Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Martes, 05 de maio de 1998 Páx. 4.726

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 3 de abril de 1998 pola que se publica o calendario das feiras do debuxo e o gravado que celebra a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo no ano 1998.

As feiras culturais de Galicia, reguladas polo Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, son acontecementos nalgúns casos de enraizada aceptación popular, como as seccións de feiras do libro, con décadas tras de si de presencia nas nosas cidades e vilas e noutros casos de aínda novo e cada ano máis forte impulso, como as de debuxo e gravado, de aínda curta trayectoria pero de cada vez maior demanda e éxito. Para o ano 1998 a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ten a intención de mante-la presencia destes eventos nas nosas prazas e rúas, e achegar así novos aspectos da cultura ó cidadán galego, en diferentes xornadas, o calendario das cales, xunto co modelo de inscrición procede publicar para coñecemento público e para facilita-lo acceso a elas a tódolos posibles interesados.

Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As feiras de debuxo e gravado obxecto desta orde constitúense como seccións das feiras culturais de Galicia organizadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural.

Artigo 2º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia realizará, neste ano de 1998, feiras do debuxo e o gravado nos seguintes lugares e datas:

LocalidadeData

Santiago de Compostela14 ó 17 de maio

Lugo29 ó 31 de maio

Ourense12 ó 14 de xuño

Vigo11 ó 14 de xullo

A Coruña12 ó 16 de agosto

Pontevedra27 ó 30 de agosto

Estas datas poderán variarse en función das solicitudes presentadas ou de calquera circunstancia imprevista que puidese obrigar á anulación da feira ou ó cambio de data ou de localización. A insuficiencia de solicitudes para algunha feira poderá ser tamén motivo da súa anulación. Nese caso informarase do cambio ou anulación a tódolos los solicitantes.

Artigo 3º

As solicitudes para participar nestas feiras deberán facerse segundo modelo de instancia que se xunta á presente orde (anexo I). Os solicitantes deberán igualmente xuntar currículum para o caso de excede-las solicitudes o número de prazas dispoñibles. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º

Poderán participar nas feiras de debuxo e gravado tódolos artistas que o soliciten. En caso de existir maior número de solicitudes que de prazas dispoñibles farase unha selección dos participantes que terá en conta de forma prioritaria o currículum artístico dos solicitantes, en especial nos campos obxecto da feira. Poderanse ter en conta tamén outros aspectos, como a participación noutras feiras de debuxo e gravado organizadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. O comité de selección poderá tamén realizar invitacións a artistas que considere sirvan para mellora-la calidade e o interese da feira. Estas invitacións non poderán exceder en ningún caso 10% das prazas existentes.

O comité de selección estará presidido polo director xeral de Promoción Cultural ou persoa na que este delegue, os xefes de servicio do Libro e Bibliotecas, e de Promoción Cultural e o coordinador das feiras.

Artigo 5º

Os materiais permitidos nas feiras de debuxo e gravado son exclusivamente os realizados sobre papel ou materiais análogos. Estando expresamente prohibidos outros tipos de obras artísticas, como óleo ou pintura sobre lenzo, escultura ou cerámica, traballos sobre camisetas ou pezas de roupa e en xeral calquera que non se axuste á citada normativa. En caso de dúbida o comité de selección poderá decidir respecto da inclusión ou non do material.

Artigo 6º

Os participantes nas feiras comprométense a ter aberta a caseta da feira no horario sinalado. O non cumprimento desta norma pode ser considerado como motivo de exclusión en posteriores feiras.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

3837