Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Martes, 05 de maio de 1998 Páx. 4.722

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 123/1998, do 16 de abril, de regularización de situacións dos ocupantes e cambio de réxime nas vivendas de promoción pública.

Ó abeiro das competencias que o Instituto Galego da Vivenda e Solo ten atribuídas pola Lei 3/1988, do 27 de abril, con data do 19 de decembro de 1995 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 320/1995, do 2 de decembro, de regularización de situacións dos ocupantes e cambio de réxime nas vivendas de promoción pública, co obxecto de darlle solución a unha serie de situacións irregulares e de problemas subxectivos xurdidos en determinadas vivendas de promoción pública.

Os fundamentos que na actualidade motivan a necesidade dun novo decreto que, na liña do anterior, recolle solucións a situacións irregulares de moi diversa índole: a carencia de título suficiente que lexitime a ocupación da vivenda, adquisición e compra mediante documento privado ou a simple ocupación dunha vivenda baleira, traen causa dunha importante demanda social que á vista da consecución das expectativas por outros peticionarios, manifestan o seu interese para participar delas e lexitima-la súa posición como adxudicatarios de vivendas de promoción pública.

En consecuencia, tendo en conta que o tratamento unitario e dunha soa vez no tempo é moi difícil de acometer, resulta aconsellable publicar un novo decreto no que, ademais de satisface-los pedimentos dun sector importante da poboación, se procura unha mellor xestión do patrimonio público de vivendas.

Doutra banda, con frecuencia, algúns titulares lexítimos de vivendas argumentan por razóns de necesidade económica e social a súa dificultade para facer fronte ó pagamento das cotas mensuais de amortización das vivendas das que son propietarios.

Así pois, analizada convenientemente a repercusión destas situacións, co fin de satisface-lo interese social daqueles que desexando regularizar non o fixeran por razóns económicas e daqueles outros que en pro dunha mellor calidade de vida prefiren cambia-lo seu contrato de compravenda por outro de aluguer, neste novo decreto combínanse diferentes formas de regularización: compravenda e aluguer, sen obvia-la posibilidade de introducir unha nova forma de cambio de réxime: de compravenda a aluguer baixo a premisa de que o importe da renda será sensiblemente inferior ás cotas de amortización en réxime de compravenda.

Por todo o exposto, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda,

e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de abril de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.- Obxecto e ámbito de aplicación.

O presente decreto ten por obxecto a regularización das vivendas de protección oficial de promoción pública respecto de situacións que se produciran ata o 26 de maio de 1994; a amortización anticipada, respecto das que o seu réxime de adxudicación fora o acceso diferido, así como o cambio de réxime de aluguer a compravenda ou, de se-lo caso, de compravenda a aluguer.

Capítulo II

Regularización

Artigo 2º.- Vivendas de titularidade do IGVS.

Os usuarios de vivendas de promoción pública de titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo que carezan de título para a súa ocupación poderán regulariza-la súa situación solicitando perante o dito organismo o outorgamento do correspondente contrato. De se-lo caso, será preciso resolver previamente a relación xurídica anterior a través do procedemento establecido na lexislación de vivendas de protección oficial.

Artigo 3º.- Vivendas en compravenda.

A mesma regularización poderá efectuarse nas vivendas adxudicadas en compravenda. Antes de proceder á regularización destas vivendas será necesaria a previa substanciación do procedemento legal de resolución do contrato que continúe vixente, subscrito co anterior titular, nos termos establecidos na normativa de aplicación ás vivendas de protección oficial, na Lei de expropiación forzosa e normas de desenvolvemento.

Se o usuario da vivenda accedese a ela por transmisión do adxudicatario ou dos que daquel trouxeren causa, poderá o IGVS, logo de acreditación do cumprimento dos demais requisitos establecidos neste decreto, formaliza-la adxudicación a favor do mencionado ocupante, sempre que se produza unha renuncia ou recoñecemento formal da transmisión por aqueles.

Artigo 4º.- Prazo.

1. O prazo para solicita-la regularización á que se fai referencia nos artigos anteriores será de 4 meses a partir da entrada en vigor do presente decreto. As peticións presentaranse nas oficinas do IGVS ou nas súas xefaturas de servicios provinciais onde se facilitarán os modelos de solicitude.

2. Se neste prazo non se solicita a dita regularización o IGVS procederá a recupera-la titularidade

da vivenda, de selo caso, e ó lanzamento dos ocupantes.

Artigo 5º.- Procedemento.

1. A regularización das situacións ás que se refire o presente decreto requirirá a tramitación do correspondente expediente que será resolto polo IGVS nun prazo máximo de seis meses.

2. Non obstante o previsto no apartado anterior, se vencese o prazo de resolución, e o órgano competente non a dictase expresamente, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Artigo 6º.- Documentación.

Para acollerse ós beneficios da presente norma será necesario acredita-la necesidade real de vivenda e que o ocupante reúne os requisitos do Decreto 98/1992, do 26 de marzo sobre financiamento e adxudicación de vivendas de promoción pública. O límite máximo de ingresos será ata 3,5 veces o salario mínimo interprofesional segundo a disposición adicional terceira do referido decreto.

Para estes efectos, ás solicitudes deberá xuntarselle, segundo a petición de que se trate, a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI e do NIF do solicitante.

b) Fotocopia do libro de familia.

c) Certificado municipal de empadroamento do solicitante e das persoas que conviven con el, indicando a data de alta no padrón e certificación do concello de convivencia e residencia na vivenda.

d) Documento que acredita a cesión da vivenda, de se-lo caso.

e) Documento acreditativo da renuncia do cedente ou dos seus herdeiros a cantos dereitos lles correspondan sobre a vivenda, ou documento acreditativo do recoñecemento da transmisión efectuada.

A forma de acredita-la renuncia sobre a vivenda ou o recoñecemento da transmisión poderá ser por comparecencia perante o IGVS ou federatario público, mediante a sinatura da correspondente acta.

f) Declaración de que ningún membro da unidade familiar foi propietario dunha vivenda de promoción pública nin dispón en propiedade ou arrendamento de ningunha outra vivenda.

g) Certificación do catastro da provincia onde estea situada a vivenda, que acredite a relación de bens de natureza rústica ou urbana titularidade dos solicitantes ou o seu valor catastral ou, de se-lo caso, a inexistencia de inmobles ó seu nome.

h) Certificado dos recibos aboados expedido pola empresa recadadora.

i) Certificación da base liquidable resultante da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, do último exercicio xa vencido do que xa rematase o prazo de presentación da declaración. Se varios membros da unidade familiar presentaren

declaración, as certificacións das bases liquidables de todos eles.

No caso de non estar obrigados, presentaranse os documentos que procedan de entre os seguintes:

-Certificado da Delegación de Facenda de que os solicitantes non constan como declarantes.

-Contrato de traballo e copia da declaración presentada pola empresa perante a Facenda Pública na que se acrediten os ingresos e, perante a Seguridade Social na que se acrediten as cotizacións correspondentes.

-No caso de traballadores autónomos, copia da alta no imposto de actividades económicas, así como fotocopia das declaracións preceptivas presentadas perante a Facenda Pública e a Seguridade Social.

-No caso de pensionistas, perceptores de prestacións por desemprego ou calquera outra prestación periódica, certificado expedido polo organismo oficial correspondente.

-De atoparse en paro, copia da tarxeta ou tarxetas de demanda de emprego ou certificado do INEM no que figuren como demandantes de emprego nas súas listas.

Artigo 7º.- Réxime de adxudicación e prezo de venda.

A adxudicación da vivenda ó solicitante da regularización outorgaráselle en réxime de compravenda agás a recollida na disposición adicional primeira.

O prezo da compravenda fixarase segundo o estudio económico que serviu de base no seu día para a adxudicación da vivenda. O prezo será o que lle correspondería pagar a un adxudicatario en concepto de amortización de capital e xuros desde a data de adxudicación ata a data de solicitude de regularización, máis o que lle quede en concepto de capital pendente. O importe das cantidades pagadas en concepto de amortización de capital descontarase do prezo de venda, agás no suposto que para a nova adxudicación fose preciso incoar previamente expediente expropiatorio.

A forma de pagamento será a establecida no artigo 10º do presente decreto.

Capítulo III

Amortización anticipada

Artigo 8º.- Amortización anticipada de vivendas.

1. Os titulares lexítimos das vivendas cedidas en réxime de acceso diferido que no prazo de catro meses contados a partir da entrada en vigor do presente decreto soliciten a amortización anticipada delas perante o IGVS, poderán acollerse ós beneficios de reducción previstos no artigo 2.2º do Decreto 98/1992, do 26 de marzo, sobre financiamento e adxudicación das vivendas de promoción pública, aplicados ó capital pendente de amortizar, e sempre que cumpran os requisitos establecidos no dito decreto.

2. O procedemento será o establecido no artigo 5º da presente norma.

Capítulo IV

Cambio de réxime

Artigo 9º.- Cambio de réxime de aluguer a compravenda.

1. Os titulares lexítimos de vivendas en réxime de aluguer poderán acceder á súa propiedade solicitando previamente o cambio de réxime perante o IGVS.

2. O prezo de venda será o do estudio económico vixente na data de celebración do contrato de aluguer. En ningún caso do dito prezo poderán descontarse as cantidades pagadas en concepto de renda.

3. No relativo ó procedemento será aplicable o establecido no artigo 5º do presente decreto.

Artigo 10º.- Forma de pagamento.

1. O pagamento do prezo de venda da vivenda poderá facerse:

A) Ó contado, aboando con carácter previo á sinatura da escritura a totalidade do prezo. Este sistema será obrigatorio para tódalas vivendas adxudicadas ó abeiro das disposicións anteriores ó Real decreto lei 31/1978, do 31 de outubro, sobre política de vivendas de protección oficial.

B) Aprazando o pagamento por un tempo igual ó que lle resta para amortizar ós adxudicatarios orixinais do grupo no que estea incluída a vivenda. Neste caso deberase facer unha entrega inicial do 10% do prezo con carácter previo á formalización do contrato, aprazando o resto da cantidade polo prazo anteriormente sinalado, cun xuro do 5% anual e cotas mensuais crecentes anualmente nun 4%.

2. Naqueles casos nos que transcorrese o prazo de amortización do grupo ou este fose inferior a cinco anos, fixarase este prazo de cinco anos como período para o cálculo das cotas mensuais do prezo aprazado.

Artigo 11º.- Cambio de réxime de compravenda a aluguer.

1. Os titulares lexítimos de vivendas en réxime de compravenda que a xuízo do IGVS acrediten unha situación económica e social precaria poderán solicita-lo cambio de réxime de compravenda a aluguer logo de renuncia formal á propiedade da vivenda.

Para estes efectos, ás solicitudes deberá xuntarse a documentación referida nos apartados a), b), c), f), g), i), do artigo 6º do presente decreto, así como calquera outra documentación que o solicitante considere conveniente ós seus intereses ou, de se-lo caso, lles sexa requirida polo IGVS e que deba achegar este para a resolución do procedemento.

2. Para o caso de que o IGVS acorde autorizar un cambio de réxime de compravenda a aluguer, a renda inicial anual será a que resulte de aplica-lo

3% do valor da vivenda segundo o estudio económico que serviu de base no seu día para a adxudicación en compravenda, sen prexuízo da liquidación que proceda tendo en conta as cantidades que foran aboadas en concepto de amortización de capital no réxime anterior.

Artigo 12º.- Impostos e cotas por prestación de servicios.

Para poder acollerse ós beneficios recoñecidos neste capítulo será necesario que os usuarios das vivendas acrediten que pagaron tódalas cotas por prestación de servicios individuais e comúns e os impostos que graven a vivenda desde a data de ocupación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Excepcionalmente poderá autorizarse a regularización en réxime de aluguer, respecto dos ocupantes das vivendas cando a súa situación económica e social aconselle esta forma de adxudicación.

A renda inicial anual do aluguer será a que resulte de aplica-lo 3% do valor da vivenda segundo o estudio económico que serviu de base no seu día para a devandita adxudicación.

Para os casos nos que a vivenda, respecto da que se pretende regulariza-la súa situación, fora adxudicada orixinariamente en réxime de compravenda, será requisito indispensable que o IGVS adquirise con anterioridade a propiedade daquela.

Segunda.-Tódolos gastos que se produzan, tanto notariais como rexistrais, así como os impostos devengados como consecuencia dos negocios xurídicos regulados nesta norma serán por conta dos adquirentes.

Disposición transitoria

Os expedientes que se atopen en trámite ó abeiro do Decreto 320/1995, do 2 de decembro, de regularización de situacións dos ocupantes e cambio de réxime nas vivendas de promoción pública, poderán acollerse ó presente decreto, escollendo, dentro do prazo de dous meses desde a súa entrada en vigor, a opción que lles resulte máis vantaxosa. No caso de que non se produza a opción por un dos réximes, aplicaráselles de oficio logo de estudio do expediente, o máis vantaxoso deles.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 320/1995, do 2 de decembro, de regularización de situacións dos ocupantes e cambio de réxime nas vivendas de promoción pública, agás para o disposto na disposición transitoria da presente norma, así como, en xeral, tódalas disposicións de igual ou inferior rango en canto se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de abril de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

3895