Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Martes, 05 de maio de 1998 Páx. 4.728

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 17 de abril de 1998 pola que se anuncian medidas de apoio á policía local de Galicia, consistentes na cesión de vehículos especialmente preparados para o exercicio das súas funcións.

A Lei orgánica 2/1986, de corpos e forzas de seguridade do Estado, estableceu unha ampliación de competencias en favor da Comunidade Autónoma de Galicia en materias non previstas no Estatuto de autonomía e, entre outras, a coordinación de policías locais.

Na súa consecuencia, e por medio da Lei 3/1992, do 23 de marzo, a Comunidade Autónoma de Galicia procedeu á coordinación das policías locais do seu territorio nos termos establecidos no artigo 39 da Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade.

Conforme o Decreto 13/1994, do 20 de xaneiro, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, a coordinación das policías locais.

Por medio da presente orde preténdese dar cumprimento ó mandado imposto polo artigo 4 da referida Lei 3/1992, do 23 de marzo, no sentido de adoptar medidas encamiñadas a logra-la homoxeneización dos medios técnicos das policías locais, regulándose, para tal efecto, o procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de vehículos adecuadamente preparados para o desenvolvemento das súas función ós concellos da Comunidade Autónoma galega que conten cos servicios de policía.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.- Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais contribuirá ó equipamento dos concellos, co fin de aumenta-la eficacia da policía local no desenvolvemento das funcións que lle son propias. Para tal fin, cederá en propiedade vehículos adecuadamente preparados ós concellos que conten con policía local, todo isto de conformidade co que establece a disposición adicional décimo primeira da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, mediante a que se engadiu o artigo 35.bis á Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nos convenios, que se asinen para tal efecto, entre a Xunta de Galicia e os concellos beneficiarios, estableceranse os termos desta cooperación conforme as estipulacións que se detallan nos artigos 6º e 7º desta orde.

Artigo 2º.- Beneficiarios.

Poderán solicita-los beneficios desta orde aqueles concellos que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que conten con policía local, entendida nos termos previstos no artigo 2 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais.

b) Que teñan menos de 30.000 habitantes.

Excepcionalmente, por concorreren causas motivadas que así o aconsellen, poderán solicita-los beneficios desta orde aqueles concellos que, sen cumpri-los requisitos sinalados, precisen dun vehículo destas características.

Artigo 3º.- Crédito.

Á consecución do obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de vintetrés millóns de pesetas (23.000.000 ptas.), con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.624.0, programa 123.A, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1998, que se dedicarán á adquisición de vehículos para as policías locais de Galicia.

Artigo 4º.- Iniciación.

1. No prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que reúnan os requisitos ós que se refire o artigo 2º desta orde e que desexen acollerse ós seus beneficios, deberán presenta-la solicitude que figura como anexo I no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

-Certificación expedida polo secretario xeral da corporación relativa ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

a) Se acorda solicita-la cesión en propiedade regulada na presente orde, aceptando integramente os termos e prescricións dela.

b) Se faculta o alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade, no caso de resolución favorable da consellería, nas condicións que sexan establecidas por este e para asina-lo correspondente convenio.

-Certificación expedida polo secretario xeral do concello solicitante, que acredite a existencia dun corpo de policía local e/ou axentes auxiliares propios do concello que teñan como función a prestación de servicios de seguridade.

-Memoria na que se recolla a totalidade do material e recursos con que conta a policía local na actualidade.

-Memoria sobre o cadro de persoal da policía local, actualizada ata a data de publicación da presente orde, incluíndo as previsións de crecemento, as prazas vacantes existentes e a súa forma de cobertura.

-Cuantificación, por unha parte, dos gastos correntes considerados nos orzamentos municipais de 1998 destinados ó funcionamento da policía local e, por outra banda, dos gastos do investimento dirixidos ó mesmo fin.

-Relación das funcións que exerce principalmente a policía local.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados pola Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas sen máis trámite.

Artigo 5º.- Instrucción e resolución.

1. Recibidas as solicitudes e a súa documentación serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, emitíndose o correspondente informe.

2. O director xeral de Xustiza e Administración Local elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá.

Artigo 6º.- Notificación.

1. A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes ós que se lles conceda a cesión en propiedade dun vehículo, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entenderase desestimada a petición correspondente.

2. Na notificación das resolucións faranse consta-las seguintes condicións particulares que deberá cumpri-lo concello solicitante e que serán incluídas no convenio: a) Correspóndelle ó concello peticionario o pagamento do 20% do prezo de licitación do vehículo cedido; b) Serán por conta dos concellos os gastos de seguros, mantemento, conservación e as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía e aqueloutros que se establezan nos convenios de colaboración que regula a cesión dos vehículos.

Artigo 7º.- Aceptación.

1. O alcalde do concello beneficiario disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas nela e face-lo ingreso do 20% do prezo de licitación do vehículo cedido na entidade financeira que lle designe a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación e non se presente o resgardo xustificativo

do depósito, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la resolución.

Artigo 8º.- Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Relación de necesidades municipais reflectidas na petición.

b) Recursos humanos con que conta a policía local do concello solicitante (postos de traballo cubertos e vacantes), así como, se é o caso, posibles previsións de aumento do cadro de persoal.

c) Recursos materiais con que conta a policía local do concello solicitante, así como, se é o caso, posibles previsións de adquisicións de material con cargo ó orzamento municipal do concello solicitante.

d) Contía da consignación orzamentaria municipal do concello solicitante destinadas a gastos correntes vinculados á policía local do concello solicitante.

e) Contía da consignación orzamentaria municipal do concello solicitante destinada a gastos de investimento vinculados á policía local do concello interesado.

Artigo 9º.- Control.

No caso de que o beneficiario da cesión en propiedade incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais anulará os beneficios concedidos solicitando a devolución dos vehículos. Poderá ademais, se procede, instruí-lo correspondente expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

A teor do disposto nos artigos 6º e 7º desta orde, o 20% do prezo de licitación do vehículo corre a cargo do concello, polo que o dito ingreso por parte de tódolos beneficiarios poderá xerar créditos no estado de gastos do orzamento desta consellería que poderán ser utilizados na adquisición e adxudicación de máis vehículos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 1998.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

2995