Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Xoves, 30 de abril de 1998 Páx. 4.605

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 27 de abril de 1998 pola que se regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego, no ámbito da colaboración con órganos e organismos das administracións públicas, distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, a través dos programas de cooperación.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúeselle a esta, a través da Dirección Xeral de Fomento do Emprego, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Así, corresponde, agora, a esta consellería a convocatoria, xestión e control das subvencións e axudas públicas da política de emprego xestionadas anteriormente polo INEM, entre as que están o programa de fomento do emprego no ámbito da colaboración coas entidades locais, cos órganos da Administración xeral do Estado e os seus organismos autónomos, comunidades autónomas, universidades e institucións sen ánimo de lucro, para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese social e xeral e o de contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local.

Por outra banda, a Unión Europea, coa finalidade de intentar palia-la elevada taxa de desemprego na Comunidade Autónoma prevé, a través do Fondo Social Europeo, entre outras medidas, o cofinanciamento xunto cos diversos poderes públicos dos Estados membros de programas tendentes á creación do emprego.

Estas medidas de fomento do emprego público dirixidas ás anteditas entidades, ás outras administracións e ás entidades sen ánimo de lucro, agrúpanse, xa no ámbito competencial da Administración autonómica e xunto con outros programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, baixo a rúbrica de Programas de Cooperación, respectando, en todo caso, as liñas maestras dos programas estatais dos que traen causa.

A filosofía dos denominados Programas de Cooperación corresponde á necesidade de dar un tratamento global e coordinado ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde unha perspectiva de dinamización e de xeración de novas actividades no medio rural, con repercusión no emprego e na creación de alternativas de ocupación laboral que, inicialmente impulsadas e subvencionadas pola Administración, sexan capaces de perdurar e de ser mantidas ben por outras instancias da Administración autonómica, ben por polas propias entidades afectadas ou ben, na medida do posible, pola propia iniciativa privada, a través do mantemento do emprego xerado a través do mantemento do servicio.

Na presente convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que, integradas nos anteditos programas, se dirixen especificamente ás administracións públicas,

distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

Por outra banda, non poden perderse de vista as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo sobre o emprego, relativas á mellora da capacidade de inserción profesional, ó desenvolvemento do espírito de empresa, ó fomento da capacidade de adaptación dos traballadores e das empresas e ó reforzamento da política de igualdade de oportunidades, presentes no deseño dos programas regulados nesta orde, e que deben materializarse cando se realice a selección das entidades beneficiarias e dos desempregados participantes en cada unha das accións concretas ás que esta dea lugar.

Noutra orde de cousas, a presente convocatoria axústase ó disposto no Art. 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e ó disposto na Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o Art. 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora de Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O presente programa ten por obxecto o fomento do emprego no ámbito da colaboración con órganos e organismos das administracións públicas, distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, a través da subvención da contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social.

2. A subvención consistirá no financiamento dos custos salariais, nos termos establecidos no artigo 3, dos traballadores contratados ó abeiro da presente orde.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios da subvención as entidades incluídas no parágrafo primeiro do artigo anterior, que se obriguen á contratación de traballadores desempregados para a execución de obras ou a prestación de servicios de interese xeral e social e que gocen de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución do correspondente proxecto.

Artigo 3º.-Contía.

1. A contía máxima da subvención que percibirán polas entidades beneficiarias, será igual ó resultado de multiplica-lo número de traballadores desempregados contratados polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que lle corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social do traballador contratado, conforme o establecido no parágrafo seguinte.

A citada contía máxima reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

2. Os módulos correspondentes a cada grupo de cotización dos traballadores contratados serán os seguintes:

Módulo A: os custos salariais totais que se subvencionarán, ascenderán ó salario mínimo interprofesional mensual, vixente cada ano, incluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias e a correspondente cotización á Seguridade Social por tódolos conceptos que corresponderan ó dito salario mínimo por cada traballador contratado nos grupos de cotización da Seguridade Social 10 e 11.

Módulo B: os custos salariais totais que se van subvencionar, ascenderán a dúas veces o salario mínimo interprofesional mensual vixente en cada ano, incluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias ou a contía prevista no convenio colectivo de aplicación de ser esta inferior, así como a cotización á Seguridade Social por tódolos conceptos por cada traballador contratado dentro do grupo de cotización da Seguridade Social, 9 ó 5 ambos inclusive.

Módulo C: os custos salariais totais que se van subvencionar, ascenderán a tres veces o salario mínimo interprofesional mensual vixente en cada ano, incluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias ou a contía prevista no convenio colectivo de aplicación de ser esta inferior, así como a cotización á Seguridade Social por tódolos conceptos por cada traballador contratado dentro do grupo de cotización da Seguridade Social, 4 ó 1 ambos inclusive.

3. Se a entidade solicitante percibise algunha outra subvención para man de obra, outorgada por outras administracións ou entes públicos ou privados, a cantidade resultante non poderá superar, conxuntamente coa subvención da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, o custo total da contratación, incluídas as cotizacións á Seguridade Social.

4. As axudas previstas na presente orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.243 C.482.0.

Artigo 4º.-Requisitos e criterios para a selección das obras e servicios.

1. As obras e servicios que se realizarán deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Que sexan executados ou prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e práctica profesionais de desempregados.

c) Que se executen ou presten dentro do ano natural no que se outorgue a subvención.

2. De entre as obras e servicios que cumpran os anteditos requisitos, farase unha selección, dando maior preferencia a:

a) Os proxectos que, na súa realización, permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo.

b) Os proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, ben mediante a incorporación directa dos traballadores á entidade beneficiaria á finalización do

proxecto ou no prazo que se acorde co órgano competente para resolver ou calquera outra fórmula de inserción laboral que, sendo obxectivable, este considere suficiente.

c) Os proxectos que fomenten a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e á creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral.

d) Os proxectos cofinanciados polas entidades solicitantes.

e) Os proxectos de maior interese xeral e social.

3. En ningún caso serán obxecto de subvención aquelas solicitudes presentadas polas institucións sen ánimo de lucro coa finalidade de executar obras.

Artigo 5º.-Requisitos e criterios para a selección e contratación dos traballadores.

1. Os traballadores que sexan contratados para a realización das obras e servicios e polos que se outorgue a subvención, deberán ser desempregados inscritos na correspondente oficina de emprego.

2. Os criterios que se van utilizar na selección dos traballadores obxecto de contratación, aplicados na forma e co procedemento que regulamentariamente se estableza, serán os seguintes:

a) Maior adecuación ó posto de traballo.

b) Discapacitados.

c) Consideración do nivel de protección por desemprego.

d) Tempo de permanencia no desemprego.

e) Existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas, ter a cargo do traballador desempregado que se contrate o cónxuge, fillos menores de vinteseis anos, maiores incapacitados ou menores acollidos.

f) Idade.

3. As entidades beneficiarias solicitarán da oficina de emprego correspondente os traballadores desempregados necesarios con, alomenos, quince días de antelación ó do inicio da obra ou servicio.

Os contratos de traballo celebrados rexistraranse na oficina de emprego coa indicación Programa de cooperación Xunta de Galicia-outras administracións ou entidades.

4. Con carácter xeral, no suposto de causar baixa definitiva algún dos traballadores contratados con anterioridade á finalización da obra ou servicio, a entidade beneficiaria deberá substituílo por outro traballador de similares características, na forma sinalada no parágrafo anterior.

Artigo 6º.-Documentación e prazo de presentación de solicitudes.

1. As entidades que, estando incluídas no parágrafo primeiro do artigo 1, pretendan beneficiarse destas subvencións, deberán formaliza-la correspondente solicitude de conformidade co previsto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das

administracións públicas e do procedemento administrativo común e no modelo que se publica como anexo I á presente orde, que estarán ó seu dispor nas oficinas de emprego, delegacións provinciais da consellería ou en calquera das oficinas administrativas de información ó cidadán, subscrita polo seu representante legal e acompañada da seguinte documentación:

a) Acreditación da representación que ostenta e, no caso de entidades sen ánimo de lucro, ademais fotocopias compulsadas do seu documento nacional de identidade e da documentación do apoderamento.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

c) Certificación do convenio colectivo que resulte de aplicación ós traballadores que se vaian contratar así como o importe dos salarios que vaian percibir estes polos mesmos e das cotizacións á Seguridade Social por tódolos conceptos.

d) Fotocopia compulsada da escritura pública e dos estatutos de constitución da entidade solicitante nos que resulte acreditada a ausencia de ánimo de lucro, para os supostos nos que tivese esa natureza.

e) Se é o caso, proxecto global do conxunto de plans de obras e servicios que se vaian realizar, no modelo que se publica como anexo II, contendo os seguintes aspectos:

1) Denominación, localización e descrición do plan.

2) Actuacións que se vaian realizar.

3) Características da actividade, duración e número de contratos.

4) Previsión de xeración de emprego.

5) Perfil dos traballadores e modalidades de contratación.

6) Custo do plan, distinguindo entre subvención solicitada e, se é o caso, achega da entidade.

f) Unha memoria de cada obra ou servicio que se vaia realizar, no modelo que se publica como anexo III, acompañada do proxecto e planos cando o tipo de obra así o esixa, que recollerá, alomenos, os seguintes aspectos:

1) Denominación, localización e descrición concreta da obra ou servicio correspondente.

2) Número total de traballadores necesarios para a execución da obra ou servicio.

3) Número de traballadores que se vaian empregar procedentes da situación de desemprego e porcentaxe que representa sobre o total dos traballadores que se empregarán na execución da obra ou servicio.

4) Custo total orzado da obra ou servicio.

5) Custo total orzado da man de obra.

6) Custo total orzado da man de obra de traballadores desempregados.

7) Datas previstas para o comezo e remate da obra ou servicio.

8) Subvención que se solicita.

9) Número de postos de traballo permanentes que se crearán coa execución da obra ou servicio e a súa xustificación.

10) Grao no que se favoreza a formación e práctica profesional dos traballadores.

11) Modalidades de contratación e número de traballadores afectados por cada unha.

2. As solicitudes dirixiranse ó director xeral de Fomento do Emprego e se presentaranse nas oficinas de emprego, nas delegacións provinciais da consellería, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 7º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non reúna os requisitos sinalados no artigo anterior ou a documentación achegada contivera erros ou sexa insuficiente, o órgano competente para instruí-lo procedemento, requirirá á solicitante para que, nun prazo non superior a dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese considerarase desistida da súa petición, arquivándose sen máis trámite, ó abeiro do disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Completos os expedientes, remitiránselle á Comisión Central de Valoración para o seu estudio e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos na presente orde, a Comisión Central de Valoración estará composta polo subdirector xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación, que a presidirá; e serán vocais os xefes dos servicios de xestión de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación, actuando como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario que para tal fin sexa designado.

Artigo 8º.-Resolución.

1. Dentro dos seis meses seguintes á finalización do prazo de presentación de solicitudes, logo do informe da Comisión Central de Valoración e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención delegada, o director xeral de Fomento do Emprego, dictará a resolución que proceda, debendo ser notificada ós interesados. Transcorrido o antedito prazo sen que recaera resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude.

2. A resolución administrativa conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

-Relación das obras ou servicios aprobados.

-Denominación do proxecto global.

-Duración e data de inicio.

-Contía da subvención que se vai outorgar.

-Categoría profesional, grupo ou nivel profesional dos traballadores que se van contratar así como a modalidade contractual que se pretenda utilizar.

-Localización xeográfica provincial da realización da obra ou servicio.

3. Contra as resolucións do director xeral de Fomento do Emprego poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á recepción da súa notificación, logo da comunicación da intención de interpoñelo á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ó abeiro do disposto no artigo 58 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa e no artigo 110.3º e nas disposicións adicionais décima e undécima da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 9º.-Inicio das obras ou servicios.

A obra ou servicio iniciarase no prazo de quince días, contados a partir da data prevista na resolución. Non obstante, cando concorran causas debidamente xustificadas, o director xeral de Fomento do Emprego poderá autoriza-lo inicio da obra ou servicio con posterioridade o devandito prazo, debendo rematar dentro do ano natural no que se outorgue a subvención.

En todo caso, o comezo da obra ou servicio deberá acreditarse, no prazo de quince días, ante a Dirección Xeral de Fomento do Emprego, mediante certificación expedida pola entidade beneficiaria.

Artigo 10º.-Pagamento.

O pagamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación dos orixinais ou copias compulsadas dos contratos de traballo formalizados e debidamente rexistrados e dos partes de alta na Seguridade Social.

Artigo 11º.-Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate da obra ou servicio subvencionado, a entidade beneficiaria remitirá á Dirección Xeral de Fomento do Emprego un informe pormenorizado, se é o caso, por provincias, sobre as obras e servicios realizados, características dos contratos celebrados e práctica profesional adquirida polos traballadores contratados así como as súas perspectivas de inserción laboral.

2. Para efectos de difusión pública, no lugar donde se realicen as obras e servicios, deberá figurar, de forma visible, cartel publicitario, en modelo normalizado, no que constará a cofinanciación pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Xunta de Galicia e, se é o caso, polo Fondo Social Europeo.

Artigo 12º.-Control.

1. En todo caso, as entidades beneficiarias someteranse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e as da Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, en relación coas subvencións reguladas nesta orde, e ás previstas na lexislación do Consello de Contas

así como as que poida efectuar, se é o caso, a comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.

Así mesmo, estarán obrigadas a achega-la documentación que lles sexa requirida co fin de comproba-lo cumprimento do obxecto para o que foi concedida a subvención.

2. O incumprimento total ou parcial das obrigas, condicións ou finalidades establecidas na presente orde, dará lugar ó reintegro total ou parcial, segundo proceda, da axuda ou subvención percibida e mailos xuros de demora nas condicións e de conformidade co establecido no artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, sen prexuízo do establecido na Lei 8/1988, do 7 de abril, sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións previstas na presente orde, estará supeditada á existencia de crédito orzamentario.

Segunda.-Se por calquera causa, no momento no que a Comisión Central de Valoración teña que examina-las solicitudes de subvención, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Terceira.-Poderán acollerse ás subvencións previstas na presente orde as solicitudes presentadas ó abeiro da orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 19 de decembro de 1997, polo que se establecen as bases reguladoras da concesión de subvencións públicas polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito da colaboración cos órganos da Administración Xeral do Estado e os seus organismos autónomos, comunidades autónomas, universidades e institucións sen ánimo de lucro, que contraten traballadores desempregados para a realización de obras e servicios de interese xeral e social.

De ser necesario, as entidades solicitantes deberán adapta-las súas solicitudes, logo do requirimento, ás previsións contidas na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Fomento do Emprego a dictar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude

3841