Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Mércores, 22 de abril de 1998 Páx. 4.145

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 31 de marzo de 1998 pola que se convoca un curso de especialización en educación infantil para mestres en servicio activo na Comunidade Autónoma de Galicia.

As novas esixencias de especialistas derivadas da implantación das etapas de educación infantil e primaria que sinala a LOXSE, fan necesaria a organización de cursos de especialización en áreas que, neste momento, son deficitarias en número de profesorado especialista. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, consciente de que a formación permanente do profesorado é un dereito e unha obriga, fai posible que, de xeito gradual, mestres ós que se lles suprimiu o seu posto de traballo ou que, debido á especialidade que posúen, ven alongado substancialmente o seu período de provisionalidade ou de poder cambiar de destino, poidan obter unha das especialidades que o sistema educativo require na actualidade.

En consecuencia co anterior, considérase conveniente a impartición dun curso de especialización en educación infantil en colaboración coa Universidade Nacional de Educación a Distancia, que exercerá a dirección e desenvolvemento do curso.

Cómpre, polo tanto, artella-la oportuna convocatoria que permita selecciona-los mestres interesados en participar neste curso.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Primeiro.-Convocar un curso de especialización en educación infantil, que se realizará segundo a modalidade de formación a distancia.

Segundo.-Poderán solicita-la realización deste curso os funcionarios de carreira pertencentes ó corpo de mestres que estean en servicio activo e teñan o seu destino en centros dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Se os participantes nesta orde de convocatoria o fan tamén na Orde do 30 de marzo de 1998 pola que

se convocan cursos de especialización en educación física, educación musical e audición e linguaxe para mestres en servicio activo na Comunidade Autónoma de Galicia, deberán indicar na folla de solicitude do anexo II a cal das dúas convocatorias renuncian no caso de seren seleccionados en ambas.

Terceiro.-O curso desenvolverase de acordo coa estructura e características que marca a Orde do 11 de xaneiro de 1996 (BOE do 23) pola que se homologan cursos de especialización para o profesorado de educación infantil, de educación primaria, de educación especial e do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria, que se establecen no anexo I da presente orde e pola modalidade a distancia.

Cuarto.-A matrícula e os materiais didácticos serán gratuítos para os funcionarios do corpo de mestres seleccionados ó abeiro desta orde.

Quinto.-As solicitudes, xunto coa documentación expresada a seguir, deberán presentarse no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a través do rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo imprescindible que na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente. Se, en uso deste dereito, o expediente é remitido por correo, é necesario que se presente en sobre aberto para que sexa datado e selado polo funcionario de correos antes de que se proceda á súa certificación.

Xuntaráselle á solicitude:

-Documentos acreditativos, orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos méritos alegados dos recollidos no baremo que figura no anexo III.

-Folla de servicios, debidamente cuberta, pechada na data de publicación desta convocatoria.

-Fotocopia compulsada da credencial de estar suprimido, se é o caso.

-Declaración xurada das especialidades que posúe.

-Relación numerada e asinada da documentación presentada, seguindo a orde que aparece no indicado anexo III.

Sexto.-Este curso de especialización a distancia non dará lugar á concesión de licencia por estudios.

Sétimo.-A selección dos solicitantes será realizada por unha comisión que presidirá o subdirector xeral de Ordenación Educativa ou persoa en quen delegue e da que formarán parte:

-Dous membros da inspección educativa.

-Un asesor técnico-pedagóxico da especialidade de educación infantil destinado en centros de formación continuada do profesorado.

-Actuará como secretario un funcionario da Dirección Xeral, con voz e sen voto.

Poderán asistir ás sesións da comisión, con voz e sen voto, un representante de cada unha das organi

zacións sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

A comisión poderá dispoñe-la constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos nos apartados 1, 2 e 3 do baremo do anexo III. Ás reunións desta subcomisión poderán asistir representantes das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio, esta comisión considérase incluída na categoría primeira.

Oitavo.-A selección dos aspirantes farase de acordo cos seguintes criterios:

1. En primeiro lugar, o profesorado ó que se lle suprimiu o seu posto de traballo e non conte con novo destino definitivo, que non estea habilitado para imparti-las especialidades da LOXSE, agás a especialidade de francés.

2. En segundo lugar, o profesorado con destino provisional ou definitivo, que non estea habilitado para imparti-las especialidades da LOXSE, agás a especialidade de francés.

Noveno.-Resérvase un 70 por 100 das prazas do curso para o profesorado incluído no apartado 1 do punto oitavo, un 20 por 100 para o profesorado con destino provisional e un 10 por 100 para o que ten destino definitivo, dos recollidos no apartado 2 do punto oitavo.

No suposto de quedaren prazas vacantes dalgún dos colectivos mencionados, acumularanse ás reservadas a outro grupo, pola orde establecida no punto oitavo.

Décimo.-A valoración dos méritos dos solicitantes seleccionados en aplicación dos criterios prioritarios sinalados no apartado anterior realizarase de acordo co baremo que figura no anexo III.

No caso de se produciren empates no total das puntuacións, estes resolveranse atendendo sucesivamente á maior puntuación en cada un dos apartados do baremo, pola orde na que aparecen nel. A continuación desempatará o número de rexistro persoal máis baixo e, se é o caso, ano de oposición e número de lista.

Décimo primeiro.-Finalizada a selección, a comisión elevaralla ó director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, para a súa resolución provisional, e exporase nos taboleiros da consellería e das delegacións provinciais, con expresión da puntuación obtida polos solicitantes preseleccionados.

Décimo segundo.-Dentro dos sete días naturais seguintes á exposición da resolución provisional da selección á que se refire o punto anterior, os solicitantes poderán presentar ante a da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional as reclamacións oportunas.

No mesmo prazo os solicitantes que resulten preseleccionados deberán presentar na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a

documentación que en cada caso se solicite nesa resolución provisional.

Transcorrido o prazo de reclamacións, e dentro dos cinco días naturais seguintes, a comisión resolverá as reclamacións, comprobará a documentación presentada polos solicitantes preseleccionados e proporalle ó director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional a selección definitiva, que será publicada no taboleiro de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das delegacións provinciais.

Esta resolución definitiva esgotará a vía administrativa, polo que contra ela só procede recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a publicación do acto impugnado, e logo da comunicación previa da súa interposición perante o órgano que o dictou.

Décimo terceiro.-Unha vez resolta a presente convocatoria non se admitirán renuncias, salvo casos de excepcional gravidade e libremente apreciados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo cuarto.-Os mestres participantes no curso están obrigados a realizar tódalas actividades programadas nel. O seu incumprimento en cada unha das fases dará lugar á exclusión do curso, logo de informe do director deste, oído o interesado e coa conformidade do director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Décimo quinto.-A cualificación global será apto ou non apto.

Décimo sexto.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia a relación de persoas que superen o curso con avaliación positiva. Con posterioridade estas persoas poderán solicitar, diante do delegado provincial correspondente, a oportuna habilitación.

Décimo sétimo.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para dicta-las normas que considere oportunas para o desenvolvemento e interpretación da presente orde.

Décimo oitavo.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

CURSO DE ESPECIALIZACIÓN EN EDUCACIÓN INFANTIL

Número de participantes: 100.

Datas de celebración: durante o curso 1998-1999.

I. O curso terá dúas partes: teórico-práctica e práctica.

Fase teórico-práctica: realizarase segundo a modalidade a distancia.

Esta fase teórico-práctica será de 400 horas.

Fase práctica: realizarase nos centros de destino, asistidos e asesorados por un titor da UNED, durante o curso 1998-1999. A duración desta fase será de 100 horas.

Para acceder a esta fase é necesario supera-la fase teórico-práctica.

II. Avaliación.

Cada un dos módulos que integran os contidos da fase teórico-práctica será avaliado independentemente. A superación desta fase implicará ter aprobadas as ava

liacións correspondentes a cada un destes módulos.

A fase práctica superarase globalmente. Ó longo dela deberanse presenta-los traballos que se indiquen ó comezo. A avaliación terá en conta o informe do director ou directora do curso e unha memoria final que terá que ser entregada por cada alumno e avaliada polos responsables do curso.

3179