Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Mércores, 22 de abril de 1998 Páx. 4.140

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de marzo de 1998 pola que se convocan cursos de especialización para mestres en servicio activo na Comunidade Autónoma de Galicia.

As novas esixencias de especialistas derivadas da implantación da etapa de educación primaria, unido ó descenso das necesidades en áreas ata o de agora presentes na educación xeral básica, fan necesaria a organización de cursos de especialización en áreas recollidas na educación primaria e, neste momento, deficitarias en número de profesores especialistas, facendo posible que, de xeito gradual, mestres ós que se lles suprimiu o seu posto de traballo ou que, debido á especialidade que posúen, ven alongado substancialmente o seu período de provisionalidade, poidan obter unha das especialidades que o sistema educativo require na actualidade.

En consecuencia co anterior, é necesario suscribir novos convenios coas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para organizar cursos de especialización, correspondéndolle a súa dirección e desenvolvemento a cada universidade.

Cómpre, polo tanto, artella-la oportuna convocatoria que permita selecciona-los mestres interesados en participar nestes cursos. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Primeiro.-Convocar cursos de especialización en educación musical, en educación física e en audición e linguaxe, que terán lugar nas cidades e nas datas que se especifican no anexo I desta orde de convocatoria.

Segundo.-Os funcionarios de carreira pertencentes ó corpo de mestres que estean en servicio activo na Comunidade Autónoma de Galicia poderán solicita-la realización de calquera das especialidades convocadas, indicando a súa orde de preferencia por cada unha delas, así como pola localidade de celebración, na folla de solicitude do anexo II.

Se os participantes nesta orde de convocatoria o fan tamén na Orde do 31 de marzo de 1998 pola que se convoca un curso de especialización en educación infantil, na modalidade a distancia, para mestres en servicio activo na Comunidade Autónoma de Galicia, deberán así mesmo indicar na folla de solicitude a cál das dúas convocatorias renuncia no caso de ser seleccionado en ambas.

Terceiro.-Os cursos desenvolveranse de acordo coa estructura e características que marca a Orde do 11 de xaneiro de 1996 (BOE do 23) pola que se homologan cursos de especialización para o profesorado de educación infantil, de educación primaria, de educación especial e do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria, que se establecen no anexo I da presente orde.

Cuarto.-A matrícula será gratuíta para os funcionarios do corpo de mestres seleccionados ó abeiro desta orde.

Quinto.-A solicitude dirixirase ó director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional e, xunto coa documentación expresada a seguir, deberá presentarse no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a través do rexistro xeral da Con

sellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo imprescindible que na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente. Se, en uso deste dereito, o expediente é remitido por correo, é necesario que se presente en sobre aberto para que sexa datado e selado polo funcionario de correos antes de que se proceda á súa certificación.

Xuntaráselle á solicitude:

-Documentos acreditativos, orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas, dos méritos alegados dos recollidos no baremo que figura no anexo III.

-Folla de servicios, debidamente cuberta, pechada na data de publicación desta convocatoria.

-Fotocopia compulsada da credencial de estar suprimido, se é o caso.

-Declaración xurada das especialidades que posúe.

-Relación numerada e asinada da documentación presentada, seguindo a orde que aparece no indicado anexo III.

Sexto.-A selección dos solicitantes será realizada por unha comisión que presidirá o subdirector xeral de Ordenación Educativa ou persoa en quen delegue e da que formarán parte:

-Dous membros da inspección educativa.

-O xefe do servicio de Formación do Profesorado.

-O/a director/a de cada un dos cursos.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario, con voz e sen voto.

Poderán asistir ás sesións da comisión, con voz e sen voto, un representante de cada unha das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

A comisión poderá dispoñe-la constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos nos apartados 1, 2 e 3 do baremo do anexo III. Ás reunións desta subcomisión poderán asistir representantes das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio, esta comisión considérase incluída na categoría primeira.

Sétimo.-A selección dos aspirantes farase de acordo cos seguintes criterios:

1. En primeiro lugar o profesorado ó que se lle suprimiu o seu posto de traballo e non conte con novo destino definitivo, que non estea habilitado para imparti-las especialidades da LOXSE, agás a especialidade de francés.

2. En segundo lugar o profesorado con destino provisional ou definitivo que non estea habilitado para

imparti-las especialidades da LOXSE, agás a especialidade de francés.

Oitavo.-Resérvase un 70 por 100 das prazas de cada curso para o profesorado incluído no apartado 1 do punto sétimo, un 20 por 100 para o profesorado con destino provisional e un 10 por 100 para o que ten destino definitivo, dos incluídos no apartado 2 do punto sétimo.

No suposto de quedaren prazas vacantes dalgún dos colectivos mencionados, acumularanse ás reservadas a outro grupo, pola orde establecida no punto sétimo.

Noveno.-A valoración dos méritos dos solicitantes seleccionados en aplicación dos criterios prioritarios sinalados no apartado anterior realizarase de acordo co baremo que figura no anexo III.

Naqueles cursos nos que haxa proba, os solicitantes serán chamados á súa realización pola orde de puntuación acadada no baremo, segundo se especifica no anexo IV, e obrigatoriamente terán que obter un mínimo de dous puntos para poderen resultar preseleccionados finalmente para a realización do curso.

No caso de se produciren empates no total das puntuacións, estes resolveranse, atendendo sucesivamente á maior puntuación en cada un dos apartados do baremo, pola orde na que aparecen nel. A continuación desempatará o número de rexistro persoal máis baixo (cando proceda) e se, é o caso, ano de oposición e número de lista.

Décimo.-Finalizada a selección, a comisión elevaralla ó director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, para a súa resolución provisional, que exporá nos taboleiros da consellería e das delegacións provinciais, con expresión da puntuación obtida polos solicitantes preseleccionados.

Para efectos de cubrir posibles baixas, incluirase como reserva un número máximo de 10 persoas.

Décimo primeiro.-Dentro dos sete días naturais seguintes á exposición da resolución provisional da selección á que se refire o punto anterior, os solicitantes poderán presentar ante a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional as reclamacións oportunas.

No mesmo prazo os solicitantes que resulten preseleccionados, así como os reservas deberán presentar na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación que en cada caso se solicite nesa resolución provisional.

Transcorrido o prazo de reclamacións, e dentro dos cinco días naturais seguintes, a comisión resolverá as reclamacións, comprobará a documentación achegada polos solicitantes preseleccionados e os reservas e proporá ó director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional a selección definitiva, que será publicada no taboleiro de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das delegacións provinciais.

Esta resolución definitiva esgotará a vía administrativa, polo que contra ela só procede recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a publicación do acto impugnado, e logo da comunicación previa da súa interposición perante o órgano que o dictou.

Décimo segundo.-As baixas que por calquera causa se produzan entre os seleccionados antes de empeza-lo curso cubriranse cos aspirantes que figuran como reservas, por orde de puntuación.

Décimo terceiro.-Os mestres participantes nun curso están obrigados a asistir e realizar tódalas actividades programadas del. O incumprimento de máis do 10% do horario, en cada unha das fases, dará lugar á exclusión do curso, logo de informe do director deste, oído o interesado e coa conformidade do director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Décimo cuarto.-A cualificación global será apto ou non apto. Ós declarados non aptos faráselles sabe-la data e condicións para a realización dunha nova proba con carácter extraordinario.

Décimo quinto.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia a relación de persoas que superen os cursos con avaliación positiva. Con posterioridade estas persoas poderán solicitar, ante o delegado provincial correspondente, a oportuna habilitación.

Décimo sexto.-As persoas participantes no curso comprométense a imparti-las ensinanzas obxecto de especialización ó longo dos 5 anos seguintes á obtención da especialidade, no seu propio centro, ou noutro centro no que puidesen acada-lo devandito posto en concurso de traslados ou, de non darse ningún dos supostos anteriores, nos centros ós que a Administración educativa os destine en comisión de servicios dentro da zona do seu centro de destino.

Décimo sétimo.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para dicta-las normas que considere oportunas para o desenvolvemento e interpretación da presente orde.

Décimo oitavo.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

CURSO DE ESPECIALIZACIÓN EN EDUCACIÓN MUSICAL

Celebraranse dous cursos:

-Un na Coruña, sendo a responsable da súa organización a Universidade da Coruña.

-E outro en Lugo, sendo a responsable da súa organización a Universidade de Santiago de Compostela.

Número de participantes: 40 por curso

Datas de celebración: maio, xuño, setembro e outubro de 1998, en sesións de mañá e tarde.

I. O curso terá dúas partes: teórico-práctica e práctica.

Fase teórico-práctica:

1. Linguaxe musical (40 horas).

2. Formación vocal e auditiva (40 horas).

3. Formación instrumental (80 horas).

4. Formación rítmica e danza (40 horas).

5. Agrupacións musicais (80 horas).

6. Música e cultura (40 horas).

7. Didáctica da expresión musical (80 horas).

8. O currículo da Educación Musical en Educación Primaria (40 horas).

En total, esta fase teórico-práctica será de 440 horas.

Fase práctica: realizarase nos centros de destino, durante os meses de novembro e decembro de 1998 e xaneiro de 1999.

Para acceder a esta fase é necesario supera-la fase teórico-práctica.

II. Avaliación.

Cada un dos módulos que integran os contidos da fase teórico-práctica será avaliado independentemente. A superación desta fase implicará ter aprobadas as avaliacións correspondentes a cada un destes módulos.

A fase práctica superarase globalmente. Ó longo dela deberanse presenta-los traballos que se indiquen ó comezo. A avaliación terá en conta o informe do director ou directora do curso e unha memoria final que terá que ser entregada por cada alumno e avaliada polos responsables do curso.

CURSO DE ESPECIALIZACIÓN EN EDUCACIÓN FÍSICA

Celebraranse dous cursos:

-Un en Santiago de Compostela, sendo a responsable da súa organización a Universidade de Santiago de Compostela.

-E outro en Pontevedra, sendo a responsable da súa organización a Universidade de Vigo.

Número de participantes: 40 por curso.

Datas de celebración: maio, xuño, setembro e outubro de 1998, en sesións de mañá e tarde.

I. O curso terá dúas partes: teórico-práctica e práctica.

Fase teórico-práctica:

1. Aprendizaxe e desenvolvemento motor (60 horas).

2. Bases biolóxicas e fisiolóxicas do movemento (60 horas).

3. Teoría e práctica do acondicionamento físico (60 horas).

4. Bases teóricas da Educación Física (60 horas).

5. Didáctica da Educación Física (120 horas).

6. O currículo da área na Educación Primaria (40 horas).

En total esta fase teórico-práctica será de 400 horas.

Fase práctica: realizarase nos centros de destino, durante os meses de novembro e decembro de 1998 e xaneiro de 1999.

Para acceder a esta fase é necesario supera-la fase teórico-práctica.

II. Avaliación

Cada un dos módulos que integran os contidos da fase teórico-práctica será avaliado independentemente. A superación desta fase implicará ter aprobadas as avaliacións correspondentes a cada un destes módulos.

A fase práctica superarase globalmente. Ó longo dela deberanse presenta-los traballos que se indiquen ó comezo. A avaliación farase tendo en conta o informe do director ou directora e unha memoria final que terá que ser entregada por cada alumno e avaliada polos responsables do curso.

CURSO DE ESPECIALIZACIÓN EN AUDICIÓN E LINGUAXE

Celebraranse dous cursos:

-Un na Coruña, sendo a responsable da súa organización a Universidade da Coruña.

-E outro en Ourense, sendo a responsable da súa organización a Universidade de Vigo.

Número de participantes: 40 por curso.

Datas de celebración: maio, xuño, setembro e outubro de 1998, en sesións de mañá e tarde.

I. O curso terá dúas partes: teórico-práctica e práctica.

Fase teórico-práctica:

1. Anatomía, fisioloxía e neuroloxía da linguaxe (40 horas).

2. Aspectos evolutivos do pensamento e a linguaxe (40 horas).

3. Desenvolvemento de habilidades lingüísticas (40 horas).

4. Patoloxía da audición e a linguaxe (80 horas).

5. Tratamento educativo dos trastornos da audición e a linguaxe oral e escrita (160 horas).

6. Sistemas alternativos de comunicación (40 horas).

En total esta fase teórico-práctica será de 400 horas.

Fase práctica: realizarase nos centros de destino, durante os meses de novembro e decembro de 1998 e xaneiro de 1999.

Para acceder a esta fase é necesario supera-la fase teórico-práctica.

II. Avaliación.

Cada un dos módulos que integran os contidos da fase teórico-práctica será avaliado independentemente. A superación desta fase implicará ter aprobadas as avaliacións correspondentes a cada un destes módulos.

A fase práctica superarase globalmente. Ó longo dela deberanse presentar-los traballos que se indiquen ó comezo. A avaliación farase tendo en conta o informe do director ou directora e unha memoria final que terá que ser entregada por cada alumno e avaliadas polos responsables do curso.

ANEXO IV

PROBA DE APTITUDE

A puntuación mínima esixida neste apartado é de 2 puntos, e a máxima de 4 puntos. Serán excluídos os que non acaden esta puntuación mínima. Así mesmo, esta nota non se acumulará á puntuación final do baremo.

Para os aspirantes ó curso de educación musical:

Primeira proba: lectura dunha pasaxe de ritmo de 16 compases. Lectura, entoación e medida dunha pasaxe melódica.

Segunda proba: interpretación dunha obra de libre elección achegada polo aspirante nun instrumento melódico ou harmónico.

Para os aspirantes ó curso de educación física:

Primeira proba: recorrer en zig-zag un circuíto de cinco conos, en liña cunha separación de dous metros entre cada un, botando un balón de voleibol en percorrido de ida e volta. Tras supera-lo último cono do percorrido de ida realizaranse lanzamentos do balón coa man ata obter tres dianas sobre un albo dun metro de diámetro, situado na parede a dous metros e medio de distancia e o bordo inferior estará situado a un metro e medio do nivel do chan; a continuación realizaranse lanzamentos do balón co pé ata obter tres dianas sobre unha superficie delimitada dun metro e medio de largo por un metro de alto, colocada a rentes do chan e debaixo da anterior.

Mínimos establecidos: homes, vinte segundos; mulleres, vintecatro segundos.

Segunda proba: tumbado boca arriba, coas pernas flexionadas e suxeitando unha pelota na caluga, elevar

e descender o tronco repetidamente durante trinta segundos.

Mínimos establecidos: homes, 15 veces; mulleres, 12 veces.

Terceira proba: 9 por 4. Partir dunha liña de saída ata outra situada a nove metros; recoller un taco de madeira, levalo e deixalo na liña de saída; repeti-lo percorrido facendo o mesmo cun segundo taco de madeira.

Mínimos establecidos: homes, once segundos; mulleres, doce segundos.

Cuarta proba: carreira continuada de nove minutos.

Mínimo establecidos: homes, 2.000 metros; mulleres, 1.500 metros.

Para os aspirantes ó curso de audición e linguaxe:

Non haberá proba de aptitude.

3515