Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Xoves, 30 de abril de 1998 Páx. 4.534

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 20 de abril de 1998 pola que se regulan axudas e subvencións para a creación de empresas e a integración laboral da muller como estímulo a mulleres emprendedoras de Galicia (programa Emega).

O Decreto 488/1998, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, determina no artigo 1 que a dita consellería é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de familia, menores, muller, xuventude, formación ocupacional e promoción do emprego, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía e nos termos sinalados na Constitución española.

O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, creado por Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, correspóndelle, entre outras funcións, a de elaborar plans de actuación, programas piloto e plans-ponte para fomenta-lo emprego e facilita-la formación profesional das mulleres (artigo 3.8º).

Por outra banda, nos distintos plans de igualdade de oportunidades vixentes, dedícase unha área específica á formación e ó emprego e dentro dela, un dos obxectivos prioritarios é o fomento do acceso das mulleres o emprego e á creación de empresas.

Se ben é certo que a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude vén promulgando anualmente unha serie de ordes dirigidas á promoción do emprego, resulta conveniente elaborar unha orde específica que permita incorpora-la muller ó mercado laboral en igualdade de condicións có home e que, ó mesmo tempo, contribúa a supera-la situación de illamento e marxinación en que moitas veces se atopan as ditas mulleres.

Esta orde pretende fixa-lo concepto de muller emprendedora, estimulándoa mediante a concesión dunha serie de axudas económicas para que se estableza como empresaria e deste xeito acade a súa propia integración laboral e contribúa á creación de postos de traballo.

As iniciativas empresariais que ó abeiro desta orde poidan promove-las mulleres baixo fórmulas de asociación en cooperativas, sociedades anónimas laborais e autoemprego como traballadoras autónomas ou mediante a constitución de calquera tipo de sociedades normativamente prevista, son medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos e corrección de desequilibrios rexionais que sirvan para reduci-la taxa de paro feminino que certamente segue sendo máis elevada cá do home.

As accións incluídas nesta orde financiaranse con cargo á consignación orzamentaria 14.50.212A.470.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas, e para a súa debida aplicación nos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISP0ÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

0 obxecto da presente orde de convocatoria, que se rexerá polo disposto na Lei 11/1992 de réxime financeiro e presupostario e no Decreto 258/1990, do 27 de abril, e conceder axudas e subvencións para o establecemento da muller como empresaria, no exercicio actual, como medio axeitado para a súa integración laboral, baixo calquera forma de sociedade, cooperativa, o establecemento como traballadora autónoma, con domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres individualmente consideradas que se atopen en situación de desemprego e as que atopándose na dita situación se unan ou asocien, e creen os postos de traballo de, alomenos, dúas delas, que deberán estar cubertos por un período mínimo de tres anos.

Artigo 3º.-Axudas.

1. As axudas consistirán nunha subvención a fondo perdido que como máximo será de tres (3.000.000) millóns de pesetas. Esta subvención non poderá supera-lo 50% do orzamento total do proxecto, e a súa concesión será compatible con calquera outra axuda establecida con cargo a outros programas elaborados polas administracións públicas, sen que a suma total das axudas percibidas para o desenvolvemento do presente programa poidan exceder do 100% do custo total do proxecto, tendo en conta o establecido no artigo 4º da presente orde, e non procederá este tipo de subvención cando se percibira con anterioridade este tipo de axuda.

2. Con carácter xeral a axuda irá destinada a sufraga-los gastos derivados da posta en marcha da actividade e do funcionamento da empresa durante o ano 1998, quedando excluídos das axudas, os que se deriven das obrigas tributarias, taxas por autorizacións administrativas, stock, construcción de edificios, leasing e todos aqueles, que poidan ser considerados como investimentos en capital fixo.

Non obstante, algún destes gastos, ou outros, poderán acollerse ás medidas do Instituto Galego de Promoción Económica ou outros organismos públicos de acordo coa súa normativa específica.

Artigo 4º.-Criterios de valoración.

Unha vez determinada a viabilidade do proxecto, con base en criterios técnico-económicos, a concesión e contía da axuda fixarase seguindo preferentemente os criterios seguintes:

a) A existencia de compromiso de contratación de mulleres desempregadas por un período mínimo de tres anos.

b) O interese da acción que se vai executar desde o punto de vista do desenvolvemento económico da área beneficiada, para os efectos da cal se terán en conta aquelas empresas que se implanten en zonas menos favorecidas e con maior índice de desemprego na actividade que se pretenda desenvolver, tanto no ámbito urbano como no rural.

c) O carácter innovador do proxecto e a incorporación de tecnoloxía avanzada.

d) O número de postos de traballo que se vaian crear, na súa totalidade e con consideración especial para aqueles que vaian ser desempeñados por mulleres.

e) Que as mulleres que se vaian contratar sexan paradas de longa duración.

f) A achega de carácter privado que vaia efectua-lo promotor do proxecto, que como mínimo ha de ser por unha contía igual ó importe da axuda solicitada ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

g) A utilización de materias primas autóctonas.

h) Adaptación e mellora medioambiental.

i) Localización dos proxectos de nova instalación en parques empresariais.

Artigo 5º.-Solicitudes.

A solicitude deberá presentarse por triplicado exemplar, acompañada da documentación seguinte:

a) Acreditación da personalidade e representación, se é o caso, da solicitante.

b) Acreditación por calquera dos medios establecidos da situación de desemprego da/das solicitantes.

c) Compromiso expreso de contratación de alomenos unha muller en situación de desemprego, ou se é o caso, compromiso de creación de emprego das solicitantes de acordo co establecido no artigo 2º.

d) Memoria descritiva do proxecto da actividade, segundo o anexo II da presente orde que permita a valoración da súa viabilidade.

e) Relación das subvencións que se solicitaran ou obtiveran das administracións públicas.

f) Certificado bancario de existencia de conta.

g) Declaración expresa de aceptación das actuacións de comprobación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo 6º.-Obrigas.

As solicitantes, no caso de obte-la subvención prevista, quedarán obrigadas a inicia-la actividade antes do 31 de xaneiro de 1999 e a comunicar calquera variación que se produza na posta en marcha da empresa. Para estes efectos entenderase como inicio da actividade a realización das actuacións propias da empresa de que se trate fronte o público en xeral.

Así mesmo, quedará obrigada a face-lo investimento previsto para a creación da empresa, tendo que devolve-lo importe da subvención ou axuda no suposto de

que o dito investimento non fose realmente efectuado, ou non tivera unha permanencia na actividade mínima de tres anos, salvo cesamento por causa allea á súa vontade, o que deberá acreditar fidedignamente. Durante este tempo deberá permanecer exposto o cartel ó que se refire o artigo 13º.

Artigo 7º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes cubertas no modelo normalizado que figura como anexo I da presente orde, poderanse presentar no rexistro xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ou nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que as remitirán ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller o día seguinte ó da súa presentación, ou na forma prevista no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto coa documentación sinalada no artigo 5º.

Artigo 8º.-Prazo.

1. 0 prazo de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro.

2. No suposto de que as solicitudes non cumpran os requisitos sinalados na presente orde ou a documentación sexa insuficiente ou conteña erros, procederase na forma prevista no artigo 10.2º do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Artigo 9º.-Procedemento.

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrucción dos expedientes será o establecido nos artigos 9 e seguintes do Decreto 52/1994, do 4 de marzo, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

2. Unha vez realizados os trámites sinalados nos parágrafos 1º e 2º do artigo 10 do mencionado decreto, os expedientes remitiranse á Comisión de Valoración para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ó órgano competente para resolver.

3. Para o disposto no parágrafo anterior a Comisión de Valoración estará composta pola secretaria xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, que a presidirá, e serán vocais o xefe de servicio de Cooperación de Estudios e Programas e o xefe de Servicio de Xestión Económica, que actuará como secretario.

4. A Comisión de Valoración á hora de barema-las solicitudes, terá en conta os criterios fixados no artigo 4º desta orde.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A resolución de subvencións, unha vez emitido informe pola Comisión de Valoración e fiscalizada a proposta pola Intervención Delegada, corresponde á directora do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte ó remate do prazo para a presentación de solicitudes, sen prexuízo de que, con anterioridade a dita data,

se dicten resolucións sobre os expedientes presentados. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, esta entenderase desestimada.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e con carácter excepcional, poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido cando non fose posible efectualas dentro del, por existir fondos provenientes de recursos de subvencións inicialmente concedidas.

Artigo 11º.-Pagamento.

As/a beneficiarias/a deberán presentar por triplicado, unha vez comprobado o inicio da actividade polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, certificación de que as solicitantes se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, así como certificación acreditativa do cumprimento total do orzamento previsto no proxecto e documentación xustificativa da execución dos gastos para os que se concedeu a subvención, xunto coa relación de facturas do resto dos gastos do proxecto. Para estes efectos, necesariamente remitiranse ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, acreditación da alta fiscal da empresa no imposto de actividades económicas, inscrición da empresa no sistema da Seguridade Social. No suposto de que a empresaria fose persoa física, acreditación da alta no réxime especial de traballadores autónomos ou

mutualidades profesionais, e alta das traballadoras da empresa na Seguridade Social, o que se xustificará coa relación nominal de traballadores cotizantes (T.C.2).

A xustificación deberá referirse a gastos efectuados ata o 31 de decembro de 1998 e necesariamente presentarase antes do 28 de xaneiro de 1999.

Artigo 12º.-Publicidade.

Nas accións que se leven a cabo deberá figurar, no lugar onde se realicen e de forma visible, un cartel publicitario no que se indique que a acción está cofinanciada pola Xunta de Galicia, Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e Fondo Social Europeo, cos seus respectivos anagramas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, o Fondo Social Europeo, a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda

ou o seu uso fraudulento constituirán causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 78.6º da Lei 11/1992.

Terceira.-0 Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nesta orde.

Cuarta.-A concesión da subvención regulada nesta orde terá como límite global o crédito consignado nos orzamentos xerais para 1998 da Comunidade Autónoma para a fin que se persegue e os compromisos que se reflicten no Marco Comunitario de Apoio provenientes do Fondo Social Europeo.

Quinta.-O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá asinar convenios de colaboración con entidades públicas ou privadas para desenvolve-las accións de avaliación da viabilidade dos proxectos presentados ó amparo do programa Emega, así como o seguimento dos proxectos seleccionados.

Sexta.-Se por calquera causa, no momento no que a Comisión de Valoración teña que examina-las solicitudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo/a funcionario/a que para o efecto designe a directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, e sempre que sexa posible o nomeamento deberá recaer noutro funcionario/a do mesmo servicio co substituído.

Sétima.-Nas solicitudes que se presenten ó abeiro da presente orde, indicarase expresamente se se solicitaron ou se van solicita-las axudas dos programas de autoemprego individual ou colectivo da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

De se-lo caso, a documentación coincidente de ámbolos dous programas só será preciso presentala coa solicitude do programa de autoemprego.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller para que dicte, no ámbito das súas competencias, resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

3806