Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Xoves, 30 de abril de 1998 Páx. 4.544

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 27 de abril de 1998 pola que se regula o réxime de axudas e subvencións ás inicativas locais de emprego e ós proxectos piloto de acción rural para o ano 1998.

Polo Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, foi transferida á Comunidade Autónoma de Galicia a xestión realizada polo Inem no ámbito do traballo, emprego e formación, transferencia que foi efectivamente asumida e asignada á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en virtude do Decreto 289/1997, do 9 de outubro, en relación co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica.

Na súa consecuencia, e dentro do ámbito funcional da Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle a convocatoria, regulación específica, xestión e control das axudas e subvencións ás iniciativas locais de emprego antes xestionadas polo Instituto Nacional de Emprego e reguladas na orde ministerial do 12 de abril de 1994.

Por outra parte, esta Comunidade Autónoma, dentro do marco xeral de subvencións para o fomento do emprego, ten establecida una liña propia de axudas, cofinanciada polo Fondo Social Europeo coa finalidade de intentar palia-lo nivel de desemprego nesta Comunidade Autónoma, dirixidas a financia-la posta en marcha de iniciativas locais de emprego e de proxectos piloto de acción rural.

A elevada taxa de desemprego e o necesario desenvolvemento e diversificación do tecido empresarial galego xustifica o deseño dunha política activa de emprego dirixida a fomenta-la cultura emprendedora da poboación, incentivando a creación de iniciativas privadas innovadoras, participadas, se é o caso, por unha Administración local de carácter territorial, no ámbito local e no medio rural.

Neste marco, e tendo en conta as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo, articúlanse medidas de apoio á posta en marcha de iniciativas locais de emprego na que se integran, conxugan e complementan as axudas transferidas e as propias dirixidas ás iniciativas locais de emprego, non como simple adición, senón como reflexo dun modelo que pretende potenciar e reforza-lo estímulo para a súa implantación en tanto instrumentos de xeración de emprego e de desenvolvemento local.

Neste contexto integrador, tamén se prevén axudas á creación de proxectos pilotos de acción rural, en tanto que pola súa natureza e características específicas constitúen dúas especies dun xénero común, como fórmulas empresariais que conflúen nun mesmo ou similar fin a potenciación, dinamización e desenvolvemento do emprego e da riqueza no medio rural e ou no ámbito local.

Na súa consecuencia, esta orde ten por obxecto establece-las bases das axudas e subvencións dirixi

das a iniciativas locais de emprego e proxectos piloto de acción rural.

A presente convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e ó establecido na Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.- Finalidade.

1. Esta orde ten como finalidade fomentar e promove-la creación de empresas innovadoras, económica e financeiramente viables que xeren emprego estable no ámbito local e no medio rural, mediante o establecemento dun marco de axudas e subvencións que xestionará a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a través dos seguintes programas:

-Programa de iniciativas locais de emprego.

-Programa de proxectos piloto de acción rural.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998, na presente orde e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación.

3. As axudas e subvencións previstas na presente orde financiaranse con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias 14.04.243C.482.0 e 14.04.242B.475.0

Capítulo II

Programa de iniciativas locais de emprego

Sección primeira

Obxecto e beneficiarios

Artigo 2º.- Obxecto.

O obxecto deste programa é propocionar axudas a aqueles proxectos empresariais innovadores que xeren emprego estable, promovidos, participados ou cofinanciados por administracións locais de carácter territorial da Comunidade Autónoma, previamente cualificadas como iniciativas locais de emprego e inscritas no Rexistro administrativo habilitado para o efecto, ó abeiro do disposto na orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude pola que se regulan as iniciativas locais de emprego e o procedemento para a súa cualificación e inscrición rexistral.

Artigo 3º.- Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas resultantes dos ditos proxectos, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, sempre que se constitúan como tales, nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como inicitiva local de emprego, e se soliciten as axudas, antes de que transcorra un ano desde a súa constitución, e cumpran as condicións e requisitos esixidos para cada tipo de axuda.

Sección segunda

Tipos de axuda

Artigo 4º.- Tipos de axuda.

Neste programa de iniciativas locais de emprego inclúense os seguintes tipos de axudas e subvencións:

-Subvención á creación directa de emprego estable para desempregados.

-Apoio á función xerencial para a instalación da empresa.

-Subvención financeira.

-Axudas para o inicio e posta en marcha da actividade.

Artigo 5º.- Subvención á creación directa de emprego estable para desempregados.

Cando a posta en funcionamento dunha empresa cualificada como iniciativa local de emprego leve consigo a creación de postos de traballo estables de carácter indefinido e sexan ocupados por desempregados, incentivarase cada un deles cunha subvención de 700.000 ptas., cando se prevexa unha dedicación a tempo completo ou a parte proporcional, cando se prevexa a tempo parcial.

Cando se trate de contratacións indefinidas de traballadores por conta allea, esta axuda, de se-lo caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ámbolos dous beneficios poida supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato obxecto de subvención.

Artigo 6º.- Apoio a función xerencial.

Para o acompañamento na instalación da empresa, co fin de garanti-la creación e mantemento de postos de traballo, poderase financia-lo apoio ás funcións xerenciais do promotor do proxecto empresarial nunha contía igual ó 75 por cento do custo total, sen que exceda de 500.000 pesetas por proxecto cualificado como iniciativa local de emprego. O dito apoio poderá revestir formas de titoría ou acompañamento formativo.

Artigo 7º.- Subvención financeira.

As subvencións financeiras teñen por finalidade a reducción dos xuros de créditos para financiar investimentos en activo fixo, que sexan necesarios para a posta en marcha das empresas cualificadas

como ILES. Non obstante, poderase destinar ata un 25% do crédito a financia-lo activo circulante.

A subvención será como máximo ó equivalente a reducción de 6 puntos do xuro fixado pola entidade de crédito que lle conceda o préstamo ó solicitante, pagadoira dunha soa vez, e terá como límite a contía de 700.000 pesetas por emprego estable creado. Os préstamos, para seren subvencionados, deberán ser concedidos por entidades que teñan subscrito un convenio, para tal fin, coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 8º.- Axudas para o inicio e posta en marcha da actividade.

1. Para que unha iniciativa local de emprego poida beneficiarse das axudas previstas neste artigo ten que supoñer cando menos a creación directa de emprego estable para tres desempregados.

2. Estas axudas consistirán nunha subvención de ata un 60% dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade, sen que, en ningún caso o importe total da subvención poida exceder de 5.000.000 ptas. A contía das axudas determinarase en función dos postos de traballo estables xerados, volume de investimento do proxecto e do beneficio económico e social no seu ámbito de influencia.

3. Naqueles proxectos que leven consigo gastos totais de pouca contía, as axudas consistirán nunha subvención a fondo perdido, destinada a financia-los gastos de posta en marcha e funcionamento dos seis primeiros meses.

4. Non serán subvencionables, a través das axudas reguladas neste artigo, os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo e todos aqueloutros gastos que poidan ser susceptibles de amortización contable.

Sección terceira

Solicitudes e documentación

Artigo 9º

As solicitudes deberán estar debidamente cubertas e formalizarse nos modelos que figuran como anexo da presente orde, e deberán ir xunto coa documentación xeral prevista no artigo 18º desta orde, e da seguinte específica para os distintos tipos de axuda regulados neste capítulo:

a) Subvención á creación directa de emprego estable para desempregados: declaración do número de empregos estables de carácter indefinido que ocuparán os desempregados e relación nominal destes, así como documentos acreditativos da situación de desemprego das persoas que se incorporan á empresa e do tempo de permanencia no paro.

Para o caso de que se conceda a subvención, o pagamento quedará condicionado á presentación da seguinte documentación:

* Documentos acreditativos da incorporación efectiva con carácter indefinido na empresa.

* Documentos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

b) Subvención ó apoio xerencial: descrición do apoio solicitado e documentación acreditativa da solvencia profesional da empresa, entidade ou persoa física que vai realiza-lo acompañamento formativo ou titoría.

Para o caso de que se conceda a subvención, o pagamento quedará condicionado á presentación da seguinte documentación específica:

* Certificación da empresa, entidade ou persoa física que vai presta-lo apoio xerencial do inicio do servicio con indicación do seu custo total desagregado por conceptos e con expresión do tempo previsto para a súa execución.

* Certificado de conformidade do solicitante.

c) Subvención financeira: compromiso da entidade financeira sobre a concesión do crédito, no que figuren as características deste e se faga constar que a operación se acolle ó convenio subscrito coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e declaración do número de empregos estables creados e relación nominal dos empregados e plan de investimentos que se financiarán co préstamo.

Para o caso de que se conceda a subvención, o pagamento quedará condicionado á presentación da seguinte documentación:

* Copia do contrato de préstamo.

* Documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social das persoas que se incorporan á empresa para ocupar postos de traballo estables.

O beneficiario, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

d) Axuda ó inicio e posta en marcha da actividade: memoria e orzamento dos gastos a que se vai destina-la subvención, con indicación das fontes de financiamento, e declaración do número de postos de traballo estables creados para desempregados e relación nominal deles.

Para o caso de que se conceda a subvención, o pagamento quedará condicionada á presentación da seguinte documentación:

* Documentación xustificativa da realización dos gastos.

* Documentos acreditativos da situación de desemprego, da incorporación e da alta no correspondente réxime da Seguridade Social dos traballadores que ocupen os empregos estables creados.

En tódolos casos, unha vez concedida e precedendo o seu pagamento, o beneficiario deberá presentar, ademais da documentación sinalada nos apartados anteriores, e da que con carácter xeral se establece no artigo 22º da presente orde, a alta no imposto de actividades económicas e, de tratarse de persoa xurídica, copia da escritura da sociedade, así como aqueloutra que se sinale na resolución concesoria e dentro do prazo que se conceda para o efecto.

Cando concorran varias axudas ou subvencións, só será necesario presentar unha soa vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude coma na de xustificación.

Sección cuarta

Incompatibilidades e seguimento

Artigo 10º.- Incompatibilidades.

1. Non se lles poderán imputa-los mesmos gastos ós distintos tipo de axuda previstos neste capítulo.

2. Estas axudas serán incompatibles con calquera outra que polos mesmos conceptos poida outorgar calquera Administración pública.

Artigo 11º.- Seguimento e mantemento da actividade.

1. Seguimento das subvencións á creación directa de emprego estable para desempregados: as empresas beneficiarias, co fin de garanti-lo mantemento dos postos de traballo estables creados que teñan sido obxecto de subvención, deberán presentar nos quince días seguintes a aquel no que se cumpran os doce, vintecatro e trinta e seis meses desde a data da concesión da subvención, unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito.

Cando nese período de tres anos se produza o cesamento dalgún traballador, a empresa beneficiaria está obrigada a cubri-la vacante no prazo dun mes, mediante a mesma fórmula de incorporación á empresa e, polo menos, en tempo de dedicación igual ó anterior, debendo reuni-lo novo traballador o requisito de estar en desemprego.

2. Seguimento das subvencións ó apoio xerencial: o beneficiario da subvención acreditará a realización do servicio prestado no prazo de dous meses desde a súa terminación, mediante a presentación da seguinte documentación: certificación da empresa, entidade ou persoa física da finalización do servicio de apoio prestado; certificación da empresa solicitante da conformidade cos servicios recibidos; facturas acreditativas do custo total do dito servicio; así como un informe escrito da actuación de apoio desenvolvida e, para o caso de ter consistido na elaboración dun estudio de mercado ou similar, presentarase copia deste.

3. Seguimento da subvención financeira. O beneficiario da subvención acreditará, mediante facturas, escrituras públicas ou contratos, a realización na

súa totalidade do plan de investimentos previsto na concesión da subvención, presentando memoria anual explicativa ata a terminación do mencionado plan.

4. Seguimento da axuda para o inicio e posta en marcha da actividade: as empresas deberán enviar unha breve memoria do desenvolvemento da actividade ós doce, vintecatro meses, e trinta e seis meses desde a data da concesión da subvención para verifica-lo mantemento desta.

En todo caso, os beneficiarios das axudas reguladas neste capítulo terán que mante-la actividade un mínimo de tres anos, agás o cesamento por causas alleas á vontade do empresario, que deberá acreditarse fidedignamente.

Capítulo III

Proxectos piloto de acción rural

Artigo 12º.- Obxecto.

1. A finalidade deste programa é a concesión de axudas para apoiar e promove-los proxectos piloto de acción rural, entendéndose como tales aquelas actividades que, xerando emprego para mozos desempregados menores de 30 anos, promovan o maior aproveitamento dos recursos endóxenos da zona, ou a mellora das estructuras productivas xa existentes, perseguindo con iso o seu desenvolvemento económico e social.

2. As accións e medidas incluídas nos proxectos piloto deberán ter carácter innovador na zona na que se implante e consideraranse de especial interese aqueles que formulen obxectivos tales como a mellora das estructuras productivas e as rendas agrarias, a conservación e desenvolvemento do medio rural, así como a elevación da calidade de vida nas zonas rurais.

Artigo 13º.- Beneficiarios e requisitos.

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas, asociacións ou comunidades legalmente constituídas con veciñanza administrativa e domicilio social en Galicia, e das cales as actividades ou fins estatutariamente establecidos estean relacionados co mundo rural e co seu desenvolvemento económico e social.

2. Os proxectos poderanse levar a cabo en tres fases diferentes, tendo en conta que cada unha delas non poderá superar un exercicio orzamentario e será requisito imprescindible para solicita-la fase seguinte ter rematado na súa totalidade a anterior. Ademais, a segunda ou sucesivas fases do proxecto estarán suxeitas tanto ós resultados obtidos e á necesidade do seu mantemento, como á continuidade deste programa nos próximos exercicios orzamentarios.

Artigo 14º.- Axudas.

1. Estas axudas alcanzarán un máximo equivalente ó 50% do custo da medida que se vaia implantar,

e a súa concesión será compatible con calquera outra axuda establecida con cargo a outros programas elaborados por calquera Administración ou entidade pública, sen que a suma total das axudas percibidas para o seu desenvolvemento poidan supera-lo 100% do custo total do proxecto. Se é o caso, unha vez computadas o resto das axudas obtidas, reducirase a porcentaxe da axuda.

2. Non serán subvencionables os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo e todos aqueloutros gastos que poidan ser susceptibles de amortización contable.

3. A contía destas axudas fixarase segundo os seguintes criterios:

a) O interese da acción que se vaia executar desde o punto de vista do desenvolvemento económico da área beneficiada.

b) O carácter innovador e demostrativo do proxecto piloto, a súa coherencia, viabilidade e calidade técnica.

c) Os límites establecidos pola normativa da UE que fose de aplicación en cada caso.

d) Os postos de traballo xerados.

Artigo 15º.- Solicitudes e documentación.

A solicitude deberá cubrirse debidamente e ser presentada, no modelo oficial que figura como anexo da presente orde, e terá que ir xunto coa documentación xeral establecida no artigo 18º desta orde, e da específica seguinte:

a) Memoria descritiva do proxecto da actividade, na que se farán constar: localización, relación e contía dos gastos, características técnicas e económicas, número de postos de traballo que se crean inicialmente, así como os previstos á súa finalización, programa de financiamento previsto, orzamentos xerais do proxecto e previsión de prazo para a execución do proxecto; tense que especificar para qué gastos se solicita a subvención, debendo ter en conta que non se poden imputar gastos realizados con anterioridade á solicitude.

b) Relación de subvencións que se soliciten ou se obtivesen da Administración da UE, central, autonómica ou local, tanto para o proxecto que se vai realizar neste exercicio, ou de se-lo caso, para o xa realizado no exercicio anterior, de tratarse dunha segunda fase; ou, de se-lo caso, declaración expresa de non ter solicitado nin percibido ningunha.

Para o caso de que se conceda a subvención, o pagamento quedará condicionado á presentación da seguinte documentación:

a) Certificación da entidade promotora do inicio da actividade.

b) Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención.

c) Documentos acreditativos da contratación e/ou da alta no correspondente réxime da Seguridade Social, así como da situación de desemprego dos que ocupen os postos de traballo xerados inicialmente.

Artigo 16º.- Seguimento.

Os beneficiarios das axudas previstas neste capítulo deberán enviar unha breve memoria do desenvolvemento da actividade ós doce, vintecatro e trinta e seis meses, desde a data da concesión da subvención, para acredita-lo mantemento da actividade.

Capítulo IV

Procedemento

Artigo 17º.- Solicitudes.

1. As solicitudes de axudas e subvencións previstas nos distintos programas formalizaranse nos modelos oficiais que figuran como anexo desta orde, presentaranse por triplicado exemplar ante a correspondente delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes deberán xunto coa documentación correspondente, por triplicado exemplar, debendo ser un exemplar da cada documento orixinal ou fotocopia compulsada.

3. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 15 de setembro de 1998.

Artigo 18º.- Documentación xeral.

Cada solicitude deberá vir acompañada, ademais da específica que se esixe para cada programa e tipo de axuda, da seguinte documentación:

Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do número de identificación fiscal, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante que actúa en nome da entidade e NIF da empresa.

Para o caso de que a solicitude a presente o promotor do proxecto dunha entidade que aínda non estivera constituída, pero que vaia inicia-la súa actividade no ano 1998, o NIF da empresa poderase presentar na fase anterior ó pagamento.

Artigo 19º.- Instrucción e tramitación.

1. Se a solicitude non estivera debidamente cuberta ou non se xuntase a documentación esixida, as unidades tramitadoras do expediente requirirán o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende

a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, teráselle por desistido da súa petición, e esta arquivarase de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Unha vez completos os expedientes remitiranse á comisión de valoración, para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación perante o órgano competente para resolver.

3. Para os efectos do disposto no presente artigo, a comisión de valoración estará composta polo secretario da delegación, que a presidirá, e serán vocais o xefe do Servicio de Fomento do Emprego da delegación, que actuará como secretario, e un funcionario designado polo delegado provincial.

Artigo 20º.- Resolución.

1. A resolución das subvencións, unha vez informadas pola comisión de valoración e fiscalizadas as propostas polas correspondentes intervencións territoriais, corresponderalle ós respectivos delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións denegatorias deberán ser sempre motivadas.

2. Non obstante o sinalado no parágrafo anterior, a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá resolver sobre a concesión de subvencións para accións que se desenvolvan naqueles sectores productivos que polas súas características así o aconsellen.

3. O prazo para resolver será de tres meses, contados desde o día seguinte ó da presentación da solicitude. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimada.

4. As resolucións que se dicten neste procedemento poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 21º.- Criterios de valoración.

Para a concesión de axudas a proxectos pilotos de acción rural e ILES, teranse en conta aquelas accións que se implanten en zonas menos favorecidas e con maior índice de desemprego, así como as promovidas por mulleres desempregadas, e daráselles especial preferencia a aqueles proxectos e iniciativas que xeren un maior número de empregos estables para desempregados.

Artigo 22º.- Xustificación do pagamento.

1. Con carácter xeral, e precedendo o pagamento da subvención concedida, o beneficiario terá que acreditar que está ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non ten pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma; e xuntar ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta.

2. Ademais, deberán presentar aquela documentación que se especifica nos artigos 9º e 15º desta orde, e a que se relaciona de forma expresa na resolución concesoria e no prazo concedido para o efecto.

Artigo 23º.- Publicidade.

Nas accións que leven a cabo os proxectos pilotos de acción rural, así como nas iniciativas locais de emprego beneficiarias da subvención prevista no artigo 8º da presente orde, deberá figurar no lugar onde se realicen estas, de forma visible, cartel publicitario, de acordo co modelo proporcionado pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego, no que se indique que esa acción se atopa cofinanciada pola Xunta de Galicia, Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e o Fondo Social Europeo, ámbalas dúas denominacións cos seus respectivos anagramas.

Artigo 24º.- Comprobación da aplicación da subvencións.

As delegacións provinciais poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan na resolución concesoria.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, o Fondo Social Europeo, a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo no Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde, así como a duplicación da axuda polo mesmo concepto

con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local ou da Unión Europea, constituirán causa determinante da revogación da axuda e do reintegro, total ou parcial, desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto co xuro de demora, de acordo co establecido no artigo 78.6º da Lei 11/1992.

Terceira.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Cuarta.-A concesión das subvencións reguladas na presente orde terán como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais, da Comunidade Autónoma para 1998, para o fin que persiguen e os compromisos que se reflicten no marco comunitario de apoio provenientes do Fondo Social Europeo, para o caso de tratarse de accións cofinanciadas.

Quinta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe a delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro funcionario do mesmo servicio có substituído.

Sexta.-As solicitudes de axudas de ILES formuladas ó amparo da orde ministerial do 12 de abril de 1994 (BOE do 4-5-1994) no ano 97 e no 98 con anterioridade á entrada en vigor desta orde, que non puideran ser atendidas por falta de dispoñibilidades orzamentarias e reuniran os requisitos establecidos nela, poderán ser atendidas actualmente tendo en conta a incidencia social e económica do solicitante.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

3809