Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Martes, 05 de maio de 1998 Páx. 4.765

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CAMBRE

BASES da convocatoria para prover en propiedade unha praza vacante de encargado de servicios.

O Pleno do Concello, en sesión extraordinaria do 30 de marzo do ano que andamos, aprobou as bases das convocatorias para a provisión en propiedade das prazas de encargado de servicios, sarxento da policía local e conserxe-telefonista, vacantes no cadro de persoal deste concello e que a continuación se transcriben:

Primeira.-Obxecto da convocatoria.

É obxecto da presente convocatoria prover en propiedade, polo sistema de concurso-oposición (considerando a natureza das funcións que se van desempeñar), unha praza de encargado de servicios, pertencente á escala de Administración especial, subescala servicios especiais, clase cometidos especiais, dotada co soldo do grupo C incluída na oferta de emprego público de 1995, de conformidade co establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, Lei 30/1984, do 2 de agosto, medidas para a reforma da función pública, Lei 7/1985 do 2 de abril, bases do réxime local, texto refundido aprobado por Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, disposicións legais vixentes en materia de réxime local, Real decreto 896/1991, do 7 de xuño, sobre as regras básicas e os programas mínimos a que debe axustarse o procedemento de selección de funcionarios da Administración local e, no non previsto nelas, o Regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade

Autónoma de Galicia do 20 de marzo de 1991, e supletoriamente o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da Administración do Estado.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes.

Para participar nas probas selectivas cómpre:

a) Ser español.

b) Ter cumpridos dezaoito anos e non exceder daquela en que falten menos de dez anos para a xubilación forzosa por idade determinada pola lexislación básica en materia de función pública.

c) Te-lo bacharelato superior, FP 2º grao, ou título equivalente.

d) Non ter enfermidade ou defecto físico que impida o desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio en calquera Administración pública do Estado, Comunidade Autónoma ou entidade local, nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

Os anteriores requisitos deberanse reunir con referencia ó último día de prazo de presentación das solicitudes.

Terceira.-Solicitudes.

As persoas que desexen participar na presente convocatoria presentarán solicitude dirixida ó alcalde presidente do Concello de Cambre, na que farán constar que reúnen tódolos requisitos sinalados na base 2 anterior e presentaranse no rexistro xeral do concello no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

As solicitudes poderanse remitir tamén na forma determinada no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Inescusablemente, xunto coa solicitude para tomar parte no proceso selectivo, os aspirantes achegarán unha relación dos méritos que aleguen para a súa valoración na fase de concurso, acompañada da documentación orixinal (ou fotocopia autenticada) que acredite os distintos méritos alegados.

Non se terán en conta os méritos que non teñan acreditación que faga fe.

Os dereitos de exame, por unha contía de dúas mil cincocentas pesetas (2.500), serán pagados directamente ou por xiro postal; á instancia xuntará recibo que acredite o ingreso na Tesourería do concello ou, se é o caso, xustificante do ingreso polo sistema de xiro postal.

Se algún dos participantes necesita que as probas selectivas sexan adaptadas á súa minusvalidez, deberá facelo constar na súa solicitude.

Cuarta.-Admisión de aspirantes.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o presidente da corporación dictará resolución pola que se aprobará a lista provisional de admitidos/as e excluídos/as que se publicará no BOP e no taboleiro de edictos da Casa do Concello, concedendo un prazo de dez días para reclamacións.

As citadas reclamacións, se as houbera, resolveraas o órgano que aprobou a lista provisional, que aprobará tamén a lista definitiva, que se publicará de novo na forma sinalada. Nesta resolución incluirase a composición do tribunal, lugar, data e hora do comezo dos exercicios.

Quinta.-Tribunal cualificador.

De conformidade co artigo 4 do Real decreto 896/1991, do 7 de xuño, o tribunal terá a seguinte composición:

Presidente/a: o/a da corporación ou membro dela en quen delegue.

Secretario/a: o/a da corporación ou funcionario dela en quen delegue.

Vocais:

Un/Unha representante da Comunidade Autónoma.

O/A xefe/a da Área de Urbanismo e Réxime Interior.

O/A enxeñeiro/a técnico do concello.

Os vocais deberán ter titulación ou especialización igual ou superior á esixida para o acceso ás prazas convocadas.

A designación nominal dos membros do tribunal incluirá a dos respectivos suplentes e será publicada no (BOP) e no taboleiro de edictos do concello.

O tribunal non poderá constituírse, nin actuar sen a presencia, cando menos, de tres dos seus membros, titulares ou suplentes, indistintamente. En todo caso requírese a asistencia do presidente e do secretario ou os que legalmente os substitúan.

Os membros do tribunal absteranse de intervir e comunicaranllo á autoridade convocante cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 28.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro. Os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran aquelas circunstancias.

Tódolos membros do tribunal que asistan ás probas percibirán as asignacións que lles correspondan segundo a súa categoría de conformidade co Real decreto 236/1988, do 4 de marzo.

O tribunal poderá autoriza-la incorporación ás sesións dun/ha asesor/ra, con voz e sen voto, cando excepcionalmente se requira para a adecuada cualificación.

Sexta.-Comezo e desenvolvemento do concurso-oposición.

Os exercicios non poderán comezar ata transcorridos dous meses desde a data na que apareza publicada a presente convocatoria no BOP, anunciándose, como mínimo, quince días antes de comeza-lo primeiro exercicio o día, hora e local en que terá lugar.

A actuación dos aspirantes naqueles exercicios que non poidan realizarse conxuntamente realizaranse pola orde alfabética segundo a primeira letra do apelido, comezando pola letra que resulte do sorteo ó

que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Comunidade Autónoma do 20 de marzo de 1991.

Os aspirantes convocaranse para cada exercicio en chamamento único, e serán excluídos os que non comparezan, salvo nos casos debidamente xustificados e apreciados discrecionalmente polo tribunal.

Os aspirantes deberán acredita-la súa personalidade coa exhibición do documento nacional de identidade.

O tribunal publicará os sucesivos anuncios de celebración do segundo e restantes exercicios no taboleiro de edictos do concello.

Entre o final dunha proba e o comezo da seguinte deberán transcorrer un mínimo de 48 horas e máximo de 40 días naturais.

O procedemento de selección constará das seguintes fases:

A) Fase de concurso.

Os méritos a valorar na fase de concurso serán os seguintes:

A.1) Experiencia profesional acreditada por certificados de empresa ou organismo público.

- Por ter traballado, tanto na empresa privada como na pública, en tarefas que no seu desenvolvemento teñan unha relación directa cando menos con tres das seguintes materias:

* Confección de orzamentos de obra.

* Instalacións industriais.

* Elaboración de estudios e cálculos de instalacións industrias.

* Memorias e pregos de prescricións técnicas.

* Certificacións de obra.

A puntuación será 1 punto por ano completo de traballo, a xornada completa de como mínimo 35 horas semanais, cun máximo de 5 puntos.

O tribunal pode solicitar do aspirante, no caso de dúbidas para a correcta valoración, aclaracións/ documentos que estime necesarios.

A.2) Cursos acreditados polos pertinentes títulos ou certificados que fagan consta-la súa duración.

Por cursos realizados das seguintes materias:

- Instalacións industrias e de edificación.

- Contraincendios.

- Luz pública.

- Abastecemento-saneamento.

- Informática en deseño asistido por ordenador, sistema operativo MSDOS e contorno gráfico Windows.

A puntuación será pola suma total de horas dos distintos cursos, segundo o seguinte baremo:

-Por tempo de cursos superior a 250 horas: 2 puntos.

-Por tempo de cursos entre 101 e 250 horas: 1,5 puntos.

-Por tempo de cursos entre 51 e 100 horas: 1 punto.

-Por tempo de cursos entre 21 e 50 horas: 0,5 puntos.

-Por tempo de cursos entre 10 e 20 horas: 0,25 puntos.

A puntuación máxima será de 2 puntos.

A.3) Coñecemento da lingua galega acreditado por título ou certificado expedido polos organismos competentes da Xunta de Galicia.

-Nivel de iniciación: 0,25 puntos.

-Nivel de perfeccionamento: 0,50 puntos.

A puntuación máxima será de 0,5 puntos.

A.4) Por titulación superior á esixida para tomar parte na convocatoria e acreditada cos pertinente títulos.

-Te-lo título de diplomado universitario ou equivalente de carreiras técnicas: 0,5 puntos.

-Te-lo título de licenciado ou equivalente de carreiras técnicas: 1 punto.

A puntuación máxima será de 1 punto.

O resultado da valoración dos distintos méritos publicarase no taboleiro de anuncios do concello cinco días antes do comezo do primeiro exercicio da fase de oposición.

Esta fase de concurso non terá carácter eliminatorio nin se terá en conta para supera-los exercicios da fase de oposición.

B) Fase de oposición.

Os exercicios da oposición serán os seguintes:

Primeiro exercicio.-Contestar un cuestionario con 100 preguntas tipo test con respostas alternativas, sobre o contido do programa anexo a estas bases, nun tempo máximo dunha hora (25 da parte xeral e 75 de temas da parte especial).

Segundo exercicio.-Desenvolver por escrito un tema de carácter xeral relacionado coa parte especial do programa destas bases, pero sen axustarse necesariamente con ningún epígrafe en concreto, durante un tempo máximo de hora e media.

Para os efectos, o tribunal proporá dous temas tendo que opta-lo opositor por un deles.

O exercicio terá que ser lido polo opositor en sesión pública ante o tribunal que o cualificará valorando, ademais do coñecemento, a claridade e orde de ideas, a calidade da exposición e a capacidade de síntese.

Terceiro exercicio.-Resolución dun suposto práctico relativo ás tarefas que terá que realizar no desempeño do posto de traballo obxecto de selección e relacionado co contido do programa anexo a estas bases, nun tempo máximo dunha hora.

Cuarto exercicio.-Consistirá na traducción dun texto de castelán para o galego e viceversa nun tempo máximo total de trinta minutos.

Tódolos exercicios serán obrigatorios.

Sétima.-Cualificación dos exercicios.

Os exercicios primeiro, segundo e terceiro, son eliminatorios e cualificados ata un máximo de dez puntos; os opositores que non acaden un mínimo de cinco puntos en cada un dos exercicios serán eliminados.

O número de puntos que outorgará cada membro do tribunal, en cada un dos dous exercicios, será de 0 a 10 puntos. As cualificacións adoptaranse sumando as puntuacións outorgadas polos distintos membros do tribunal e dividindo o total polo número de asistentes daquel, sendo o cociente a cualificación definitiva.

O cuarto exercicio non é eliminatorio. Será cualificado ata un máximo de dous puntos. Os membros do tribunal poderán outorgar unha puntuación de 0 a 2 puntos e seguindo a regra indicada no parágrafo anterior para a cualificación definitiva.

A puntuación final será a suma da puntuación obtida na fase de concurso e a suma da puntuación obtida na fase de oposición.

Oitava.-Relación de aprobados.

Rematada a cualificación dos aspirantes, o tribunal publicará a relación de aprobados por orde de puntuación. Dado que en ningún caso o número de aspirantes aprobados pode supera-lo número de prazas convocadas, a relación definitiva de aprobados se confeccionará co aspirante que, superados tódolos exercicios, obteña a maior puntuación sumando a fase de concurso e a de oposición.

O tribunal presentará a citada relación á presidencia da corporación, á cal compete o nomeamento correspondente.

Novena.-Presentación de documentos, nomeamento e toma de posesión.

No prazo de vinte días naturais, contados desde o día seguinte ó da publicación do aspirante aprobado, este deberá presentar no rexistro xeral do concello os documentos que seguidamente se relacionan:

a) Fotocopia do seu documento nacional de identidade, que se deberá presentar co orixinal para compulsar.

b) Copia autenticada ou fotocopia (que deberá presentar co orixinal para compulsar) do título académico esixido para participar no proceso selectivo ou xustificante de aboa-los dereitos para a súa expedición. Se estes documentos se expedisen despois da data na que rematou o prazo para presenta-las instancias, deberá xustifica-lo momento en que remataron os correspondentes estudios.

c) Declaración xurada de non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio de

ningunha Administración pública, nin se encontrar inhabilitado para exerce-las funcións públicas.

d) Declaración xurada de non estar incurso en causa de incapacidade ou incompatibilidade, de conformidade coa lexislación vixente.

e) Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que impida o desempeño das correspondentes funcións.

Quen tivese a condición de funcionario público de carreira non terá que xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa acreditados para obte-lo seu anterior nomeamento, unicamente deberá presentar certificación da Administración pública da que depende que acredite tal condición e demais circunstancias que conste no seu expediente persoal ou folla de servicios.

Os que dentro do prazo sinalado, e salvo casos de forza maior, non presenten a súa documentación ou non reúnan os requisitos esixidos non poderán ser nomeados, quedando anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade na que puidesen incorrer por falsidade na súa instancia solicitando participar no proceso selectivo.

O aspirante proposto que presente a documentación preceptiva será nomeado funcionario de carreira, e deberá tomar posesión no prazo de trinta días contados desde o día seguinte a aquel no que se lle notifique o citado nomeamento; quedará en situación de cesante cando, sen causa xustificada, non o fixese dentro do prazo sinalado.

Décima.-O tribunal queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten e adopta-los acordos necesarios para a boa orde do proceso selectivo en todo o non previsto nestas bases.

Décimo primeira.-Os interesados poderán impugna-la presente convocatoria e as súas bases, así como tódolos actos administrativos que se derivan dela nos casos e na forma establecidos na Lei de procedemento administrativo.

Cambre, 3 de abril de 1998.

Antonio Varela Saavedra

Alcalde

PROGRAMA

Parte I.-Parte xeral.

1. A Constitución española de 1978: estructura e contido. Dereitos e deberes fundamentais. O Tribunal Constitucional e o Defensor do Pobo.

2. O procedemento administrativo: principios xerais. Fases do procedemento administrativo. O acto administrativo.

3. Os contratos administrativos: concepto e clases. Estudio dos elementos. O seu cumprimento. A revisión de prezos e outras alteracións contractuais. Incumprimento dos contratos administrativos.

4. Réxime local español. Principios constitucionais. Entidades que comprende.

5. O municipio. O termo municipal. A poboación.

6. Órganos do municipio. Competencias. Funcionamento.

7. A función pública local e a súa organización.

8. O Rexistro de Entrada e Saída: funcionamento nos concellos. A presentación de instancias e outros documentos nas oficinas públicas. Comunicacións e notificacións.

Parte II.- Parte especial.

1. Instalacións de fontanería. Abastecemento.

2. Instalacións de salubridade. Rede de sumidoiros. Depuración e vertido. Saneamento.

3. Instalacións de salubridade. Fumes e gases. Ventilación.

4. Instalacións de climatización. Caldeiras.

5. Instalación de depósitos de gases licuados. Instalación de depósitos de combustibles líquidos.

6. Instalacións de gas. Licuados de petróleo. Instalacións de gas. Gas natural.

7. Instalacións de electricidade. Luz pública exterior. Posta a terra. Centros de transformacións.

8. Instalacións de protección contra o lume. Pararraios.

9. Instalacións de transporte. Ascensores.

Normativa e regulamentación de obrigado cumprimento.

10. Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

11. Instruccións complementarias MI BT, de acordo co disposto no Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

12. Follas de interpretacións nº 1 ó 38, do Regulamento electroténico para baixa tensión e instruccións complementarias MI BT del.

13. Normas básicas para instalacións interiores de subministración de auga.

14. Regulamento de instalación de calefacción, climatización e auga quente sanitaria.

15. Instruccións técnicas complementaria IT.IC de acordo co Regulamento de instalacións de calefacción, climatización e auga quente sanitaria.

16. Regulamento de instalacións de gas en locais destinados a usos domésticos, colectivos ou comerciais IRG.

17. Instruccións técnicas complementarias ITC MI IRG ó Regulamento de instalacións de gas en locais destinados ó uso doméstico, colectivo ou comercial IRG.

18. Regulamento sobre instalacións de almacenamento de GLP en depósitos fixos para o seu consumo en instalacións receptoras.

19. Instruccións sobre documentación e posta en servicio das instalacións receptoras de gases combustibles. Instruccións sobre instaladores autorizados de gas e empresas instaladoras.

20. Condicións técnicas básicas que se cumprirán nas instalacións dos aparellos que empreguen GLP como combustible.

21. Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos.

22. Instruccións técnicas complementarias ITC MIG ó Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos.

23. Normas para instalación de GLP con depósitos móbiles de capacidade superior a 15 kg.

24. Regulamento da actividade de distribución de GLP.

25. Regulamento de aparellos que empregan gas como combustible RAGC.

26. Instruccións técnicas complementarias ITC MIE AG ó Regulamento de aparellos que empregan gas como combustible.

27. Instrucción técnica de distribución colectiva de gasóleo C no interior de vivendas para a súa utilización en calefacción e/ou auga quente sanitaria.

28. Condicións dirixidas a evitar que as instalacións xerais dun edificio propaguen un incendio: Art. 18 da norma básica sobre condicións de protección contra incendios nos edificios NBE-CPI 96 (capítulos 4 e 5 apéndices 2.4 e 2.5). Real decreto 2177/1996, do 4 de outubro.

29. Locais e zonas de risco especial de incendio en edificios. Art.19 da norma básica sobre condicións de protección contra incendios nos edificios NBE-CPI 96 Real decreto 2177/1996 do 4 de outubro.

30. Instalacións de protección contra incendios nos edificios: artigos 20, 21 e 22 da norma básica sobre condicións de protección contra incendios nos edificios NBE-CPI 96.

31. Directrices xerais e condicións esixibles nas instalacións nos edificios, co fin de evita-los ruídos e vibracións. Artigo 18 e cap. IV da norma básica sobre condicións acústicas nos edificios NBE-CA 88. Real decreto 1909/1981 de 24-7-1981, Real decreto 2115/1982 de 12-8-1982 e aclaracións e correccións na Orde do 29-9-1988.

32. Ruídos producidos polos servicios e instalacións dos edificios. Apéndice 2.2.1 da norma básica sobre condicións acústicas nos edificios NBE-CA88. Real decreto 1909/1981 de 24-7-1988, Real decreto 2115/1982 de 12-8-1982, aclaracións e correccións na Orde do 29-9-1988.

3454