Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Xoves, 30 de abril de 1998 Páx. 4.580

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 27 de abril de 1998 pola que se establecen as bases polas que se regulan as axudas e subvencións á contratación indefinida de traballadores con discapacidade para o exercicio económico de 1998.

Polo Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, transferiuse á Comunidade Autónoma de Galicia a xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación, transferencia que foi efectivamente asumida e asignada á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en virtude do Decreto 289/1997, do 9 de outubro, en relación co Decreto 488/1997, do 26 de decembro.

En consecuencia, e dentro do ámbito funcional da Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle a convocatoria, regulación específica, xestión e control das axudas e subvencións á contratación indefinida de traballadores con discapacidade, antes xestionadas polo Instituto Nacional de Emprego e reguladas no Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, e na Orde do 13 de abril de 1994 que desenvolvía o capítulo II do mencionado real decreto.

É vontade decidida da Administración autonómica impulsa-la integración laboral das persoas con discapacidade por ser esta o mellor instrumento para logra-la plena e eficaz integración social deste colectivo.

De acordo co artigo 37 da Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos, que establece que a integración laboral destas persoas debe realizarse fundamentalmente a través do sistema ordinario de traballo, preténdese favorece-la incorporación dos traballadores discapacitados a postos de traballo na empresa ordinaria.

Dadas as especiais dificultades que encontra este colectivo para a súa inserción no mercado de traballo, na presente orde, en concordancia co Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, establécense diversos incentivos que pretenden incidir na decisión dos empresarios á hora de incorporar ós seus cadros de persoal a persoas con discapacidade.

Esta liña de axudas á contratación indefinida responde na súa configuración ó principio de flexibilidade e adecuación ás esixencias da normativa laboral vixente, e ás directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo.

A presente convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e á Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e no exercicio das facultades

que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.- Obxecto e réxime dos incentivos.

1. O obxecto da presente orde é incentiva-la contratación indefinida a tempo completo de traballadores desempregados con discapacidade que se realicen en 1998.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998, na presente orde e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación.

3. As axudas previstas nos programas da presente orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.243C.482.0.

Artigo 2º.- Beneficiarios.

Poderán beneficiarse das axudas previstas na presente orde as empresas ordinarias, calquera que sexa a súa forma xurídica, que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e contraten persoas discapacitadas desempregadas para prestaren servicios neste ámbito.

Tamén poderán ser beneficiarias as cooperativas de traballo asociado que integren persoas con discapacidade como socios traballadores.

Artigo 3º.- Axudas.

1. As empresas que contraten con carácter indefinido e a tempo completo traballadores discapacitados desempregados inscritos na oficina de emprego, terán dereito ás seguintes axudas:

A) Unha subvención de 500.000 ptas. por cada traballador contratado, así como a bonificación prevista no artigo 7.1º a) do Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, das cotas empresariais á Seguridade Social, incluídas as de accidentes de traballo e enfermidade profesional e as de recadación conxunta, do 70% por cada traballador con discapacidade contratado menor de 45 anos e do 90% se é maior de 45 anos.

B) Unha subvención, compatible coas anteriores, que poderá alcanza-las 150.000 ptas., para a adaptación dos postos de traballo ou para a dotación de medidas de protección persoal necesarias para evitar accidentes laborais ó traballador discapacitado contratado. A necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da inspección de traballo.

Esta axuda se non é solicitada pola empresa poderá ser solicitada polo propio traballador.

2. A transformación en indefinidos de contratos temporais de fomento do emprego para persoas con discapacidade, prevista no artigo 44.3º da Lei 42/1994, de 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, serán obxecto das subvencións establecidas no apartado anterior.

Artigo 4º.- Incompatibilidades.

Tanto as subvencións como as bonificacións previstas na presente orde serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poida outorgar calquera Administración pública como medida de fomento de emprego.

Artigo 5º.- Solicitudes e prazos.

1. As solicitudes presentaranse por triplicado exemplar, nos modelos que figuran no anexo da presente orde, nas oficinas de emprego dirixidas ó delegado/a provincial competente por razón do territorio en función do domicilio do centro de traballo onde vai prestar servicio, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes deberán presentarse no prazo máximo de dous meses contados desde a data do inicio da prestación do servicio ou da transformación obxecto da subvención. Naqueles supostos en que a contratación tivo lugar entre o un de xaneiro e a data de entrada en vigor desta orde, o prazo de dous meses empezará a contarse a partir da súa entrada en vigor.

As solicitudes de axudas para a adaptación do posto de traballo non estarán suxeitas a este prazo de dous meses.

3. En todo caso, con carácter xeral, o prazo de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 1998.

Artigo 6º.- Documentación.

Cada solicitude deberá ir acompañada, por triplicado exemplar, sendo un deles orixinal ou fotocopia compulsada, da seguinte documentación:

a) Se o solicitante é persoa física, documento nacional de identidade e acreditación do número de identificación fiscal, se é persoa xurídica documento nacional de identidade e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e número de identificación fiscal da empresa, así como alta no IAE.

b) DNI do traballador que se contrata e, se é o caso, documento acreditativo da súa situación de desemprego.

c) Certificado de minusvalidez expedido polo organismo competente.

d) O contrato, en modelo oficial, e a alta na Seguridade Social; ademais, no caso de transformación, o contrato temporal do que trae causa.

e) Descrición detallada do posto de traballo que se vai cubrir e características técnicas del.

f) Cando se trata de empresas de nova creación deberá xuntarse proxecto e memoria da empresa que se vai crear nos que se farán constar expresamente as características do proceso productivo e o cadro de persoal da empresa que será cuberta con traballadores con discapacidade.

g) Se é o caso, memoria descritiva da necesidade de adaptación ou dotación de medios de protección persoal con indicación do seu custo.

Artigo 7º.- Tramitación e instrucción.

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para que o Servicio de Fomento do Emprego comprobe se a solicitude ou a documentación presentada reúne os requisitos esixidos no artigo anterior, e no suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase ó interesado para que no prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non se fixese, se dará por desistido da súa petición, arquivándose o expediente.

2. Unha vez completos os expedientes, a delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude solicitará os seguintes informes:

-Dos equipos multiprofesionais, sobre a adecuación do posto de traballo á minusvalidez dos traballadores contratados.

-Da inspección de traballo, sobre a necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal, para o suposto de solicitude de subvención de adaptación de posto de traballo.

-Cando se trate de empresas de nova creación, analizarase a viabilidade técnica e económica do proxecto, solicitando cantos documentos e informes se estimen oportunos.

3. Unha vez realizados os trámites anteriores, os expedientes remitiranse á comisión de valoración para que emita informe e proposta de resolución previa á elevación ante o órgano competente para resolver.

4. Para os efectos do disposto no presente artigo, a comisión de valoración estará composta polo secretario da delegación, que a presidirá, e serán vocais o xefe de Servicio de Fomento do Emprego, que actuará como secretario, e un funcionario designado polo delegado/a provincial.

Artigo 8º.- Resolución.

1. A resolución das axudas e subvencións, unha vez recibido o informe da comisión de valoración e fiscalizadas as propostas polas respectivas intervencións, corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que se lles notificará ós interesados. As resolucións denegatorias deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será dun mes, que empezará a computarse a partir da data na que a delegación provincial dispoña dos informes establecidos no artigo 7º.2 ou desde a data en que debería dispoñer deles de conformidade co establecido no artigo 83 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; transcorrido o dito prazo sen que se dicte resolución

expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda ou subvención.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 9º.- Forma de pagamento e xustificación.

1. Unha vez concedida a subvención, con anterioridade ó seu pagamento, os beneficiarios deberán acreditar que se encontran ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, así como ficha de transferencia bancaria e certificado da entidade financeira de que o solicitante é titular da conta.

2. A xustificación para a percepción da subvención para a adaptación do posto de traballo requirirá, ademais, a presentación das correspondentes facturas que acrediten a referida adaptación ou dotación.

3. Estas axudas faranse efectivas en forma de pagamento único.

4. Non obstante o anterior, de conformidade co disposto no artigo 9 do Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, para facer efectiva as bonificacións da Seguridade Social as empresas dilixenciarán os seus documentos de cotización na forma establecida con carácter xeral e con suxeición ás normas que o regulan. Ó mesmo tempo, utilizarán boletín anexo específico para reflecti-las bonificacións no que se farán consta-los traballadores obxecto da bonificación, a contía correspondente a cada un e o importe da bonificación total da empresa para deduci-lo seu importe do total resultante para ingresar na Seguridade Social.

Artigo 10º. Obrigas dos beneficiarios.

1. As empresas beneficiarias deberán manter no seu cadro persoal fixo os traballadores contratados, ó abeiro da presente norma, por un período mínimo de tres anos, non podendo despedir a estes traballadores sen causa xustificada e, no caso de despedimento procedente, deberán substituílos por outros traballadores minusválidos, beneficiándose neste caso soamente da bonificación da cota da Seguridade Social correspondente ós traballadores substitutos.

2. Remitirlle, anualmente, á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude unha relación dos traballadores polos que se lles concederon as axudas para efectos de acredita-la súa permanencia na empresa e, no caso de cesamento, dos traballadores que os substituíron; esta obriga esténdese durante tres anos a partir da data da concesión da axuda.

Artigo 11º.- Comprobación da aplicación das subvencións.

As delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados.

Disposicións adicionais

Primeira.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local ou da Unión Europea constituirán causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 78.6º da Lei 11/1992.

Segunda.-As delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderán requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nesta orde.

Terceira.-A concesión das axudas reguladas na presente orde terán como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998 para o fin que perseguen.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro funcionario do mesmo servicio que o substituído.

Quinta.-As solicitudes de axudas para a contratación indefinida de persoas con discapacidade realizadas ó abeiro da orde ministerial do 13 de abril de 1994, pola que se regulan a concesión das axudas sobre fomento do emprego dos traballadores minusválidos que se establecen no capítulo II do Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, anteriores ó 1 de xaneiro de 1998, que non puidesen ser atendidas por falta de dispoñibilidades orzamentarias e reunisen os requisitos establecidos nelas, poderán ser atendidas con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma para 1998 destinados a este fin, sempre que o contratado vaia presta-los seus servicios neste ámbito territorial.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

3838