Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Xoves, 30 de abril de 1998 Páx. 4.590

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 27 de abril de 1998 pola que se regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego polas entidades locais a través dos programas de cooperación.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, polo Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúeselle a esta, a través da Dirección Xeral de Fomento do Emprego, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Así, corresponde, agora, a esta consellería a convocatoria, xestión e control das subvencións e axudas públicas da política de emprego xestionadas anteriormente polo Inem, entre as que están o programa de fomento do emprego no ámbito da colaboración coas entidades locais, cos órganos da Administración xeral do Estado e os seus organismos autónomos, comunidades autónomas, universidades e institucións sen ánimo de lucro, para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese social e xeral e o de contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local.

Por outra banda, a Unión Europea, coa finalidade de intentar palia-la elevada taxa de desemprego na Comunidade Autónoma prevé, a través do Fondo Social Europeo, entre outras medidas, o cofinanciamento xunto con diversos poderes públicos dos estados membros de programas tendentes á creación de emprego.

Estas medidas de fomento do emprego público dirixidas ás anteditas entidades, ás outras administracións e ás entidades sen ánimo de lucro, agrúpanse, xa no ámbito competencial da Administración autonómica e xunto con outros programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, baixo a rúbrica de Programas de Cooperación, respectando, en todo caso, as liñas mestras dos programas estatais ou comunitarios dos que traen causa.

A filosofía dos denominados Programas de Cooperación corresponde á necesidade de dar un tratamento global e coordinado ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde unha perspectiva de dinamización e de xeración de novas actividades no medio rural, con repercusión no emprego e na creación de alternativas de ocupación laboral que, inicialmente impulsadas e subvencionadas pola Administración, sexan capaces de perdurar e de ser mantidas ben por outras instancias da Administración autonómica, ben polas propias

entidades locais afectadas ou ben, na medida do posible, pola propia iniciativa privada, a través do mantemento do emprego xerado pola vía do mantemento do servicio.

Na presente convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que, integradas nos anteditos programas, se dirixen ás entidades locais polo que a orde se estructura en catro capítulos; un dedicado ás disposicións comúns a tódolos programas, tales como solicitude, tramitación, resolución e pagamento ; e outros tres dedicados a regula-las condicións particulares de cada un deles: obxecto, requisitos, seguimento, etc.

Por outra banda, deben terse presentes as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo sobre o emprego, relativas á mellora da capacidade de inserción profesional, ó desenvolvemento do espírito de empresa, ó fomento da capacidade de adaptación dos traballadores e das empresas e ó reforzamento da política de igualdade de oportunidades que deben materializarse cando se realice a selección das entidades beneficiarias e dos desempregados participantes en cada unha das accións concretas ás que esta dea lugar.

Noutra orde de cousas, a presente convocatoria axústase ó disposto no Art. 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e ó disposto na Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora de Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións comúns

Artigo 1º.- Finalidade.

A presente orde ten por finalidade a definición e regulación dos distintos programas de axudas da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, están destinados ó financiamento de accións de fomento de emprego por parte das entidades locais.

Artigo 2º.- Liñas de axuda.

Dentro dos Programas de Cooperación, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude subvencionará as entidades locais que:

1. Contraten traballadores desempregados para a realización de obras e servicios de interese xeral e social.

2. Contraten axentes de emprego e desenvolvemento local.

3. Contraten a prestación de servicios públicos con empresas de economía social dirixidas e constituídas, preferentemente, por xoves.

Artigo 3º.- Solicitudes.

1. As entidades locais que pretendan beneficiarse destas subvencións, deberán formaliza-las correspondentes solicitudes, nos modelos que se publican como anexos á presente orde, de acordo co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que estarán ó seu dispor nas oficinas de emprego, nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou en calquera das oficinas administrativas de información ó cidadán, subscrita polo titular ou representante legal da entidade local, debidamente acreditado, e deberá ir acompañada da documentación que para cada programa se especifica en cada un dos capítulos da presente orde.

2. As solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e presentarse nestas, nas oficinas de emprego ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación da presente orde, agás no suposto de solicitude de prórroga dos axentes de emprego e desenvolvemento local, que se realizará no prazo previsto no artigo 19º.2.

Artigo 4º.- Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos en cada caso esixidos ou a documentación achegada contivera erros ou sexa insuficiente, a delegación provincial requirirá ó solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite, ó abeiro do disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Os expedientes, unha vez completos, remitiránselle á Comisión Central de Valoración para o seu estudio e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos na presente orde a Comisión Central de Valoración estará composta: polo director xeral de Fomento do Emprego, que a presidirá, e serán vocais os catro delegados pro

vinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, actuando como secretario, con voz pero sen voto, o subdirector xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación.

Artigo 5º.- Resolución.

1. Dentro dos seis meses seguintes á finalización do prazo de presentación de solicitudes, logo do informe da Comisión Central de Valoración e fiscalizada a proposta pola respectiva Intervención, o delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dictará a resolución que proceda debendo ser notificada ós interesados.

Transcorrido o antedito prazo sen que recaera resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude.

2. Contra as resolucións dos delegados provinciais poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á recepción da súa notificación, logo da comunicación da intención de interpoñelo á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ó abeiro do disposto no artigo 58 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa e no artigo 110.3º e nas disposicións adicionais décima e décima primeira da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 6º.- Pagamento.

O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante á presentación dos orixinais ou copias compulsadas dos contratos de traballo formalizados e debidamente rexistrados e dos partes de alta na Seguridade Social, no caso da axudas previstas nos capítulos II e III, e do contrato administrativo de prestación de servicios públicos no caso da axuda do capítulo IV.

Artigo 7º.- Control.

1. En todo caso, as entidades locais someteranse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e a Inspección de Traballo e Seguridade Social e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións reguladas nesta orde e as previstas na lexislación do Consello de Contas, así como as que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.

Así mesmo, estarán obrigadas a achega-la documentación que lles sexa requirida co fin de comproba-lo cumprimento do obxecto para o que foi concedida a subvención.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas na presente orde dará lugar ó reintegro total ou parcial, segundo proceda, da axuda ou subvención percibida e mailos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no Art. 78.6º, da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, sen prexuízo do establecido na Lei 8/1988, do 7 de abril, sobre infraccións e sancións na orde social.

Capítulo II

Das subvencións para a contratación de desempregados para a realización de obras e servicios de interese xeral e social

Artigo 8º.- Obxecto.

1. O presente programa ten por obxecto o fomento do emprego, no ámbito da colaboración coas entidades locais, a través da subvención da contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social.

2. A subvención consistirá no financiamento dos custos salariais, nos termos establecidos no artigo 9, dos traballadores contratados ó abeiro da presente orde.

Artigo 9º.- Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios da subvención as entidades locais que se obriguen á contratación de traballadores desempregados para a execución de obras ou a prestación de servicios cualificados de interese xeral e social e que gocen de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución do correspondente proxecto.

Artigo 10º.- Contía.

1. A contía máxima a percibirán as entidades beneficiarias, será igual ó resultado de multiplica-lo número de traballadores desempregados contratados polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que lle corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social do traballador contratado, conforme o establecido no parágrafo seguinte.

A citada contía máxima reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

2. Os módulos correspondentes a cada grupo de cotización dos traballadores contratados serán os seguintes:

Módulo A: os custos salariais totais que se van subvencionar, ascenderán ó salario mínimo interprofesional mensual, vixente cada ano, incluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias e a correspondente cotización á Seguridade Social por tódolos conceptos que corresponderan ó dito salario

mínimo por cada traballador contratado nos grupos de cotización da Seguridade Social 10 e 11.

Módulo B: os custos salariais totais que se van subvencionar, ascenderán a dúas veces o salario mínimo interprofesional mensual vixente en cada ano, incluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias ou a contía prevista no convenio colectivo de aplicación de ser esta inferior, así como a cotización á Seguridade Social por tódolos conceptos por cada traballador contratado dentro do grupo de cotización da Seguridade Social, 9 ó 5 ambos inclusive.

Módulo C: os custos salariais totais que se van subvencionar, ascenderán a tres veces o salario mínimo interprofesional mensual vixente en cada ano, incluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias ou a contía prevista no convenio colectivo de aplicación de ser esta inferior, así como a cotización á Seguridade Social por tódolos conceptos por cada traballador contratado dentro do grupo de cotización da Seguridade Social, 4 ó 1 ambos inclusive.

3. Se a entidade solicitante percibise algunha outra subvención para a man de obra, outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, a cantidade resultante non poderá superar, conxuntamente coa subvención prevista na presente orde, o custo total da contratación, incluídas as cotizacións á Seguridade Social.

4. As axudas previstas no presente capítulo financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.243C.482.0.

Artigo 11º.- Requisitos e criterios para a selección das obras e servicios.

1. As obras e servicios que se van realizar deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Que se trate de obras e servicios de interese xeral e social e sexan competencia das entidades locais, incluídas aquelas que se realicen sobre bens inmobles que poñan a disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

b) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa.

c) Que na súa execución ou prestación se favoreza a formación e práctica profesionais dos desempregados.

d) Que a porcentaxe mínima de traballadores desempregados que se van ocupar na realización da obra ou servicio sexa do 75 por 100.

e) Que as obras e servicios se poidan executar na súa totalidade dentro do ano natural do exercicio orzamentario no que se produce a colaboración, agás que por causas debidamente xustificadas, o órgano

competente para resolver autorice que poidan quedar rematadas dentro dos tres primeiros meses do exercicio orzamentario seguinte.

f) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servicios, mediante certificación do secretario da entidade local.

2. De entre as obras e servicios que cumpran os anteditos requisitos farase unha selección co obxecto de outorgárllelas correspondentes subvencións, dando preferencia a:

a) Os que teñan un ámbito de actuación superior ó municipal e impliquen, no seu deseño e execución, a outras entidades locais do contorno, así como ós actores sociais presentes no territorio.

b) Os proxectos que, fomentando a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e á creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral se realicen, preferentemente, nalgún dos seguintes subsectores:

-Servicios de utilidade colectiva, tales como mellora da vivenda, vixilancia e seguridade, revalorización de espacios públicos urbanos, transportes colectivos, comercios de proximidade, así como actividades que afecten á xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais así como aquelas que incidan, directa ou indirectamente, no control da enerxía.

-Servicios de ocio ou culturais, tales como promoción do turismo, desenvolvemento cultural local, promoción do deporte e sector audiovisual.

-Servicios personalizados de carácter cotián, tales como coidado de nenos, prestación de axuda a domicilio a persoas incapacitadas ou maiores, axuda a xoves en dificultade e con desarraigo social.

c) Os proxectos que na súa realización permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo.

d) Os proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, ben mediante a incorporación directa dos traballadores á entidade local á finalización do proxecto ou no prazo que se acorde entre a entidade beneficiaria e o órgano competente para resolver, ou calquera outra fórmula de previsión para a inserción laboral que, sendo obxectivable, este considere suficiente.

Artigo 12º.- Requisitos e criterios para a selección e contratación dos traballadores.

1. Os traballadores que sexan contratados para a realización das obras e servicios e polos que se outorgue a subvención deberán ser desempregados inscritos na correspondente oficina de emprego.

2. Os criterios que se van utilizar na selección dos traballadores obxecto de contratación serán os seguintes, aplicados na forma e co procedemento que regulamentariamente se estableza:

a) Maior adecuación ó posto de traballo ofertado.

b) Discapacitados.

c) Consideración do nivel de protección por desemprego.

d) Tempo de permanencia no desemprego.

e) Existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo do traballador desempregado que se contrata o cónxuxe, fillos menores de vinteseis anos, maiores incapacitados ou menores acollidos.

f) Idade.

3. As entidades locais solicitarán da oficina de emprego correspondente, os traballadores desempregados necesarios con, alomenos, quince días de antelación ó inicio da obra ou servicio.

Os contratos de traballo celebrados rexistraranse na oficina de emprego coa indicación de Programas de Cooperación Xunta de Galicia-entidades locais.

4. Con carácter xeral, no suposto de causar baixa definitiva algún dos traballadores contratados con anterioridade á finalización da obra ou servicio a entidade beneficiaria deberá substituílo por outro traballador de similares características seleccionado na forma sinalada no parágrafo anterior.

Artigo 13º.- Documentación.

O modelo de solicitude das axudas e subvencións previstas no presente capítulo, que se publica como anexo I á presente orde, deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Certificación do secretario da entidade local na que consten os seguintes extremos:

1) A representación que ostenta a persoa que asina a solicitude.

2) A aprobación do proxecto da obra ou servicio para a que se solicita a subvención.

3) A disposición do financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por esta.

4) O convenio colectivo que resulte de aplicación ós traballadores que se vaian contratar, así como importe dos salarios que percibirán estes e as cotizacións á Seguridade Social por tódolos conceptos.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade local.

c) Se é o caso, proxecto global do conxunto do plans de obras e servicios que se realizarán, no modelo que se publica como anexo II, contendo os seguintes aspectos:

1) Denominación, localización, e descrición do plan.

2) Actuacións que se van realizar.

3) Características da actividade, duración e número de contratos.

4) Previsión de xeración de emprego.

5) Perfil de traballadores e modalidades de contratación.

6) Custo do plan, distinguindo entre subvención solicitada e achega da entidade.

d) Unha memoria de cada obra ou servicio, no modelo que se publica como anexo III, acompañada do proxecto e planos cando o tipo de obra así o esixa, que recollerá, alomenos, os seguintes aspectos:

1) Denominación, localización e descrición concreta da obra ou servicio correspondente.

2) Número total de traballadores necesarios para a execución da obra ou servicio.

3) Número de traballadores que se van empregar procedentes da situación de desemprego e porcentaxe que representa sobre o total dos traballadores que se van empregar na execución da obra ou servicio.

4) Custo total orzado da obra ou servicio.

5) Custo total orzado da man de obra.

6) Custo total orzado da man de obra de traballadores desempregados.

7) Datas previstas para o comezo e remate da obra ou servicio.

8) Subvención que se solicita.

9) Número de postos de traballo permanentes que se crearán coa execución da obra ou servicio e a súa xustificación.

10) Grao no que se favoreza a formación e práctica profesional dos traballadores.

11) Modalidades de contratación e número de traballadores afectados por cada unha.

Artigo 14º.- Inicio das obras ou servicios.

A obra ou servicio iniciarase no prazo de trinta días naturais, contados a partir da data de inicio prevista na resolución. Non obstante, cando concorran causas debidamente xustificadas, o delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá autoriza-lo inicio da obra ou servicio con posterioridade ó devandito prazo, sen que en ningún caso se poida excede-lo prazo de execución previsto no artigo 10.1º e).

En todo caso, o comezo da obra ou servicio deberá acreditarse, no prazo de 15 días, ante a delegación

provincial mediante certificación expedida pola entidade local.

Artigo 15º.- Contido das resolucións.

A resolución que poña fin ó expediente de solicitude conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Relación das obras ou servicios aprobados.

b) Denominación do proxecto global.

c) Duración e data de inicio.

d) Contía da subvención que se vai outorgar.

e) Categoría profesional, grupo ou nivel profesional dos traballadores que se van contratar, así como a modalidade contractual que se pretenda utlizar.

f) Localización xeográfica provincial da realización da obra ou servicio.

Artigo 16º.- Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate da obra ou servicio, a entidade local, remitirá á respectiva delegación provincial un informe pormenorizado sobre as obras e servicios realizados, características dos contratos celebrados e práctica profesional adquirida polos traballadores contratados, así como as súas perspectivas de inserción laboral.

2. Para efectos de difusión pública, no lugar onde se realicen as obras e servicios deberá figurar, de forma visible, cartel publicitario, en modelo normalizado, no que constará a cofinanciamento pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Xunta de Galicia e, se é o caso, polo Fondo Social Europeo.

Capítulo III

Das subvencións para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local

Artigo 17º.- Obxecto.

O presente programa ten por obxecto a subvención, no ámbito da colaboración coas entidades locais, da contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local a tempo completo, para a realización de funcións relacionadas coa dinamización e xeración de novas actividades no medio rural con repercusión no emprego e na creación de alternativas de ocupación laboral e, en concreto, das seguintes:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de iniciativas locais de emprego, de proxectos piloto de acción rural e outros proxectos empresariais.

b) Difusión e estímulo das potenciais oportunidades de creación de actividade entre desempregados, promotores, emprendedores e institucións colaboradoras.

c) Acompañamento técnico na iniciación de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos.

Artigo 18º.- Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios da subvención as entidades locais, que se obriguen á contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para a realización das funcións previstas no artigo anterior.

Artigo 19º.- Contía.

1. A subvención consistirá no financiamento da contía equivalente ó 75 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos, ata un límite máximo de 2.000.000 de pesetas anuais por axente.

2. En función dos resultados obtidos, valorando especialmente a xeración de iniciativas empresariais e o número de postos de traballo creados como consecuencia da súa actuación, poderá ser prorrogada a subvención durante un ou dous anos máis, logo da solicitude, que deberá realizarse cunha antelación mínima de dous meses á finalización do período vixente.

3. Se a entidade solicitante percibise algunha outra subvención para o mesmo concepto, outorgada por outras administracións ou entes públicos ou privados, a cantidade resultante non poderá supera-los límites previstos no parágrafo primeiro deste artigo.

4. As axudas previstas no presente capítulo financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.243C.482.0.

Artigo 20º.- Selección dos axentes.

A selección corresponderá á entidade local beneficiaria da subvención atendendo ó criterio de maior adecuación ó posto de traballo ofertado.

Artigo 21º.- Documentación.

O modelo de solicitude e de prórroga das axudas e subvencións previstas no presente capítulo, que se publica como anexo I á presente orde, deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Certificación do secretario da entidade local na que conste a representación que ostenta a persoa que asina a solicitude.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade local.

c) Unha memoria, no modelo que se publica como anexo IV, que recollerá, alomenos, os seguintes aspectos:

1) O importe do salario bruto anual.

2) A fundamentación da solicitude, incluíndo unha descripción dos obxectivos perseguidos coa contratación e as tarefas que se vaia desempeñar polo axente de emprego e desenvolvemento local.

3) No caso de solicitude de prórroga, deberá incluírse, tamén, un informe das iniciativas empresarias xeradas e o número de postos de traballo creados como consecuencia da súa actuación.

Artigo 22º.- Seguimento.

As entidades beneficiarias deberán presentar, semestralmente, unha memoria descritiva das actividades realizadas polo axentes de emprego e desenvolvemento local.

Capítulo IV

Das subvencións para a contratación de servicios públicos con empresas de economía social constituídas por xoves

Artigo 23º.- Obxecto.

1. O presente programa ten por obxecto o fomento do emprego, no ámbito da colaboración coas entidades locais, a través da subvención da contratación por parte destas, da prestación de servicios públicos de interese xeral e social con entidades de economía social dirixidas e constituídas, preferentemente, por xoves.

2. Para os efectos previstos no presente capítulo entenderase por entidades de economía social constituídas e dirixidas, preferentemente, por xoves as seguintes:

a) As cooperativas de traballo asociado e as sociedades laborais das que a maioría dos seus socios traballadores sexan menores de 30 anos.

b) Os autónomos menores de 30 anos que teñan contratados, como mínimo, dous traballadores por conta allea, dos que, alomenos, un sexa menor de 30 anos.

Artigo 24º.- Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios da subvención as entidades locais que se obriguen á contratación da prestación de servicios públicos de interese xeral e social con entidades de economía social sempre que:

1. A entidade local non estea xa prestando o servicio.

2. A duración mínima do contrato sexa igual ou superior a 6 meses.

3. Se respecte a lexislación vixente en materia de contratación administrativa das administracións públicas.

Artigo 25º.- Contía.

1. A subvención consistirá no financiamento de ata o 80 por 100 do custo total da contratación do servicio, ata un límite máximo de 2.000.000 de pesetas anuais.

2. Se a entidade local percibise algunha outra subvención para o mesmo concepto proveniente doutras administracións ou entes públicos ou privados, a

cantidade resultante non poderá supera-lo 80 por 100 do custo total da contratación.

3. As axudas previstas no presente capítulo financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.243C.482.0.

Artigo 26º.- Criterios para a selección dos contratos que se van subvencionar.

De entre as entidades solicitantes que reúnan os requisitos sinalados no artigo 24 farase unha selección co obxecto de outorgárlle-las correspondentes subvencións, dando preferencia a:

a) Os proxectos que, fomentando a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e á creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral se realicen, preferentemente, nalgún dos seguintes subsectores:

1) Servicios de utilidade colectiva, tales como mellora da vivenda, vixilancia e seguridade, revalorización de espacios públicos urbanos, transportes colectivos, comercios de proximidade, así como actividades que afecten á xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais, así como aquelas que incidan, directa ou indirectamente, no control da enerxía.

2) Servicios de ocio ou culturais, tales como promoción do turismo, desenvolvemento cultural local, promoción do deporte e sector audiovisual.

3) Servicios personalizados de carácter cotián, tales como coidado de nenos, prestación de axuda a domicilio a persoas incapacitadas ou maiores, axuda a xoves en dificultade e con desarraigo social.

b) Os proxectos que na súa realización permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo.

Artigo 27º.- Documentación.

O modelo de solicitude das axudas e subvencións previstas no presente capítulo, que se publica como anexo I á presente orde, deberá ir acompañado da seguinte documentación:

a) Certificación do secretario da entidade local na que consten os seguintes extremos:

1) A representación que ostenta a persoa que asina a solicitude.

2) O acordo de adxudicación provisional do contrato, a súa duración e o seu custo.

3) A non prestación do servicio por esta.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade local.

c) Memoria explicativa da conveniencia da prestación dos servicios, no modelo que se publica como

anexo V, que inclúa, ademais, os datos identificativos da empresa concesionaria.

d) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade dos socios traballadores, dos autónomos e, se é o caso, dos traballadores contratados por conta allea.

Artigo 28º.- Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate do contrato, a entidade local remitirá á respectiva delegación provincial un informe pormenorizado dos servicios realizados pola empresa contratada, dos postos de traballo xerados, así como das perspectivas de continuidade dela.

2. Para efectos de difusión pública, nas accións que se realicen deberá figurar, de forma visible, cartel publicitario, en modelo normalizado, no que constará o cofinanciamento pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións previstas na presente orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario.

Segunda.-Se por calquera causa, no momento no que a Comisión Central de Valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto sexa designada, pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Terceira.-Os períodos para a contratación polas entidades locais de axentes de emprego e desenvolvemento local subvencionados polo Instituto Nacional de Emprego con anterioridade a data de efectividade da transferencia, computaranse para os efectos da determinación duración máxima de tres anos fixada no artigo 17º.2 da presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Fomento do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente disposición.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude

3840