Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Xoves, 30 de abril de 1998 Páx. 4.527

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 27 de abril de 1998 pola que se regula o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibirán a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único.

Polo Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, foi transferida á Comunidade Autónoma de Galicia a xestión realizada polo Inem no ámbito do traballo, emprego e formación, transferencia que foi efectivamente asumida e asignada á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en virtude do Decreto 289/1997, do 9 de outubro, en relación co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica.

En consecuencia, e dentro do ámbito funcional de Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle a regulación específica, xestión e control do aboamento de cotas á Seguridade Social ós traballadores que percibiron a prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único, antes xestionado polo Inem e regulado nos seus aspectos procedementais pola orde ministerial do 13 de abril de 1994.

O Real decreto 1044/1985, do 19 de xuño, modificado pola Lei 22/1992, do 30 de xullo, regula o aboamento da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único, como medida de fomento de emprego, coa finalidade de facilita-la reincorporación ó mercado de traballo dos parados con dereito á prestación de desemprego do nivel contributivo, que pretendan desenvolve-la súa actividade profesional como socios dunha cooperativa de traballo asociado ou dunha sociedade laboral. Polo seu encadramento no réxime económico da Seguridade Social, o recoñecemento e aboamento da prestación de pagamento único é competencia da Administración central; non obstante, polo seu carácter de política activa de emprego, prevese a intervención da Administración autonómica na súa xestión e tramitación, nos termos previstos no convenio subscrito entre o Instituto Nacional de Emprego e a Comunidade Autónoma de Galicia para a coordinación entre a xestión do emprego e a xestión das prestacións de desemprego.

Así mesmo, en virtude do disposto no artigo 4 do Real decreto 1044/1985, do 19 de xuño, ós perceptores da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único correspóndelles unha axuda consistente no aboamento das cotas á Seguridade Social durante o período polo que percibirán a prestación de desemprego. A súa xestión entra dentro do ámbito competencial da Administración

autonómica. En consecuencia, esta orde ten por obxecto regula-lo procedemento de aboamento das ditas cotas, co fin de contar con normativa autonómica adecuada e adaptada ás normas de procedemento, organización e xestión desta Comunidade Autónoma.

A presente orde axústase ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998. O aboamento de cotas á Seguridade Social dos perceptores da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.243C.482.0

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

O obxecto da presente orde é regula-lo procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibiran a prestación por desemprego, na súa modalidade de pagamento único e que se constituíran en socios traballadores dunha cooperativa de traballo asociado ou sociedade laboral, e sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter percibida a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único.

b) Terse constituído como socio dunha cooperativa de traballo asociado ou sociedade laboral en Galicia.

c) Ter iniciada a actividade dentro do mes seguinte á percepción da prestación de pagamento único ou que se encontre en fase de iniciación.

d) Estar dado de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Artigo 2º.-Axuda.

Esta axuda consistirá no aboamento do 50 por 100 da cota ó réxime correspondente á Seguridade Social como traballador autónomo, calculada sobre a base mínima de cotización ou o 100 por 100 da contribución do traballador nas cotizacións ó correspondente réxime da Seguridade Social, durante o período polo que se percibira a prestación por desemprego de non percibirse na súa modalidade de pagamento único, computándose, para efectos desta axuda, a partir da data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Artigo 3º.-Prazo.

1. As solicitudes de aboamento de cotas reguladas na presente orde non están suxeitas ó exercicio económico anual, e presentaranse a medida que o beneficiario vaia realizando o ingreso das súas cotas men

suais ó réxime da Seguridade Social correspondente.

2. O prazo para a presentación dos correspondentes boletíns de cotización expirará unha vez transcorridos seis meses contados a partir do mes obxecto de aboamento.

A axuda aboarase con carácter trimestral.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. A solicitude presentarase, por triplicado exemplar, no modelo que figura como anexo á presente orde, na oficina de emprego ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e dirixiranse á Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, competente por razón do territorio onde se desenvolva a actividade.

2. Cada solicitude deberá ir xunto, tamén por triplicado exemplar sendo un deles orixinal ou fotocopia compulsada, cos seguintes documentos:

a) Boletíns de cotización mensual correspondentes ó trimestre polo que se solicita o aboamento das cotas.

b) Cando se trate da primeira solicitude, ficha de transferencia bancaria e certificado da entidade bancaria acreditativo de que o solicitante é titular da conta corrente que indica.

c) DNI ou NIF do solicitante.

3. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á delegación provincial, para que o servicio competente comprobe se a solicitude ou a documentación presentada reúne os requisitos esixidos nos artigos anteriores, e no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, daráselle por desistido da súa petición, arquivándose o expediente.

Artigo 5.- Resolución.

1. A resolución destas solicitudes correspóndelles ós respectivos delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, por razón do lugar onde se realice a

actividade, e notificaráselles ós interesados. As resolucións denegatorias serán sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será como máximo de seis meses desde a presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se dicte resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda.

3. A delegación provincial acumulará con carácter periódico os expedientes completos referidos a un trimestre de cotización, dictando unha única resolución, na que consten os datos básicos correspondentes a tódolos beneficiarios.

4. As resolucións que se dicten neste procedemento poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda polo mesmo concepto con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local ou da Unión Europea, constituirán causa determinante de revogación da axuda ou do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 78.6º da Lei 11/1992.

Segunda. As delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderán requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nesta orde.

Terceira. A concesión das axudas reguladas na presente orde terán como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998, para o fin que perseguen.

Disposicións derradeiras

Primeira. Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda. A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, a 27 de abril de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

3808