Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Xoves, 30 de abril de 1998 Páx. 4.531

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 27 de abril de 1998 pola que se regulan as iniciativas locais de emprego, e o procedemento para a súa cualificación e inscrición rexistral.

Polo Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, foi transferida á Comunidade Autónoma de Galicia a xestión realizada polo INEM no ámbito do traballo, emprego e formación, transferencia que foi efectivamente asumida e asignada á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en virtude do Decreto 289/1997, do 9 de outubro, en relación co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica.

Na súa consecuencia, e dentro do ámbito funcional que vai desenvolve-la Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle a cualificación e inscrición das iniciativas locais de emprego que se proxecten en Galicia.

Dentro da política de promoción da cultura emprendedora, cómpre impulsar aqueles proxectos empresariais que, contando coa participación dunha Administración local de carácter territorial, xeren emprego estable e contribúan ó desenvolvemento da zona ou comarca, e, como tales, merezan a consideración de iniciativas locais de emprego, o que esixe a súa previa cualificación e correspondente inscrición rexistral.

A diferencia da normativa estatal que regula nunha única norma, a orde ministerial do 12 de abril de 1994, o procedemento de cualificación e o marco de axudas dirixido ás iniciativas locais de emprego, para unha mellor adaptación e adecuación ás normas de funcionamento desta Administración autonómica, optouse por regular ambos aspectos por separado, para os efectos de dotala dunha maior axilidade, flexibilidade, continuidade e seguridade xurídica.

Neste contexto, a presente orde ten por obxecto establece-los requisitos e regula-lo procedemento de cualificación e inscrición de iniciativas locais de emprego no ámbito de Galicia.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Concepto e requisitos

Artigo 1º.-Concepto.

Terán a consideración de iniciativas locais de emprego os proxectos empresariais innovadores, xeradores de emprego, que utilicen recursos locais ociosos ou infrautilizados, debidamente cualificadas e inscritas no rexistro administrativo habilitado para o efecto nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 2º.-Requisitos.

Os referidos proxectos empresariais, para que poidan ser cualificados como iniciativas locais de emprego deberán cumprir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Proxectos empresariais, que reúnan condicións de viabilidade técnica, económica e financeira e xeren postos de traballo estables.

b) Proxectos que estean promovidos, participados ou cofinanciados por administracións locais de carácter territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e vaian te-la sede social e fiscal no seu respectivo territorio.

c) Proxectos nos que o cadro de persoal previsto, ó constituírse en empresa, non sexa superior a vintecinco traballadores.

d) Proxectos que non procedan do cambio de forma xurídica de empresas preexistentes, nin estean participadas en máis dunha terceira parte do seu capital por empresas cun cadro de persoal superior a vintecinco traballadores.

Artigo 3º.-Axudas e subvencións.

Os promotores ou empresas resultantes dos ditos proxectos, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, sempre que se constitúan nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como iniciativa local de emprego, poderán beneficiarse das liñas de axudas e subvencións que estableza a Xunta de Galicia para a promoción e estímulo destas iniciativas xeradoras de emprego estable, de acordo cos requisitos e condicións que se fixen para os distintos tipos de axuda nas correspondentes ordes de convocatoria.

Con carácter xeral, e agás que as ordes de convocatoria de axudas dispoñan outra cousa, as solicitudes de axudas e subvencións terán que presentarse antes de que transcorra un ano desde a súa constitución.

Capítulo II

Procedemento de cualificación como iniciativa local de emprego

Artigo 4º.-Solicitude de cualificación.

1. O promotor do proxecto empresarial deberá presenta-la solicitude de cualificación como iniciativa local de emprego ante a correspondente delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no modelo oficial que figura como anexo I desta orde.

2. A dita solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Certificación da Administración pública colaboradora, acreditativa da participación, cofinanciamento ou promoción do proxecto.

b) Memoria explicativa da viabilidade do proxecto empresarial, detallando os aspectos técnicos de producción e comercialización, así como o plan de

investimentos a realizar, con expresión detallada das fontes de financiamento.

Artigo 5º.-Instrucción e tramitación.

1. Se a solicitude non estivera debidamente cuberta ou non se xunta a documentación sinalada no artigo anterior, requirirase o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, arquivándose esta de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Cando se estime necesario poderase solicitar do interesado documentación relativa a calquera dos datos consignados na memoria presentada, concedéndolle un prazo de dez días para a súa presentación.

Artigo 6º.-Resolución e recurso administrativo.

1. A competencia para coñecer e resolver sobre as solicitudes de cualificación de proxectos empresariais como iniciativas locais de emprego, correspóndelle ó delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, competente por razón do territorio, en atención ó domicilio social da empresa que se pretende constituír.

2. O prazo para resolver será de dous meses, contados desde a entrada da solicitude no rexistro da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, poderase entender estimada a solicitude de cualificación.

3. Contra as resolucións dictadas neste procedemento poderase interpoñer recurso administrativo ordinario no prazo dun mes, desde a súa notificación, ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 7º.-Rexistro Administrativo de Iniciativas Locais de Emprego.

1. En cada unha das delegación provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levarase un rexistro administrativo de iniciativas locais de emprego, no que se inscribirán os proxectos empresariais cualificados como iniciativas locais de emprego.

2. A inscrición no rexistro administrativo farase de oficio pola delegación provincial e practicarase na mesma data en que se cualifique o proxecto empresarial como iniciativa local de emprego, facéndose constar, entre outros, os seguintes datos:

-Número de rexistro que se lle asigna, e data de cualificación como ILE.

-Datos de identificación do proxecto, con indicación do nome ou razón social, domicilio social e localidade de situación.

-Administración local que participa no proxecto, con expresión da forma de participación.

-Nome ou razón social dos promotores do proxecto.

-Breve descrición do proxecto, con indicación do número de postos de traballo previstos e da actividade económica.

3. As inscricións numeraranse correlativamente, e constarán de sete díxitos correspondendo os dous primeiros ó número de identificación provincial, os tres seguintes expresarán a orde secuencial comezando polo número 1, e os dous últimos indicarán o ano no que se cualifica e inscribe o proxecto empresarial como ILE.

4. Na resolución pola que se cualifique o proxecto empresarial como iniciativa local de emprego deberá constar expresamente o número de inscrición.

5. As delegacións provinciais deberán comunicar á Dirección Xeral de Fomento do Emprego as inscricións realizadas.

Disposición transitoria

Única.-Nos rexistros administrativos de iniciativas locais de emprego previstos no artigo 7º da presente orde, practicaranse as inscricións referentes ós proxectos empresariais cualificados como iniciativas locais de emprego, desde o 1 de xaneiro de 1998, polas correspondentes delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Ós ditos rexistros anexionaranse como antecedente, conservando para os seus efectos, os habilitados para o dito fin nas correspondentes direccións provinciais do Instituto Nacional de Emprego ata o 31-12-1997.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

3891