Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Xoves, 30 de abril de 1998 Páx. 4.615

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 27 de abril de 1998 pola que se regulan determinados aspectos do programa de axudas e subvencións a escolas obradoiro e casas de oficios para o exercicio de 1998 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Admministración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúese a esta, a través da Dirección Xeral de Fomento do Emprego, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás politicas activas de emprego.

Así, corresponde, agora, a esta consellería a convocatoria, xestión e control das subvencións e axudas públicas da política de emprego xestionadas anteriormente polo Inem, entre as que está o programa de escolas obradoiro e casas de oficios, regulado pola orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social do 3 de agosto de 1994 (BOE nº 191, do 11) e pola resolución do Instituto Nacional de Emprego do 7 de xullo de 1995 que a desenvolve (BOE nº 179, do 28).

Nesta normativa estatal regúlanse tódolos aspectos básicos previstos no artigo 4 do Real decreto 2225/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o procedemento para a concesión de subvencións públicas e no artigo 78.1º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia: obxecto, requisitos dos beneficiarios, prazo e forma de xustificación da aplicación definitiva dos fondos, forma e prazos de concesión da subvencións e a concesión de anticipos.

Non obstante, a presente orde ten por obxecto a regulación daqueles aspectos da normativa estatal que se apartan da normativa orzamentaria, procedemental e de competencia propias da Administración autonómica.

Por outra banda, deben terse presentes as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo sobre o emprego, relativas á mellora da capacidade de inserción profesional, ó desenvolvemento do espírito de empresa, ó fomento da capacidade de adaptación dos traballadores e das empresas e ó reforzamento da política de igualdade de oportunidades que deben materializarse cando se realice a selección das entidades beneficiarias e dos desempregados participantes en cada unha das accións concretas ás que esta de lugar.

Noutra orde de cousas, a presente convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na

concesión das axudas e subvencións e ó disposto na Lei 1/1998, do 7 de abril, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1998.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora de Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Normativa aplicable.

O programa de escolas obradoiro e casas de oficios rexerase polo disposto na orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social do 3 de agosto de 1994 e na resolución do Instituto Nacional de Emprego do 7 de xullo de 1995 que a desenvolve, agás nos aspectos regulados nos artigos seguintes.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. As entidades que pretendan beneficiarse destas subvencións deberán formaliza-la correspondente solicitude de acordo co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, nos modelos que se publican como anexos I, II e III á presente orde, que estarán ó seu dispor nas oficinas de emprego, nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou en calquera das oficinas administrativas de información ó cidadán, subscrita polo titular ou representante legal da entidade local, debidamente acreditado.

2. As solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e presentaranse nelas, nas oficinas de emprego ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 3º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos en cada caso esixidos ou a documentación achegada contivera erros ou sexa insuficiente, o órgano competente para a instrucción do expediente requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite, ó abeiro do disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Os expedientes, unha vez completos, remitiránselle xunto co correspondente informe técnico á Comisión Central de Valoración para o seu estudio e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos na presente orde a Comisión Central de Valoración estará composta polo director xeral de Fomento do Emprego, que a presidirá; e serán vocais os catro delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude, actuando como secretario, con voz pero sen voto, o subdirector xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación.

Artigo 4º.-Resolución.

1. Dentro dos doce meses seguintes á presentación da solicitude, logo do informe da Comisión Central de Valoración e fiscalizada a proposta pola respectiva Intervención, o delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dictará a resolución que proceda, debendo ser notificada ós interesados. Transcorrido o antedito prazo sen que recaera resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude.

2. Contra as resolucións dos delegados provinciais poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á recepción da súa notificación, logo da comunicación da intención de interpoñelo á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ó abeiro do disposto no artigo 58 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativo e no artigo 110.3º e nas disposicións adicionais décima e décimo primeira da Lei 30/1992, do 26 de novembro, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 5º.-Pagamento.

1. O pagamento da subvención será feito polas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ás entidades promotoras por períodos semestrais e en función das fases do proxecto que se expresen na resolución.

2. Unha vez iniciada a primeira fase aboaráselle á entidade promotora en concepto de anticipo unha cantidade equivalente ó custo subvencionado correspondente a ese período. Despois de recibida e revisada a xustificación dos gastos correspondentes á anterior, aboaráselle ó promotor, en concepto de pagamento a conta, unha cantidade equivalente ó custo subvencionado correspondente á nova fase, sen que en ningún caso se supere o límite do 80 por 100 do importe total da subvención para o conxunto do proxecto. Na segunda e sucesivas fases, para a determinación deste límite do 80 por 100 descontarase da base de cálculo o importe dos anticipos anteriores debidamente xustificados pola entidade promotora de acordo co establecido no apartado seguinte.

3. No mes seguinte ó remate de cada fase, a entidade remitirá os xustificantes dos pagamento efectuados con especificación expresa do importe correspondente a cada unha das partidas subvencionadas.

4. As cantidades anticipadas e non aplicadas ó fin previsto de cada fase poderán acumularse ó perío

do ou períodos posteriores. En todo caso, as cantidades non gastadas ó remata-lo proxecto serán devoltas no mes seguinte ó dito termo.

5. No caso de non xustificación segundo o anteriormente establecido, non se realizarán novas provisións de fondos, procedéndose a reclama-las cantidades non xustificadas polo procedemento establecido.

6. As axudas previstas na presente orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.243C.482.0.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os expedientes aprobados polo Instituto Nacional de Emprego con anterioridade á data de efectividade da transferencia seguirán rexéndose, en canto a forma de pago, polas previsións da orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social do 3 de agosto de 1994 e na resolución do Instituto Nacional de Emprego do 7 de xullo de 1995 que a desenvolve.

Segunda.-Para os efectos do disposto no artigo 13.4º da orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social do 3 de agosto de 1994, o prazo para dictar resolución entenderase prorrogado ata o 31 de decembro de 1998, para aqueles expedientes iniciados antes da transferencia, nos que este prazo remate con posterioridade ó 31 de decembro de 1997.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións previstas na presente orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario.

Segunda.-Se por calquera causa, no momento no que a Comisión Central de Valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituido pola persoa que para o efecto sexa designada pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Fomento do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente disposición.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude

3842