas na sección xeral do referido rexistro, elixidos por elas.

4. Un representante das asociacións inscritas na sección especial do referido rexistro que acrediten un mínimo de 4.000 socios, elixidos por elas.

Artigo 4º

Para cada un dos membros do consello procederase á elección dun suplente nas mesmas condicións que as establecidas no artigo anterior.

Sen prexuízo do disposto no artigo 9º, os membros titulares serán substituídos polos seus suplentes nos casos de vacante, ausencia, enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada.

Artigo 5º

Unha vez determinado, conforme o disposto nos dous artigos anteriores, o número de vocais que corresponden a cada organización, estas designarán os seus representantes no consello e a un suplente por cada un deles.

Os vocais e os suplentes serán nomeados polo conselleiro competente en materia de consumo, por proposta do presidente do Instituto Galego de Consumo, e o nomeamento deles publicarase conxuntamente no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º

1. Os membros do consello serán elixidos por un período de catro anos e poderán ser reelixidos.

2. Transcorrido o período do seu mandato, os membros do consello permanecerán no seu cargo en tanto se proceda á súa substitución ou renovación.

3. Os membros do consello non percibirán, polo exercicio das súas funcións, remuneración ningunha con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma.

Artigo 7º

1. O mandato dos membros do Consello rematará antes da expiración do período de catro anos por algunha das seguintes causas:

a) Incapacidade permanente ou falecemento.

b) Renuncia.

c) Incorrer en penas que inhabiliten para o exercicio de cargos públicos.

d) Cando deixen de concorrer neles os requisitos que determinaron a súa designación.

e) Cando sexa solicitada a súa substitución polas organizacións ás que representan.

2. As vacantes producidas no consello pola concorrencia dalgunha das causas sinaladas no apartado anterior cubriranse de acordo cos procedementos establecidos no artigo 3º, sen prexuízo de que os suplentes dos membros titulares exerzan as funcións destes en tanto non se proceda á súa substitución.

3. A persoa elixida ocupará o cargo polo tempo que falte para cumpri-lo mandato do membro substituído.

Artigo 8º

1. O consello actuará en pleno ou en comisión permanente.

2. O pleno estará integrado polo presidente, o vicepresidente, o secretario e o resto dos membros do consello.

3. A comisión permanente estará constituída polo presidente, o vicepresidente, un membro por cada unha das representacións previstas no artigo 3º e o secretario.

Artigo 9º

1. O presidente, o vicepresidente e os membros da comisión permanente serán elixidos polo pleno do consello, por maioría das dúas terceiras partes en primeira ou segunda volta, e por maioría absoluta no caso de que fose necesario chegar a unha terceira volta, por un período dun ano e poderán ser reelixidos.

2. Ó presidente correspóndelle a presidencia do pleno e da comisión permanente e ó vicepresidente a súa substitución. O secretario será nomeado polo conselleiro competente en materia de consumo de entre os funcionarios que presten servicio no Instituto Galego de Consumo, por proposta do presidente deste. Asistirá, con voz pero sen voto, ás sesións dos órganos colexiados, levantará acta delas e terá ó seu cargo a custodia e tramitación da documentación do consello.

Artigo 10º

O Consello poderá crear comisións, por materias, para un tratamento máis especializado dos diferentes asuntos e invitar a participar nos seus traballos os expertos que propoñan as organizacións e asociacións representadas nel.

Artigo 11º

O consello elaborará e aprobará o seu Regulamento de organización e funcionamento interno e remitirallo á consellería competente en materia de consumo para a súa ratificación e publicación no Diario Oficial de Galicia.

No que non estea previsto no dito regulamento será de aplicación o disposto na Lei 30/1992, do

26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para o funcionamento dos órganos colexiados.

Artigo 12º

O consello reunirase con carácter ordinario polo menos dúas veces ó ano e con carácter extraordinario cando o soliciten a metade dos seus membros ou a comisión permanente.

En todo caso corresponderalle ó presidente efectua-la convocatoria das reunións e fixa-la orde do día.

Artigo 13º

Os órganos das administracións públicas dos que a súa actuación afecte ós intereses dos consumidores e usuarios poderán solicitarlle ó consello a asistencia ás súas reunións para o obxecto de informar sobre asuntos de consumo, así como solicitarlle informe sobre asuntos do seu interese.

Disposicións transitorias

Primeira.-No prazo máximo dun mes a partir da entrada en vigor do presente decreto, as organizacións de consumidores e usuarios remitiranlle á consellería competente en materia de consumo os nomes dos representantes designados para o nomeamento dos membros do consello e os seus suplentes.

O conselleiro competente en materia de consumo, dentro do mes seguinte, procederá ó nomeamento deles.

Segunda.-Os membros do Consello Galego de Consumidores e Usuarios deberán constituí-la comisión permanente no prazo máximo dun mes contado a partir da data do seu nomeamento.

Disposición derrogatoria

Única.-Coa entrada en vigor deste decreto queda expresamente derrogado o Decreto 37/1985, do 7 de marzo, polo que se crea a Comisión Consultiva de Consumo, modificado polos decretos 41/1988, do 11 de febreiro e 222/1989, do 6 de xullo, así como cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposición final

Facúltase o conselleiro competente en materia de consumo para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento do presente decreto que entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de abril de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

3634