Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Martes, 05 de maio de 1998 Páx. 4.725

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 124/1998, do 23 de abril, polo que se dispón o endebedamento da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ó exercicio 1998.

A Lei 11/1992, do 7 de outubro, (DOG nº 200, do 14 de outubro), de réxime financeiro e presupostario de Galicia, regula nos artigos 28 e seguintes as normas ás que se deberán suxeita-las operacións de endebedamento. En particular, o seu artigo 29.2º establece que o endebedamento, tanto da Comunidade Autónoma como dos seus organismos autónomos, terá que ser autorizado por lei, a cal, sen prexuízo de fixar calquera outra característica das operacións de endebedamento, deberá sinala-lo importe máximo autorizado.

A Lei 1/1998, do 7 de abril, (DOG nº 68, do 9 de abril), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, no seu artigo 25.1º, de acordo co previsto no artigo 32 da citada Lei 11/1992, fixa a variación da posición neta debedora da Comunidade Autónoma ó final do exercicio de 1998.

En canto á autorización da emisión ou contratación das operacións de endebedamento é de aplicación o artigo 33 da mencionada Lei 11/1992, que no seu apartado 1 establece que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realicen a Comunidade Autónoma ou os seus organismos autónomos terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda, dentro dos límites sinalados pola lei.

Co presente decreto acórdase a autorización pertinente para que, a medida que xurdan as necesidades de financiamento, a Consellería de Economía e Facenda poida formaliza-las as operacións de débeda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintetrés de abril de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para a formalización, durante 1998, de operacións de endebedamento ata un importe que non supere o límite máximo da variación da posición neta debedora fixado no artigo 25.1º da Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998. Enténdese como variación da posición neta debedora o resultado de deducir do importe das operacións de endebedamento que se formalicen en 1998, as amortizacións de débeda que se efectúen no mesmo exercicio.

2. Estas operacións de endebedamento poderán formalizarse de maneira fraccionada en función das necesidades de financiamento da Comunidade Autónoma atendendo ás circunstancias dos mercados financeiros

Artigo 2º.

As operacións ás que se refire o artigo anterior poderán realizarse por un prazo superior a un ano, e levaranse a cabo mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos ou calquera outro instrumento financeiro dispoñible no mercado de natureza semellante. Poderanse utilizar simultaneamente os procedementos indicados dentro dos límites anteriormente sinalados.

Disposición adicional

O conselleiro de Economía e Facenda fixará as condicións, tipo de xuro, modalidade, amortización e demais características ás que terán que axustarse as operacións de débeda reguladas neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de abril de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda.

3754